DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 29 de xaneiro de 2024 Páx. 8707

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 2024 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de técnicos facultativos, especialidades de enfermaría e educador social.

A disposición adicional primeira do Decreto 62/2021, do 8 de abril (DOG núm. 73, do 20 de abril), do Decreto 217/2022, do 22 de decembro (DOG núm. 245, do 27 de decembro) e do Decreto 143/2023, do 9 de novembro (DOG núm. 214, do 10 de novembro), polos que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2021, 2022 e 2023, establece que poderán convocarse nun único proceso selectivo as prazas correspondentes á oferta de emprego público de anos anteriores, cuxo proceso selectivo non se convocou.

En desenvolvemento do disposto nos artigos 12 e 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establécese a obrigatoriedade do uso de medios electrónicos na inscrición das solicitudes de participación neste proceso selectivo.

Por conseguinte, de conformidade co establecido no Decreto 143/2023, do 9 de novembro (DOG núm. 214, do 10 de novembro), polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia (en diante LEPG),

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre e de promoción interna, no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de técnicos faculativos, especialidades de enfermaría e educador social.

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir as prazas do corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de técnicos facultativos, especialidades de enfermaría e educador social que se indican no anexo I desta resolución, das seguintes ofertas de emprego público:

Proceso selectivo

Oferta emprego público

2021

2022

2023

Especialidade de enfermaría

12

15

15

Especialidade de educador social

13

8

Resérvanse para seren cubertas pola quenda de promoción interna as prazas que se indican no anexo I desta resolución.

As prazas non cubertas por esta quenda acumularanse ás de acceso libre.

O sistema selectivo será o de oposición.

I.1.1. De conformidade co Decreto 62/2021, do 8 de abril, na especialidade de enfermería, do total de prazas convocadas en 2021 resérvase unha (1) praza para ser cuberta por persoas con discapacidade cun grao de minusvalía igual ou superior ao 33 %.

Segundo o Decreto 217/2022, do 22 de decembro, na especialidade de enfermería, do total de prazas convocadas en 2022 resérvanse dúas (2) prazas para seren cubertas por persoas con discapacidade cun grao de minusvalía igual ou superior ao 33 %.

De conformidade co Decreto 143/2023, do 9 de novembro, do total de prazas convocadas en 2023 resérvase unha (1) praza na especialidade de enfermería e unha (1) praza na especialidade de educador social, para seren cubertas por persoas con discapacidade cun grao de minusvalía igual ou superior ao 33 %.

As prazas reservadas para as persoas con discapacidade que queden desertas acumularanse ás de acceso libre.

Se algunha persoa aspirante con discapacidade que se presenta pola cota de reserva de persoas con discapacidade supera os exercicios, pero non obtén praza, e a súa puntuación é superior á obtida por outras persoas aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluída pola súa orde de puntuación neste sistema.

De conformidade co disposto no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, durante os procesos selectivos darase un tratamento diferenciado ás persoas aspirantes pola cota de discapacidade, no que se refire ás relacións de persoas admitidas e excluídas, aos chamamentos aos exercicios e á relación de persoas aprobadas. Non obstante, ao finalizar cada exercicio e o proceso elaborarase unha relación única na que se incluirán todas as persoas aspirantes que o superasen, ordenadas pola puntuación total obtida, con independencia do tipo de praza pola que participasen.

I.1.2. As persoas que, cumprindo os requisitos establecidos na base I.1.1, opten ás prazas reservadas para persoas con discapacidade deberán indicalo expresamente na solicitude. De non indicalo entenderase que non optan por esta reserva.

As persoas aspirantes só poderán participar nunha das quendas citadas.

I.1.3. De ser o caso, as aclaracións ou as correccións deberán realizarse no prazo de alegacións ás listaxes provisionais de persoas admitidas.

I.1.4. Ao presente proceso selectivo seralle aplicable o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público (en diante TRLEBEP), a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, a Lei 2/2015 do 29 de abril, de emprego público de Galicia, o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia; e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos das persoas aspirantes.

Para seren admitidas aos procesos selectivos as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización da presentación de solicitudes de participación e manter ata o momento da toma de posesión, como persoal funcionario de carreira, os seguintes requisitos:

I.2.1. Promoción interna.

I.2.1.1. Idade: non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.1.2. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título universitario oficial que se indica no anexo II desta resolución.

Para os efectos desta convocatoria o termo de equivalente entenderase referido exclusivamente ás titulacións que, a consecuencia da implantación de novos estudos adaptados ás sucesivas reformas educativas, viñeron a substituír ás titulacións extinguidas.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtiveran o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións do dereito da Unión Europea.

I.2.1.3. Pertencer como persoal funcionario de carreira a algún dos corpos ou escalas integrados no subgrupo C1 da administración xeral e administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e grupo B da administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (corpo administrativo ou corpo de axudantes de carácter facultativo ou corpo de técnicos de carácter facultativo) ou ter a condición de persoal laboral fixo pertencente ao grupo III do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

Queda expresamente excluído o persoal laboral indefinido non fixo.

I.2.1.4. Ter prestado servizos efectivos, durante polo menos dous anos, como persoal funcionario, subgrupo C1, da administración xeral e administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e grupo B da administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (corpo administrativo ou corpo de axudantes de carácter facultativo ou corpo de técnicos de carácter facultativo) ou posuír dous anos de antigüidade como persoal laboral fixo do grupo III do Convenio Colectivo único na categoría desde a cal accede.

Quedarán exentos do cumprimento deste requisito, as persoas aspirantes que adquirisen a condición de persoal funcionario de carreira do corpo administrativo ou corpo de axudantes de carácter facultativo ou corpo de técnicos de carácter facultativo (subgrupo C1 e grupo B), como consecuencia da superación dalgúns dos procesos de funcionarización convocados ao abeiro do Decreto 165/2019, do 26 de decembro, polo que se establece o procedemento para a adquisición da condición de persoal funcionario de carreira polo persoal laboral fixo do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, sempre que teña unha antigüidade mínima de dous anos na categoría profesional tida en conta no proceso de funcionarización.

Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais (artigo 168 da LEPG), na situación de excedencia por coidado de familiares (artigo 176 da LEPG), na situación de excedencia por razón de violencia de xénero (artigo 177 da LEPG) e na situación de excedencia por razón de violencia terrorista (artigo 177.bis da LEPG).

Non se computarán en ningún caso os servizos prestados coa condición de persoal laboral indefinido non fixo.

I.2.1.5. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

I.2.1.6. Habilitación: non ter sido separada/o, nin despedida/o, mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

I.2.1.7. Non poderán participar no proceso selectivo o persoal funcionario de carreira que xa pertence á especialidade obxecto desta convocatoria á que pretende optar.

I.2.2. Acceso libre.

I.2.2.1. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.2.2. Nacionalidade:

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

c) Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, sexa aplicable a libre circulación de persoas traballadoras.

d) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar os seus descendentes e as/os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.2.3. Titulación: estar en posesión ou en condición de obter o título universitario oficial que se indica no anexo II desta resolución.

Para os efectos desta convocatoria o termo de equivalente entenderase referido exclusivamente ás titulacións que, a consecuencia da implantación de novos estudos adaptados ás sucesivas reformas educativas, viñeron a substituír ás titulacións extinguidas.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación as persoas aspirantes que obtiveran o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de Dereito da Unión Europea.

I.2.2.4. Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

I.2.2.5. Habilitación: non ter sido separada/o, nin despedida/o, mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

I.2.2.6. Ademais dos requisitos anteriores, as persoas aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacidade, terán que ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación e mantelo ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira.

I.2.2.7. Non poderán participar no proceso selectivo o persoal funcionario de carreira que xa pertence á especialidade obxecto desta convocatoria á que pretende optar.

I.3. Solicitudes.

I.3.1. As solicitudes presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado accesible no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica, seguindo a ruta «Procesos selectivos»–«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos». Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365) e deberán pagar a taxa que estea vixente no momento de presentala que esixe a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co procedemento que se sinala nos seguintes parágrafos.

Despois de premer a modalidade de solicitude elixida, as persoas aspirantes deberán rexistrar os seus datos de identidade e contacto que se empregarán para as súas solicitudes.

Unha vez completados os datos dos solicitante poderase iniciar o proceso de inscrición.

As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude, no apartado de «Idioma do exame», se o texto do cuestionario do exercicio deberá de entregarse en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a súa solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar esta opción elixida.

As persoas aspirantes deberán declarar as circunstancias particulares nas que se atopen relativas ao pago de taxas.

As persoas aspirantes con discapacidade poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.

Se a solicitude derivase dunha circunstancia sobrevida, deberán solicitar a adaptación necesaria no prazo dun mes dende que se producise o feito causante e en calquera caso nas 24 horas seguintes á publicación da convocatoria para a realización do exercicio no que proceda a súa aplicación.

As persoas aspirantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán acreditar e presentar antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia autentica do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

I.3.2. O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

I.3.3. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude de participación e a través da aplicación informática, a seguinte documentación:

a) No suposto de non ter a nacionalidade española, documentación acreditativa de cumprir calquera das condicións previstas no artigo 52.1 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, reguladora do acceso ao emprego público de persoas nacionais doutros Estados.

b) Xustificante da condición de persoa con discapacidade no caso de estar expedido por outra comunidade autónoma.

c) Xustificante da condición de familia numerosa no caso de estar expedida por outra comunidade autónoma.

d) Os datos relativos á exención da taxa consultaranse automaticamente a non ser que as persoas interesadas se opoñan a consulta da documentación, para iso deberán indicalo no cadro correspondente e achegar a seguinte documentación:

– Persoas con discapacidade: certificado de discapacidade.

– Vítimas de terrorismo: resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición.

– Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

– Demandantes de emprego:

1º. Certificación expedida pola oficina de emprego na que conste que a persoa aspirante figura como demandante de emprego desde, polo menos, seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

2º. Certificación do Servizo Público de Emprego Estatal na que conste que na data de presentación da solicitude de participación no proceso selectivo non está a percibir a prestación ou o subsidio por desemprego.

Para a remisión electrónica, empregará os apartados habilitados aos efectos. Se non dispón de copias auténticas deberá xerar o anexo de documentación e achegar coa súa solicitude, orixinal ou copia debidamente compulsada, dos documentos xustificativos segundo os supostos en que se atopen.

De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

– As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe:

– As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

– As persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

– As vítimas do terrorismo, entendendo por tales, para os efectos regulados neste apartado, as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista e así o acreditasen mediante sentenza xudicial firme ou resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, o seu cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade ou cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.

I.3.4. Para o pagamento da taxa deberá actuar do seguinte xeito:

Pagamento electrónico: deberá introducir os datos da tarxeta, de crédito ou débito, ou bizum, na opción de pagamento electrónico e nese momento obterá o xustificante 730 correspondente.

Se ademais se emprega o certificado dixital, poderá realizarse o pagamento con cargo á conta da persoa titular do certificado das entidades que ofrecen esa posibilidade.

Pagamento presencial: deberá seleccionar esta opción na pantalla, imprimir o documento de pagamento (modelo 739) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle facilitará un exemplar selado como xustificante. Unha vez feito o pago presencial na entidade financeira, deberase acceder á solicitude pendente e continuar a inscrición. Introduciranse os datos relativos á data de ingreso e o NRC (Número de Rexistro Completo) correspondente. Unha vez completados os datos validarase o NRC premendo no botón «Validar NRC».

A Administración devolverá o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva, ou ben que non figuren en ningún das listaxes, que así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listas definitivas de admitidos e excluídos.

Para iso será necesario que a persoa interesada presente un escrito dirixido ao Servizo de Selección da Dirección Xeral da Función Pública, solicitando a devolución do importe ingresado en concepto de dereitos de exame, que introduza completo o seu número de conta bancaria na aplicación Fides, na epígrafe expediente > datos persoais e que acheguen o certificado expedido pola entidade financeira no que figuren os datos asociados a esa conta. A presentación fóra do prazo indicado deste escrito ou do certificado, ou a non introdución en prazo dos datos bancarios en Fides, supoñerá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente, salvo no suposto regulado no parágrafo seguinte.

Procederá a devolución do importe ingresado en concepto de dereitos de exame por aquelas persoas aspirantes que tiveran acadado un posto na mesma categoría, corpo, grupo, escala ou especialidade, en virtude dun proceso selectivo que se atope en execución e que á data da publicación da presente convocatoria non estivera rematado, sempre que non tiveran realizado ningún exercicio deste proceso e renuncien á participación nel. Para ter dereito a esta devolución as persoas interesadas deberán presentar escrito de renuncia no prazo de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listas definitivas de admitidos e excluídos. O escrito de renuncia dirixirase ao Servizo de Selección da Dirección Xeral da Función Pública e solicitarase a devolución do importe ingresado en concepto de dereitos de exame. A persoa interesada introducirá, ademais, o número de conta bancaria completo na aplicación Fides, na epígrafe expediente > datos persoais, e aportará o certificado expedido pola entidade financeira no que figuren os datos asociados a esa conta. A presentación fóra do prazo indicado do escrito, da renuncia ou do certificado ou a non introdución en prazo dos datos bancarios en Fides supoñerá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.

I.3.5. Finalizado correctamente o proceso de pagamento poderase presentar a solicitude.

Non poderá presentarse máis dunha solicitude de participación para unha mesma, escala ou categoría. No caso de presentar varias solicitudes para un mesma escala ou categoría, soamente se terá en conta a última presentada.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento, accedendo ao sistema en Inscricións en procesos selectivos onde disporá dunha listaxe de todas as solicitudes presentadas pola persoa aspirante.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as persoas aspirantes disporán de axudas e formas de contacto específicas en cada pantalla.

I.4. Admisión de aspirantes.

I.4.1. Unha vez expirado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no DOG, con indicación dos seus apelidos, nome e catro cifras numéricas aleatorias do documento nacional de identidade, e das causas das exclusións que procedan. Estas listaxes publicaranse no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica.

I.4.2. As persoas aspirantes excluídas, ou aquelas que non figuren nin como admitidas nin como excluídas, disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da dita publicación da resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

As alegacións contra as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas deberán presentarse a través do aplicativo fides http://fides.xunta.gal

As persoas aspirantes afectadas poderán acceder a solicitude correspondente e completar os documentos solicitados.

A estimación ou desestimación das ditas peticións de correccións entenderanse implícitas nunha nova resolución da Dirección Xeral da Función Pública que será publicada no DOG, pola que se aprobarán as listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas. Estas listaxes publicaranse no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica.

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos esixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar o proceso selectivo se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas aspirantes decaerán en todos os dereitos que puidesen derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

II.1. Oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo III desta resolución. Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite da data de publicación no DOG das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

As normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que figura no anexo III e que fosen derrogadas parcial ou totalmente, serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan á súa derrogación parcial ou total, con data límite da data de publicación no DOG das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas.

II.1.1. Exercicios.

As probas da oposición consistirán na superación dos seguintes exercicios, todos eles eliminatorios e obrigatorios.

II.1.1.1.Primeiro exercicio.

Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de cento sesenta (160) preguntas tipo test, relacionado co programa (anexo III).

O exercicio dividirase en dúas partes:

a) A primeira parte consistirá en contestar por escrito un cuestionario de contido teórico de cento trinta (130) preguntas tipo test, das cales trinta (30) corresponderán á parte común do programa e cen (100) á parte específica.

O exercicio disporá de seis (6) preguntas de reserva, das cales dúas (2) corresponderán á parte común do programa e catro (4) á parte específica e que substituirán ás preguntas anuladas de cada parte pola súa orde.

As persoas aspirantes da quenda de promoción interna estarán exentas de contestar ás preguntas da parte común do programa, polo que contestarán unicamente ás cen (100) preguntas da parte específica e ás correspondentes preguntas de reserva.

b) Na segunda parte as persoas aspirantes deberán resolver por escrito dous supostos de carácter práctico relacionados coas materias que figuran na parte específica do programa, cun total de trinta (30) preguntas tipo test, con quince (15) preguntas cada un dos supostos.

Cada suposto do exercicio dispoñerá de dúas (2) preguntas de reserva, que substituirán ás preguntas anuladas pola súa orde.

Nos supostos a) e b) as preguntas terán catro (4) respostas alternativas propostas polo tribunal, das cales só unha será a correcta.

Cada resposta incorrecta descontará un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. As preguntas adicionais de reserva serán valoradas só no caso de que se anule algunha das preguntas do exercicio.

O tribunal procurará que o número de preguntas garde a debida proporción co número e contido dos temas que integran o programa. Na elaboración das preguntas do presente exercicio respectarase a orde establecida nos parágrafos anteriores.

O tempo máximo de duración deste exercicio será de douscentos vinte (220) minutos.

No acceso pola quenda de promoción interna, superarán o exercicio as persoas aspirantes que acaden, en cada unha das partes. o 50 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Non obstante, de darse o caso de que o número de aspirantes que acaden, en cada unha das partes, o 50 % das respostas netas, sexa inferior ao número de prazas convocadas por esta quenda, superarán o exercicio as persoas aspirantes que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

No acceso libre, superarán este exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións ata completar o número máximo de persoas aspirantes determinado polo resultado de multiplicar por catro (4) o número de prazas convocadas por esta quenda sempre que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 50 %, das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes.

Non obstante, de darse o caso de que o número de aspirantes que acaden, en cada unha das partes, o mínimo do 50 % das respostas netas, sexa inferior ao resultado de multiplicar por catro o número de prazas convocadas, superarán o exercicio as persoas aspirantes que teñan as mellores puntuacións, ata acadar a devandita cifra, sempre que obtiveran, en cada unha das partes, o mínimo do 40 % das respostas correctas, unha vez feitos os descontos correspondentes

Para os efectos do previsto nos dous parágrafos anteriores, no que se refire ao número máximo de prazas convocadas pola quenda de acceso libre, terase en conta que as prazas non cubertas pola quenda de promoción interna acumularanse ás prazas convocadas pola quenda de acceso libre.

En calquera caso, lémbrase que soamente superarán o proceso selectivo aquelas persoas aspirantes que acaden as mellores puntuacións ata completar o número máximo de prazas convocadas, sempre que cumpran as condicións previstas nos parágrafos anteriores.

Ao remate da proba cada aspirante poderá obter copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e as respostas correctas no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica

O exercicio cualificarase de 0 a 50 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de vinte e cinco (25) puntos.

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A data de realización deste exercicio non terá lugar antes dos nove (9) meses posteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG.

II.1.1.2. Segundo exercicio.

O segundo exercicio consistirá no desenvolvemento por escrito de un (1) tema, a elixir entre tres (3) obtidos mediante sorteo de entre os que figuran na parte específica do programa.

O tempo máximo de duración deste exercicio será de cento corenta (140) minutos.

Este exercicio cualificarase de 0 a 50 puntos e, para superalo, será necesario obter un mínimo de vinte e cinco (25) puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixido para acadar esta puntuación mínima.

O tribunal cualificará este exercicio valorando, entre outros, os coñecementos, a claridade, a orde de ideas e a calidade da expresión escrita.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de dous (2) días hábiles desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

II.1.1.3. Terceiro exercicio.

Constará de dúas probas:

Primeira proba: consistirá na tradución dun texto do castelán para o galego elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

Segunda proba: consistirá na tradución dun texto do galego para o castelán, elixido por sorteo de entre dous textos propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización do exercicio será de sesenta (60) minutos.

Este exercicio valorarase como apto ou non apto e será necesario para superalo obter o resultado de apto. Corresponderá ao tribunal determinar o coñecemento da lingua galega de acordo ao nivel do Celga 4 requirido no proceso selectivo.

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten que posuían o día da finalización do prazo de presentación de instancias neste proceso, o Celga 4 ou o título equivalente debidamente homologado de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Para estes efectos, xunto coa resolución pola que se fan públicas as cualificacións do segundo exercicio a Dirección Xeral da Función Pública publicará, no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica, unha listaxe de persoas aspirantes que están exentas de realizar o exame de galego por telo debidamente acreditado no seu expediente electrónico persoal.

As persoas aspirantes que non figuren na devandita listaxe de persoas exentas pero posúan o día da finalización do prazo de presentación de instancias o Celga 4 ou equivalente, disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal fai públicas as cualificacións do segundo exercicio, para incorporar a documentación acreditativa de posuír o Celga 4 ou equivalente ao seu expediente electrónico persoal, ao que accederán a través de Fides, do xeito establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023 (DOG núm. 237, do 15 de decembro).

Este exercicio realizarase nun prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde o remate do exercicio anterior.

II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.1.2.1. A orde de actuación das persoas aspirantes será por orde alfabético e iniciarase por aqueles cuxo primeiro apelido comece pola letra V, de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 23 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 18, do 26 de xaneiro), pola que se publica o resultado do sorteo realizado, en cumprimento do establecido na Resolución da mesma consellería do 12 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 12, do 18 de xaneiro).

II.1.2.2. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistas de NIF, NIE, pasaporte, permiso de condución ou outro documento fidedigno que a xuízo do tribunal acredite a súa identidade.

II.1.2.3. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como colaboradoras.

II.1.2.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica, con corenta e oito (48) horas, polo menos, de anticipación á sinalada para o seu inicio.

II.1.2.7. Se o tribunal, de oficio, ou con base nas reclamacións que as persoas aspirantes poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización do exercicio, anulase algunha ou algunhas das súas preguntas ou modificase o modelo de corrección de respostas publicarao no DOG. As alegacións contra as preguntas deberán presentarse a través do aplicativo fides (http://fides.xunta.gal).

II.1.2.8. As puntuacións obtidas polas persoas aspirantes publicaranse no portal web corporativo da Xunta de Galicia xunta.gal/funcion-publica.

Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación no DOG da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

II.1.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos esixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

No caso de que a persoa aspirante non acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo ao órgano convócante, que publicará a resolución que corresponda.

II.1.2.10. Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará ás persoas aspirantes, con anterioridade á realización dos exercicios, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.

No caso de que o tribunal acorde parámetros para a cualificación do exercicio, en desenvolvemento dos criterios de valoración previstos nesta convocatoria, aqueles difundiranse con anterioridade á realización do exercicio.

II.1.2.11. A orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma da puntuación dos exercicios da oposición. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Non obstante, para asegurar a cobertura das vacantes, se se producisen renuncias das persoas seleccionadas antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano convócante poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación ás propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deducise que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeadas persoal funcionario de carreira.

III. Tribunal.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por resolución da consellería competente en materia de función pública, e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da LEPG, artigo 60 do TRLEBEP, artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, e o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

III.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, no artigo 59.2 da Lei 2/2015 de emprego público de Galicia, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas por Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007 e no acordo adoptado no Consello da Xunta de 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá ser comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

A Presidencia deberá solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal e, de ser o caso, ao persoal asesor previsto na base III.9 e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atoparse incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar as integrantes do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias referidas no parágrafo primeiro consonte ao establecido no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

III.3. A autoridade convócante publicará no DOG a resolución correspondente pola que se nomeen as novas persoas integrantes do tribunal que substituirán ás que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

III.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle corresponda para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus membros, con presenza en todo caso das persoas que ocupen a presidencia e a secretaría, ou de quen as substitúa.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

III.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta, que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da persoa que ocupe a Secretaría e o visto e prace da persoa que ocupe a Presidencia, ou quen as substitúa.

III.8. A Presidencia do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados.

O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes ás que corresponden os resultados obtidos.

III.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que coide pertinentes, quen deberá limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública.

III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para realizar os exercicios que as restantes participantes. Para tal fin estableceranse para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base I.3 as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

Se durante a realización do proceso selectivo, o tribunal tivese dúbidas sobre a capacidade da persoa aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo ou escala ao que opta poderá solicitar o ditame do órgano competente.

III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia. Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base III.1 implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

III.12. O tribunal non poderá propoñer o acceso ao emprego público dun número superior de persoas aprobadas ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito, tendo en conta o previsto na base II.1.2.11.

III.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

III.14. As comunicacións que formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse electronicamente á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

IV. Listaxe de persoas aprobadas, presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario de carreira.

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis aspirantes acudirase, por orde, aos seguintes criterios ata que se resolva:

– Puntuacións obtidas nos exercicios da fase de oposición pola súa orde de realización.

– Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

– En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de persoas aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu documento nacional de identidade ou equivalente. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación de persoas aprobadas, estas disporán dun prazo de vinte (20) días hábiles para a presentación dos seguintes documentos:

a) Copia auténtica do título esixido na base I.2 ou certificación académica que acredite ter realizado todos os estudos para a súa obtención. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro deberá presentar credencial da súa validación ou homologación ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

b) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separada/o nin despedida/o mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo do que foi separada/o ou inhabilitada/o, nin pertencer ao mesmo corpo ou escala, segundo o modelo que figura como anexo IV a esta convocatoria.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo V a esta convocatoria.

c) Un certificado ou un informe médico sobre o estado de saúde que acredite que a persoa aspirante non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións. Os certificados ou informes non poderán ter unha data de emisión anterior aos tres (3) meses da súa presentación.

d) As persoas aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % que superen o proceso selectivo deberán, ademais, acreditar tal condición mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Política Social e Xuventude e, de ser o caso, da Administración correspondente.

A consellería competente en materia de función pública solicitará ao órgano competente a documentación que acredite que as persoas aspirantes que accedan por esta cota de reserva reúnen os requisitos de compatibilidade co desempeño das correspondentes funcións.

Poderán autorizar á Administración a dita consulta mediante solicitude expresa remitida xunto co resto da documentación.

e) Consonte a Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, que modifica o artigo 13 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor de modificación parcial do Código Civil e da Lei de Axuizamento Civil (LOPM), será requisito para o acceso e exercicio ás profesións, oficios e actividades que impliquen contacto habitual con menores, o non ser condenado por sentenza firme por algún delito contra a liberdade e indemnidade sexual, que inclúe a agresión e abuso sexual, acoso sexual, exhibicionismo e provocación sexual, prostitución e explotación sexual e corrupción de menores, así como por trata de seres humanos. Para este efecto, a persoa aspirante deberá acreditar esta circunstancia mediante a achega dunha certificación negativa do Rexistro Central de delincuentes sexuais.

IV.3. As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeadas persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

IV.4. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos esixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario de carreira mediante unha resolución da consellería competente en materia de función pública que se publicará no DOG e indicará o destino adxudicado.

IV.5. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación sinalada na base IV.1.

Ás persoas aspirantes que superen este proceso selectivo pola quenda de promoción interna adxudicaráselles destino no mesmo posto que viñesen desempeñando con carácter definitivo sempre que figure na relaciónde postos de traballo aberto á especialidade á que acceden.No caso de que a persoa aspirante ocupe un posto con carácter definitivo que non estea aberto á especialidade, ofertarase na elección de destino unha praza vacante.

IV.6. A toma de posesión das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da LEPG.

V. Disposición derradeira.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8 de xaneiro de 2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO I

Prazas convocadas

Proceso selectivo

Acceso libre

Cota de
discapacidade

Promoción interna

Total

Especialidade de enfermaría

27

4

11

42

Especialidade de educador social

14

1

6

21

ANEXO II

Titulacións

Proceso selectivo

Titulación

Especialidade de enfermería

Diplomado en enfermería ou graduado nunha titulación que habilite para a profesión de enfermería.

Especialidade de educador social

Mestre ou graduado nunha titulación que habilite para o exercicio da profesión de mestre en educación primaria ou diplomado en educación social, ou primeiro ciclo da titulación de licenciatura en pedagoxía, da titulación de licenciatura en psicoloxía ou da titulación de licenciatura en psicopedagoxía, ou graduado nunha titulación da rama de ciencias sociais e xurídicas ou da rama de ciencias da saúde equivalente a calquera das anteriores.

ANEXO III

Programa que rexerá as probas selectivas para o ingreso no corpo facultativo de grao medio da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de técnicos facultativos, especialidades de enfermaría e educador social

A. Parte xeral común a todas as especialidades.

1. A Constitución española de 1978: título preliminar, título I artigo 10, 14, 23, capítulo IV e capítulo V e título VIII.

2. O Estatuto de autonomía de Galicia. Título I, título II e título III da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia.

3. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas: título III, título IV capítulo I e capítulo IV e o título V.

4. Lei 4/2019, do 17 de xullo, da administración dixital de Galicia: título preliminar, título I, capítulo I.

5. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público: título preliminar, capítulos III e IV.

6. Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico: título preliminar, título I.

7. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia: título III, título VI capítulos III e IV e título VIII.

8. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais: título I, título II, título III e título VIII.

9. Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia: título preliminar, título I, título II: capítulos I, II, III, IV, V e XI. Título I da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

10. Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social: título preliminar e título I.

11. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno: título preliminar e título I.

B. Parte específica.

B.1. Parte específica da especialidade de enfermaría.

1. Definicións e consideracións terminolóxicas básicas: actividades da vida diaria: definición e clasificación. Instrumentos estandarizados para a súa valoración. Avaliación funcional. AVD básicas. AVD instrumentais.

2. Lei 8/2021, do 2 de xuño, sobre o apoio ás persoas con discapacidade. Definicións e consideracións terminolóxicas básicas. Definición e graos de dependencia.

3. Diferencia entre deficiencia, discapacidade e minusvalía. Relacións entre os factores do contexto real en que se desenvolve a persoa con discapacidade e/ou en situación de dependencia (persoais e ou ambientais: facilitadores, barreiras, produtos de apoio e axudas técnicas en xeral).

4. A Clasificación internacional do funcionamento da discapacidade e a saúde (CIF): obxectivos, aplicacións, propiedades, compoñentes. Modelo do funcionamento e da discapacidade. Modo de emprego.

5. Promoción da autonomía persoal e atención á dependencia: principios da lei, dereitos e obrigas dos usuarios, configuración do sistema, prestacións e catálogo de servizos, valoración (Lei 39/2006).

6. Abuso e maltrato ás persoas maiores e persoas con discapacidade. Factores ou situacións de risco, indicadores de maltrato. Os patróns de maltrato. Marco legal e xurídico. Actuación e coordinación: prevención do maltrato. Detección de sospeita de maltrato, atención ás situacións de maltrato.

7. Principios sociosanitarios de bioética: dilemas éticos. O segredo profesional: concepto e regulación xurídica. O consentimento informado. Os dereitos de información sociosanitaria, intimidade e respecto da autonomía persoal da persoa maior e persoas con discapacidade.

8. Avaliación xerontolóxica integral: avaliación física e funcional, avaliación mental. Identificación de escalas de valoración estandarizadas e validadas de uso sociosanitario.

9. Avaliación xerontolóxica integral: profesionais implicados na realización. Metodoloxía da realización (observación directa, entrevista ao interesado, os seus familiares ou coidadores).

10. Dependencia e envellecemento.

11. Epidemioloxía: concepto. O método epidemiolóxico. Enfermidades transmisibles de maior incidencia nos centros de atención residencial e centros de atención diúrna: tipos e características. Sistema nacional de vixilancia epidemiolóxica. Enfermidades de declaración obrigatoria.

12. Técnicas e habilidades de comunicación e relación interpersoal. Traballo en equipo. Entrevista clínica. Concepto e características. Identificación de necesidades de apoio emocional e psicolóxico da persoa maior e persoas con discapacidade.

13. Marco conceptual e modelos de enfermaría: xeneralidades. Proceso de atención de enfermaría (PAE): etapas do PAE. Plan de coidados de enfermaría: concepto e estrutura. Diagnósticos de enfermaría: concepto e tipos de taxonomía.

14. Informe de enfermaría: protocolo preingreso, acollida e adaptación. Avaliación da necesidade e intensidade dos apoios. Plan de atención individual (PAI). Seguimento e avaliación do plan de atención individual.

15. CENPOS. Funcións básicas: rexistros de enfermaría e funcións de consulta e emisión de informes.

16. Prevención da enfermidade e promoción da saúde: Concepto. Detección precoz de problemas de saúde: concepto. Programas de saúde: definición. Factores de risco para a saúde da persoa maior e persoas con discapacidade: identificación de factores de risco e coidados de enfermaría. Inmunizacións: concepto. Clasificación e tipos de vacinas. Contraindicacións.Complicacións. Conservación, administración e pautas de vacinación.

17. Hixiene en centros de persoas maiores e persoas con discapacidade: Conceptos xerais. Antisépticos. Desinfectantes. Esterilización. Preparación e tipos de material para esterilizar, métodos de esterilización. Manipulación e conservación do material estéril. Infección nosocomial. Xestión de residuos sanitarios.

18. Medidas preventivas. Illamento residencial: concepto, tipos e descrición. Protocolos de xestión dun gromo COVID-19 en centros residenciais.

19. Valoración e coidados de enfermaría nos residentes con procesos infectocontaxiosos: hepatite, tuberculose, SIDA. Outros procesos infecciosos. Procedementos e técnicas de enfermaría. Medidas de prevención e control.

20. Valoración e coidados de enfermaría das persoas con problemas de saúde mental: principio da deterioración cognitiva, demencias. Outras alteracións psíquicas. Prevención e control ante o risco de suicidio.

21. Valoración e coidados de enfermaría a persoas maiores con síndrome de inmobilidade: definición. Etioloxía. Complicacións asociadas. Tratamento e manexo da inmobilidade. Riscos e contraindicacións da mobilización. Prevención da inmobilidade.

22. Valoración e atención de enfermaría ao residente con coidados paliativos. Conceptos e estratexias para o coidado: valoración de síntomas, medidas de confort, emprego de fármacos, dor, comunicación, apoio social, problemas éticos.

23. Administración de medicamentos. Precaucións previas á administración de fármacos. Vías de administración: definición e tipos. Puntos de elección, técnicas e problemas máis frecuentes. Cálculo de doses.

24. Alimentación e nutrición: concepto e diferenciación e coidados en persoas con alimentación enteral e parenteral. Clasificación dos alimentos. Elaboración de dietas, dietas terapéuticas. Valoración e coidados de enfermaría a persoas con problemas de desnutrición, deshidratación, anorexia, bulimia, obesidade e sobrepeso.

25. Valoración e coidados de enfermaría a persoas con problemas neurolóxicos: accidente cerebrovascular, epilepsia. Outros problemas do sistema nervioso. Procedementos e técnicas de enfermaría.

26. Valoración e coidados de enfermaría a persoas con problemas respiratorios: Insuficiencia respiratoria aguda, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica. Outros problemas broncopulmonares. Procedementos de enfermaría: oxixenoterapia e outras técnicas.

27. Valoración e coidados de enfermaría a persoas con problemas cardiovasculares: insuficiencia cardíaca, infarto de miocardio, hipertensión arterial. Outros problemas cardiovasculares.Procedementos e técnicas de enfermaría.

28. Valoración e coidados de enfermaría a persoas con problemas no sistema renal: insuficiencia renal aguda. Outros problemas urolóxicos. Procedementos e técnicas de enfermaría. Cateterismo vesical: concepto, indicacións e contraindicacións da sondaxe vesical. Incontinencia urinaria.

29. Valoración e coidados de enfermaría a persoas con problemas endocrinolóxicos: diabetes. Outros problemas. Procedementos e técnicas de enfermaría.

30. Valoración e coidados de enfermaría a persoas con problemas do sistema músculoesquelético.Principais problemas do aparello locomotor. Procedementos de enfermaría: vendaxes, inmobilizacións e outras técnicas.

31. Valoración e coidados de enfermaría a persoas con problemas gastrointestinais: abdome agudo, constipación intestinal, impacto fecal, diarrea, incontinencia fecal, úlcera gastroduodenal. Outros problemas gastrointestinais. Procedementos e técnicas de enfermaría.

B.2. Parte específica da especialidade de educador social.

1. O/a educador/a social. Concepto, historia e perfil profesional. Código deontolóxico do/da educador/a social. Funcións e competencias.

2. A acción socioeducativa. A relación educativa e o suxeito da intervención socioeducativa. Concepto e factores influentes. Técnicas de intervención socioeducativa. A entrevista.

3. Deseño, implementación e avaliación de programas e proxectos educativos: definición, elementos, xestión e estratexias.

4. O informe socioeducativo como ferramenta profesional do/da educador/a social. Características e estrutura xeral.

5. O equipo educativo. Concepto, características, toma de decisións.

6. O/a menor como suxeito de dereitos: concepto e evolución histórica. Lexislación actual.

7. Evolución psicolóxica na infancia e adolescencia: estadios e características.

8. Socialización e desenvolvemento na infancia e na adolescencia. A intervención socioeducativa con menores con necesidades educativas especiais.

9. Menores en situación de risco e desamparo. Recursos e servizos do sistema de protección de menores. A coordinación entre os distintos servizos: saúde, educación, servizos sociais comunitarios. A coordinación con entidades do terceiro sector.

10. O apoio e a vinculación afectiva. Concepto, desenvolvemento, consecuencias e pautas educativas.

11. Maltrato infantil: intervención socioeducativa con menores en situación de abuso e neglixencia. Protocolos de actuación.

12. Intervención socioeducativa en menores en situación de conflito social. Novas formas de violencia na infancia e na adolescencia: violencia filioparental, acoso escolar, violencia grupal.

13. Intervención socioeducativa en adiccións na infancia e adolescencia: adiccións con e sen substancias.

14. Acollemento familiar. Intervención socioeducativa. Acollemento residencial. Intervención socioeducativa. Funcións e obxectivos do acollemento residencial. Elaboración e seguimento do proxecto educativo individual (PEI).

15. Interculturalidade. Intervención socioeducativa na diversidade cultural. Servizos e recursos.

16. A calidade de vida das persoas maiores. A intervención socioeducativa con persoas maiores: a atención centrada na persoa. Programas, proxectos e servizos.

17. Diversidade funcional: conceptualización e características. Intervención socioeducativa. Inclusión educativa e social. Habilidades de interacción social en persoas con síndrome de Down e autismo. Pautas xerais para a elaboración de programas específicos.

18. Diversidade funcional: os paradigmas de calidade de vida e apoios. Recursos sociais e comunitarios. Elaboración e execución do proxecto socioeducativo individualizado e documentos para o desenvolvemento de programas. Plan individualizado de vida independente (PIVI). Plan de atención individualizado (PAI).

19. O grupo: concepto e tipoloxías. Conceptos de liderado, estrutura e características. Condución e animación de grupos. Resolución de conflitos. A mediación como recurso.

20. Animación sociocultural. Estratexias de intervención comunitaria e habilidades sociais.

21. O enfoque de xénero na intervención socioeducativa. Ferramentas de análises de xénero. Identidades de xénero. Roles de xénero. Desigualdades de xénero. Violencia machista. Estratexias de acción, o empoderamento.

22. Educación permanente de persoas adultas. Papel da educación de persoas adultas na dinámica social. Canles da educación de persoas adultas, canles de educación institucionalizada.

23. Os centros de atención para persoas con discapacidade psíquica. Finalidade, composición, funcións, normativa reguladora e dependencia administrativa.

24. A calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual. A autodeterminación e o desenvolvemento da autonomía e a responsabilidade. O desenvolvemento afectivo-sexual-emocional das persoas con discapacidade intelectual. Pautas xerais para a educación afectivo-sexual-emocional. A intervención coas familias.

25. O desenvolvemento das habilidades de interacción social nas persoas con discapacidade intelectual en centros educativos e na contorna socio-comunitaria. Aprendizaxe para a xestión do lecer e do tempo libre nestas persoas. Pautas xerais para a elaboración de programas específicos.

26. Atención temperá en Galicia: protocolos de actuación. Intervención.

27. Persoas maiores e diversidade funcional.

28. Servizos sociais comunitarios: servizo de educación e apoio familiar. Marco legal. Definición e obxectivos.

29. Medidas xudiciais con menores: servizos. Programas. Intervención socioeducativa.

30. Acoso escolar: protocolos e intervención.

31. Absentismo escolar: protocolos e intervención.

ANEXO IV

(nome e apelidos aspirante) ........................................................................................., con domicilio en ............................................................................................................., con NIF/NIE/pasaporte ............................................., declara, para os efectos de ser nomeado/a persoal funcionario de carreira do corpo facultativo de grao medio da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de técnicos facultativos, especialidade ......................................................................., que non foi despedida/o nin separada/o mediante expediente disciplinario de ningunha administración pública ou órgano constitucional ou estatutario das comunidades autónomas, nin se atopa en situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial para o acceso ao dito corpo ou escala.

..............................................., ............... de ........................ de 202..........

ANEXO V

(Nome e apelidos aspirante) ..................................................................................., con domicilio en ................................................................................................................., con NIF/NIE/pasaporte ..................................................., declara, aos efectos de ser nomeada/o persoal funcionario de carreira do corpo facultativo de grao medio da Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de técnicos facultativos, especialidade ............................................................................, que non se atopa inhabilitada/o ou en situación equivalente nin foi sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de ....................................................., nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

................................................, ............ de ................................. de 202.......

(País e localidade)