DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Venres, 19 de xaneiro de 2024 Páx. 5119

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 27 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a atracción de empresas a Galicia, susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408H).

BDNS (Identif.): 738646.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Empresas beneficiarias

As pequenas e medianas empresas (pemes) que proxecten levar a cabo un investimento nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do establecido nas bases reguladoras. Consideraranse pemes as empresas que, na data da solicitude, respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 e con forma xurídica de sociedade mercantil.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto a concesión de axudas para o financiamento de proxectos de investimento empresarial das seguintes modalidades:

I.1. Proxectos de investimento empresarial cun investimento subvencionable entre 800.000 € e 10.000.000 €.

I.2. Proxectos de investimento igual ou superior a 100.000 €, cunha creación de emprego de 25 ou máis postos de traballo de carácter indefinido a tempo completo.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 27 de decembro de 2023 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a atracción de empresas a Galicia, susceptibles de seren cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se realiza a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG408H).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7700 e cos seguintes importes e distribución plurianual: 10.000.000 € con cargo ao ano 2024, 10.000.000 € con cargo ao ano 2025 e 10.000.000 € con cargo ao ano 2026.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes da axuda comezará ás 8.00 horas do día hábil seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará ás 14.00 horas do día 30 de setembro de 2024, agás que antes desa data se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2023

Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica