DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 29 de xaneiro de 2024 Páx. 8259

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e se convocan para o ano 2024, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento AU301D).

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, establece no seu artigo 25 unha serie de materias sobre as que os municipios exercerán competencias propias, entre as cales se atopan o abastecemento de auga potable e a evacuación e tratamento de augas residuais, e no artigo 26 os servizos que, como mínimo, deben prestar os concellos. A obrigatoriedade de tales servizos establécese en función da poboación do municipio, aínda que o precepto sinalado establece un conxunto de servizos (entre os que se inclúen o abastecemento e a rede de sumidoiros) que deben ser prestados por todos os municipios.

Por outra banda, o artigo 30 da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, configura a colaboración entre administracións como un principio para lograr os obxectivos comúns nas políticas de abastecemento, saneamento e depuración de Galicia. Grazas a este marco de cooperación, nos últimos anos, a Comunidade Autónoma de Galicia experimentou un salto cualitativo na extensión territorial dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración, ao que contribuíu, en gran medida, a mobilización de investimentos públicos para a execución de obras e infraestruturas hidráulicas en apoio aos municipios no exercicio das súas competencias. Estas intervencións e investimentos incidiron, sen dúbida, na mellora dos indicadores da calidade das augas e no nivel de cumprimento das normativas comunitarias na materia.

Non obstante, constatouse e comprobouse durante todo este tempo que as singularidades e peculiaridades demográficas e xeográficas de Galicia dificultan non soamente a execución das infraestruturas hidráulicas senón tamén a súa xestión para a prestación destes servizos de forma axeitada. Para alcanzar a máxima calidade das nosas augas e que estes servizos básicos de auga se presten con eficiencia e eficacia, as instalacións executadas deben ir acompañadas dunha adecuada xestión, explotación e mantemento.

No caso concreto dos servizos de saneamento e depuración, os estudos e análises realizados por Augas de Galicia a través dos denominados plans locais de saneamento, os plans directores e os labores de apoio aos concellos na explotación dos seus sistemas de saneamento indican que o funcionamento das redes de colectores son un aspecto clave para que estes servizos se poidan prestar dun xeito adecuado. A elevada pluviometría de Galicia, a proximidade de moitos sistemas de saneamento aos ríos ou ao mar ou a falta de control nas conexións ás redes existentes determinan a existencia de problemas de infiltracións nestes sistemas, que redundan nunha depuración pouco eficaz, consumos enerxéticos elevados e afeccións ambientais sobre os ecosistemas acuáticos.

As auditorías municipais son un instrumento eficaz para identificar os problemas asociados á xestión das redes de saneamento. Identificar as principais entradas de augas brancas ou os puntos de alivio é o primeiro paso para mellorar o funcionamento dos sistemas de saneamento e poder programar actuacións que, sendo en moitos casos de pouca entidade, permitirán mellorar significativamente a prestación dos servizos e contribuír ao cumprimento dos obxectivos ambientais nun complexo escenario de cambio climático.

Por estes motivos, considerouse necesario cooperar coas entidades locais a través dunha convocatoria de subvencións destinadas á realización de auditorías municipais das redes de saneamento para a detección de infiltracións.

O 7 de setembro de 2022 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 23 de agosto de 2022 pola que se aprobaban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á realización de auditorías municipais das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e se convocaban para o ano 2022 (código de procedemento AU301D).

A participación na convocatoria de subvencións do ano 2022 constata o interese dos concellos responsables de sistemas de saneamento por dotarse dun instrumento básico para a detección e corrección dos problemas existentes nas redes de saneamento.

A resolución que agora se aproba ten a vontade de continuar na liña de colaboración iniciada coas entidades responsables de sistemas de saneamento en toda a Comunidade Autónoma de Galicia, para que estas poidan xestionar coa maior dilixencia, eficacia e eficiencia posibles as súas competencias nunha materia tan importante como é a prestación dos servizos de saneamento e depuración.

En consecuencia, e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade coa Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de auditorías municipais das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e convocar estas subvencións para o ano 2024 (código de procedemento AU301D).

2. A finalidade das subvencións é que as entidades locais responsables do saneamento á poboación coñezan os problemas existentes no funcionamento dos sistemas de saneamento e conten cun instrumento básico para a detección e corrección dos distintos problemas existentes nas súas redes de saneamento.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos responsables de sistemas de saneamento cunha poboación total igual ou inferior a 50.000 habitantes, segundo cifras de poboación acordes co establecido no Real decreto 1037/2022, do 20 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2022.

Non poderán ser beneficiarios os concellos que xa o fosen ao abeiro da convocatoria do ano 2022, convocada pola Resolución do 23 de agosto de 2022, salvo que, unha vez notificada a resolución de concesión, renunciasen á subvención no prazo establecido no artigo 19 das bases da convocatoria.

2. Para poder obter a condición de entidades beneficiarias, todos os concellos solicitantes deberán:

a) Cumprir os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

b) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, así como con Augas de Galicia no que incumbe ao canon da auga e, se é o caso, ao coeficiente de verteduras, previstos na Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia.

3. Ningún concello poderá presentar máis dunha solicitude. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.

4. As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados pola persoa titular da alcaldía-presidencia ou pola persoa en que estea delegada a competencia no momento da dita sinatura, acreditándose esta circunstancia.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2024 destinados á elaboración de auditorías municipais das redes de saneamento para a detección de infiltracións, sempre que se refiran a traballos que non estean completamente executados no momento de presentar a solicitude de subvención.

As auditorías municipais das redes de saneamento deberán ter o seguinte contido mínimo:

a) Unha descrición detallada do sistema de saneamento do concello, que conteña, como mínimo, unha explicación do funcionamento do sistema de saneamento, un inventario dos elementos singulares (aliviadoiros, estacións de bombeo de augas residuais e impulsións, fosas sépticas, estacións depuradoras de augas residuais), coas súas principais características, localización e fotografías, os núcleos de poboación conectados a cada rede de saneamento e a poboación estimada conectada.

b) Documentación gráfica, planos en formato dixital (CAD ou SIX), do sistema de saneamento do concello, que conteña, como mínimo, as redes de colectores principais, os elementos singulares inventariados e todos os pozos de rexistro ou puntos de control inspeccionados como parte da elaboración da auditoría.

c) Sectorización do sistema de saneamento do concello, mediante a definición gráfica das bacías e subbacías vertentes a cada sector, e a localización dos puntos de control de cada sector.

d) Inspección dos puntos de control de cada sector, en que se rexistre, como mínimo, a seguinte información: localización e características dos pozos de rexistro ou puntos de control (estado, dimensións, material, tubaxes entrantes e/ou achegas), data e hora da inspección, condicións climáticas, fotografías exteriores e interiores, resultados das mostras tomadas, en que se analice a condutividade, turbidez e caracterización do fluxo, que inclúa as fotografías dos botes das mostras coa referencia aos puntos de control inspeccionados.

e) Análise do resultado da inspección nos puntos de control de cada sector e interpretación das mostras tomadas. Con este estudo identificaranse os tramos de colector que presentan maiores problemas e afeccións relacionadas coas infiltracións (alivios excesivos, roturas, entradas de augas brancas, entradas de auga de mar, parámetros de calidade por riba dos valores normais nunha rede de saneamento, etc.) e as bacías vertentes asociadas, co fin de realizar neles unha inspección máis detallada.

f) Inspección detallada dos tramos de colector e as bacías vertentes asociadas seleccionadas segundo o disposto na alínea anterior, mediante a inspección pozo a pozo ata localizar e determinar os motivos dese elevado grao de afección rexistrando, como mínimo, a información requirida na alínea d), co alcance necesario para localizar as causas das problemáticas identificadas, que inclúa, en caso de ser precisa, a inspección dos tramos do colector con videocámara.

g) Elaboración dun informe coa recompilación de toda a información xerada, a análise e interpretación dos resultados obtidos, o inventario das deficiencias detectadas e as propostas de medidas correctoras para a súa emenda, priorizadas e valoradas técnica e economicamente.

Para estes efectos, na páxina web oficial de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal) póñense á disposición un modelo de auditoría e protocolo de inspección de redes de saneamento para a detección de infiltracións e algunhas recomendacións para a súa elaboración.

2. Será subvencionable o imposto sobre o valor engadido (IVE) só no caso de que non sexa repercutible de acordo co disposto na Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido. Para tal efecto, o concello deberá presentar coa documentación xustificativa un certificado en que declare expresamente que o IVE dos gastos subvencionables non é repercutible polo concello.

Artigo 4. Crédito

1. As subvencións reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6566 (subvencións de capital a corporacións locais) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, por importe de trescentos mil euros (300.000 €).

Polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 18 de outubro de 2023, aprobouse o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024. Para os efectos da tramitación do expediente de gasto, resulta de aplicación o establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e queda condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2024.

Artigo 5. Ampliación de crédito

Sen prexuízo do establecido no artigo anterior, prevese a posibilidade de ampliar o crédito nas circunstancias previstas no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A ampliación de crédito queda condicionada á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, á aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Augas de Galicia publicará a ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 6. Importe máximo das subvencións

O importe das subvencións será do 80 % do investimento subvencionable, co límite máximo de quince mil euros (15.000 €) por solicitude, ata esgotar o crédito previsto nesta resolución.

Artigo 7. Compatibilidade das subvencións

1. Estas subvencións serán compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.

2. O concello beneficiario está obrigado a comunicarlles ás entidades concedentes a obtención de subvencións ou axudas que financien as actividades obxecto desta resolución.

3. A obtención de subvencións ou axudas concorrentes non poderá superar o custo total da actividade subvencionada. Cando se produza exceso das subvencións ou axudas percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade e estas sexan compatibles entre si, o concello beneficiario deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación.

O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas. Con todo, cando sexa a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que advirta o exceso de financiamento, exixirá o reintegro polo importe total do exceso, ata o límite da subvención outorgada por ela.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. No formulario, que figura como anexo I desta resolución, acéptase e declárase o seguinte:

a) Que o concello que solicita a subvención acepta as condicións e os demais requisitos exixidos nesta resolución de convocatoria.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) O conxunto de todas as subvencións ou axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas para este mesmo proxecto ou conceptos financiados ao abeiro desta resolución, e o compromiso de comunicar de contado cantas subvencións ou axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

d) Que a conta xeral da entidade local correspondente ao exercicio orzamentario de 2022 foi remitida ao Consello de Contas de Galicia antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes que regula esta resolución.

e) Que o concello solicitante está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Que o concello solicitante cumpre os requisitos que para poder obter a condición de entidade beneficiaria se recollen no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) O carácter repercutible ou non do IVE por parte do concello, de acordo co disposto na Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Resolución do órgano competente do concello solicitante pola que se acorde a solicitude da subvención ao abeiro desta resolución, con data anterior á finalización do prazo de presentación de solicitudes, na cal conste expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e os demais requisitos establecidos na resolución.

b) Unha memoria xustificativa do obxecto da auditoría municipal das redes de saneamento para a detección de infiltracións, en que se indique expresamente, polo menos, o seguinte: unha listaxe das estacións depuradoras de augas residuais (EDAR), estacións de bombeo de auga residual (EBAR) e fosas sépticas do concello, incluíndo a súa localización en coordenadas UTM fuso 29 ETRS89, a listaxe dos núcleos de poboación conectados a cada estación depuradora ou fosa séptica e a poboación aproximada dos núcleos conectados.

c) Planos a escala de suficiente detalle (1:10.000 ou menor) onde se representen, como mínimo: as estacións depuradoras, bombeos e fosas sépticas existentes no concello e os núcleos de poboación conectados a cada sistema de depuración.

Os planos deberán conter unha lenda suficiente que permita a súa interpretación e estar o máis actualizados posible; non serán admisibles aqueles en que non conste a data da súa realización nin os realizados con anterioridade ao 1.1.2021.

d) Unha proposta organizativa da realización dos traballos, que inclúa: a organización e o alcance estimado dos traballos, os medios que se van empregar na realización dos traballos (medios técnicos e equipo humano), as carencias detectadas polo concello e as actuacións previas acometidas para solucionar as infiltracións.

e) Orzamento detallado, que describirá con claridade os conceptos, cantidades e o seu prezo unitario para a realización da auditoría municipal das redes de saneamento para a detección de infiltracións.

f) Copia do regulamento ou ordenanza municipal vixente reguladora do servizo de saneamento e depuración de augas residuais.

g) Copia do regulamento ou ordenanza municipal vixente reguladora das tarifas polo saneamento e depuración de augas residuais.

h) Un documento onde conste o compromiso do emprego da lingua galega na auditoría municipal das redes de saneamento para a detección de infiltracións obxecto da solicitude.

A falta de presentación da documentación indicada nas alíneas a), b), c) e e) poderá ser obxecto de requirimento de emenda e aplicarase o previsto no artigo 15.2 desta resolución para o suposto de non atenderse ao requirimento, sen prexuízo do disposto no artigo 11 desta resolución sobre comprobación de datos.

A falta de presentación da documentación indicada nas alíneas d), f), g) e h) desta epígrafe non será emendable e a solicitude tramitarase sen que se poidan outorgar os puntos correspondentes de acordo cos criterios e baremos do artigo 16 desta resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas que deba emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas fronte á Seguridade Social que deba emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Para a comprobación do cumprimento da obriga de remisión ao Consello de Contas de Galicia da conta xeral da entidade local correspondente ao exercicio orzamentario de 2022, Augas de Galicia terá en conta os datos públicos que consten na páxina web oficial do Consello de Contas de Galicia, salvo que o solicitante achegue xunto coa súa solicitude outra documentación distinta que acredite o cumprimento da dita obriga.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Publicación dos actos

1. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a ampliación do crédito da convocatoria e a relación de subvencións que se concedan.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal) a ampliación do crédito da convocatoria e a relación de subvencións que se concedan.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá do concello interesado, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Órganos competentes e instrución

1. A unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento será a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico de Augas de Galicia, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Unha vez finalizado o prazo de presentación das solicitudes, revisadas estas e a documentación que se presente con elas, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento requirirá o solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se considerará que desiste da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, despois de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 desta lei.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento poderá requirir os solicitantes para que presenten a información e/ou a documentación complementaria que consideren conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación das solicitudes presentadas.

Aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e conteñan toda a documentación preceptiva serán elevados polo órgano instrutor á Comisión de Valoración.

3. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidencia: a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

b) Vogalías: a persoa titular da Xerencia de Augas de Galicia, a persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico de Augas de Galicia, a persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Económico-Financeiro de Augas de Galicia e unha persoa designada pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

c) Secretaría: un/unha funcionario/a de Augas de Galicia, designado/a pola Dirección de Augas de Galicia.

Se, por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas compoñentes non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto nomee a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

4. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nesta resolución e de emitir informe en que se concrete o resultado da valoración efectuada e no cal conste a relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións administrativas e técnicas para adquiriren a condición de beneficiarias, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas. Este informe remitirase ao órgano instrutor, que o elevará xunto coa proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

5. O órgano instrutor formulará a proposta de resolución.

A proposta de resolución proporá a inadmisión tanto das solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación como das solicitudes que non conteñan a documentación necesaria, con indicación das causas desta inadmisión.

A proposta de resolución proporá a concesión das solicitudes que proceda. Na proposta de resolución que formule o instrutor figurarán de xeito individualizado as entidades solicitantes propostas para obter a subvención, ordenadas segundo a valoración que se lle outorgue á solicitude no informe emitido pola Comisión de Valoración. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas, ata esgotar o crédito dispoñible.

6. As solicitudes admitidas e valoradas pola Comisión de Valoración cuxa concesión superaría o importe do crédito dispoñible poderán ser atendidas seguindo a orde de puntuación, sen necesidade dunha nova convocatoria, co crédito que resulte dispoñible de se producir algunha non aceptación ou renuncia e ata o límite do crédito dispoñible. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

7. O órgano instrutor emitirá un informe en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que as entidades beneficiarias cumpren todos os requisitos necesarios para acceder ás subvencións.

8. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base.

Artigo 16. Criterios de valoración

1. A concesión da subvención tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo cos principios establecidos no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Aplicaranse os seguintes criterios e baremos para a valoración das solicitudes:

a) A poboación do concello. Ata un máximo de 5 puntos. Os puntos distribuiranse do seguinte xeito:

0 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 30.000 e inferior ou igual a 50.000 habitantes.

1 punto no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 20.000 e inferior ou igual a 30.000 habitantes.

2 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 10.000 e inferior ou igual a 20.000 habitantes.

3 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 5.000 e inferior ou igual a 10.000 habitantes.

4 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 2.000 e inferior ou igual a 5.000 habitantes.

5 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación inferior ou igual a 2.000 habitantes.

Para os efectos desta convocatoria, considerarase o número de habitantes por concello recollido no Real decreto 1037/2022, do 20 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2022.

b) A lonxitude da rede municipal de saneamento do concello, tendo en conta a suma de colectores, ramais e emisarios. Ata un máximo de 5 puntos. Os puntos distribuiranse do seguinte xeito:

0 puntos no caso de concellos solicitantes cunha lonxitude de rede de saneamento menor ou igual a 5.000 metros.

1 punto no caso de concellos solicitantes cunha lonxitude de rede de saneamento superior a 5.000 e inferior ou igual a 10.000 metros.

2 puntos no caso de concellos solicitantes cunha lonxitude de rede de saneamento superior a 10.000 e inferior ou igual a 25.000 metros.

3 puntos no caso de concellos solicitantes cunha lonxitude de rede de saneamento superior a 25.000 e inferior ou igual a 50.000 metros.

4 puntos no caso de concellos solicitantes cunha lonxitude de rede de saneamento superior a 50.000 e inferior ou igual a 75.000 metros.

5 puntos no caso de concellos solicitantes cunha lonxitude de rede de saneamento superior a 75.000 metros.

Para os efectos desta convocatoria, considerarase a lonxitude total da rede municipal de saneamento recollida na Enquisa de infraestrutura e equipamentos locais (EIEL), na información dos datos recompilados do ano 2020 ou, na súa falta, en anos anteriores.

c) A acreditación da vixencia do regulamento ou ordenanza municipal reguladora do servizo de saneamento e depuración de augas residuais: 1 punto, valorado do seguinte xeito:

0 puntos se non se acredita a vixencia do citado regulamento ou ordenanza municipal.

1 punto se se acredita a vixencia do citado regulamento ou ordenanza municipal.

d) A acreditación da vixencia do regulamento ou ordenanza municipal reguladora das tarifas do servizo polo saneamento e depuración de augas residuais: 1 punto, valorado do seguinte xeito:

0 puntos se non se acredita a vixencia do citado regulamento ou ordenanza municipal.

1 punto se se acredita a vixencia do citado regulamento ou ordenanza municipal.

e) A documentación presentada polo concello conforme a alínea d) do artigo 10.1 desta resolución. Analizarase a proposta organizativa do concello para a realización dos traballos (organización dos traballos e alcance estimado dos traballos), os medios que se vaian empregar na realización dos traballos (medios técnicos e equipo humano) e as carencias detectadas polo concello e as actuacións previas acometidas para solucionar as infiltracións. Ata un máximo de 6 puntos.

f) Compromiso do emprego da lingua galega na elaboración da auditoría municipal das redes de saneamento para a detección de infiltracións obxecto da solicitude: 1 punto, valorado do seguinte xeito:

0 puntos se non consta o citado compromiso.

1 punto se consta o citado compromiso.

g) Presentación correcta da solicitude de subvención, sen necesidade de realizar ningún requirimento de emenda: 1 punto, valorado do seguinte xeito:

0 puntos se é necesario realizar algún requirimento de emenda.

1 punto se non é necesario realizar ningún requirimento de emenda.

3. Se o outorgamento de todas as solicitudes valoradas implica un gasto superior ao crédito consignado nesta resolución, no caso de que máis dunha solicitude obteña a mesma puntuación, o desempate realizarase tendo en conta os seguintes criterios:

1º. Maior puntuación na alínea a) dos criterios de valoración.

2º. Menor número de habitantes do concello.

Artigo 17. Resolución, notificación e recursos

1. O órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia, será a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

2. Unha vez realizada a proposta de resolución, o órgano competente para resolver ditará a resolución do procedemento.

A resolución acordará tanto o outorgamento das subvencións coma a desestimación e a non concesión, por desistencia, renuncia ao dereito ou imposibilidade material sobrevida.

3. O prazo para ditar a resolución do procedemento iniciado en virtude desta convocatoria será tres meses, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

4. Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entenderen desestimada por silencio administrativo a súa solicitude de concesión da subvención.

5. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Artigo 18. Modificación da resolución

O órgano competente para a concesión destas subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia do concello beneficiario, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos no artigo 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Unicamente se aceptará como suposto que habilite a modificación da resolución de concesión a modificación dun contrato vixente derivada de circunstancias sobrevidas e que fosen imprevisibles no momento de licitación do contrato, segundo o establecido no artigo 205, números 1 e 2.b), da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro.

A modificación da resolución nestes supostos non implicará o incremento do importe da subvención inicialmente concedida.

Artigo 19. Aceptación

1. As entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para comunicaren a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben a renuncia á subvención concedida.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención, de conformidade co artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

1. Cumprir o obxectivo da subvención e redactar a auditoría municipal das redes de saneamento para a detección de infiltracións nos prazos establecidos e co contido indicado nesta resolución.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Proceder ao reintegro das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos nesta resolución.

c) Incumprimento da obriga, de ser o caso, de achegar os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria e/ou falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.

d) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou en calquera outro que resulte da normativa aplicable.

5. No suposto de concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, tramitar e adxudicar os contratos necesarios conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa do sector público e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas.

6. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

7. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme o previsto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

8. En relación coa subvención concedida, someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 21. Contratación

1. Os concellos beneficiarios poderán concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actuacións que, aumentando o custo da actuación subvencionada, non acheguen valor engadido ao seu contido.

Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actuación subvencionada fronte á Administración concedente.

2. A tramitación dos expedientes de contratación que procedan será realizada polos concellos beneficiarios conforme a normativa vixente en materia de contratación do sector público, e serán as entidades locais contratantes as responsables directas das consecuencias que poidan derivar dos incumprimentos.

3. En todo caso, deberá observarse o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.e) do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

O concello beneficiario deberá acreditar, de ser o caso, as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.

Artigo 22. Xustificación e pagamento

1. O prazo para a presentación da documentación xustificativa da subvención rematará o 8 de outubro de 2024, sen prexuízo de que se poida presentar a dita documentación con anterioridade para a súa tramitación.

2. Os concellos beneficiarios deberán achegar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 14, o anexo II desta resolución, no cal expresamente declararán:

a) Se solicitaron ou lle foron concedidas outras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto ou conceptos para os cales lles foi concedida esta subvención, con indicación do importe e da súa procedencia, se é o caso.

b) Que o concello solicitante non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario da subvención.

3. Xunto co anexo II deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:

a) Copia da auditoría municipal das redes de saneamento para a detección de infiltracións, redactada co contido mínimo establecido na resolución de convocatoria da subvención.

b) Resolución do órgano competente do concello pola que se aprobe a auditoría municipal das redes de saneamento.

c) Documentación gráfica xerada na realización das auditorías, planos en formato dixital (CAD ou SIX), co contido mínimo establecido na resolución de convocatoria da subvención.

d) Conta xustificativa que recolla o previsto nos artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

e) Certificado de que o IVE non é repercutible por parte do concello, de ser o caso.

f) Os tres orzamentos que en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria, de ser o caso.

4. Augas de Galicia poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito a cobrar a subvención e as demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto no artigo 45.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

6. Augas de Galicia, de atopar conforme a documentación xustificativa, proporá o libramento dos fondos, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 23. Incumprimento de obrigas

1. O órgano concedente poderá revogar a concesión da subvención se a entidade beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na restante normativa que sexa de aplicación dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o procedemento de reintegro oportuno, que se axustará ao previsto no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e VI do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Medidas antifraude

1. É de aplicación ao procedemento recollido nesta resolución o Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da entidade pública empresarial Augas de Galicia, que pode consultarse na seguinte ligazón:

https://augasdegalicia.xunta.gal/c/document_library/get_file?file_path=/portal-augas-de-galicia/plans/resto_plans/PlanMedidasAntifraudeAugasdeGalicia.pdf

2. Augas de Galicia empregará como canle de denuncias o sistema posto en funcionamento, á disposición da cidadanía, a partir do 1 de xaneiro de 2022, no Sistema integrado de atención á cidadanía (SIACI) (https://www.xunta.gal/sistema-integrado-de-atencion-a-cidadania?langId=gl_ES), onde os cidadáns poden denunciar calquera irregularidade ou conduta de fraude. A presentación de denuncias nesta canle, que precisará da identificación electrónica da persoa denunciante para evitar suplantacións ou denuncias automatizadas, será tratada pola Administración autonómica garantindo o anonimato da persoa denunciante, de xeito que os órganos que deban investigar a denuncia non coñezan a identidade do denunciante.

A canle, ademais de pola cidadanía, poderá ser utilizada polos empregados públicos para presentar medidas de mellora dos procedementos ou das accións antifraude. Tamén na canle se poderán denunciar incidencias realizadas por empresas ou por beneficiarios de subvencións.

No punto de acceso electrónico á canle de denuncias, situado en SIACI, figurará unha declaración da Xunta en que constará expresamente que, con independencia da necesaria identificación electrónica para a presentación da denuncia, os datos serán tratados anonimizadamente mediante tecnoloxías de información para garantir a indemnidade da persoa denunciante e evitar calquera tipo de eventual represalia sobre ela, en termos semellantes aos establecidos na directiva europea.

A xestión da canle de denuncias corresponderá á Dirección Xeral de Simplificación Administrativa.

3. A investigación e tratamento das denuncias presentadas axustarase ao disposto nos puntos 2.3.2 e 2.3.3 do Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Delégase na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia a competencia para resolver o procedemento de concesión de subvencións, a modificación da resolución e outras incidencias que poidan xurdir na súa tramitación, así como a competencia para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional segunda. Impugnación da convocatoria

Contra esta resolución poderá interpoñerse, ante a presidencia de Augas de Galicia, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da resolución

Facúltase a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2023

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file