DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 24 de xaneiro de 2024 Páx. 6613

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social e se convoca para a anualidade 2024 (código de procedemento TR802L).

A Constitución española establece no seu artigo 40 a obriga dos poderes públicos de promover as condicións favorables para o progreso social e económico e, de maneira especial, de realizar unha política orientada ao pleno emprego.

Neste sentido, conforme o disposto no artigo 30.I.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos do disposto no artigo 149.1.13 da Constitución española, a competencia exclusiva para o fomento e a planificación da actividade económica en Galicia.

Considerando este contexto, aprobouse a Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, que a través dunha regulación común aplicable ao conxunto das entidades que a integran, ten por finalidade recoñecer, fomentar e impulsar as devanditas entidades para o eficaz cumprimento dos fins económicos e sociais que lle son propios, potenciando a súa presenza, crecemento e influencia en todos os campos da acción social, económica e empresarial, así como o establecemento de mecanismos para a súa organización e coordinación.

En concreto, no capítulo IV da lei, especificamente no seu artigo 14, recóllense os obxectivos da política de fomento e difusión da economía social que debe levar a cabo o sector público autonómico, como son, entre outros, a promoción da participación das entidades da economía social nas políticas activas de emprego, en especial nas dirixidas a mulleres, xuventude, persoas desempregadas de longa duración, persoas con discapacidade e persoas en risco ou en situación de exclusión social; o impulso e a dinamización do autoemprego, do emprendemento de base cooperativa e da colaboración empresarial; ou o fomento dos procesos de mellora da competitividade e da internacionalización das entidades da economía social, integrando a promoción de sistemas de produción e servizos eficaces cos obxectivos sociais de cara á súa consolidación no tecido económico.

En definitiva, as empresas de economía social teñen demostrado a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente facilitar a súa consolidación como un dos factores que pode permitir a existencia de estruturas permanentes de emprego de calidade.

A consolidación das entidades de economía social é crucial nestes tempos de crise con altos índices de inflación e de tipos de interese que dificultan a capacidade de financiamento das empresas e, polo tanto, da súa actividade económica. Faise necesario fortalecer a economía social, mediante axudas que apoien a súa consolidación, con fórmulas amparadas polas excepcións do artigos 107, apartado 3, letras b) e c) do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE), fórmulas que, por unha banda, tratan de facilitar o desenvolvemento e a consolidación da economía social nun contexto económico de alza de prezos xeneralizado, ao tempo que se garante o mantemento dun emprego de calidade.

De acordo co disposto no Decreto 59/2023, do 14 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 79/2023, do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia e no Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, correspóndenlle á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social as competencias na Comunidade Autónoma en materia de cooperativismo e economía social.

Por iso, mediante esta orde apóiase a consolidación das entidades da economía social co obxectivo de contribuír ao seu mantemento e á súa mellora competitiva con especial incidencia na transformación dixital e na eficiencia enerxética.

No que respecta ao procedemento de concesión, establécese a concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Tendo en conta que a finalidade e obxecto da subvención é o fomento da consolidación das entidades da economía social de Galicia, que redundará directamente nun beneficio social e económico xeral, non se considera necesario facer unha prelación das solicitudes presentadas, pois todas as entidades en que concorran os requisitos establecidos na convocatoria conseguen a dita finalidade por igual. Ademais, prevese a suficiencia do crédito para atender a totalidade das solicitudes que se poidan presentar.

As subvencións reguladas nesta orde fináncianse con cargo a fondos finalistas do Estado procedentes do Servicio Público de Emprego Estatal e recóllense no Plan anual de políticas de emprego para o ano 2024 como un programa propio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xuño.

Por todo o exposto, unha vez consultado o Consello Galego de Cooperativas e o Consello Galego de Relacións Laborais, logo dos informes da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e autorizado polo Consello da Xunta de Galicia a establecer pagamentos anticipados, así como a modificación das porcentaxes máximas destes, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do Programa de apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social e proceder á súa convocatoria para a anualidade 2024 (código de procedemento TR802L).

Este programa ten como finalidade apoiar a consolidación das entidades da economía social, así como reforzar a súa presenza no tecido económico de Galicia, con especial incidencia na transformación dixital e na mellora da eficiencia enerxética, contribuíndo ao impulso da súa actividade económica, incrementando a súa competitividade e, en definitiva, mantendo empregos de calidade.

Artigo 2. Normativa aplicable

As solicitudes, a súa tramitación e resolución axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de acordo cos seguintes principios:

1. Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

2. Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

3. Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Financiamento

1. As axudas previstas nesta orde fináncianse con fondos finalistas do Estado recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal.

2. A distribución inicial de crédito fíxase na convocatoria de subvencións que para a anualidade 2024 se establece no Capitulo II desta orde. Os importes consignados poderán verse modificados ou incrementados como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

3. Poderase ampliar a contía máxima do crédito para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, de acordo co establecido no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30.2 do seu regulamento de desenvolvemento.

Así mesmo, de producirse remanentes de crédito na asignación inicial para o financiamento de cada aplicación orzamentaria, poderanse reasignar as contías sobrantes para atender as necesidades de crédito.

As ampliacións e reasignacións levaranse a cabo, logo das modificacións orzamentarias que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria, todo iso de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

Artigo 5. Entidades beneficiarias e condicións para a obtención do incentivo

1. Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde as seguintes entidades, de entre as previstas no artigo 6 da Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia: sociedades cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego. Estas entidades deberán cumprir os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude de axuda:

a) Figurar inscritas como tales nos correspondentes rexistros administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter presentadas as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil, no Rexistro de Cooperativas ou no Rexistro de Fundacións, segundo corresponda á súa forma xurídica.

c) No caso de centros especiais de emprego que teñan forma xurídica de asociación, deberán ter aprobado o balance e conta de resultados pola súa Asemblea Xeral.

d) Acreditar unha antigüidade de 42 meses, que se computará desde a data de inscrición da entidade solicitante no correspondente rexistro administrativo da Comunidade Autónoma de Galicia. Excepcionalmente, tamén poderán ser beneficiarias aquelas cooperativas que, estando actualmente inscritas no Rexistro de Cooperativas de Galicia, acrediten ter estado inscritas no Rexistro Central de Cooperativas do Ministerio de Trabajo y Economía Social cunha antigüidade de 42 meses e ter cambiado de ámbito.

e) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

f) Estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social para obter subvencións.

g) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias:

a) As entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As entidades que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Artigo 6. Conceptos subvencionables

1. Equipamento informático.

2. Adquisición e desenvolvemento de software e páxinas web.

3. Márketing, comunicación ou relanzamento comercial.

4. Mellora na eficiencia enerxética.

5. Adquisición de equipamento.

6. Reforma do centro de traballo.

7. Mobiliario.

8. Obtención de certificacións de calidade.

9. Creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade.

10. Plan de protección de datos.

11. Elementos de transporte.

12. Actividades formativas para as persoas socias da entidade solicitante que estén dados de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) .

Os servizos descritos nos números 3, 8, 9, 10 e 12 deberán estar implantados ou realizados no período de execución.

Todos os investimentos deberán estar destinados aos centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7. Contía das axudas

A contía da axuda será equivalente ao 90 % do custo total dos gastos subvencionables, cos límites seguintes:

– 5.000 € para cada un dos gastos incluídos nos conceptos 3, 8, 9 e 10 do artigo 6.

– 600 € para cada actividade formativa, das incluidas no concepto 12 do artigo 6, que realice cada persoa socia da entidade que esté de alta no réxime especial de traballadores autónomos.

O límite máximo das axudas establécese en 30.000 € por cada entidade solicitante. No caso de que se solicite unha contía superior, concederase de acordo coa orde de prelación establecida no artigo 6 desta orde.

Artigo 8. Definicións

Para os efectos desta orde, entenderase por:

a) Equipamento informático: considérase equipamento informático, para os efectos desta orde, os aparellos electrónicos e servizos anexos que posibiliten unha maior eficiencia no procesamento, almacenamento e visualización da información. Entre outros, considéranse: as tabletas, ordenadores persoais de sobremesa, ordenadores portátiles ou similares, equipamentos de rede, servidores, conexión á internet (instalación), escáneres e similares, sempre que se destinen exclusivamente ao desenvolvemento da actividade económica da entidade solicitante.

En ningún caso se consideran subvencionables os teléfonos móbiles e smartphones nin os recibos mensuais relativos a calquera servizo de conexión á internet.

b) Adquisición e desenvolvemento de software e páxinas web: adquisición da propiedade ou do dereito ao uso de programas informáticos, incluída a subscrición a software estándar do mercado durante o período subvencionable. Tamén inclúe os gastos de creación e desenvolvemento de programas informáticos a medida e páxinas web, sempre que a súa utilización estea prevista durante varios exercicios. Terase especial coidado para garantir a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes e, en concreto, a utilización non sexista da linguaxe e das imaxes, especialmente no ámbito da publicidade.

c) Márketing, comunicación ou relanzamento comercial: serán subvencionables os gastos relativos á publicidade impresa, en medios (prensa, radio, tv), nas redes (redes sociais, barners ou similares), vaias publicitarias, marquesiñas e merchandising, entre outros. Terase especial coidado para garantir a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes e, en concreto, a utilización non sexista da linguaxe e das imaxes, especialmente no ámbito da publicidade.

d) Mellora na eficiencia enerxética: toda aquela compra inicial ou cambio de produtos e instalacións que reduzan o consumo enerxético, o que vai desde o cambio de sistemas de iluminación a cambios de maquinaria e instalacións.

Investimentos para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos: enténdese por tal o cambio de máquinas e instalacións de enerxías fósiles a enerxías limpas.

e) Adquisición de equipamento: maquinaria, bens de equipo ou ferramentas mediante as que se mellore o proceso produtivo. Está incluído tanto o equipamento novo como o adquirido no mercado de segunda man.

Exclúese a adquisición de bens e servizos que poidan ser considerados como mercadoría pola que a empresa obteña beneficios segundo a súa actividade.

f) Reforma do centro de traballo: reformas que se realicen nun dos centros de traballo da entidade situado na Comunidade Autónoma de Galicia incluídas as obras de sinxela técnica e escasa entidade construtiva e económica que consisten normalmente en simples reparacións, decoracións ou ornatos (incluída a rotulación), que non modifican a estrutura construtiva do local. Será subvencionable tanto a obra nova como a reforma, sempre que estea comprendida dentro do recinto do centro de traballo da entidade. Non se considera local de negocio o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma.

g) Mobiliario: conxunto de mobles que serven para a actividade normal da empresa como mesas, cadeiras, andeis, mostradores e vitrinas.

h) Obtención de certificacións de calidade: elaboración de procedementos, informes e documentación aparellados a unha certificación de calidade que mellore a imaxe dos produtos e servizos da solicitante, favorezan o seu desenvolvemento e afiancen a súa posición no mercado, acadando con isto unha vantaxe competitiva. Inclúese tanto a primeira certificación como a renovación, sempre que sexa no período de execución. Non serán subvencionables nin os plans de igualdade nin os plans de responsabilidade social empresarial.

i) Creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade: creación das imaxes, nomes, marcas e, en xeral, o conxunto de elementos que serven para conformar a identidade externa da empresa ou negocio. Terase especial coidado para garantir a transmisión dunha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada das mulleres e dos homes e, en concreto, a utilización non sexista da linguaxe e das imaxes, especialmente no ámbito da publicidade.

j) Plan de protección de datos: documento que recolle o conxunto de medidas necesarias para adaptar a entidade á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (LOPD) e ao Regulamento Europeo de Protección de datos (RGPD) 2016/679. Só será subvencionable a elaboración do plan, non o mantemento deste.

k) Elementos de transporte: vehículos de todas as clases afectos á actividade económica da entidade beneficiaria e utilizables para o transporte de persoas, animais, materiais ou mercadorías, que incorporen a identidade da solicitante nun lugar visible. Tamén se deberán cumprir as obrigas de difusión do artigo 24.g). Están incluídos os elementos de transporte novos e os adquiridos no mercado de segunda man. O concepto subvencionable inclúe o prezo de adquisición do elemento de transporte, o seguro de accidentes e os impostos que sexan subvencionables de conformidade co artigo 31.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Segundo o establecido neste precepto, en ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos (IVE) cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

l) Formación para as persoas socias RETA: actividades formativas que se impartan na modalidade presencial ou de teleformación, a través dunha entidade externa, co obxecto de que a persoa socia dada de alta no RETA, participante nesa actividade formativa, adquira coñecementos e habilidades en relación co traballo que desenvolve na entidade. Deberase prever a inclusión de criterios de conciliación da vida familiar, laboral e persoal á hora de impartir esta.

Queda excluída aquela formación que supoña o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva a que fai referencia o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 9. Axudas de Estado

1. No caso de que as entidades beneficiarias sexan cooperativas ou sociedades laborais, as axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos establecidos nos seguintes regulamentos, segundo proceda:

a) Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá 300.000 euros durante os tres anos previos.

b) Regulamento (UE) núm. 1408/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá de 20.000 euros durante os tres anos previos.

c) Regulamento (UE) núm. 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño de 2014). Nos termos desta normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá de 40.000 euros durante os tres anos previos.

2. Noutro caso, se entidades beneficiarias son empresas de inserción ou centros especiais de emprego, como compensación pola prestación do servizo de interese económico xeral, as axudas que se concedan someteranse ao estipulado no Regulamento (UE) núm. 360/2012 da Comisión, do 25 de abril de 2012, de aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis concedidas a servizos de interese económico xeral. Nos termos deste regulamento, as axudas poderán acumularse coas concedidas ao abeiro do Regulamento (UE) núm. 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis, sen que en ningún caso a axuda acumulada concedida a unha única empresa poida exceder os 500.000 euros durante os dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual.

Por tratarse de axudas concedidas a empresas que prestan servizos de interese económico xeral, conforme o previsto no artigo 1 do Regulamento (UE) núm. 360/2012, da Comisión, do 25 de abril de 2012, non poderán concederse ás seguintes empresas:

a) As que operen no sector da pesca e acuicultura, segundo se recolle no Regulamento (UE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013 (DOUE L 354, do 28 de decembro de 2013).

b) As dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do tratado.

c) As que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

I) Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a persoas productoras primarias ou comercializados polas empresas interesadas.

II) Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a totalidade desta se repercuta aos produtores primarios.

d) As dedicadas ás actividades relacionadas coa exportación a terceiros países ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) Empresas nas que as axudas estean condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

f) Empresas activas no sector do carbón.

g) Empresas en crise.

3. Para os efectos das normas en materia de defensa da competencia establecidas no tratado, debe entenderse por empresa calquera entidade que exerza unha actividade económica, con independencia da súa natureza xurídica e do seu modo de financiamento. O Tribunal de Xustiza da Unión Europea ditaminou que todas as entidades que estén controladas de feito e de dereito por unha mesma entidade deben considerarse unha única empresa.

As subvencións suxeitas ao réxime de minimis consideraranse compatibles co mercado interior sempre e cando as axudas respecten os importes máximos de concesión previstos no regulamento correspondente.

Neste sentido é imprescindible ter en conta o concepto de «única empresa» recollido nos ditos regulamentos para os efectos da acumulación de axudas.

Así, «única empresa» inclúe todas as empresas que teñan polo menos un dos seguintes vínculos entre si:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios doutra empresa.

b) Unha empresa ten dereito a nomear ou remover a maioría dos membros de administración, dirección ou control doutra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato realizado con ela ou dunha cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla en solitario, en virtude dun acordo realizado con outros accionistas ou socios destes últimos, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas.

As empresas que manteñan algunha das relacións previstas nas letras a) a d) a través de outra ou outras empresas tamén terán a consideración de empresa única.

Artigo 10. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As entidades solicitantes deberán presentar unha única solicitude, que deberá estar acompañada da documentación complementaria sinalada nesta orde.

3. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada, agás inscrición no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia.

b) No caso de estar realizado o servizo, ou feito o investimento, a correspondente factura; de non ser así, orzamento ou factura pro forma.

De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia –sempre que o gasto non estivese realizado no momento da convocatoria das axudas– cando o importe do gasto subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a entidade interesada deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes persoas físicas ou xurídicas provedoras, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

A persoa ou entidade solicitante deberá presentar unha declaración responsable de persoas e empresas vinculadas na que acredite que as ofertas presentadas non corresponden a empresas vinculadas á solicitante nin a persoas relacionadas coa mesma ata o 4º grao de consanguinidade ou afinidade.

c) Certificación acreditativa de ter presentadas no rexistro correspondente ou aprobadas pola Asemblea xeral, segundo corresponda, as contas anuais do último exercicio (agás no suposto das cooperativas, o cal se comprobará de oficio).

d) Breve memoria explicativa dos investimentos que se van realizar coa solicitude da axuda. No caso de que a entidade solicitante teña máis dunha actividade económica deberá especificarse a cal delas van destinados os ditos investimentos, para os efectos da aplicación do réxime de minimis regulado no artigo 9 desta orde.

De conformidade co establecido no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os tramites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación das solicitudes do procedemento regulado nesta orde deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Emenda das solicitudes

Unha vez recibidas as solicitudes, a unidade administrativa encargada da instrución do expediente comprobará se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a entidade interesada desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Esta fase completarase incorporando ao expediente a información rexistral da entidade solicitante segundo a documentación que consta na Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, así como as comprobacións no artigo 14.1 desta orde.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

e) Alta no imposto de actividades económicas da entidade solicitante.

f) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

g) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Atriga.

h) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

j) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

k) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio ou solicitude de pagamento, segundo corresponda, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A comprobación será realizada polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación das axudas.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 16. Instrución do procedemento

1. A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, nos termos previstos no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, ata o esgotamento do crédito orzamentario.

2. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Economía Social da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Artigo 17. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 18. Resolución e recursos

1. A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva.

En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización de recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas. Non obstante, naqueles supostos en que se lles requira ás persoas solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou na documentación presentada, ou se presenten documentos posteriores, entenderase por rexistro de entrada da solicitude a data en que o dito requirimento estea correctamente atendido.

2. A competencia para resolver as solicitudes corresponderá, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

3. O prazo máximo para resolver e notificar será de tres (3) meses desde a presentación da solicitude pola persoa interesada, sen que poida superar o 31 de decembro de 2024. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous (2) meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

5. A resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención e o seu carácter de minimis, facendo referencia expresa e completa ao Regulamento concreto de minimis que sexa de aplicación. Tamén comprenderá as obrigas que correspondan á persoa beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución.

Artigo 19. Estimación parcial da solicitude

No caso de que unha solicitude de axudas comprenda gastos ou investimentos para os que non exista crédito suficiente, poderase estimar parcialmente. De producirse a ampliación ou redistribución de créditos a que se refire o parágrafo 3 do artigo 4, poderanse atender as solicitudes que non puideron ser estimadas na súa integridade, por orde de presentación.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 21. Pagamentos anticipados

Realizaranse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita lei.

Os pagamentos anticipados concederanse previa resolución motivada, de acordo co disposto no artigo 63.1.Un do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo a actuación subvencionada nos casos nos que o gasto aínda non estea realizado. Este pagamento quedará suxeito ás seguintes condicións:

a) Anticiparase o 90 % do importe da subvención concedida.

b) As persoas beneficiarias quedarán exoneradas da constitución de garantía, conforme o establecido no artigo 65.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) O pagamento anticipado realizarase de oficio agás oposición expresa da entidade interesada, que o deberá indicar no cadro correspondente habilitado no anexo I de solicitude de axuda.

Artigo 22. Xustificación e pagamento

1. O pagamento final das subvencións quedará condicionado á presentación da seguinte documentación:

a) Anexo II de solicitude de pagamento.

b) Facturas e documentos bancarios acreditativos do seu efectivo pagamento.

c) Documentación xustificativa dos gastos realizados:

– Memoria explicativa das actuacións xunto con fotografías dos investimentos realizados, se é o caso. No caso da elaboración do plan de proteción de datos, copia do plan elaborado, asinado electronicamente pola persoa prestadora do servizo. No caso das actividades formativas, a memoria describirá os contidos da formación, o calendario de actividades e o número de horas que se impartiron, así como a listaxe das persoas socias que a recibiron, desagregada por sexo, e a cualificación que estas obtiveron na avaliación da aprendizaxe.

– Gastos por reforma do local de negocio: fotografías dos investimentos realizados. Deberase entregar unha fotografía do local antes da reforma e outra feita despois.

d) Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 24.g) desta orde.

e) Breve documento explicativo do procedemento e da denominación desagregada (contas e subcontas, códigos...) empregados para manter os gastos financiados de forma separada na contabilidade.

2. A presentación das solicitudes de pagamento realizarase unicamente a través de medios electrónicos na forma sinalada no artigo 12, no prazo que se sinale na convocatoria ou, de ser o caso, no que se fixe na resolución de concesión. Non obstante, se o prazo desde a notificación da resolución ata a data establecida como límite para xustificar resultase ser inferior a dez (10) días, o prazo será de dez (10) días contados desde a dita notificación.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que se achegase ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez (10) días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

4. A solicitude de pagamento (anexo II) e a documentación exixida para a fase de xustificación poderá presentarse xunto coa solicitude de subvención, a opción da entidade interesada. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da subvención.

5. En canto á forma de xustificación deberá aterse ao previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación sinalado na resolución de concesión da axuda.

6. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo de execución establecido nesta orde.

7. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento que establece as obrigas de facturación e deberán estar emitidas a nome da entidade ou empresa solicitante dentro do prazo de execución establecido na convocatoria.

8. Só se admitirá como documentación xustificativa do pagamento dos gastos documentos bancarios nos que consten o número de conta e a titularidade das persoas ou entidades receptoras e emisoras dos pagamentos (que deberán coincidir coas beneficiarias das axudas), así como o concepto e o importe (IVE incluído) do pagamento. Os mesmos datos deberán constar no caso de xustificantes bancarios emitidos a través da internet. Os datos dos xustificantes bancarios de pagamento deberán coincidir exactamente cos da factura. Se o importe reflectido no documento bancario non coincide por existiren varios pagamentos agrupados, deberá presentarse un desagregamento onde poidan identificarse os pagamentos en cuestión.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

9. A unidade administrativa responsable da instrución do programa analizará a documentación xustificativa acreditativa da realización da actividade obxecto da subvención e emitirá unha proposta de pagamento que se elevará ao órgano competente para resolver, que será tamén o órgano competente para ordenar o pagamento.

10. O pagamento efectuarase de forma nominativa a favor das entidades beneficiarias e logo da acreditación dos gastos e pagamentos realizados, ata o tope máximo da contía inicialmente concedida como subvención.

11. Se da documentación presentada pola entidade beneficiaria queda xustificada unha contía inferior á da subvención inicialmente concedida, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada.

Se a contía xustificada é inferior á anticipada procederá o reintegro das cantidades cobradas indebidamente, que a beneficiaria poderá ingresar de maneira voluntaria segundo o previsto no artigo 26.

12. En ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte a Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro

Artigo 23. Réxime de incompatibilidades e concorrencia

As axudas previstas nesta orde serán incompatibles coas axudas que polos mesmos conceptos e gastos poidan outorgar as administracións públicas.

Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade; así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se deberá achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os gastos obxecto da subvención.

g) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con fondos recibidos polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). De acordo con esta obriga, as entidades deberán anunciar no seu domicilio social e nos seus centros de traballo que están sendo subvencionadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o SEPE. Para isto incorporarán un rótulo visible ao público de tamaño mínimo A3 incluíndo o nome da entidade, o logotipo da Xunta de Galicia, o do SEPE e o do Ministerio de Traballo e Economía Social. No caso de adquisición de elementos de transporte afectos á actividade incorporarase a estes un rótulo cos mesmos requisitos indicados e cun tamaño proporcional ao do vehículo subvencionado. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o a axuda financeira recibida do SEPE.

Os formatos que se utilicen serán os achegados pola Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, que constan na páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, na ligazón: https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego

h) Manter, polo menos durante un período de dous anos desde a data da resolución de concesión, unha forma xurídica de entre as elixibles para resultaren beneficiarias da subvención concedida, así como a actividade empresarial.

O cumprimento desta obriga poderá ser comprobado, coa periodicidade que se considere oportuna, polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación.

Artigo 25. Reintegro e perda do dereito ao cobramento da subvención

1. A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión, de acordo co procedemento e coas causas establecidas no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, levará aparellada a obriga de devolver as cantidades percibidas.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións e axudas concedidas no suposto de non estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

4. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deba reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) A obtención da subvención falseando os datos, feitos ou documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impedisen: reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación previstas no artigo 24.c) desta orde, o incumprimento das obrigas contables, ou de conservación de documentos, previstas na letra f) do artigo 24, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado: reintegro do 100 % da subvención concedida.

d) O incumprimento da obriga en materia de publicidade previsto no artigo 24.g): reintegro do 2 % da subvención concedida.

Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor deberá requirir a entidade beneficiaria para que incorpore o cartel, nun prazo non superior a quince (15) días, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.

e) A percepción doutras subvencións públicas, incompatibles coa subvención prevista nesta orde: reintegro do 100 % da subvención concedida.

f) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 5 % da axuda concedida.

g) O incumprimento da obriga de mantemento da forma xurídica e actividade prevista no artigo 24.h): reintegro da parte proporcional da axuda.

Artigo 26. Devolución voluntaria de subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas e entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172 en concepto de devolución voluntaria da subvención, indicando expresamente a persoa e entidade beneficiaria da subvención e o número de expediente.

2. En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente unha memoria explicativa das circunstancias que dan lugar á devolución, con expresión das entidades afectadas, datas e calquera outra información relevante en relación coas causas que orixinan a devolución. Así mesmo, deberá conter o detalle dos cálculos efectuados con indicación da contía que se devolve. Coa memoria deberase achegar a copia xustificativa do ingreso bancario realizado.

3. A devolución voluntaria non exclúe a reclamación dos xuros de demora cando se considere procedente o reintegro da subvención.

Artigo 27. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento dos programas.

2. Para realizar as ditas funcións poderá utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas aos fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as persoas e entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento.

CAPÍTULO II

Convocatoria de subvencións para a anualidade 2024

Artigo 28. Convocatoria

Convócase para a anualidade 2024 a subvención para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social regulada polas bases contidas nesta orde.

Artigo 29. Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito. No suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web da consellería.

Artigo 30. Período de execución das accións

O período de execución de accións abranguerá desde o 1 de novembro de 2023 ata o 31 de outubro de 2024.

Os servizos e/ou os investimentos subvencionables deberán estar realizados no período de execución indicado e as facturas deberán estar emitidas no dito período ao igual que os plans, informes e demais entregables dos servizos desenvolvidos.

Artigo 31. Xustificación das accións subvencionadas

A data máxima de presentación da solicitude de pagamento e xustificación das accións subvencionadas será a sinalada na resolución de concesión e, de ser o caso, como máximo o 11 de novembro de 2024.

Artigo 32. Financiamento

O orzamento total das subvencións previstas nesta orde ascende a 2.730.000 €, que se financiarán con cargo ao código de proxecto 2021 00056, distribuído nas seguintes aplicacións orzamentarias:

Aplicacións

Orzamento

13.30.324C.470.9

1.285.000 €

13.30.324C.481.9

145.000 €

13.30.324C.770.9

1.170.000 €

13.30.324C.781.9

130.000 €

Total

2.730.000 €

O criterio de imputación dos gastos subvencionables ás aplicacións orzamentarias que financian esta orde é o seguinte:

Os conceptos subvencionables establecidos nos puntos 3, 8, 9, 10 e 12 do artigo 6 das bases reguladoras imputaranse ao crédito orzamentario 13.30.324C.470.9 se a entidade beneficiaria é unha entidade privada ou imputarase ao crédito orzamentario 13.30.324C.481.9 se a entidade beneficiaria non ten fin de lucro.

O resto dos conceptos subvencionables regulados no artigo 6 das bases reguladoras imputaranse ao crédito orzamentario 13.30.324C.770.9 se a entidade beneficiaria é unha entidade privada e imputarase ao crédito orzamentario 13.30.324C.781.9 se a entidade beneficiaria non ten fin de lucro.

Artigo 33. Tramitación anticipada

Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto e tamén de conformidade coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, que posibilitan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vai imputar o correspondente gasto.

Deste xeito a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, no momento da resolución.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente cobradas, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería, segundo o establecido no artigo 6 da Orde do 29 de setembro de 2021 sobre delegación de competencias en diversos órganos desta consellería.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file