DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 19 de xaneiro de 2024 Páx. 5127

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 21 de decembro de 2023, do tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, convocado mediante a Resolución do 22 de xuño de 2022, pola que se dá publicidade a diversos acordos.

En sesións que tiveron lugar os días 20 e 21 de decembro de 2023, o tribunal nomeado pola Resolución do 28 de abril de 2023 (DOG núm. 88, do 9 de maio) para cualificar o proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, convocado mediante a Resolución do 22 de xuño de 2022 (DOG núm. 121, do 27 de xuño),

ACORDOU:

Primeiro. Anular, unha vez revisadas as reclamacións presentadas, as preguntas 17, 19, 50 e 57 do segundo exercicio do proceso selectivo. O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas de reserva 61, 62, 64 e 65. Desestímanse na súa totalidade as restantes reclamacións.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, o exercicio cualificarase de 0 a 50 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 25 puntos. Para estes efectos, nos criterios de corrección, valoración e superación deste segundo exercicio acordados polo tribunal na sesión do 27 de outubro de 2023, estableceuse que obterán 25 puntos as persoas aspirantes que acaden o mínimo do 45 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes, o que supón un mínimo de 27 respostas correctas. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 25 e os 50 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito, asignarase a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

Realizada a corrección na sesión do 21 de decembro de 2023, acadaron a puntuación mínima de 25 puntos un total de 394 persoas aspirantes no conxunto de todas as quendas.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas ao segundo exercicio do proceso selectivo de acceso libre para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, no portal web corporativo da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da resolución da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. A súa presentación realizarase a través da aplicación Fides (https://fides.xunta.gal).

Quinto. De conformidade co disposto na base II.1.1.3 da convocatoria, as persoas aspirantes que superaron o segundo exercicio disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa de que posuían, o día da publicación da convocatoria no DOG, o Celga 4 ou o título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Sexto. De conformidade co disposto na base III.13 da resolución da convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2023

Dolores Veiga Gondelle
Presidenta do tribunal