DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 18 de xaneiro de 2024 Páx. 4550

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 11 de xaneiro de 2024 pola que se convoca a xornada A Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2024, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar a xornada A Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, de acordo coas bases que se indican a seguir:

Primeira. Obxectivos e contidos

O 6 de xullo de 2023 o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/2023 de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, contra a que o Goberno central presentou un recurso de inconstitucionalidade, admitido a trámite, perante o Tribunal Constitucional.

Con esta premisa, esta xornada pretende realizar unha análise sobre a devandita lei e sobre a súa inserción no marco xurídico estatal e autonómico, prestando especial atención aos seus puntos claves, ás novidades introducidas pola propia norma, así como ao conflito competencial existente na actualidade.

Partindo do anterior, abordaranse os seguintes contidos:

– A xestión integrada das zonas costeiras como clave da Lei 4/2023 e a súa plasmación nos seus diferentes puntos.

– O réxime xurídico dos usos e das actuacións estratéxicas do litoral na Lei 4/2023.

– Ordenación do litoral e repartición de competencias entre o Estado e as comunidades autónomas: a resposta xurídica da Lei 4/2023.

Segunda. Persoas destinatarias

Esta actividade está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración autonómica galega, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional; da Administración local; da Administración de xustiza; das universidades do Sistema universitario de Galicia, así como profesionais e persoas interesadas en xeral.

Terceira. Desenvolvemento

Data: 31 de xaneiro de 2024.

Modalidade: presencial.

Horario: de mañá.

Horas lectivas: 5.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP); rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Cuarta. Número de prazas

Número de prazas limitado á capacidade do local.

Quinta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deberán introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo co requirido e establecido na base segunda desta resolución respecto das persoas destinatarias.

3. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar no nome do curso a xornada A Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 28 de xaneiro de 2024.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico <novas.egap@xunta.gal> ou, das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sexta. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e achegar os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración a través do correo electrónico <novas.egap@xunta.gal>.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recolleitos nesta convocatoria.

Sétima. Criterios de selección

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o número de prazas, de acordo co establecido nas bases segunda, cuarta e quinta desta resolución para as persoas destinatarias, número de prazas e inscrición, respectivamente.

Oitava. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará na dirección web https://egap.xunta.gal as relacións das persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas e, de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Novena. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia deberá ser comunicada por escrito á EGAP o máis axiña posible e, en todo caso e como máximo, o día 30 de xaneiro de 2024, ata as 12.00 horas, por correo electrónico dirixido a novas.egap@xuntal, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola está dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Serán obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1) Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2) Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décima. Certificado de asistencia oficial

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de desenvolvemento, a data e o lugar de realización desta actividade, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo primeira. Facultades da EGAP

1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización, caso en que se empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP garantirá, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2024

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública