DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 23 de xaneiro de 2024 Páx. 6032

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

EXTRACTO da Orde do 31 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases B, C e D á mocidade galega e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento BS321A).

BDNS (Identif.): 740043.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán solicitar as axudas as persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da súa solicitude:

a) Ter feitos os 18 anos, sen prexuízo da idade mínima para a obtención dos permisos de clase C e D, e non ter feitos os 31.

b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.

c) Non estar traballando por conta propia nin allea.

d) Ter aprobado o/os permiso/s de conducir para o/os cales se solicita esta axuda con data de expedición entre o 1 de xaneiro de 2023 e a data de presentación da solicitude.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras que rexerán as axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases B, C e D por parte das persoas mozas residentes en Galicia, coa finalidade de mellorar a súa autonomía, mobilidade e a súa empregabilidade, e proceder á súa convocatoria para o ano 2024.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 31 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases B, C e D á mocidade galega e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento BS321A).

Cuarto. Importe da convocatoria e contía da subvención

A contía global da convocatoria é de 800.000,00 euros, de acordo cos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución da concesión.

O importe da axuda será de 400 euros para a obtención do permiso de condución de clase B, de 650 € para o permiso de clase C e de 1.300 € para o permiso de clase D.

O importe da axuda será acumulativo no caso de que unha mesma persoa solicite axuda para a obtención de dous ou dos tres permisos obxecto da orde.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase a partir do día seguinte ao da publicación da orde no DOG e estará aberto ata o día 30 de setembro de 2024, salvo que se produza con anterioridade o esgotamento do crédito orzamentario dispoñible, caso en que se observará o disposto no artigo 2.2 da orde.

Sexto. Outros datos

O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, e concederánselles a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos.

Se o orzamento previsto na orde non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación.

O gasto subvencionable é a suma a tanto global de obtención dos permisos de condución obxecto desta orde, baseado no prezo medio de mercado na Comunidade Autónoma de Galicia para cada tipo de carné.

A xustificación da axuda presentarase no prazo de 10 días hábiles contado a partir da notificación da resolución de concesión.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2023

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude