DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 19 de xaneiro de 2024 Páx. 4988

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos turísticos para o fomento do turismo enogastronómico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503I).

Galicia é unha comunidade autónoma recoñecida mundialmente pola calidade da súa oferta gastronómica e vitivinícola, e con gran potencial de desenvolvemento en canto ao seu posicionamento como destino enogastronómico de referencia. No marco da Estratexia de sustentabilidade turística en destinos, aprobouse o Plan territorial de sustentabilidade turística de enogastronomía de Galicia no ano 2022, que ten como prioridade o desenvolvemento de actuacións para a posta en valor dos territorios vitivinícolas e o desenvolvemento de novos produtos turísticos vinculados á enogastronomía galega, destacando o seu valor como reclamo turístico, promovendo a xestión sustentable desde os destinos e potenciando o territorio enogastronómico galego como un espazo de desenvolvemento turístico competitivo cuxa proxección e comercialización acaden o ámbito nacional e internacional.

O dito plan prevé como actuación de cohesión entre destinos (ACD) os aloxamentos con encanto en destinos enogastronómicos de Galicia, coa cal se pretenden abordar accións de adecuación e aumento da oferta enoturística e de establecementos de produción gastronómica que permitan un aumento e mellora da oferta de aloxamento e a creación de experiencias turísticas e inmersivas completas, adoptando o principio de sustentabilidade como eixe vertebrador. Para abordar este obxectivo xeral prevese levar a cabo accións que permitan crear e ampliar a oferta de aloxamento para poñer en valor as Rutas do Viño de Galicia, ben sexa nas propias adegas, ben nos establecementos anexos, que permitan desfrutar dunha experiencia enolóxica de inmersión total, así como noutras empresas que poñan en valor produtos gastronómicos de Galicia, adaptar a oferta turística enogastronómica a todas as estacións e meses do ano, desestacionalizando as visitas e promovendo as visitas ao longo do ciclo produtivo para gozar da experiencia completa de produción vitivinícola e enolóxica, e desenvolver procesos de dixitalización de recursos naturais e patrimoniais que complementen a oferta turística enogastronómica.

As axudas desta convocatoria teñen como obxectivo a concesión de subvencións a establecementos turísticos e adegas para actuacións de adecuación de establecementos enoturísticos que permitan a posta en valor de produtos vitivinícolas e gastronómicos de Galicia, a creación de experiencias enogastronómicas e a creación e ampliación da oferta de aloxamento vinculada ao sector turístico enogastronómico, no marco dos obxectivos perseguidos polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

O Consello Europeo aprobou, o 21 de xullo de 2020, a creación do programa NextGenerationEU como instrumento de estímulo económico en resposta á crise causada polo coronavirus.

O 10 de novembro de 2020, o Parlamento Europeo e o Consello acadaron o acordo sobre o paquete de medidas que inclúe os fondos de NextGenerationEU e o Marco financeiro plurianual 2021-2027, e creouse o Mecanismo de recuperación e resiliencia como instrumento de apoio aos Estados membros a través de transferencias directas e préstamos para incrementar os investimentos públicos e acometer reformas para paliar os devastadores danos producidos pola COVID-19.

O Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, sinala que os Estados membros elaborarán plans de recuperación e resiliencia nacionais para acollerse a este e acadar os obxectivos establecidos e que os presentarán formalmente, como moi tarde, o 30 de abril.

En virtude da Resolución da Subsecretaría de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital do 29 de abril de 2021, publícase o Acordo do Consello de Ministros, do 27 de abril de 2021, polo que se aproba o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, que define as estratexias que se seguirán no desenvolvemento dos fondos europeos de recuperación. As medidas que recolle o dito plan cumpren cos seis (6) piares establecidos polo dito Regulamento da UE nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e articúlanse ao redor de catro eixes principais: a transición ecolóxica, a transformación dixital, a cohesión social e territorial e a igualdade de xénero. Estes catro eixes de traballo desenvólvense a través de dez políticas panca que integran, pola súa vez, 30 compoñentes para contribuír a acadar os obxectivos xerais do plan.

Esta resolución encádrase no marco do Compoñente 14: «Plan de modernización e competitividade do sector turístico», no contexto da liña de investimento 1: «Transformación do modelo turístico cara á sustentabilidade», directamente relacionado coa submedida 2: «Plans de sustentabilidade turística en destino» do Plan estatal de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e no cumprimento da normativa autonómica, estatal e da Unión Europea que regula este tipo de investimentos, e quedan suxeitos, en todo caso, ao cumprimento, execución e realización dos obxectivos do referido plan.

Este investimento ten por obxecto implementar actuacións de impulso da sustentabilidade turística na súa tripla vertente: ambiental, socioeconómica e territorial, que beneficien os destinos turísticos, os axentes sociais e os operadores privados do sector.

A Axencia de Turismo de Galicia, creada en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica, coa finalidade de impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade, realiza esta convocatoria de axudas, baixo o procedemento de concorrencia non competitiva, dirixidas a establecementos turísticos, que poden presentar proxectos no marco de tres liñas de actuación: a liña 1-Adecuación e embelecemento de establecementos enoturísticos, coa subtipoloxía 1.1 Reforma e rehabilitación sustentable, e a subtipoloxía 1.2 Enerxías renovables, descarbonización e mobilidade sustentable; a liña 2-Proxectos dixitais vinculados a recursos turísticos enogastronómicos, e a liña 3-Creación e/ou ampliación e mellora da capacidade de aloxamento do contorno turístico para a posta en valor da enogastronomía de Galicia. As liñas de actuación encádranse na ACD aloxamentos con encanto en destinos enogastronómicos de Galicia do Plan territorial de sustentabilidade turística de enogastronomía de Galicia de 2022, en particular a liña 1.1 enmárcase no eixe 1 (transición verde e sustentable), a liña 1.2 no eixe 2 (eficiencia enerxética), a liña 2 no eixe 3 (transición dixital) e a liña 3 no eixe 4 (competitividade).

O Acordo do 14 de decembro de 2022, da Conferencia Sectorial de Turismo, publicado mediante a Resolución do 19 de decembro de 2022, da Secretaría de Estado de Turismo, establece os criterios de distribución, así como a repartición resultante para as comunidades autónomas do crédito destinado ao financiamento de actuacións de investimento no marco do compoñente 14, investimento 1, do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e destina 5.500.000 euros a Galicia para o desenvolvemento da actuación de cohesión entre destinos (ACD) aloxamentos con encanto en destinos enogastronómicos de Galicia, no marco dos obxectivos perseguidos polo Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei, e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei, e de conformidade coa competencia conferida polo artigo 19 dos estatutos da Axencia de Turismo de Galicia, aprobados polo Decreto 196/2012, do 27 de setembro,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas cales se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a establecementos turísticos para actuacións de adecuación de establecementos enoturísticos e adegas que permitan a posta en valor de produtos vitivinícolas e gastronómicos de Galicia, a creación de experiencias enogastronómicas e a creación e ampliación da oferta de aloxamento vinculada ao sector turístico enogastronómico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TU503I).

2. Solicitudes.

2.1. Para poder ser persoa ou entidade beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 10 das bases reguladoras.

2.2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 9 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos catro (4) meses contados desde a data de presentación da solicitude.

4. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia de Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia de Turismo de Galicia: http://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, e introducindo no buscador o código de procedemento.

c) Os teléfonos 981 54 74 04 e 981 54 63 60.

d) Enderezo electrónico: fomento.turismo@xunta.gal

5. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

6. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

7. Entrada en vigor.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2023

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos turísticos para o fomento do turismo enogastronómico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503I)

Artigo 1. Obxecto e réxime xurídico

1. Estas bases reguladoras teñen por obxecto establecer as condicións para a concesión de axudas a establecementos turísticos para actuacións de adecuación de establecementos enoturísticos que permitan a posta en valor de produtos vitivinícolas e gastronómicos de Galicia, a creación de experiencias enogastronómicas e a creación e ampliación da oferta de aloxamento vinculada ao sector turístico enogastronómico de Galicia (código de procedemento TU503I), así como proceder á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2024, con carácter plurianual.

2. A xestión destas axudas realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

3. Para o non establecido nestas bases, aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Na falta do previsto nesta normativa, aplicaranse as normas de dereito administrativo. As axudas obxecto desta convocatoria réxense, ademais, polas normas comunitarias aplicables por razón do financiamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas, en particular polo Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia; Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que deben proporcionar as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia; Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021; Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. As axudas previstas nesta convocatoria financiaranse cun crédito total de 5.500.000 euros, imputables á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.770.0, proxecto 2022 00001, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024 e 2025. O orzamento divídese en tres liñas de actuación subvencionables: a liña 1-Adecuación e embelecemento de establecementos enoturísticos, cun orzamento de 1.255.000 € para a liña 1.1 e 1.355.000 € para a liña 1.2; a liña 2-Proxectos dixitais vinculados a recursos turísticos enogastronómicos, cun orzamento de 590.000 €, e a liña 3-Creación e/ou ampliación e mellora da capacidade de aloxamento do contorno turístico para a posta en valor da enogastronomía de Galicia, cun orzamento de 2.300.000 €.

2. As subvencións previstas nesta resolución financiaranse co seguinte detalle:

Liñas

Anualidade 2024

Anualidade 2025

Total

Liña 1.1

627.500,00 €

627.500,00 €

1.255.000,00 €

Liña 1.2

677.500,00 €

677.500,00 €

1.355.000,00 €

Liña 2

295.000,00 €

295.000, 00 €

590.000,00 €

Liña 3

1.150.000,00 €

1.150.000,00 €

2.300.000,00 €

Total

2.750.00,00 €

2.750.000,00 €

5.500.000,00 €

3. Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 67 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, que establece que, no caso de que se inicie no exercicio corrente a tramitación dos procedementos administrativos de execución de gastos financiados con cargo aos citados fondos pero a súa execución orzamentaria teña lugar no exercicio seguinte, será posible a súa tramitación anticipada ao longo do dito exercicio e que se poderá chegar ata a fase de formalización do compromiso de gasto no exercicio corrente. Deste xeito, a eficacia desta tramitación anticipada queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

4. Estas axudas están financiadas ao 100 % polos fondos NextGenerationEU a través do Mecanismo de recuperación e resiliencia establecido polo Regulamento (UE) nº 2020/2094 do Consello, do 14 de decembro de 2020, polo que se establece un instrumento de recuperación da Unión Europea para o apoio da recuperación tras a crise da COVID-19, e regulado segundo o Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, dentro do compoñente 14: Plan de modernización e competitividade do sector turístico, liña de investimento I1. O dito financiamento queda legalmente vinculado á realización das actuacións subvencionadas, medidas integradas no Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España.

5. A modificación da distribución inicialmente aprobada rexerase segundo o previsto no artigo 26.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, de ser o caso, o reaxuste de anualidades farase de acordo co preceptuado no artigo 27 do mesmo corpo legal.

6. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

7. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e quedará suxeito ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro).

A aplicación do réxime de minimis implica que a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 300.000 euros durante calquera período de tres (3) anos.

En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Non obstante, naqueles supostos en que se lles requira ás persoas solicitantes a emenda dos erros ou omisións na solicitude ou na documentación presentada, ou se presenten documentos posteriores, entenderase por rexistro de entrada a data en que o dito requirimento estea correctamente atendido. Considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria.

Artigo 3. Réxime de compatibilidade das subvencións

A percepción destas axudas non é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración, entes públicos ou privados.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o cal se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:

a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

b) As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares) que se enmarquen dentro do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

2. Para o caso da liña 1.1, poderán ser beneficiarias das axudas as empresas titulares de adegas vinculadas a establecementos turísticos. As adegas beneficiarias da subvención deberán inscribirse como recursos turísticos no REAT antes do remate do período de xustificación.

Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención.

No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

3. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) e grandes empresas que proxecten levar a cabo un proxecto localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nestas bases. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate, pequena, mediana ou grande, no momento da presentación da solicitude de axuda.

4. Para os efectos destas bases, consideraranse pemes as empresas que respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias:

a) As persoas ou entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da persoa ou entidade solicitante.

b) As empresas que se encontren en situación de crise, de acordo coa definición establecida no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014). A acreditación deste requisito realizarase mediante declaración responsable da entidade solicitante, sen menoscabo das accións de comprobación que poida realizar para estes efectos a Axencia de Turismo de Galicia.

c) As empresas que se encontren suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles fose outorgada con anterioridade, ben por terse declarado axuda ilegal e incompatible co mercado interior, ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lles viñesen atribuídas na concesión.

d) No caso de que a subvención supere os 30.000 euros e a entidade solicitante estea incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpra os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, para os efectos de presentación de conta de perdas e ganancias abreviada, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na mencionada lei.

e) Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos dous (2) anos.

6. Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice a persoa beneficiaria para a realización do investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento ao longo de todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade prevista no artigo 23 destas bases.

7. Os requisitos para ser persoa beneficiaria deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

8. Unha vez ditada a resolución de concesión, os cambios na persoa beneficiaria da subvención, por cambio na titularidade do establecemento, terán que ser previamente autorizados pola Administración concedente, e darán lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o/a novo/a titular subrogarase na posición xurídica de beneficiario/a da subvención e nas obrigas dimanantes desta.

Artigo 5. Actuacións subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, considéranse actuacións subvencionables aquelas que, de forma indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable, nos termos previstos no artigo 1 destas bases, e se realicen no prazo establecido nestas bases.

2. Pódense diferenciar tres tipoloxías de proxectos subvencionables:

a) Liña 1: adecuación e embelecemento de establecementos enoturísticos.

Trátase de proxectos de reforma e rehabilitación de establecementos turísticos para a posta en valor de servizos de enoturismo, entendidos como aqueles servizos específicos de adega e desenvolvemento de actividades dirixidas ao coñecemento e á divulgación de todo o relacionado co viño e a viña, a súa elaboración, crianza, coidados, servizo, harmonías, cata e degustación.

Tamén se inclúen proxectos de adecuación de adegas, vinculadas a establecementos turísticos, que permitan ser visitadas polos/polas turistas. Inclúe a implantación dun proxecto novo ou ampliación dun proxecto existente, que poderá consistir na adecuación do centro para a recepción e atención de visitantes, adecuación do percorrido para visita, así como os espazos destinados a exposición ou museo.

O establecemento turístico obxecto da axuda deberá estar vinculado a unha adega e/ou a parte dos seus viñedos, de xeito que cumpra os seguintes requisitos no momento de presentación da solicitude de axuda:

– Deberá contar con adegas propias ou acordos con adegas onde se informe sobre o proceso de elaboración, crianza e conservación do viño. Deberá tratarse de viños con Denominación de Orixe Protexida ou que conten coa certificación Viños da Terra.

– Deberá ofrecer un servizo de visitas á adega e/ou viñedos, dirixidas por profesionais especializados/as.

A adega obxecto da axuda deberá estar vinculada a un establecemento turístico de aloxamento ou restauración, de xeito que cumpra os seguintes requisitos no momento de presentación da solicitude de axuda:

– Deberá xerar sinerxías no sector turístico, mediante o deseño de experiencias enoturísticas que involucren distintos axentes do sector do aloxamento e da restauración (hoteis, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos vivendas turísticas, albergues turísticos, ou establecementos de restauración que se enmarquen dentro do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, e inscritos no REAT). O establecemento turístico vinculado á adega poderá ser da mesma titularidade ou ben contar cun acordo para o desenvolvemento da experiencia.

– O proxecto deberá incluír a posta en valor de viños con Denominación de Orixe Protexida ou que conten coa certificación Viños da Terra.

Para a acreditación dos requisitos anteriores, deberá achegarse unha memoria explicativa do proxecto enoturístico, con indicación das actividades que se van desenvolver, as adegas involucradas nas actividades e o persoal profesional que realiza o servizo de visita, ben sexa persoal propio da entidade con experiencia acreditada, ben un/unha profesional que conte coa habilitación de guía turístico/a.

Así mesmo, deberá achegarse documentación que acredite que a entidade solicitante é titular da adega, ou ben, no caso de que a adega teña outra titularidade, o acordo asinado entre as partes cunha duración de, polo menos, tres (3) anos. Non será necesaria a achega do acordo asinado para o caso de establecementos turísticos e adegas que formen parte das Rutas do Viño de Galicia, caso en que será suficiente coa achega do certificado de adhesión.

b) Liña 2: proxectos dixitais vinculados a recursos turísticos enogastronómicos.

Proxectos dixitais promovidos por establecementos turísticos de aloxamento e restauración para a posta en valor de produtos vitivinícolas e gastronómicos de Galicia que contan cuns requirimentos de calidade demostrada, tanto polos factores naturais en que se desenvolven como pola elaboración humana, así como aqueles que garanten que superaron os controis e as normativas de calidade establecidas tanto na súa elaboración como na obtención das súas materias primas, creación e deseño. Inclúe os produtos que conten con Denominación de Orixe Protexida de Galicia, Indicación Xeográfica Protexida de Galicia, a certificación Viños da Terra ou que dispoñan do selo de destino Galicia Calidade.

Inclúe a creación de programas de desenvolvemento de contornos intelixentes que favorezan experiencias de turismo enogastronómico para os/as visitantes (conectividade, uso de aplicacións móbiles, realidade aumentada, creación de contornas de realidade virtual, xogos, visitas virtuais...).

Tamén inclúe o desenvolvemento tecnolóxico aplicado ao márketing turístico, a personalización, o desenvolvemento de contidos audiovisuais de calidade e o uso de ferramentas interactivas (photocall interactivo, cartelaría interactiva...).

O proxecto dixital que se desenvolva deberá acreditarse na memoria explicativa que se achegue coa solicitude.

c) Liña 3: ampliación e mellora da capacidade de aloxamento do contorno turístico para a posta en valor da enogastronomía de Galicia.

Proxectos de reforma e ampliación en establecementos turísticos de aloxamento que impliquen a dotación de novas prazas de aloxamento, respecto das inscritas no REAT, e que estean vinculados á posta en marcha de experiencias enogastronómicas, tales como visitas en orixe que poñan en valor o proceso de creación da materia prima, o seu coidado, recolección, procesamento, elaboración do produto final, así como experiencias interactivas de cociña ou showcooking, degustacións e catas. As experiencias deberán incluír entre os seus produtos principais, polo menos, un produto que conte con Denominación de Orixe Protexida de Galicia, Indicación Xeográfica Protexida de Galicia, a certificación Viños da Terra, ou que dispoñan do selo de destino Galicia Calidade.

A experiencia enogastronómica que se desenvolva deberá quedar acreditada na memoria explicativa que se achegue coa solicitude.

Artigo 6. Gastos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos subvencionables os que se relacionan a continuación:

a) Liña 1.1: adecuación e embelecemento de establecementos enoturísticos. Rehabilitación e reforma sustentable.

– Reforma e rehabilitación sustentable de edificacións pertencentes a establecementos turísticos. Enténdese por rehabilitación sustentable aquela que é respectuosa co contorno e está adaptada ás súas condicións, aforrando recursos mediante o emprego de materiais de baixo impacto ambiental (procedentes de fontes non contaminantes, materiais naturais, reciclados, reciclables e reutilizables) e aumente a vida útil do edificio.

– Actuacións en establecementos turísticos que reduzan a pegada de carbono: a instalación de cubertas vexetais e optimización de sistemas de ciclo de auga.

– Adecuación das adegas para facelas visitables. Inclúe a adaptación de espazos que permitan o acceso e a visita dos/das turistas, mobiliario e reformas que non afecten a estrutura da edificación, así como a mellora das condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas. A adecuación deberá realizarse seguindo criterios de sustentabilidade, de maneira que sexa respectuosa co contorno e promova o aforro de recursos mediante o emprego de materiais de baixo impacto ambiental (procedentes de fontes non contaminantes, materiais naturais, reciclados, reciclables e reutilizables).

– Gastos de elaboración do proxecto de obra. Será subvencionable por este concepto ata o 5 % do investimento subvencionable, co límite máximo de 5.000 euros.

b) Liña 1.2: adecuación e embelecemento de establecementos enoturísticos. Enerxías renovables.

– Investimento en enerxías renovables: instalación de equipamentos para a produción de enerxía renovable (enerxía solar térmica, biomasa, aerotermia, xeotermia e enerxía fotovoltaica).

A contribución á sustentabilidade das liñas 1.1 e 1.2 deberá acreditarse na memoria explicativa que se achegue coa solicitude.

c) Liña 2: proxectos dixitais vinculados a recursos turísticos enogastronómicos.

– Gastos de deseño e instalación do desenvolvemento de folletos promocionais en formato dixital.

– Gastos de compra e instalación de cartelaría e pantallas interactivas.

– Gastos de compra e instalación de aplicacións informáticas e aplicacións móbiles.

– Gastos de compra e instalación de ferramentas dixitais.

– Gastos en equipos vinculados ao deseño e posta en marcha da experiencia enogastronómica. O importe máximo desta partida non poderá exceder o 10 % do orzamento do proxecto. A telefonía móbil queda excluída.

d) Liña 3: ampliación e mellora da capacidade de aloxamento do contorno turístico para a posta en valor da enogastronomía de Galicia.

– Obras de reforma e ampliación que permitan a dotación de novas prazas de aloxamento (deberá supoñer un incremento sobre as prazas que figuren inscritas no REAT).

– Mobiliario e equipamento para a posta en marcha das novas unidades de aloxamento. Non será subvencionable o enxoval dos dormitorios e baños, nin a adquisición de bens de embelecemento e decoración de estancias.

– Gastos de elaboración do estudo previo para o deseño da experiencia ou do plan de actividades. Será subvencionable por este concepto ata o 5 % do investimento subvencionable, co límite máximo de 3.000 euros.

– Gastos de elaboración do proxecto de obra. Será subvencionable por este concepto ata o 5 % do investimento subvencionable, co límite máximo de 5.000 euros.

Os proxectos presentados nesta liña deberán contar con informe previo favorable da Axencia de Turismo de Galicia no momento de presentación da solicitude da axuda, de conformidade coa normativa turística de aplicación.

2. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG e o 30 de setembro de 2025.

3. Non serán subvencionables os gastos a que se refire o artigo 29.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, como non subvencionables. Ademais, non se considerarán subvencionables os seguintes gastos:

a) Gastos de mantemento ordinarios.

b) Autorizacións administrativas, licenzas, permisos, custo de avais e/ou fianzas, multas, taxas.

c) Gastos asociados a xestións, contratacións, consultas ou trámites administrativos, mesmo sendo necesarios para obter permisos ou licenzas.

d) Seguros subscritos pola persoa solicitante.

e) Custos financeiros.

f) Custos asociados a sancións penais, así como gastos de procedementos xudiciais.

g) Os gastos que non sexan necesarios para o desenvolvemento do proxecto.

h) A compra de equipamento e maquinaria do proceso produtivo das adegas.

i) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

4. De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a persoa interesada deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

5. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Así mesmo, deberán estar efectuados os pagamentos con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido no artigo 24.

6. Así mesmo, de ser necesaria para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención, deberase contar coa autorización ou licenza urbanística ou sectorial tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicas en materia de dominio público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras.

7. O investimento neto admitido será, como máximo:

– No caso da liña 1 (liña 1.1 e liña 1.2): ata 250.000 €.

– No caso da liña 2: ata 50.000 €.

– No caso da liña 3: ata 250.000 €.

No caso de que o orzamento de execución do proxecto presentado coa solicitude de subvención sexa superior ao citado límite, requirirase a persoa ou entidade solicitante para que reaxuste ao citado límite o proxecto que se vai executar.

En aplicación do réxime de minimis, en ningún caso o conxunto de axudas percibidas ao abeiro desta convocatoria poderá exceder de 300.000 euros. Así mesmo, a axuda total de minimis concedida á entidade solicitante non poderá ser superior a 300.000 euros durante calquera período de tres (3) anos.

Artigo 7. Compromiso de non causar dano significativo ao ambiente

1. As persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución deberán garantir o pleno cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio «Do no significant harm-DNSH») e a etiquetaxe climática e dixital, de acordo co previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, na Decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021, e no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, así como na súa normativa de desenvolvemento, en todas as fases do deseño e execución dos proxectos, e de maneira individual para cada actuación.

2. A liña de actuación 1 contribúe a obxectivos climáticos en dúas áreas diferenciadas, para as cales se prevén distintos gastos subvencionables. Así, a liña 1.1 está dirixida á rehabilitación e reforma sustentable no marco da transición verde e sustentable, mentres que a liña 1.2 está dirixida a investimento en enerxías renovables, de acordo cos obxectivos de mellora da eficiencia enerxética.

As actuacións financiables da liña 1.1 cumprirán co indicado na etiquetaxe climática establecida, co seguinte peso ou porcentaxe das seguintes etiquetas climáticas:

027 «Apoio ás empresas que prestan servizos que contribúen á economía con baixas emisións de carbono e á resiliencia fronte ao cambio climático, incluídas as medidas de sensibilización», cunha contribución a obxectivos climáticos do 100 %.

As actuacións financiables da liña 1.2 cumprirán co indicado na etiquetaxe climática establecida, co seguinte peso ou porcentaxe das seguintes etiquetas climáticas:

027 «Apoio ás empresas que prestan servizos que contribúen á economía con baixas emisións de carbono e á resiliencia fronte ao cambio climático, incluídas as medidas de sensibilización», cunha contribución a obxectivos climáticos do 100 %.

029 «Enerxía renovable: solar», cunha contribución a obxectivos climáticos do 100 %.

032 «Outras enerxías renovables (incluída a xeotérmica)», cunha contribución a obxectivos climáticos do 100 %.

030 «Enerxía renovable: biomasa», cunha contribución a obxectivos climáticos do 40 %.

3. En todo caso, as persoas beneficiarias preverán mecanismos de verificación do cumprimento do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio «Do no significant harm-DNSH») para asegurar a súa implementación, do cal deixarán constancia na memoria xustificativa da subvención.

4. Segundo as regulacións do principio, nas actuacións de rehabilitación as entidades beneficiarias deberán ter en conta o seguinte:

a) Na rehabilitación de edificios teranse en consideración as directrices recollidas na Directiva (UE) nº 2018/844, relativa á eficacia enerxética dos edificios para que sexan edificios de consumo de enerxía case nulo, permitindo reducir de forma significativa o consumo de enerxía primaria non renovable.

b) As medidas de rehabilitación permitirán contribuír á adaptación dos edificios ao cambio climático, adoptando as solucións de adaptación que sexan posibles no marco das opcións que permita a edificación existente e a súa protección no caso de que sexan edificios protexidos, como a utilización de cubertas vexetais, toldos, zonas de sombreado…

c) Non se prevé que a medida sexa prexudicial para o uso sustentable e a protección dos recursos hídricos e mariños. A medida está destinada a mellorar a adaptación dos destinos turísticos e as empresas que os conforman ás estratexias de economía circular, á redución do consumo de recursos hídricos e a protección dos recursos naturais, en especial os mariños.

d) Cando se instalen aparellos de auga, estes terán unha etiqueta de produto existente na Unión. Para evitar o impacto da obra, identificaranse e abordaranse os riscos de degradación ambiental relacionados coa preservación da calidade da auga e a prevención do estrés hídrico, de acordo cun plan de xestión de uso e protección da auga.

e) No caso de que o proxecto responda á definición do artigo 5.3.b) da Lei 21/2013, de avaliación de impacto ambiental (AIA), e estea incluído nalgún dos supostos de avaliación de impacto ambiental (AIA) recollidos no artigo 7 da citada lei, as persoas beneficiarias deberán contar coa declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto favorable á súa execución ou o informe de impacto ambiental favorable do proxecto, segundo se trate de avaliación de impacto ambiental ordinaria ou simplificada, respectivamente.

f) Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluído o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Lista europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/EC) xerados, nas actuacións previstas neste investimento será preparado para a súa reutilización, reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.

g) Os operadores limitarán a xeración de residuos nos procesos relacionados coa construción e demolición, de conformidade co Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE e tendo en conta as mellores técnicas dispoñibles, e utilizando a demolición selectiva para permitir a eliminación e manipulación segura de substancias perigosas e facilitar a reutilización e reciclaxe de alta calidade mediante a eliminación selectiva de materiais, utilizando os sistemas de clasificación dispoñibles para residuos de construción e demolición.

h) Os deseños dos edificios e as técnicas de construción apoiarán a circularidade no referido á norma ISO 20887 para avaliar a capacidade de desmontaxe ou adaptabilidade dos edificios, como estes están deseñados para ser máis eficientes no uso dos recursos, adaptables, flexibles e desmontables para permitir a reutilización e a reciclaxe.

i) Os compoñentes e materiais de construción utilizados na construción non conterán amianto nin substancias moi preocupantes identificadas sobre a base da lista de substancias suxeitas á autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) nº 1907/2006 do Parlamento e do Consello. Os compoñentes e materiais de construción utilizados na construción que poidan entrar en contacto coas persoas usuarias emitirán menos de 0,06 mg de formaldehido por m3 de material ou compoñente e menos de 0,001 mg de compostos orgánicos volátiles canceríxenos de categorías 1A e 1B por m3 de material ou compoñente, logo de proba de acordo co CEN/TS 16516 e ISO16000-3 ou outras condicións de proba estandarizadas e métodos de determinación comparables.

Artigo 8. Contía da axuda

A intensidade da axuda será ata un 80 % do custo total subvencionable do proxecto.

Artigo 9. Presentación de solicitudes

1. Cada persoa interesada poderá presentar, como máximo, unha solicitude de axuda por cada liña de subvención (liña 1, liña 2 e liña 3). Para este fin, utilizaranse os modelos previstos no anexo II.

2. As solicitudes (anexo II) presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co previsto no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario/a e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá a persoa interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días, e indicaralle que, se así non o fixer, se considerará por desistida da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O prazo de presentación de solicitudes será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta á que se establece nesta resolución.

3. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta resolución para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da subvención, de ser persoa ou entidade beneficiaria dela.

4. As persoas solicitantes deberán declarar responsablemente, tal e como consta no anexo II:

a) Se, en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados, se solicitou ou non, ou se recibiu ou non, algunha outra subvención, axuda, recurso ou ingreso para o mesmo proxecto e conceptos para os cales se solicita a subvención.

b) Se se solicitou ou non, ou se recibiu ou non, algunha axuda de minimis.

c) A veracidade de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Se a subvención solicitada supera o importe de 30.000 euros, a entidade solicitante está incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpre os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, para os efectos de presentación de conta de perdas e ganancias abreviada, declaración responsable de que está ao día no cumprimento dos prazos de pagamento establecidos no artigo 4 da dita Lei 3/2004, do 29 de decembro.

g) Estar ao día nas obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

i) Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

j) Non estar suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

k) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos da actuación para a cal se solicita a axuda.

l) Que a empresa cumpre cos criterios de definición de microempresa, pequena, mediana ou grande empresa, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, e a categoría en que se encadra.

m) Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con este tipo de fondos de recuperación.

n) Conservar toda a documentación relativa á subvención segundo o establecido nos regulamentos de aplicación aos fondos que financian a axuda concedida durante o período indicado no artigo 23.

ñ) Estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

o) Que a actividade que se vai subvencionar non causa un prexuízo significativo (Do no significant harm) aos obxectivos ambientais nos termos do artigo 17 do Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2019/2088, e restante normativa de aplicación.

p) Que a empresa, de acordo coa definición que se establece no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, non está en crise, segundo o establecido polas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (Comunicación da Comisión 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014).

q) Que non foi sancionado/a con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos dous (2) anos.

r) Que se compromete a manter o investimento subvencionado durante un período mínimo de cinco (5) anos, cando se trate de bens inscritibles nun rexistro público, e non inferior a dous (2) anos para o resto de bens, de conformidade co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

s) Que se compromete a cumprir as obrigas e os requisitos que se sinalan no artigo 23 das bases reguladoras.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da propiedade do inmoble ou calquera outro título de disposición válido en dereito en que, ademais, se autorice a realización da actuación solicitada, que abranga un período que, como mínimo, garanta o cumprimento das obrigas previstas no artigo 23.

b) Memoria explicativa en que se definan de xeito pormenorizado o investimento e as actuacións que se van desenvolver e que, se é o caso, comprenderá:

• Planos de localización do investimento.

• Relación, indicando calidades, dos materiais e acabamentos propostos.

• Relación detallada dos bens mobles e equipamentos, de ser o caso, con indicación das calidades, localización e número que se van instalar.

• Reportaxe fotográfica do ben sobre o cal se vai actuar: exteriores, interiores e da contorno, así como fotografías nas cales se aprecie de maneira concreta o elemento ou elementos obxecto da actuación.

• De ser o caso, a contribución á sustentabilidade das liñas 1.1 e 1.2.

c) No caso de proxectos da liña 1:

• Memoria explicativa do proxecto enoturístico.

• Documentación que acredite a titularidade da adega, se a persoa titular da adega e a persoa solicitante da axuda coinciden.

• Acordo asinado entre a persoa titular da adega e a titular do establecemento turístico, se ambas as dúas non coinciden, no cal se estableza o réxime de visitas á adega, se a adega e o establecemento turístico non forman parte das Rutas do Viño de Galicia.

• Certificado de adhesión se a persoa titular da adega e a titular do establecemento turístico non coinciden e a adega e o establecemento turístico forman parte das Rutas do Viño de Galicia.

d) No caso de proxectos da liña 2, proxecto dixital que se vai desenvolver.

e) No caso de proxectos da liña 3, experiencia enogastronómica que se vai desenvolver.

f) No caso de proxectos da liña 3, informe previo favorable da Axencia de Turismo de Galicia sobre o cumprimento da normativa de aplicación para a tipoloxía e categoría de establecemento.

g) Para a acreditación da condición de pequena ou mediana empresa deberanse achegar, ademais:

• Contas anuais da empresa solicitante e das empresas asociadas ou vinculadas, correspondentes ao último exercicio contable pechado, co xustificante de ser depositadas no rexistro correspondente.

• Declaración responsable, emitida por quen represente a empresa, na cal se reflicta o número de persoas empregadas na propia empresa, así como nas empresas asociadas ou vinculadas.

h) Certificado de alta no Censo de empresarios, profesionais e retedores ou certificado de situación censual, expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, no caso de grandes empresas.

i) Orzamento do investimento, desagregado por partidas, en que se especificará o importe da execución material, así como o custo da redacción do proxecto e da dirección de obra, e todo o equipamento proposto.

j) As tres ofertas de diferentes provedores consonte o artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de ser o caso. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía; deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

k) Documentación acreditativa da representación suficiente para actuar en nome da empresa, no caso de que non coincida cos datos que figuran no REAT.

l) Anexo VII de declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo», segundo o establecido no artigo 7.

m) Declaración de cesión e tratamento de datos en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) (anexo VIII).

n) Declaración responsable do cumprimento dos principios transversais establecidos no Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) e o cumprimento do principio DNSH (anexo IX).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, esta deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de mediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Consulta de inhabilitacións de subvencións e axudas.

f) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

g) Consulta de concesións pola regra de minimis.

h) Certificación de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

i) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

j) Certificación de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á súa Carpeta cidadá, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Órganos competentes

A Xerencia da Axencia de Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderalle á persoa titular da Dirección da Axencia ditar a resolución de concesión.

Artigo 14. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu da súa petición, logo da correspondente resolución.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, a Axencia de Turismo de Galicia poderá requirir a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

2. Os expedientes que non cumpran as exix encias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as causas desta.

3. En caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta anterior por esgotarse o crédito dispoñible, quedarán en reserva para seren atendidas, se é o caso, ben co crédito que quedase libre debido á renuncia doutros/as solicitantes, á modificación dos proxectos inicialmente subvencionados ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a esta subvención.

Artigo 15. Audiencia

1. Instruído o procedemento, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada, que lles será notificada ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez (10) días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 16. Resolución

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo da fiscalización da proposta, facendo uso do previsto no artigo 7.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, correspóndelle á persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia.

2. A resolución de concesión emitirase atendendo ás manifestacións contidas nas declaracións responsables recollidas no formulario de solicitude, subscrita pola persoa que a realiza, baixo a súa responsabilidade e coas repercusións que ten a súa falsidade, reguladas na Lei 9/2007, do 13 de xuño. Na dita resolución informarase a persoa beneficiaria sobre o importe da axuda expresado en equivalente de subvención bruta e o seu carácter de minimis, de acordo co establecido no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro).

3. Tendo en conta que os requisitos para ser persoa beneficiaria desta axuda deben cumprir antes da presentación da solicitude e que os compromisos asumidos pola persoa beneficiaria se recollen nesta resolución, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, ao terse aceptada coa presentación da solicitude.

4. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de catro (4) meses desde a presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a Dirección da Axencia de Turismo de Galicia. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso. Transcorrido o dito prazo, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, se é o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outras posibles interesadas poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

No caso de interpoñer o recurso de reposición, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do dito recurso.

b) Directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se esta for expresa, ou de seis meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario/a ou programa e crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Igualmente, será aplicable o réxime de publicidade establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

As persoas interesadas poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, en cumprimento do disposto nos artigos 18 e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 €), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia de Turismo de Galicia.

Así mesmo, a solicitude para ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións, dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, as persoas solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións estarán obrigadas a subministrar á Administración, aos organismos ou á entidade prevista no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralle ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias poderán solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non se danen os dereitos de terceiros. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, teñan lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, as persoas beneficiarias deberán presentar: unha memoria xustificativa, o orzamento modificado e a relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo cal se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se dará audiencia ás persoas interesadas nos termos previstos no artigo 15.

6. Cando as persoas beneficiarias da subvención poñan de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención e que poidan dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar os dereitos de terceiros.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime a persoa beneficiaria das sancións que lle poidan corresponder conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunique a renuncia en prazo, a persoa titular da Dirección da Axencia de Turismo de Galicia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 23. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das obrigas recollidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable, as persoas beneficiarias destas axudas están obrigadas a:

a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co proxecto presentado ou, se é o caso, o modificado coa autorización da Axencia de Turismo de Galicia.

b) Xustificar, ante o órgano concedente, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión da subvención.

c) Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se concede a axuda.

d) Manter o investimento subvencionado durante un período mínimo de cinco (5) anos, cando se trate de bens inscritibles nun rexistro público, e non inferior a dous (2) anos para o resto de bens, de conformidade co disposto no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante un prazo non inferior a cinco (5) anos. Ao longo deste período deberanse levar a cabo as obras de mantemento e limpeza necesarias para a correcta conservación do investimento.

f) Conservar os documentos xustificativos e demais documentación relacionada co financiamento da actuación, en formato electrónico, durante un período mínimo de cinco (5) anos a partir do pagamento do saldo ou, na falta deste pagamento, da operación. Este período será de tres (3) anos se o financiamento é dun importe inferior ou igual a 60.000 euros, todo isto de acordo co establecido no artigo 22.2, alínea f) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e no artigo 132 do Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018.

g) Someterse ás actuacións de comprobación e inspección que a Axencia de Turismo de Galicia considere pertinentes ao longo do proceso de execución e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás comprobacións da Comisión Europea, da Fiscalía Europea, da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), do Tribunal de Contas da Unión Europea, e aos controis derivados do Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia, que se realicen a través de autoridades nacionais ou europeas, facilitando canta información e documentación lles sexa requirida.

Para tal fin, deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como a documentación xustificativa da aplicación dos fondos recibidos, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control, polo menos, durante o período establecido na alínea f). A Axencia de Turismo de Galicia informará da data de inicio a que se refire esta obriga, tras a oportuna comunicación da Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos.

h) Recadar e asegurar, para os efectos de auditoría e control e para dispoñer de datos comparables sobre o uso de fondos en relación coas medidas destinadas á execución de reformas e proxectos de investimento no marco do Plan de recuperación e resiliencia, o acceso ás categorías harmonizadas de datos recollidas no artigo 22.2.d) do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro.

i) Ser responsable da fiabilidade e do seguimento da execución das actuacións subvencionables, de maneira que se poida coñecer en todo momento o nivel de consecución de cada actuación.

j) Establecer mecanismos que aseguren que as actuacións para desenvolver por terceiros contribúen ao logro das actuacións previstas e que os ditos terceiros acheguen a información que, de ser o caso, sexa necesaria para determinar o valor dos indicadores, fitos e obxectivos pertinentes do Plan de recuperación.

k) Asegurar a regularidade do gasto subxacente e a adopción de medidas dirixidas a previr, detectar, comunicar e corrixir a fraude e a corrupción, previr o conflito de intereses e o dobre financiamento.

l) Comunicar á Axencia de Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos concorrentes que financien as actuacións, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a dita concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a solicitude de pagamento coa xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. O incumprimento desta obriga considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

m) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os gastos financiados con este tipo de fondos de recuperación.

n) Cumprir coas obrigas de comunicación e publicidade segundo o establecido no artigo 34.2 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro. Os perceptores de fondos da Unión farán mención da orixe deste financiamento e velarán por darlle visibilidade, incluído, cando cumpra, mediante o emblema da Unión e unha declaración de financiamento adecuado que indique «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», en particular cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público. Polo tanto, as persoas beneficiarias deben dar a adecuada publicidade e información de que as actuacións están subvencionadas no marco do Plan de modernización e competitividade do sector turístico do Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, de conformidade co establecido no artigo 9.3.b) da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, dándolle visibilidade, cando cumpra, mediante o emblema da Unión e unha declaración de financiamento adecuado que indique «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU», en particular nas medidas de información e comunicación das actuación (carteis informativos, placas, publicacións impresas e electrónicas, material audiovisual, páxinas web, anuncios e insercións en prensa, certificados, etc.). Na ligazón https://www.miteco.gob.es/es/ministerio/recuperacion-transformacion-resiliencia/comunicacion/ pode descargarse o manual de comunicación para xestores e beneficiarios dos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

En relación coa publicidade do financiamento, durante a realización do proxecto, e durante un período mínimo igual ao da obriga de conservación da documentación xustificativa da aplicación dos fondos establecida na alínea f), a entidade beneficiaria deberá informar o público do apoio obtido colocando, polo menos, un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que mencionará a axuda financeira nun lugar ben visible para o público, segundo o modelo do anexo X. A Axencia de Turismo facilitaralles modelos ás persoas beneficiarias a través da súa páxina web.

ñ) Subministrar toda a información necesaria para que a Axencia de Turismo de Galicia poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da dita lei.

o) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

p) No caso de non ser quen de realizar a actuación para a cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

q) No deseño e execución das actuacións subvencionadas, garantir o respecto ao principio de «non causar un prexuízo significativo» ou, segundo as súas siglas en inglés, DNSH (Do no significant harm) conforme o previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), no Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, e a súa normativa de desenvolvemento, en particular a Comunicación da Comisión, Guía técnica sobre a aplicación do principio de «non causar un prexuízo significativo» en virtude do Regulamento relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia, así como o requirido na Decisión de execución do Consello, relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España, así como cumprir coa normativa ambiental autonómica, estatal e comunitaria (anexo VII).

r) Cumprir coas obrigas relacionadas coa cesión e o tratamento de datos sobre a execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR) e de compromiso en relación coa execución de actuacións do mesmo plan (PRTR), coa finalidade de cumprir cos números 2 e 3 do artigo 22 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021 (anexo VIII).

s) Declarar o seu compromiso de cumprir os principios transversais establecidos no PRTR e que poidan afectar o ámbito obxecto da xestión, empregando para o efecto o modelo do anexo IX.

t) As persoas beneficiarias garantirán o cumprimento das obrigas de etiquetaxe ambiental e dixital.

u) Todo o anterior sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Xustificación da subvención

1. As persoas beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar, como data límite o 30 de setembro de 2025, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento en virtude do establecido na resolución de concesión que lles foi notificada. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento subvencionable, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, a persoa beneficiaria deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 30 % do investimento subvencionable; de non acadarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinarase a perda do dereito a cobrar a subvención concedida. Se a xustificación é superior ao 30 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirase a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que se cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os cales se concedeu a axuda.

Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia de Turismo de Galicia na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada.

O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas.

2. A solicitude do pagamento efectuaraa a persoa beneficiaria a través de medios electrónicos e con anterioridade a que remate a data límite a que se refire o número 1, mediante a presentación do anexo IV, que estará accesible na Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. Á dita solicitude xuntaráselle a documentación xustificativa do investimento requirido. A Administración poderá, excepcionalmente, requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas persoas beneficiarias, poñerao no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados segundo o establecido nestas bases reguladoras.

Efectuarase igual requirimento se no suposto do resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería da Xunta de Galicia con competencia en materia de facenda, así como a verificación do DNI da solicitante (persoa física) e de quen represente a persoa xurídica, e o NIF da solicitante (persoa xurídica), ou cando, como resultado da comprobación, se obteña un resultado negativo na comprobación de causas de inhabilitación para recibir subvencións ou axudas; neste caso, quen realice a solicitude terá que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen se ter presentado ningunha documentación, requirirase igualmente a persoa beneficiaria para que, no prazo improrrogable de 10 días hábiles, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá a persoa das sancións que correspondan conforme a lei.

Artigo 25. Documentación xustificativa do investimento

1. Para cobraren a subvención concedida as persoas beneficiarias deberán presentar, mediante a modalidade de conta xustificativa (conforme o artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia), xunto coa solicitude de cobramento (anexo IV), a seguinte documentación:

a) Memoria da actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actuacións realizadas.

b) Memoria económica do custo das actividades realizadas, que conterá:

b.1) Relación clasificada e ordenada dos gastos e investimentos da actividade, con indicación da actuación, do acredor, número de factura, concepto do gasto, o seu importe, data de emisión e data de pagamento, consonte o modelo do anexo V. Se é o caso, indicaranse as desviacións producidas no orzamento que serviu de base ao seu outorgamento. A dita ordenación deberá coincidir coa ordenación da documentación indicada no seguinte punto.

b.2) Facturas, que deberán especificar a que concepto corresponden segundo o investimento que serviu de base para a concesión da subvención, xunto coas certificacións bancarias ou, na súa falta, as copias das ordes de transferencia, que xustifiquen o seu pagamento. En todo caso, o importe reflectido na certificación de obra debe ser consecuente co xustificado coas ditas facturas.

En ningún caso se admitirán xustificantes ou facturas de pagamento con data anterior á data de inicio das actuacións subvencionables. As facturas ou xustificantes non poderán ser anteriores ao período subvencionable nin posteriores á data límite establecida nestas bases para presentar a xustificación (30 de setembro de 2025).

c) Para obras con orzamento de execución material superior a 40.000,00 euros achegarase certificación de fin de obra por conceptos, que se compón de portada, certificación en orixe, por partidas e capítulos, segundo medicións e prezos recollidos no proxecto de execución, elaborada por persoal técnico competente, relativa á obra executada coa súa valoración.

Para obras con orzamento de execución material igual ou inferior a 40.000 euros, é suficiente coa presentación da memoria que se indica na alínea b).

d) No caso de obras, licenza de obras ou, se é o caso, certificado do concello de non precisar a dita licenza.

e) A conta xustificativa, segundo o modelo do anexo V.

f) Acreditación documental, material e/ou gráfica (fotografías, copias, captura de pantallas) do cumprimento da obriga de información e publicidade do financiamento público da acción subvencionada.

g) Deberá incluír fotos ilustrativas, anteriores e posteriores, do investimento efectuado.

h) Anexo VI: modelo de declaracións actualizado.

2. Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas na resolución de concesión da subvención e responder, de xeito indubidable, á natureza da actividade subvencionada.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, ditarase a oportuna resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Artigo 26. Pagamento da axuda

1. O pagamento das axudas efectuarase con cargo ao exercicio orzamentario, unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou a actividade subvencionable e logo da presentación por parte da persoa beneficiaria da solicitude de aboamento e da xustificación requirida nestas bases reguladoras.

2. Neste caso, o pagamento das axudas efectuarase unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou actividade e logo da presentación por parte da persoa beneficiaria, no prazo establecido, da documentación xustificativa a que se refire o artigo anterior.

Artigo 27. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, dará lugar á perda do dereito ao cobramento ou, se é o caso, ao reintegro da totalidade da axuda percibida calquera incumprimento das seguintes obrigas:

a) Cando se obteña a subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o terían impedido.

b) Cando se incumpran totalmente o obxectivo, a actividade, o proxecto ou non se adopte o comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

c) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. No suposto previsto no número 3 do artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro do exceso obtido sobre o custo da actividade subvencionada, así como a exixencia do xuro de demora correspondente.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refiren os números anteriores, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Artigo 28. Réxime de infraccións e sancións

1. As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para estes efectos, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento, e en función do seguinte:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da axuda concedida.

b) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como nos supostos establecidos no artigo 33 desta mesma lei e/ou calquera outro que resulte da normativa aplicable, e non recollido nas epígrafes anteriores: reintegro de ata o 100 % da axuda concedida.

3. O incumprimento do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, no sentido do artigo 8, punto 1.e), da Orde HFP/1030/2021, do 28 de setembro, dará lugar á devolución total da subvención percibida, así como dos xuros de demora correspondentes.

4. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con axudas ou subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a persoa beneficiaria.

5. As cantidades que teñan que reintegrar as persoas beneficiarias terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para a seu cobramento o previsto no artigo 14.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 9/2007, do 13 de xuño; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na normativa comunitaria de aplicación.

6. De conformidade co previsto no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a persoa beneficiaria poderá realizar a devolución voluntaria de cantidades indebidamente percibidas mediante ingreso na conta habilitada da Facenda pública galega. O importe da devolución incluirá os xuros de demora. No documento de ingreso deberán identificarse o número do expediente, o concepto da devolución e o nome e NIF da persoa beneficiaria. Unha vez ingresado, deberase comunicar á Axencia de Turismo de Galicia a devolución voluntaria realizada.

Artigo 29. Seguimento, control e comprobación

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, a Axencia de Turismo de Galicia, antes de proceder ao seu pagamento final, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2009, do 13 de xuño, así como o cumprimento do compromiso en relación coa execución de actuacións do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, no sentido do artigo 8, punto 2.e) da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro.

2. Ademais, todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e a súa normativa de desenvolvemento.

Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

3. A Axencia de Turismo de Galicia realizará, ben con persoal propio ou a través de empresas auditoras, actuacións de comprobación e control para verificar sobre o terreo o cumprimento das condicións para a percepción das axudas. As comprobacións incidirán sobre todos aqueles aspectos que garantan a realización dos compromisos adquiridos e o cumprimento dos requisitos fixados na resolución. O persoal encargado da verificación redactará acta da actuación de control, que asinará a entidade á cal se lle entregará unha copia, e presentaralla ao órgano competente xunto co informe de verificación. A entidade queda obrigada a facilitarlle ao persoal designado copia da documentación que se lle solicite, relativa ao expediente obxecto de control.

Artigo 30. Medidas antifraude

1. As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice a Axencia de Turismo para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e ás de control dos órganos competentes do PRTR e dos servizos financeiros da Comisión Europea, do Tribunal de Contas Europeo, da Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF) ou da Fiscalía Europea, e as verificacións do artigo 22 do Regulamento (CE) núm. 241/2021 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia (DOUE do 18 de febreiro).

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación cos proxectos financiados con cargo a fondos procedentes da Unión Europea poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude (SNCA) da Intervención Xeral da Administración do Estado, nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo, a través da canle habilitada na web https://www.conselleriadefacenda.gal/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf. Sen prexuízo disto, tamén poderá empregar a canle de denuncias sobre irregularidades ou condutas de fraude, que terá a súa sede no Sistema integrado de atención á cidadanía (SIACI) (https://www.xunta.gal/sistema-integrado-de-atencion-a-cidadania?langId=gl_ES). A ligazón á canle de denuncias é a seguinte: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias

3. Na loita contra a fraude, a Axencia de Turismo de Galicia actuará de conformidade co seu Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude, que se aplica a esta convocatoria. A ligazón ao citado plan no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia é a seguinte: https://transparencia.xunta.gal/c/document_library/get_file?folderId=1792070&name=DLFE-47458.pdf

Artigo 31. Análise sistemática do risco de conflito de intereses no procedemento de concesión de subvencións no marco do PRTR

Esta convocatoria está suxeita á análise sistemática e automatizada do risco de conflito de intereses prevista na disposición adicional centésimo décima segunda da Lei 31/2022, do 23 de decembro, e na Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

De acordo co establecido no artigo 7 da Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, o órgano competente na concesión da subvención poderá solicitarlle ás persoas beneficiarias a información da súa titularidade real cando a AEAT non dispoña desa información e así o indicase mediante a correspondente bandeira negra, tendo en conta a análise realizada a través de Minerva. Este suposto non implicará a suspensión automática do procedemento en curso, pero a dita información deberá achegarse ao órgano concedente no prazo de cinco (5) días hábiles desde que se formule a solicitude de información. A falta desta información no prazo sinalado será motivo de exclusión do procedemento.

Os datos, unha vez recibidos, serán adecuadamente custodiados de acordo co Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016 (Regulamento xeral de protección de datos), e coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. A través de Minerva, o responsable da operación levará a cabo un novo control ex ante do risco de conflitos de interese, indicando en lugar do/da solicitante os/as titulares reais recuperados/as polo órgano outorgante.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO X

PUBLICIDADE DO FINANCIAMENTO COMUNITARIO

TU503I-SUBVENCIÓNS A PROXECTOS TURÍSTICOS PARA O FOMENTO DO TURISMO ENOGASTRONÓMICO

Ao tratarse de subvencións financiadas con fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, ao estar incluído no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no artigo 34 do Regulamento (UE) nº 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e coa Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, a persoa beneficiaria deberá cumprir os seguintes requisitos de publicidade e comunicación:

1. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, a persoa beneficiaria deberá recoñecer o apoio da Xunta de Galicia, conforme o manual de identidade corporativa que estea vixente, e do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional correspondente, e mostrando:

a) O emblema da Unión cunha declaración de financiamento adecuada que diga «financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU».

b) Referencia ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

c) O emblema do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, ao ser este o órgano competente de coordinación e seguimento.

O formato que se utiliza é o seguinte:

missing image file

2. Durante a realización do proxecto e durante un período mínimo igual ao da obriga de conservación da documentación xustificativa da aplicación dos fondos:

i. Breve descrición, no seu sitio da internet de que dispoña a entidade beneficiaria, do proxecto desenvolvido ao abeiro da subvención concedida, dos obxectivos perseguidos e resultados acadados, na cal se destaque a procedencia do financiamento e o emblema da UE, incluíndo a imaxe institucional correspondente, incluída a da Xunta de Galicia e a do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, e mostrando:

a) O emblema da Unión cunha declaración de financiamento adecuada que diga «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU».

b) Referencia ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

c) O emblema do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, ao ser este o órgano competente de coordinación e seguimento.

d) Mención ao título da operación: «Subvencións a proxectos turísticos para actuacións para o fomento do turismo enogastronómico».

ii. Colocar, polo menos, un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que se mencionará o apoio financeiro da Xunta de Galicia e do Plan de recuperación, transformación e resiliencia ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional correspondente, e mostrando:

a) O emblema da Unión cunha declaración de financiamento adecuada que diga «financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU».

b) Referencia ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

c) O emblema do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, ao ser este o órgano competente de coordinación e seguimento.

d) Mención ao título da operación: «Subvencións a proxectos turísticos para o fomento do turismo enogastronómico».

O cartel, elaborado con materiais que permitan certa perdurabilidade no tempo, deberase colocar nun lugar visible para o público.

Para efectos do sinalado, poderase empregar o seguinte modelo tanto para a publicación en web como para a elaboración do cartel:

missing image file