DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2024 Páx. 7378

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se declaran con carácter definitivo as persoas aspirantes admitidas e excluídas na convocatoria excepcional do proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, e se publican as puntuacións provisionais para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario.

Mediante as resolucións desta dirección xeral, do 26 e do 28 de decembro de 2022 (DOG núm. 4, do 5 de xaneiro de 2023), realizouse a convocatoria excepcional do proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario.

Mediante a resolución deste mesmo centro directivo, do 11 de abril de 2023 (DOG núm. 77, do 21 de abril), publicouse a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario polo sistema de concurso de méritos, tendo finalizado o prazo de emenda previsto na base sexta da resolución de convocatoria.

A base oitava das resolucións da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 26 e do 28 de decembro de 2022, de convocatoria dos procesos, dispón que, realizada polo respectivo tribunal a baremación dos méritos achegados polas/os aspirantes, a Dirección Xeral de Recursos Humanos publicará no Diario Oficial de Galicia o anuncio da súa exposición, con indicación da puntuación provisional obtida por cada aspirante nas distintas epígrafes, a correspondente á acreditación do coñecemento da lingua galega, de ser o caso, así como a valoración total do concurso de méritos.

De conformidade coas ditas bases, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Declarar, con carácter definitivo, as persoas aspirantes admitidas e excluídas no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso nas categorías de persoal estatutario:

1. Enfermeiro/a especialista en obstetricia-xinecoloxía (matrón/a).

2. Enfermeiro/a especialista en saúde mental.

3. Fisioterapeuta.

4. Terapeuta ocupacional.

5. Técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico.

6. Técnico/a superior en hixiene bucodental.

7. Celador/a.

8. Grupo auxiliar da función administrativa.

9. Técnico/a superior de sistemas e tecnoloxías da información.

10. Técnico/a xestión de sistemas e tecnoloxías da información.

Segundo. As puntuacións provisionais, así como as listas coa relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as, con indicación do motivo de exclusión, nas categorías relacionadas na epígrafe anterior poderanse examinar na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Cada aspirante poderá consultar o estado da solicitude, ademais da puntuación obtida nas distintas epígrafes do baremo, no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos/concurso de méritos.

Coa finalidade de dotar de transparencia o proceso, ao existiren aspirantes empatados, publicarase na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) a información que permitirá verificar a correcta aplicación do criterio de desempate establecido na base 8.1.6 das resolucións de convocatoria dos distintos procesos.

Terceiro. Contra as listas definitivas de admitidos/das e excluídos/das, as persoas excluídas poderán interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous (2) meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpor recurso de reposición, ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao desta publicación.

Cuarto. De conformidade coa base oitava das resolucións do 26 e do 28 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, de convocatoria do proceso, os/as aspirantes admitidos/as poderán presentar reclamación, ante o propio tribunal, no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para formularen reclamación contra os resultados da baremación provisional. Tales reclamacións serán rexeitadas ou admitidas na resolución definitiva, que aprobará esta dirección xeral e que se publicará no Diario Oficial de Galicia, logo da análise das reclamacións polo tribunal, que efectuará, de ser o caso, as oportunas correccións, aprobará as puntuacións definitivas de méritos do concurso e elevaraas á autoridade convocante.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2024

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos