DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2024 Páx. 7371

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 15 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica o Acordo da Mesa sectorial sobre a futura relación estatutaria do persoal con contratos Río Hortega e Juan Rodés e o seu encadramento extraordinario na carreira profesional.

Co fin de impulsar a formación en investigación en ciencias e tecnoloxías da saúde que se simultaneará con parte da actividade asistencial correspondente ás diferentes especialidades de formación sanitaria especializada, realizada en centros asistenciais do Servizo Galego de Saúde, o 22 de decembro de 2023 foi asinado na Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario, entre os/as representantes da Administración sanitaria e as organizacións sindicais CIG, CSIF, CC.OO. e UGT, un Acordo sobre a futura relación estatutaria do persoal beneficiario de subvención mediante concorrencia competitiva para contratos Río Hortega e Juan Rodés do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), nas condicións previstas en cada convocatoria. O dito acordo incorpora tamén o seu encadramento extraordinario na carreira profesional.

Para o seu xeral coñecemento e efectividade

RESOLVO:

Publicar o referido acordo no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2024

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos

Acordo sobre a futura relación estatutaria do persoal con contratos Río Hortega e Juan Rodés e o seu encadramento extraordinario na carreira profesional

Por conta e baixo a dependencia do Servizo Galego de Saúde, mediante contratos de investigación Río Hortega e Juan Rodés asinados coas xerencias das áreas sanitarias, vén prestando servizos determinado persoal facultativo especialista que simultanea a investigación coa actividade clínico-asistencial hospitalaria correspondente á súa especialidade.

Este persoal é seleccionado polo Instituto de Saúde Carlos III mediante procedementos competitivos públicos e unha avaliación suxeita a baremo. O propio organismo subvenciona a contratación do persoal seleccionado.

Aínda que o dito instituto non se pronuncia sobre a modalidade da vinculación, permitindo que o persoal seleccionado sexa incorporado baixo calquera modalidade de contratación acorde coa normativa vixente, este persoal vén sendo contratado ata este momento como persoal laboral (cunha duración entre dous e catro anos, en función da duración da subvención).

Con todo, neste intre concorren diversas circunstancias que, valoradas no seu conxunto, levan a considerar oportuno que este colectivo sexa vinculado como persoal estatutario.

Así, como elemento máis relevante está o feito de que este persoal desempeña actividade clínico-asistencial con plena incorporación á organización dos correspondentes servizos. Tanto é así que o seu traballo xa está plenamente recoñecido nos baremos de selección do persoal estatutario facultativo especialista de área, outorgándolle a mesma valoración.

En segundo lugar, hai que engadir que xa existe outro persoal investigador –o chamado persoal «estabilizado»– con nomeamentos estatutarios temporais expedidos polas xerencias das áreas sanitarias e que teñen a súa causa en contratos laborais previos.

En terceiro lugar, non pode esquecerse que se está a tramitar un concurso para acceder á condición de persoal investigador estatutario fixo en execución do Decreto 81/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria en desenvolvemento da Lei 20/2021, do 28 de decembro, e da convocatoria formalizada por este centro directivo na Resolución do 27 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia núm. 4, do 5 de xaneiro de 2023).

Finalmente, esta medida vai na liña de avanzar na implantación da figura do persoal investigador estatutario, coa definición de categorías profesionais específicas que permitan ao persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde a dedicación de forma estable e estrutural a tarefas de investigación, consonte o previsto no artigo 85 da Lei 14/2007, do 3 de xullo, de investigación biomédica.

En resumo, parece oportuno que este persoal que desempeña actividade clínico-asistencial se vincule de modo efectivo como persoal estatutario; en concreto, a través de nomeamentos de interinidade para a execución de programas temporais.

Por outra parte, este acordo tamén facilitará que este novo persoal estatutario acceda e progrese na carreira profesional do persoal estatutario.

Con base no que antecede,

ACÓRDASE:

1. O persoal que sexa seleccionado polo Instituto de Saúde Carlos III, para os contratos de investigación Río Hortega e Juan Rodés asinados coas xerencias das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde, será vinculado mediante nomeamentos estatutarios de interinidade para a execución de programas temporais (artigo 9.1.b) da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde).

Os contratos laborais actualmente vixentes mudaranse, co consentimento das persoas afectadas, en nomeamentos estatutarios desa modalidade.

2. Ao persoal cuxos contratos laborais Río Hortega e Juan Rodés sexan transformados en nomeamentos estatutarios en execución da medida prevista no punto 1 anterior aplicaránselle as medidas excepcionais de encadramento na carreira profesional acordadas o 28 de outubro de 2022 na Mesa sectorial de negociación do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 231, do 5 de decembro), nas mesmas condicións que se aplicaron ao persoal facultativo especialista de área (retroactividade do grao inicial, avaliación, data de inicio dos cómputos de permanencia…).

Para estes efectos, os seus previos contratos laborais Río Hortega e Juan Rodés asimilaranse a nomeamentos estatutarios temporais de persoal facultativo especialista de área.

Este mesmo acordo será aplicable ao actual persoal estatutario facultativo especialista, xa incorporado ao sistema de carreira profesional, que anteriormente estivese contratado polas áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde como persoal laboral dos programas Río Hortega e Juan Rodés.

Os efectos económicos que se poidan derivar destas medidas (percepción do complemento de carreira) produciranse desde o 1 de xaneiro de 2024.

A Administración executará estas medidas mediante notificacións individuais e informará á comisión de seguimento da carreira profesional.

3. Tras a aprobación do decreto polo que se regule o estatuto (organización, promoción,…) do persoal laboral de investigación do sector público autonómico de Galicia, a Mesa sectorial incluirá entre as súas prioridades de negociación a definición de categorías profesionais específicas para o persoal estatutario investigador.