DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 29 de xaneiro de 2024 Páx. 8812

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 22 de xaneiro de 2024 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso na agrupación profesional da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (AP), escala de persoal subalterno, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

O artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, recolle que nas ofertas de emprego público reservarase unha porcentaxe non inferior ao sete por cento das prazas convocadas para seren cubertas entre persoas con discapacidade, sempre que superen as probas selectivas e acrediten a súa discapacidade e a compatibilidade desta co desempeño das tarefas e funcións, de forma que progresivamente se alcance o dous por cento dos efectivos totais de cada Administración pública incluída no ámbito de aplicación da presente lei. A reserva do mínimo do sete por cento se realizará de maneira que, polo menos o dous por cento das prazas ofertadas sexa para ser cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, e o resto das prazas ofertadas sexa para persoas que acrediten calquera outro tipo de discapacidade.

O anexo I do Decreto 62/2021, do 8 de abril, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021 e o anexo I do Decreto 217/2022, do 22 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, recollen as prazas de funcionarios (acceso libre) convocadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual.

A disposición adicional primeira do Decreto 62/2021, do 8 de abril (DOG núm. 73, do 20 de abril) e do Decreto 217/2022, do 22 de decembro (DOG núm. 245, do 27 de decembro), polos que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2021 e 2022, establece que poderán convocarse nun único proceso selectivo as prazas correspondentes á oferta de emprego público de anos anteriores, cuxo proceso selectivo non se convocou.

Por conseguinte, de conformidade co establecido no Decreto 62/2021, do 8 de abril (DOG núm. 73, do 20 de abril), e no Decreto 217/2022, do 22 de decembro (DOG núm. 245, do 27 de decembro), esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (en diante, LEPG),

DISPÓN:

Convocar o proceso selectivo para o ingreso na agrupación profesional da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (AP), escala de persoal subalterno, en prazas reservadas para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

I. Normas xerais.

I.1. O obxecto do proceso selectivo será cubrir dezanove (19) prazas, da agrupación profesional da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia (AP), escala de persoal subalterno, pola quenda de acceso libre, para seren cubertas por persoas que acrediten discapacidade intelectual, segundo se detalla:

– Oferta de emprego público do exercicio 2021, aprobada polo Decreto 62/2021, do 8 de abril, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021: nove (9) prazas de acceso libre para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario, escala de persoal subalterno.

– Oferta de emprego público do exercicio 2022, aprobada polo Decreto 217/2022, do 22 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022: dez (10) prazas de acceso libre para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario, escala de persoal subalterno.

O sistema selectivo é o de oposición.

I.1.1. A este proceso selectivo seralle aplicable o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público (en diante, TRLEBEP), a LEPG, o Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

I.2. Requisitos das persoas aspirantes.

Para ser admitidas ao proceso selectivo as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, e manter ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira, os seguintes requisitos:

I.2.1. Posuír unha discapacidade intelectual cun grao de discapacidade global recoñecido que deberá ser igual ou superior ao 33 %.

Naqueles supostos en que o recoñecemento da condición de persoa con discapacidade correspondese ao órganos competentes da Xunta de Galicia, a concorrencia deste requisito poderá ser comprobada de oficio pola Dirección Xeral da Función Pública, sempre que a persoa aspirante non se opoña á súa comprobación na solicitude de participación. En caso contrario, ou cando a documentación sexa expedida por órganos con competencia na materia doutras administracións públicas, o dito documento deberá ser achegado xunto coa solicitude de participación.

I.2.2. Idade: ter feitos os dezaseis anos e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

I.2.3. Nacionalidade:

a) Posuír a nacionalidade española ou a dun Estado membro da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, estar incluído no ámbito de aplicación dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España en que sexa de aplicación a libre circulación de persoas traballadoras ou ter recoñecido tal dereito por norma legal.

b) Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, os cónxuxes dos españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar as/os seus descendentes e as/os do seu cónxuxe sempre que non estean separados de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

I.2.4. Capacidade funcional: posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas.

I.2.5. Habilitación: non ter sido separada/o nin despedida/o, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada.

No suposto de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

I.2.6. Non poderá participar no proceso selectivo o persoal funcionario de carreira que xa pertenza ao corpo obxecto desta convocatoria.

I.3. Adaptación de tempo e medios.

As persoas solicitantes con discapacidades adicionais á intelectual, requirida para a participación no presente proceso selectivo, poderán solicitar as posibles adaptacións de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, todo isto conforme o contido na LEPG, no Real decreto 2271/2004, do 3 de decembro, polo que se regula o acceso ao emprego público e a provisión de postos de traballo das persoas con discapacidade, e no Decreto 217/2022, do 22 de decembro.

As persoas solicitantes das adaptacións sinaladas poderán indicar na mesma epígrafe da solicitude a presenza durante a realización do exercicio de atención médica especializada. Neste suposto, deberán presentar antes do remate do prazo fixado, o orixinal ou a copia debidamente compulsada do informe médico que acredite a necesidade da dita medida.

I.4. Solicitudes.

I.4.1. As persoas aspirantes que desexen participar no proceso selectivo deberán facelo constar no modelo de solicitude que será facilitado gratuitamente na internet.

O prazo para presentar as solicitudes será de vinte (20) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O modelo de solicitude estará á disposición de todas as persoas que desexen participar no proceso selectivo na páxina web xunta.gal/funcion-publica, seguindo a ruta «Función pública»-«Procesos selectivos»-«Xeración e presentación de solicitudes de procesos selectivos».

As persoas solicitantes deberán consignar todos os datos que aparecen na pantalla e posteriormente validalos e confirmalos.

As persoas solicitantes deberán seleccionar no formulario electrónico de inscrición o idioma, galego ou castelán, no cal desexa que se lle facilite, na data do exame, o cuestionario de preguntas da parte común e específica da fase de oposición.

I.4.2. Unha vez confirmada a alta da solicitude, a persoa solicitante deberá imprimir a solicitude cuberta e deberaa presentar, debidamente asinada, antes do remate do prazo fixado, nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, oficinas de Correos e demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LRXPAC).

As solicitudes que se presenten a través das oficinas de Correos deberán ir en sobre aberto para ser datadas e seladas polo persoal de Correos antes de ser certificadas.

I.4.3. As persoas aspirantes deberán presentar xunto coa solicitude de participación, e dentro do prazo de presentación de instancias, a seguinte documentación:

1. Copia auténtica do documento que acredite ter recoñecida a condición legal de persoa cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

2. Ditame técnico facultativo en que se fundamente a solicitude de adaptación da proba selectiva, consonte o establecido na base I.3.

O estado das solicitudes poderá ser consultado en calquera momento seguindo as instrucións iniciais e seleccionando na pantalla a opción de consulta.

Para calquera aclaración ou información sobre os procedementos anteriores, as persoas aspirantes disporán de axudas e formas de contacto específicas en cada pantalla.

I.4.4. De acordo co disposto no artigo 23 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras de Galicia, as persoas que participen neste proceso selectivo están exentas do aboamento da taxa por inscrición na convocatoria.

I.5. Admisión de aspirantes.

I.5.1. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública aprobará as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas a través dunha resolución que será publicada no DOG, con indicación dos seus apelidos, nome e número do DNI, das causas das exclusións que procedan e do lugar en que se atoparán expostas.

I.5.2. As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da dita resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das peticións de corrección entenderanse implícitas nunha nova resolución da Dirección Xeral da Función Pública que será publicada no DOG, pola que se aprobarán as listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas. Estas listaxes publicaranse no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica

O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar no proceso selectivo. Cando da documentación que deben presentar tras superar a oposición se desprenda que non posúen algún dos requisitos decaerán en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación.

II. Proceso selectivo.

II.1. Oposición.

O programa que rexerá as probas selectivas é o que figura como anexo I desta resolución.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que con data límite da data de publicación no DOG das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

As normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que figura no anexo I e que fosen derrogadas parcial ou totalmente serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan á súa derrogación parcial ou total, con data límite da data de publicación no DOG das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas.

II.1.1. Exercicios.

II.1.1.1. Primeiro exercicio (obrigatorio e eliminatorio): consistirá na contestación por escrito dun cuestionario tipo test de corenta e cinco (45) preguntas, máis tres (3) preguntas de reserva, con tres (3) respostas alternativas, sendo só unha (1) a correcta. Este exercicio constará de dúas partes:

a) Primeira parte: incluirá vinte (20) preguntas da parte xeral do programa do anexo I, máis unha (1) pregunta de reserva.

b) Segunda parte: incluirá vinte e cinco (25) preguntas sobre contidos prácticos do traballo a realizar incluídos na parte específica do programa do anexo I, máis dúas (2) preguntas de reserva.

As respostas erróneas non se penalizarán.

As persoas aspirantes disporán de cento vinte (120) minutos para realizar este exercicio.

O exercicio cualificarase de 0 a 90 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de corenta e cinco (45) puntos. Corresponderalle ao tribunal determinar o número de respostas correctas exixido para acadar esta puntuación mínima.

No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e a plantilla coas respostas correctas no mesmo lugar en que se realizou o exercicio e no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica

Este exercicio realizarase no prazo máximo de corenta (40) días hábiles desde a constitución do tribunal que xulgue as probas.

A realización deste exercicio non será anterior aos doce (12) meses a contar desde o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

II.1.1.2. Segundo exercicio (obrigatorio non eliminatorio): consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de dez (10) preguntas tipo test con tres (3) respostas alternativas das que só unha (1) será a correcta, mediante o cal se evidencie o coñecemento por parte das persoas aspirantes da lingua galega.

O exercicio cualificarase de 0 a 10 puntos e as respostas erróneas non se penalizarán.

As persoas aspirantes disporán de corenta (40) minutos para realizar este exercicio.

Este exercicio realizarase nun prazo mínimo de corenta e oito (48) horas desde o remate do exercicio anterior e máximo de corenta (40) días hábiles.

Estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola que o tribunal faga públicas as cualificacións do primeiro exercicio, que posuían antes do día de finalización do prazo disposto na base I.3 desta convocatoria, o Celga 2 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), e se lles asignarán 10 puntos.

II.1.2. Desenvolvemento dos exercicios.

II.1.2.1. A orde de actuación das persoas aspirantes será por orde alfabética e iniciarase por aqueles cuxo primeiro apelido comece pola letra T, de conformidade co establecido na Resolución da Consellería de Facenda e Administración Pública do 28 de xaneiro de 2022 (DOG núm. 24, do 4 de febreiro), pola que se publica o resultado do sorteo realizado, en cumprimento do establecido na Resolución da mesma consellería do 13 de xaneiro de 2022 (DOG núm. 13, do 20 de xaneiro).

II.1.2.2. As persoas aspirantes deberán presentarse a cada exercicio provistas de DNI ou outro documento fidedigno que a xuízo do tribunal acredite a súa identidade.

II.1.2.3. Os exercicios se realizarán a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, as que integran o tribunal e as designadas pola Dirección Xeral da Función Pública como persoal colaborador.

II.1.2.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal para acreditar a súa identidade.

II.1.2.5. O chamamento para cada exercicio será único, de xeito que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas.

As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das corenta e oito (48) horas seguintes ao anuncio da data do exame.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

II.1.2.6. O anuncio de realización dos exercicios publicarase no DOG e no portal web corporativo xunta.gal/funcion-publica, con corenta e oito (48) horas, polo menos, de antelación á sinalada para o seu inicio.

II.1.2.7. Se o tribunal, de oficio, ou con base nas reclamacións que as persoas aspirantes poden presentar nos tres (3) días hábiles seguintes á realización dun exercicio, anulase algunha ou algunhas das súas preguntas publicarao no DOG.

II.1.2.8. As puntuacións obtidas polas persoas aspirantes publicaranse no portal web da Xunta de Galicia xunta.gal/funcion-publica. Concederase un prazo de dez (10) días hábiles para os efectos de alegacións, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación no DOG da resolución do tribunal pola que se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

II.1.2.9. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Dirección Xeral da Función Pública para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento. No caso de que non se acredite o cumprimento dos requisitos, a Dirección Xeral da Función Pública proporá a súa exclusión do proceso selectivo ao órgano que convoca, que publicará a orde que corresponda.

II.1.2.10. Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará ás persoas aspirantes, con anterioridade á realización dos exames, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nas bases desta convocatoria.

II.2. A orde de prelación das persoas aspirantes virá dada pola suma da puntuación dos exercicios da oposición. Non poderá superar o proceso selectivo un número superior ao de prazas convocadas.

Para asegurar a cobertura das vacantes, se se producisen renuncias das persoas que superaron o proceso selectivo antes do seu nomeamento ou toma de posesión, o órgano que convoca poderá requirir unha relación complementaria das persoas que sigan por puntuación ás propostas. Para estes efectos, terán a mesma consideración que as renuncias os supostos das persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos ou do seu exame se deducise que carecen dalgún deles e que, en consecuencia, non poidan ser nomeado persoal funcionario de carreira.

III. Tribunal.

III.1. O tribunal cualificador do proceso será nomeado por orde da consellería competente en materia de función pública e a súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da LEPG, o artigo 60 do TRLEBEP e o artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

III.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran nelas circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, no artigo 59.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, ou nas Instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección aprobadas por Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 11 de abril de 2007, e no acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010. A concorrencia de calquera das ditas causas deberá serlle comunicada á Dirección Xeral da Función Pública.

A Presidencia deberá solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal, ás persoas que actúen como persoal asesor dos previstos na base III.9, e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atoparse en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

As persoas aspirantes poderán recusar os integrantes do tribunal cando concorran neles algunha das circunstancias referidas no parágrafo primeiro consonte ao establecido no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

III.3. A autoridade que convoca publicará no DOG a resolución correspondente pola que se nomeen os novos integrantes do tribunal que substituirán a quen perdera a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

III.4. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na dita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle corresponda para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo.

III.5. A partir da sesión de constitución, a actuación válida do tribunal requirirá a concorrencia da metade, polo menos, dos seus integrantes, con presenza, en todo caso, da Presidencia e da Secretaría deste.

III.6. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases, na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, nas Instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección e ao resto do ordenamento xurídico.

III.7. Por cada sesión do tribunal levantarase unha acta que, lida ao principio da sesión seguinte e feitas, de ser o caso, as rectificacións que procedan, será autorizada coa sinatura da Secretaría e o visto e prace da Presidencia.

III.8. A Presidencia do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios do proceso selectivo, excepto aqueles en que estea prevista a lectura pública, sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e utilizará para iso os impresos adecuados. O tribunal excluirá a aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade. As decisións e os acordos que afecten á cualificación e á valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para conseguir a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes ás que corresponden os resultados obtidos.

III.9. O tribunal poderá propoñer a incorporación aos seus traballos de persoal asesor para as valoracións que estime pertinentes, quen deberá limitarse a colaborar nas súas especialidades técnicas e terán voz pero non voto. O seu nomeamento corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública.

III.10. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario para que as persoas aspirantes con discapacidades adicionais gocen de similares condicións para realizar os exercicios que as restantes persoas aspirantes. Para tal fin estableceranse para as persoas con discapacidades adicionais que o soliciten na forma prevista na base I.3 as adaptacións de tempo e/ou medios que sexan necesarias.

III.11. O tribunal terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador realizada segundo o disposto na base III.1 implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros poidan desprazarse ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas dentro do número máximo autorizado.

A Dirección Xeral da Función Pública determinará o dito número máximo de sesións autorizado ao tribunal e poderá amplialo baseándose en causas xustificadas.

III.12. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao de prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

III.13. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

III.14. As comunicacións que formulen as persoas aspirantes ao tribunal dirixiranse á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral da Función Pública (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela).

IV. Listaxe de persoas aprobadas, presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario de carreira.

IV.1. A cualificación do proceso virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos exercicios da oposición.

No suposto de empate nas puntuacións de dous ou máis persoas aspirantes acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

1) Puntuación obtida nos exercicios pola súa orde de realización.

2) Puntuación obtida na segunda parte do primeiro exercicio.

3) Orde alfabética recollida na base II.1.2.1.

4) En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

IV.2. Unha vez rematado o proceso selectivo, o tribunal publicará no DOG a relación de persoas aspirantes que o superaron por orde de puntuacións acadadas, con indicación do seu DNI. Na mesma resolución proporá o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

A partir do día seguinte ao da publicación no DOG da relación das persoas aprobadas, estas disporán dun prazo de vinte (20) días hábiles para a presentación dos seguintes documentos:

a) Declaración baixo a súa responsabilidade de non ter sido separada/o nin despedida/o mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, para o acceso ao corpo ou escala ao que se presenta, nin pertencer ao mesmo corpo ou escala, segundo o modelo que figura como anexo II a esta convocatoria.

No suposto de ser nacional doutro Estado, declaración xurada ou promesa de non atoparse inhabilitada/o ou en situación equivalente, nin ter sido sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia, o acceso ao emprego público nos mesmos termos, segundo o modelo que figura como anexo III a esta convocatoria.

b) Informe de saúde que acredite que non padece enfermidade nin está afectada por limitación física ou psíquica incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

A Dirección Xeral da Función Pública requirirá de oficio ao órgano competente o informe de compatibilidade para o desempeño das funcións inherentes ao corpo.

IV.3. Quen tivera a condición de persoal funcionario de carreira da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia estará exenta/o de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para obter o seu anterior nomeamento.

IV.4. As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base I.2 non poderán ser nomeadas persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

IV.5. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario de carreira mediante unha orde da persoa titular da consellería competente en materia de función pública, que se publicará no DOG indicando o destino adxudicado.

IV.6. A adxudicación das prazas ás persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase segundo a petición de destino realizada por estas, de acordo coa orde de prelación e a cualificación do proceso sinaladas nas bases II.2 e IV.1.

Na elección de destino ofertaranse prazas nas catro provincias: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

IV.7. A toma de posesión das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do seu nomeamento no DOG, de conformidade co artigo 60.e) da LEPG.

IV.8. Co fin de facilitar a adaptación e o desenvolvemento das funcións dos postos de traballo das persoas aspirantes que superen o proceso selectivo, a Dirección Xeral da Función Pública, en colaboración coas asociacións, organizacións ou entidades, poderá levar a cabo accións de formación e orientación sociolaboral previas ao seu ingreso como persoal funcionario de carreira, así como o apoio ao desenvolvemento no posto de traballo ao longo da súa carreira profesional.

V. Disposición derradeira.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO I

• Parte xeral (primeira parte do primeiro exercicio).

Bloque 1. A Constitución española de 1978: principios fundamentais, dereitos e deberes fundamentais dos españois. A Administración. Funcionamento da Administración segundo a Constitución española. Niveis da Administración pública.

Bloque 2. O Estatuto de autonomía de Galicia: o parlamento, a Xunta e o seu presidente. Organización da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Bloque 3. A Lei de 2/2015, do emprego público de Galicia: empregados públicos (tipos, dereitos e obrigas). O ingreso na Administración pública.

Bloque 4. A igualdade na Administración pública. A transparencia na Administración. A prevención de riscos laborais.

• Parte específica (segunda parte do primeiro exercicio).

Bloque 1. Control de acceso, identificación, información, atención e recepción de persoal visitante.

Bloque 2. Recepción, distribución e entrega de paquetería e documentación.

Bloque 3. Manexo de máquinas reprodutoras e outras análogas.

Bloque 4. Franqueo, depósito, entrega, recollida e distribución de correspondencia.

Bloque 5. Realización de recados oficiais fóra e dentro do centro de traballo.

Bloque 6. Información de anomalías ou incidencias no centro de traballo.

ANEXO II

(Nome e apelidos do/da aspirante) ................................................................................,
con domicilio en ..................................................................................................................,
con NIF/NIE/pasaporte ......................................, declara, para efectos de ser nomeada/o persoal funcionario da agrupación profesional da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal subalterno, que non foi despedida/o nin separada/o mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública ou órgano constitucional ou estatutario das comunidades autónomas, nin está en situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial para o acceso ao dito corpo ou escala, e non pertence ao mesmo.

.............................................., ............ de .............. de 202...

ANEXO III

(Nome e apelidos do/da aspirante) ................................................................................,
con domicilio en ..................................................................................................................,
con NIF/NIE/pasaporte ......................................, declara, para os efectos de ser nomeada/o persoal funcionario da agrupación profesional da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal subalterno, que non está inhabilitada/o ou en situación equivalente nin foi sometida/o a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no Estado de..........................................................................................., nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

.............................................., ............ de .............. de 202...

         (País e localidade)