DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2024 Páx. 7009

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR802O).

A Constitución española, no seu artigo 129.2, encoméndalles aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada, das sociedades cooperativas.

A Comunidade Autónoma galega asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, ampliando a recollida no artigo 28.7 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En uso da referida competencia, ditouse a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, a cal recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, e crea o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na Comunidade Autónoma.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, co fin de difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia, establece as bases reguladoras para o certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado dos centros educativos de Galicia, e aproba a súa convocatoria para o ano 2024. A súa concreción e realización levarase a cabo de xeito coordinado polas consellerías de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade e de Promoción de Emprego e Igualdade, na liña dos obxectivos do Plan de emprendemento no sistema educativo de Galicia.

Sobre as bases reguladoras do certame, así como sobre a súa convocatoria para o ano 2024, emite informe o Consello Galego de Cooperativas.

Por todo o exposto, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Bases reguladoras do Certame cooperativismo no ensino dirixido ao alumnado dos centros educativos de Galicia

Artigo 1. Finalidade

1. O certame Cooperativismo no ensino ten por obxecto difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia, impulsando a realización de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.

2. No desenvolvemento das actividades deberanse potenciar e propiciar os valores e principios que inspiran o cooperativismo, tales como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada.

3. O código do procedemento para a tramitación destes premios é o TR802O.

Artigo 2. Procedemento

1. Os premios concederanse por concorrencia competitiva, segundo o procedemento baseado no artigo 19 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. O procedemento iniciarase de oficio coa publicación no Diario Oficial de Galicia da correspondente convocatoria pública, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Participantes

1. Poden participar no certame os centros educativos de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial, presentando os traballos elaborados polo seu alumnado, segundo as modalidades e nos termos previstos nestas bases.

2. Non poderán participar as persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, en quen concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Modalidades

O alumnado dos centros educativos de Galicia poderá presentar os traballos nas seguintes modalidades:

a) Actividades artísticas, dirixida ao alumnado dos centros de educación infantil, primaria e educación especial.

b) Actividades cooperativizadas, dirixida ao alumnado dos centros de educación secundaria obrigatoria e educación especial.

c) Proxectos empresariais cooperativos, dirixida ao alumnado dos centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.

Artigo 5. Modalidade de actividades artísticas

1. O alumnado dos centros de educación infantil, primaria e educación especial poderá presentar a este concurso calquera produción artística en modalidade gráfica ou audiovisual, tal como debuxos, pinturas, maquetas, fotografías, vídeos ou calquera tipo de creación dixital, realizados de forma colectiva, en que se reflicta a posta en práctica dos valores e principios cooperativos.

2. En cada traballo deberán participar, como mínimo, tres alumnos ou alumnas.

3. Establécense as seguintes categorías:

a) Categoría A: alumnado de 2º ciclo de educación infantil.

b) Categoría B: alumnado de 1º e 2º de educación primaria.

c) Categoría C: alumnado de 3º e 4º de educación primaria.

d) Categoría D: alumnado de 5º e 6º de educación primaria.

No caso de traballos realizados conxuntamente por alumnado pertencente a diferentes cursos, o centro educativo deberá presentalos á categoría a que pertenza a maioría do alumnado participante.

4. Os traballos presentados poderán optar aos seguintes premios:

a) Un premio ao mellor traballo de cada categoría.

b) Un accésit por cada categoría.

5. Condicións técnicas.

a) Os traballos de debuxo, pintura e elaboración de maquetas presentaranse en formato e soporte libre, empregando as técnicas que o alumnado decida. As súas dimensións, unha vez expostas, non poderán exceder os 1,5 metros en calquera das súas dimensións. Poderán ser excluídos automaticamente aqueles traballos que excedan as citadas medidas.

b) Os traballos de fotografía presentaranse en formato dixital, arquivos JPG, RAW ou TIFF.

c) No caso de vídeos, as producións presentaranse en formato admitido e compatible coa sede electrónica da Xunta de Galicia. A súa duración non poderá exceder os 5 minutos.

d) O resultado das creacións dixitais presentarase nos formatos indicados para fotografía ou vídeo, segundo corresponda.

e) Todos os textos, locucións e grafismos empregados nos traballos deberán utilizar o galego.

f) Todos os traballos deberán estar correctamente identificados cos seguintes datos: título do traballo, nome e localidade do centro escolar participante e categoría en que participa.

Non se admitirá ningún traballo en soporte distinto dos anteriores ou que non respecte as condicións indicadas.

Artigo 6. Modalidade de actividades cooperativizadas

1. O alumnado dos centros de educación secundaria obrigatoria e de educación especial poderá presentar a este concurso as memorias de actividades realizadas cooperativamente por grupos de alumnos ou alumnas. As actividades poderán consistir, entre outras, na creación de cooperativas escolares, organización de eventos ou festivais, obras de teatro, campionatos deportivos, xornais, páxinas web, programas de radio ou actividades de voluntariado.

2. En cada traballo deberán participar, como mínimo, tres alumnos ou alumnas.

3. Os traballos presentados poderán optar aos seguintes premios:

a) Un premio ao mellor traballo.

b) Un accésit.

A memoria dos traballos realizados describirá o proceso de elaboración e realización da actividade de xeito que indique:

a) Título do traballo.

b) Definición dos obxectivos, aclarando as metas que se pretenden acadar e os beneficios de tipo cooperativo que se espera que reporte a actividade.

c) Asignación de tarefas. Débese dividir o traballo en partes e decidir que persoa ou persoas se encargan de cada unha delas. Para isto é importante ter en conta os intereses de cadaquén, as súas posibilidades, coñecementos, preferencias etc.

d) Tarefas desenvolvidas. Débese especificar que tipo de recursos se precisan para levar a cabo a actividade e cales deles se utilizan. Estes poden ser de tipo material, documental, económico etc. Tamén é necesario precisar a maneira de obtelos.

e) Dinámica das reunións. Para que o traballo estea coordinado hai que celebrar reunións periódicas para poñer en común o realizado, así como para establecer cales son as seguintes tarefas, os prazos, as persoas encargadas de realizalas e calquera decisión sobre a marcha do proxecto. Para este fin, débense redactar as actas das reunións en que se deixe constancia de todo isto.

f) Resultado final.

Esta memoria deberá estar redactada en galego e terá unha extensión máxima de 6 follas DIN A4 escritas por unha soa cara. Engadiranse, como anexos, o resultado final e os documentos precisos para xustificar a realización do proxecto, nas súas diferentes etapas, tales como fotografías da realización, documentos, materiais realizados e actas das reunións, debidamente identificados co nome do centro e o título do proxecto. Toda a documentación se presentará en formato electrónico.

Artigo 7. Modalidade de proxectos empresariais cooperativos

1. O alumnado dos centros educativos que impartan formación profesional específica e ensinanzas de réxime especial, nos cales se realizasen actividades de fomento e divulgación do cooperativismo, poderán presentar a este concurso os proxectos empresariais elaborados por eles, baixo a modalidade de proxectos empresariais cooperativos.

2. Na elaboración de cada proxecto deberán participar, como mínimo, tres alumnos ou alumnas, que deberán estar dirixidos por un profesor ou profesora, ou un director ou directora.

3. Os traballos presentados poderán optar aos seguintes premios:

a) Un premio ao mellor proxecto.

b) Un accésit ao proxecto finalista.

Así mesmo, o mellor proxecto e o accésit poderán entrar a formar parte dos programas de emprendemento na economía social e mentorización que desenvolve a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

4. Os proxectos deberán desenvolver o proceso completo de posta en marcha dun proxecto empresarial, baixo a fórmula cooperativa, orixinal, coherente e viable economicamente.

Os proxectos deberán estar correctamente identificados co título do traballo e o nome do centro participante.

Deberán estar redactados en galego e presentaranse en formato electrónico, acompañados dunha ficha resumo segundo o modelo que pode obterse na sección de axudas e subvencións da web https://empregoeigualdade.xunta.gal/ así como dun currículo do grupo (nomes, apelidos, idades e estudos do alumnado).

Artigo 8. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 9. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representación da persoa que asina como solicitante.

b) Traballos que se presentan ao certame segundo se indica:

• Modalidade de actividades artísticas: debuxos, pinturas, maquetas, fotografías, vídeos ou calquera tipo de creación dixital, de conformidade co sinalado no artigo 5.

• Modalidade de actividades cooperativizadas: memorias das actividades realizadas cooperativamente, segundo o sinalado no artigo 6.

• Modalidade de proxectos empresariais cooperativos: proxectos, ficha resumo e currículo do grupo, segundo o sinalado no artigo 7.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada a calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente, con excepción dos traballos a que se refire a letra a) do parágrafo 5 do artigo 5 (debuxos, pinturas ou maquetas que non sexan de creación dixital), que se deberán entregar, debidamente identificados, na Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social (Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Edificio Administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela). Poderase utilizar calquera tipo de envío sempre que garanta a entrega no lugar e prazo previsto na convocatoria.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude a súa participación na modalidade de actividades artísticas ou na modalidade de actividades cooperativizadas:

Só para as modalidades de actividades artísticas e actividades cooperativizadas, a seguinte documentación:

c) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social.

e) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

Consultaranse, ademais, na fase de xustificación e pagamento, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude a súa participación na modalidade de proxectos empresariais cooperativos:

g) DNI/NIE das persoas participantes.

h) DNI/NIE da persoa representante.

i) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

j) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral de Seguridade Social.

k) Certificación de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.

l) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Instrución do procedemento

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Economía Social da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, que se encargará de comprobar que as solicitudes e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta orde. No suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá a persoa interesada para que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días. Se non o fixer, terase por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21, en relación co artigo 68, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Poderase requirir das persoas interesadas aquela información e documentación complementaria que poida resultar relevante para a avaliación dos méritos alegados.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta do correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarse a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo.

Artigo 14. Tribunais e criterios de avaliación

1. Os traballos que participen nas modalidades de actividades artísticas e actividades cooperativizadas serán avaliados por un tribunal composto polos seguintes membros:

a) Dúas persoas nomeadas polas asociacións de cooperativas presentes no Consello Galego de Cooperativas.

b) Dúas persoas, nomeadas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

c) Unha persoa adscrita á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social designada pola súa persoa titular, que o presidirá.

O tribunal emitirá proposta sobre os traballos presentados tendo en conta os seguintes criterios de valoración:

• Representación dos valores e actitude que representa o cooperativismo, ata 25 puntos.

• Grao de organización amosado na realización do traballo polo grupo, ata 25 puntos.

• Orixinalidade do traballo e tema elixido, ata 25 puntos.

• Calidade final do traballo presentado, ata 25 puntos.

2. Os proxectos presentados á modalidade de proxectos empresariais cooperativos serán avaliados por un tribunal composto polos seguintes membros:

a) Dúas persoas nomeadas polas asociacións de cooperativas presentes no Consello Galego de Cooperativas.

b) Unha persoa nomeada pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

c) Unha persoa técnica especialista en cooperativismo nomeada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

d) Unha persoa adscrita á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social designada pola súa persoa titular, que o presidirá.

O tribunal emitirá proposta sobre os proxectos presentados tendo en conta os seguintes criterios de valoración:

• A coherencia do traballo, ata 25 puntos.

• A orixinalidade do tema elixido, ata 25 puntos.

• A viabilidade económica do proxecto, ata 25 puntos.

• A relación coa contorna onde se desenvolve, ata 25 puntos.

3. Os tribunais poderán propoñer que se declaren os premios desertos ou conceder premios compartidos. De existiren premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan de xeito compartido.

4. Os tribunais non poderán propoñer a un mesmo centro como gañador do premio ao mellor traballo e do accésit nunha mesma categoría da modalidade de actividades artísticas, ou na mesma modalidade no caso de actividades cooperativizadas e de proxectos empresariais cooperativos. No caso de que os dous traballos que acaden a maior puntuación nunha mesma categoría correspondan a un mesmo centro, o tribunal deberá propoñer como gañador do accésit ao centro cuxo traballo obtivera a puntuación seguinte.

5. Na composición do tribunal procurarase acadar a presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 15. Apoio aos centros educativos para a realización de actividades de promoción do cooperativismo

Co obxecto de facilitar a realización das actividades de promoción do cooperativismo, os centros educativos poderán solicitar asesoramento en materia dos principios e valores cooperativos a través de escrito dirixido á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Artigo 16. Resolución e recursos

1. Á vista da deliberación do tribunal, contida na acta da sesión en que se concrete a súa valoración para o outorgamento dos premios, a persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social resolverá, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a concesión dos premios, que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na web https://empregoeigualdade.xunta.gal/, e notificaráselles aos centros de ensino premiados.

2. O prazo para ditar e notificar as resolucións será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa. Así mesmo, poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior é de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Xustificación e pagamento

1. Os importes dos premios correspondentes ás modalidades de actividades artísticas e de actividades cooperativizadas serán aboados aos centros de ensino gañadores de oficio pola Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

2. No prazo indicado na convocatoria, os centros premiados deberán remitir a seguinte documentación xustificativa do destino do importe recibido:

a) Facturas xustificativas da adquisición do material didáctico, audiovisual, informático ou deportivo, ou do custo da realización dunha actividade formativa, deportiva ou cultural dirixida ao alumnado do centro ou, na modalidade de actividades cooperativizadas, as facturas xustificativas dos gastos relativos a proxectos emprendedores cooperativos do centro educativo no caso de que este decidise destinar a totalidade ou parte do premio á realización destes proxectos emprendedores.

b) Memoria explicativa indicando o obxecto do gasto, xustificación deste e alumnado beneficiario.

c) Declaración asinada pola persoa que ocupe a dirección do centro que acredite a conformidade das facturas presentadas, así como o xustificante bancario de transferencia conforme foi aboada a factura ou facturas que se presentan como xustificación do premio outorgado.

3. Os importes dos premios correspondentes á modalidade de proxectos empresariais cooperativos serán aboados ás persoas autoras do proxecto. Para iso, o centro responsable do proxecto premiado deberá presentar a solicitude de pagamento segundo o modelo que figura como anexo II a esta orde, xunto coa seguinte documentación xustificativa, no prazo indicado na convocatoria:

a) Declaración asinada por toda as persoas autoras do proxecto que acredite as contías atribuídas individualmente a cada un delas.

b) Memoria das xestións realizadas para a posta en marcha do proxecto, se é o caso. A memoria deberá incluír a acta da asemblea constituínte da cooperativa, no caso de terse celebrado, cos datos de identificación das persoas integrantes (nome e apelidos, domicilio e DNI).

c) Datos identificativos de cada unha das persoas participantes segundo o modelo anexo III, asinado por cada participante.

4. A xustificación deberá presentarse por medios electrónicos.

Artigo 19. Financiamento e normativa reguladora

1. A concesión dos premios realizarase con cargo aos recursos económicos asignados á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega. As aplicacións orzamentarias e os importes asignados a estes premios figurarán nas oportunas convocatorias.

2. As solicitudes, a súa tramitación e concesión axustaranse a estas bases e ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no artigo 4 do citado artigo.

Artigo 21. Condicións xerais de participación

1. O outorgamento dos premios establecidos neste certame implica, sen necesidade de declaración ningunha por parte das persoas autoras, o recoñecemento do dereito a favor da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, de reproducir, traducir e difundir os traballos premiados nas condicións, cos medios e a través dos suxeitos, entidades ou institucións que consideren oportunos.

2. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade reserva para si o dereito a difundir o nome e/ou imaxes das persoas e centros gañadores, polos medios e formas de comunicación que crean convenientes durante todo o tempo que considere necesario e sen obriga de realizar ningunha compensación. Considérase que as persoas participantes no certame prestaron o seu consentimento ao presentaren os traballos.

3. As persoas e entidades concursantes exoneran de toda responsabilidade a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, no caso de que os traballos resulten danados ou destruídos por caso fortuíto ou forza maior, mentres estean no seu poder. Os centros poderán recoller os traballos presentados nun prazo de tres meses a partir do día da entrega dos premios.

4. A participación neste certame implica a aceptación incondicional destas bases que teñen carácter administrativo, e os seus efectos réxense polo establecido nas súas cláusulas e, na súa falta, pola normativa xeral que lle sexa de aplicación.

Artigo 22. Obrigas da persoas beneficiarias, compatibilidade e reintegro

1. As persoas e entidades beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, a achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os premios serán compatibles con calquera outro premio, subvención ou axuda para a mesma finalidade.

3. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

CAPÍTULO II

Convocatoria do certame Cooperativismo no ensino para o ano 2024

Artigo 23. Convocatoria

Convócase para o ano 2024 o certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado dos centros educativos de Galicia.

Artigo 24. Prazo de presentación de solicitudes e traballos

O prazo de presentación das solicitudes comeza ao día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e remata o 30 de abril de 2024.

Artigo 25. Contía dos premios

1. Os traballos presentados á modalidade de actividades artísticas dirixida ao alumnado dos centros de educación infantil, primaria e educación especial, e á modalidade de actividades cooperativizadas, dirixida ao alumnado dos centros de educación secundaria obrigatoria e educación especial, nas súas distintas categorías, poderán optar aos seguintes premios:

• Un premio ao mellor traballo de cada categoría: os centros de ensino premiados en cada categoría recibirán a cantidade de 2.500 euros destinados á adquisición de material didáctico, audiovisual, informático ou deportivo, así como á celebración dunha actividade formativa, cultural, deportiva dirixida ao alumnado do centro. Na modalidade de actividades cooperativizadas o centro poderá optar por destinar a totalidade ou parte do premio acadado á posta en marcha de proxectos emprendedores cooperativos no propio centro educativo co obxecto de que podan entrar a formar parte dos programas de emprendemento na economía social e mentorización que desenvolve a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

• Un accésit por cada categoría: os centros de ensino premiados en cada categoría recibirán a cantidade de 1.500 euros destinados á adquisición de material didáctico, audiovisual, informático ou deportivo, así como á celebración dunha actividade formativa, cultural, deportiva dirixida ao alumnado do centro. Na modalidade de actividades cooperativizadas o centro poderá optar por destinar a totalidade ou parte do premio acadado á posta en marcha de proxectos emprendedores cooperativos no propio centro educativo co obxecto de que podan entrar a formar parte dos programas de emprendemento na economía social e mentorización que desenvolve a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Poderanse acumular os importes dos distintos premios no caso de que o centro resulte gañador de máis dun premio.

2. Os traballos presentados á modalidade de proxectos empresariais cooperativos, dirixida ao alumnado dos centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial, poderán optar aos seguintes premios:

• Un premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo coa seguinte dotación:

– Un premio de 4.500 euros, que se repartirá entre o alumnado que elaborou o proxecto premiado.

• Un accésit coa seguinte dotación:

– Un premio de 3.500 euros, que se repartirá entre o alumnado que elaborou o proxecto finalista.

Os traballos que obteñan o mellor proxecto empresarial cooperativo e o accésit poderán entrar a formar parte dos programas de emprendemento na economía social e mentorización que desenvolve a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Artigo 26. Prazo de presentación da documentación xustificativa

1. Na modalidade de actividades artísticas e de actividades cooperativizadas, o prazo de presentación da documentación xustificativa do destino do importe recibido rematará o 2 de decembro de 2024.

2. Na modalidade de proxectos empresariais cooperativos, o prazo de presentación da documentación xustificativa para o pagamento destes premios rematará o 31 de outubro de 2024. Non obstante, esta documentación tamén poderá presentarse xunto coa solicitude.

Artigo 27. Financiamento

A concesión dos premios previstos nesta convocatoria realizarase con cargo aos recursos económicos asignados á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, aplicación 13.30.324C.480.1, da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, ata un importe máximo de 28.000 euros.

Artigo 28. Tramitación anticipada

Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no cal se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, e tamén de conformidade coa Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, que posibilitan a tramitación anticipada dos expedientes de gasto no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vai imputar o correspondente gasto.

Deste xeito, a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Disposición adicional. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para resolver a concesión dos premios previstos nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, ou a súa revogación, así como para resolver os procedementos de reintegro dos importes indebidamente percibidos, segundo o establecido no artigo 6 da Orde do 29 de setembro de 2021 sobre delegación de competencias en diversos órganos desta consellería.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e as instrucións necesarias para o desenvolvemento e o cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file