DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2024 Páx. 7091

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 17 de xaneiro de 2024 pola que se modifica a Orde do 8 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Nova oportunidade das persoas traballadoras autónomas, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (código de procedemento TR790A) e se procede á súa convocatoria para o ano 2022, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19.

O 10 de agosto de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, do 8 de agosto de 2022, pola que se establecen as bases reguladoras do programa Nova oportunidade das persoas traballadoras autónomas, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (código de procedemento TR790A) e se procede á súa convocatoria para o ano 2022.

As bases das axudas reguladas nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que de acordo coa finalidade e obxecto deste réxime non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na persoa solicitante dos requisitos establecidos ata o esgotamento do crédito orzamentario.

A competencia para coñecer, resolver e propoñer os correspondentes pagamentos das subvencións previstas nesta orde corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, á persoa titular da Secretaria Xeral de Apoio o Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Unha vez rematada a fase de instrución das solicitudes recibidas na Secretaria Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación dos artigos 2, 3.1.a), 3.4, 5.1.a), 5.3, 14.2, 19.d), h), i), j) e k) e 21.8 da Orde do 8 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Nova oportunidade das persoas traballadoras autónomas, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (código de procedemento TR790A) e se procede á súa convocatoria para o ano 2022.

Un. O título da orde queda redactado como segue:

«ORDE do 17 de xaneiro de 2024 pola que se modifica a Orde do 8 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Nova oportunidade das persoas traballadoras autónomas, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (código de procedemento TR790A) e se procede á súa convocatoria para o ano 2022, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19».

Dous. O artigo 3.1.a) queda redactado da seguinte maneira:

a) Bono alta nova oportunidade, cunha dotación orzamentaria de 4.200.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 11.04.322C.470.6, código de proxecto 2017 00021.

Dentro deste Bono alta nova oportunidade será financiado, nunha porcentaxe do 100 %, con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 un importe de 2.457.000 €, correspondente ás axudas que cumpren o disposto no artigo 4.1 destas bases reguladoras. Con encaixe no obxectivo temático 13: favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía; prioridade de investimento 13.1.: favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía; obxectivo específico 13.1.1.: apoiar o acceso ao mercado de traballo, a creación de postos de traballo e o emprego de calidade, así como o mantemento do emprego, incluído o emprego xuvenil, e o apoio aos traballadores por conta propia e aos emprendedores, e liña de actuación 500: programa de rescate das persoas traballadoras autónomas e microempresas afectadas pola crise da COVID-19.

Tres. Nos artigos 2, 3.4, 5.1.a), 5.3, 14.2, 19.d), h), i), j) e k) e 21.8, as referencias ao cofinanciamento co FSE son modificadas pola referencia ao financiamento con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, tal e como segue:

Artigo 3.4

4. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa. No caso do Bono alta nova oportunidade, ao tratarse de axudas financiadas parcialmente con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, é necesario o informe favorable previo da modificación orzamentaria por parte do organismo intermedio do PO FSE Galicia 2014-2020 (actualmente, a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos).

Artigo 2

As solicitudes, tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; Lei 17/2021, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; nos regulamentos (UE) nos 1407/2013, 1408/2013 e 714/2014 da Comisión Europea, relativo ás axudas de minimis, e nesta orde.

Ademais, no caso do Bono alta nova oportunidade, por tratarse de subvencións financiadas parcialmente con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, será de aplicación a seguinte normativa comunitaria: o Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013), e o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, modificados polo Regulamento (UE; Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1296/2013, (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013, (UE) nº 1304/2013, (UE) nº 1309/2013, (UE) nº 1316/2013, (UE) nº 223/2014 e (UE) nº 283/2014 e a Decisión nº 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) nº 966/2012, o Regulamento (UE) nº 2020/460, do Parlamento e do Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao brote da COVID-19 (Iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus), o Regulamento (UE) nº 2020/558 do Parlamento e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifica, entre outros, Regulamento (UE) nº 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao brote da COVID-19, o Regulamento (UE) nº 2020/2221 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de decembro de 2020 polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 1303/2013 no que respecta aos recursos adicionais e as disposicións de execución a fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía (REACT UE), así como na Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020.

Artigo 5.1.a)

1. As axudas consistirán en dous tipos de bonos:

a) Bono alta nova oportunidade: concederase unha axuda de 9.000 € ás persoas que cumpran os requisitos establecidos no artigo 4. As axudas do Bono alta nova oportunidade estarán financiadas parcialmente con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

Artigo 5.3

3. No caso do Bono alta nova oportunidade, ao tratarse de axudas financiadas parcialmente con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Ademais, no caso particular das axudas do Bono alta nova oportunidade, financiadas parcialmente con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e da Igualdade, ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 14.2

2. No caso do Bono alta nova oportunidade, por tratarse de axudas financiadas parcialmente con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 que inclúen algún requisito de mantemento do emprego ou da actividade, a persoa solicitante da axuda autoriza o organismo intermedio do PO FSE Galicia 2014-2020 (actualmente, a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos) para consultar a información da Administración pública competente relativa ao cumprimento do dito mantemento.

Artigo 19.d), h), i), j) e k)

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Ademais, no caso particular das axudas do Bono alta nova oportunidade, financiadas parcialmente con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Promoción do Emprego e da Igualdade, ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

h) No caso particular das axudas do Bono alta nova oportunidade, financiadas parcialmente con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, facilitar a información necesaria relativa ao desenvolvemento da actividade, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, e presentar os indicadores de produtividade e resultado a que se refire o anexo I do Regulamento (UE) nº 1304/2013, modificado polo Regulamento (UE) nº 2018/1046, a través da aplicación Participa 1420 ou segundo o modelo que estará á súa disposición na páxina web da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Neste senso, na súa cobertura deberá respectarse o principio de integridade dos datos.

Os indicadores de produtividade relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do ou da participante coa actividade subvencionada, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao momento do cumprimento dos prazos de mantemento da condición de persoa traballadora autónoma a que se refire a alínea a) deste artigo. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade cofinanciada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento.

Para estes efectos, seralles facilitado ás entidades beneficiarias o acceso á aplicación Participa 1420.

i) No caso particular das axudas do Bono alta nova oportunidade, financiadas parcialmente con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, someterse ás actuacións de comprobación e control e facilitar toda a información requirida polos órganos verificadores que se estableza en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, que incluirán as correspondentes visitas sobre o terreo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

j) No caso particular das axudas do Bono alta nova oportunidade, financiadas parcialmente con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, manter unha pista de auditoría suficiente, manter de forma separada na contabilidade o ingreso da axuda percibida e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante un prazo de dous anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas anuais en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. De ser o caso, o comezo deste prazo será oportunamente comunicado polo organismo intermedio do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (actualmente, a Dirección Xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos).

k) No caso particular das axudas do Bono alta nova oportunidade, financiadas parcialmente con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, cumprir coas medidas de comunicación e información establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do 17 de decembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) núm. 2018/1046 e polo Regulamento (UE) nº 2020/2021. En particular, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e a referencia ao Fondo Social Europeo e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

Artigo 21.8

Para o caso particular das axudas do Bono alta nova oportunidade, financiadas parcialmente con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020:

a) Reintegro do 10 % da axuda recibida por incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas incompatibles.

b) Reintegro do 100 % do importe da subvención percibida máis xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder por incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas incompatibles.

c) Reintegro do 5 % da axuda recibida por incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas compatibles.

d) Reintegro do exceso percibido máis xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder por incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas compatibles.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2024

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do
Emprego e Igualdade