DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 31 de xaneiro de 2024 Páx. 9618

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 28 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2024 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos para a modernización e mellora dos equipamentos e das infraestruturas dos portos pesqueiros, dos lugares de desembarque, das lonxas e dos ancoradoiros, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) e tramitada como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE209G).

O Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), ao Fondo Social Europeo Plus (FSEP), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), así como as normas financeiras para ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados, define no artigo 5 os obxectivos políticos a que os fondos prestarán o seu apoio e na alínea b) sinala unha Europa máis verde, baixa en carbono, en transición cara a unha economía con cero emisións netas de carbono e resiliente, promovendo unha transición enerxética limpa e equitativa, o investimento verde e azul, a economía circular, a mitigación e adaptación ao cambio climático, a prevención e xestión de riscos e a mobilidade urbana sustentable.

Así mesmo, o Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa), e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2017/1004, recolle no artigo 3 e dentro do antedito obxectivo político que o Fempa contribuirá á prioridade 1 da Unión Europea (UE), relativa a fomentar unha pesca sustentable e á recuperación e conservación dos recursos biolóxico-acuáticos. Dentro desta prioridade regúlase no artigo 14 o obxectivo específico 1.1 de reforzar as actividades pesqueiras que sexan económica, social e ambientalmente sustentables. Incluída neste obxectivo específico está o tipo de actividade 1.1.12, Portos pesqueiros, lugares de desembarque, lonxas e ancoradoiros, que ten como finalidade mellorar a calidade e incrementar o control e a rastrexabilidade dos produtos desembarcados, facilitar o cumprimento da obrigación de desembarque e o aproveitamento total de todas as capturas, aumentar a eficiencia enerxética; contribuír á protección do ambiente, mellorar a seguridade e as condicións de traballo, mellorar a seguridade das infraestruturas fronte a eventos meteorolóxicos provocados polo cambio climático, e a xestión intelixente e dixitalizada en portos.

Mediante a Decisión de execución da Comisión, do 29 de novembro de 2022, aprobouse o Programa para España do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura para o período 2021-2027, que inclúe as medidas que se desenvolverán para a consecución das prioridades e obxectivos do Fempa en España mediante investimentos que melloren e modernicen as infraestruturas dos portos pesqueiros, lonxas, lugares de desembarque, pantaláns e ancoradoiros. Estes investimentos desenvólvense mediante dous tipos de intervención como son contribuír á neutralidade climática e promover as condicións para uns sectores da pesca, da acuicultura e da transformación economicamente viables, competitivos e atractivos.

A natureza dos proxectos correspóndese con investimentos que melloren e modernicen as infraestruturas, equipamentos e maquinaria dos portos pesqueiros, lonxas, lugares de desembarque, pantaláns e ancoradoiros.

A Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, sinala nos seus artigos 1 e 2 que esta lei ten por obxecto a regulación, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, entre outras materias, a ordenación do sector pesqueiro galego, a comercialización, manipulación, transformación e conservación dos produtos pesqueiros e que a política pesqueira galega ten por finalidade a viabilidade duradeira do sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola galego, garantindo a mellora das condicións de vida e traballo das persoas que se dedican a estas actividades mediante a explotación sustentable, equilibrada e responsable dos recursos.

Galicia conta cun amplo número de portos pesqueiros e ancoradoiros distribuídos ao longo do seu litoral que conforman un sistema portuario pesqueiro, diverso e complexo, que presta servizo a unha frota heteroxénea en tamaño e actividades e a un amplo grupo de usuarios plural tanto nas súas actividades coma nos seus intereses, e que se insire no territorio tanto espacial como socialmente.

Para desenvolver o Programa de equipamentos pesqueiros nos portos de Galicia 2016-2020, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, como organismo intermedio de xestión do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), desenvolveu entre 2016 e 2022 un total de 337 actuacións en portos pesqueiros por un importe de máis de 15 millóns de euros co apoio do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca.

O Plan de equipamentos nos portos pesqueiros de Galicia 2030 foi elaborado para dotar dun marco de referencia as actuacións que proxecta realizar a Consellería do Mar co apoio do Fempa, e a súa finalidade é acadar un sistema portuario pesqueiro que responda ás necesidades do sector pesqueiro, que sexa eficaz economicamente, tecnoloxicamente avanzado, socialmente integrador e enerxeticamente eficiente. O Plan recolle actuacións que permiten un tránsito cara a un modelo de neutralidade climática nos portos pesqueiros, conformando un plan de descarbonización para estes.

En relación co principio de non causar danos significativos, o alcance e condicións do Fempa aseguran isto. O Fondo ten como obxectivo promover a sustentabilidade ambiental no marco da política pesqueira común e a lexislación ambiental da Unión, e inclúe condicións precisas e unha lista de operacións non elixibles para prever operacións daniñas. Ademais, mediante a avaliación do programa sobre a base do número 5 do artigo 8 do Fempa, garántese que os tipos de accións descritos no programa sexan coherentes, cando proceda, co principio de non causar danos significativos.

Por outra banda, os proxectos que contribúan á neutralidade climática teñen un coeficiente do 100 % de cara á consecución dos obxectivos tanto ambientais como de mitigación do cambio climático.

Os proxectos subvencionados nesta orde financiarán beneficiarios colectivos sen ánimo de lucro para desenvolver medidas de interese colectivo garantindo o acceso público aos seus resultados, que contribúan á consecución do obxectivo específico 1.1) de reforzar as actividades pesqueiras que sexan económica, social e ambientalmente sustentables dentro da prioridade 1 relativa a fomentar una pesca sustentable e á recuperación e conservación dos recursos biolóxico-acuáticos.

Por outra banda, o artigo 1.1 da Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG núm. 33, do 19 de febreiro) sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), establece que os expedientes de gasto relativos a subvencións se poderán iniciar sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma aprobado polo Consello da Xunta de Galicia que corresponda ao exercicio orzamentario en que se vai materializar a contraprestación.

O artigo 3.3 estende expresamente esta posibilidade de tramitación anticipada aos expedientes relativos ás bases reguladoras ou convocatorias de axudas derivadas da aplicación de regulamentos comunitarios con financiamento procedente de fondos europeos, sempre que exista regulación das axudas pola Unión Europea ou de ámbito estatal ditada en desenvolvemento ou transposición dela e existan compromisos de financiamento destinados á aplicación das correspondentes medidas.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2024 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para proxectos colectivos que modernicen as infraestruturas dos portos pesqueiros, das lonxas ou establecementos autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros e dos lugares de desembarque, para a mellora da eficiencia enerxética, da protección do ambiente, da seguridade e das condicións de traballo, da calidade e do incremento do control e da rastrexabilidade dos produtos desembarcados procedentes da pesca e da seguridade das infraestruturas fronte a eventos meteorolóxicos provocados polo cambio climático, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) e tramitada como expediente anticipado de gasto.

2. O procedemento regulado nesta orde ten o código PE209G.

Artigo 2. Marco normativo

Para todo o non previsto nesta convocatoria, observarase o disposto na normativa vixente e, particularmente, nas seguintes normas e disposicións de desenvolvemento:

1. Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os devanditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados.

2. Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 2017/1004.

3. Programa Fempa aprobado pola Decisión da Comisión de aprobación do Programa Fempa en España (CCI 2021ES14MFPR001) o 29 de novembro de 2022.

4. Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión Europea, polo que se modifican os regulamentos (UE) núm. 1296/2013, (UE) núm. 1301/2013, (UE) núm. 1303/2013, (UE) núm. 1304/2013, (UE) núm. 1309/2013, (UE) núm. 1316/2013, (UE) núm. 223/2014 e (UE) núm. 283/2014 e a Decisión núm. 541/2014/UE e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) núm. 966/2012.

5. Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

6. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

9. Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

10. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

11. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

12. Decreto 132/2006, do 27 de xullo, en materia de rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións.

13. Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

14. Lei 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público e outras medidas de reforma administrativa.

15. Lei 11/2023, do 8 de maio, de transposición de directivas da Unión Europea en materia de accesibilidade de determinados produtos e servizos, migración de persoas altamente cualificadas, tributaria e dixitalización de actuacións notariais e rexistrais, e pola que se modifica a Lei 12/2011, do 27 de maio, sobre responsabilidade civil por danos nucleares ou producidos por materiais radioactivos.

16. Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade de Galicia.

17. Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e eliminación de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

18. Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.

19. Lei 41/2010, do 29 de decembro, de protección do medio mariño.

20. Real decreto 79/2019, do 22 de febreiro, polo que se regula o informe de compatibilidade e se establecen os criterios de compatibilidade coas estratexias mariñas.

21. Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade.

22. Lei 5/2019, do 2 de agosto, do patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia.

23. Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia.

24. Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, por lo que se aproba definitivamente o Plan de ordenación do litoral de Galicia.

25. Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia.

Artigo 3. Crédito orzamentario

1. O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio 2024 e a plurianualidade asociada alcanza o importe de oito millóns trescentos mil euros (8.300.000,00 euros), con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.514A.781.0, código de proxecto 2023 178, repartidos nas seguintes anualidades:

Ano 2024

Ano 2025

Total

4.800.000,00 €

3.500.000,00 €

8.300.000,00 €

Para o ano 2024 na partida orzamentaria sinalada, código de proxecto 2023 178, existe crédito adecuado e suficiente no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 18 de outubro de 2023.

2. Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e a concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.

3. O importe consignado poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, agás indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto. En todo caso, a concesión das axudas estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

4. As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 70 % con fondos Fempa e do 30 % con fondos da Comunidade Autónoma.

O cofinanciamento do Fempa enmárcase dentro da prioridade 1 de fomentar a pesca sustentable e a recuperación e conservación dos recursos biolóxicos acuáticos, no obxectivo específico 1.1 de reforzar as actividades pesqueiras que sexan económica, social e ambientalmente sustentables, e o tipo de actividade 1.1.12 nos portos pesqueiros, lugares de desembarque, lonxas e ancoradoiros.

5. Poderán adquirirse compromisos de carácter plurianual de acordo co artigo 58 de Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 4. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores, agrupacións de interese económico do sector pesqueiro, as organizacións de produtores, as cooperativas, as asociacións profesionais de persoas pescadoras e mariscadoras e as asociacións profesionais de redeiras que realicen os investimentos e gastos que se consideren subvencionables. As entidades serán sen ánimo de lucro e deben ter un ámbito territorial que inclúa a Comunidade Autónoma de Galicia e sede social nela.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) As persoas sinaladas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As persoas incursas nas circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Os operadores que estean nalgún dos supostos establecidos no artigo 11.1 e 3 do Regulamento (UE) nº 2021/1139.

d) As persoas que non estean ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

e) Ter incumpridas as obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.

Artigo 5. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios, ao formalizaren a súa solicitude, sométense voluntariamente ao cumprimento das condicións que se establecen nesta orde para a concesión e pagamento das subvencións, das sinaladas no documento que establece as condicións de axuda (DECA), así como ao cumprimento dos requisitos estipulados na normativa de aplicación a estas.

2. Os beneficiarios deberán:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión, co cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, na orde de convocatoria ou demais normativa de aplicación, de forma que se poida realizar a súa comprobación documental e material.

b) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades para as cales se solicita axuda, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución ou a consecución dos fins para os cales foi concedida a axuda de que se trate.

c) Aportar e actualizar toda a información que lles sexa requirida en relación coas subvencións concedidas e someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a entidade concedente, así como calquera outra actuación de comprobación ou control financeiro que poidan realizar os órganos de fiscalización e control da Comunidade Autónoma de Galicia, da Administración xeral do Estado e da Unión Europea, para o que se achegará canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139, de conformidade co seu número 4.

Cumprir as condicións de admisión do artigo 11.1 durante todo o período de execución da operación e durante un período de cinco anos despois da realización do pagamento final ao beneficiario. No caso de incumprimento neste período recuperarase a axuda concedida de conformidade co artigo 44 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 e o artigo 103 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

Cumprir as condicións de admisión da solicitude do artigo 11.3 en relación con solicitudes de axuda presentadas por un operador respecto do cal a autoridade competente determinase, por medio dunha resolución definitiva, que cometeu fraude, no contexto do FEMP ou do Fempa.

No caso de detectarse infraccións ou fraudes en controis posteriores á concesión da axuda, recuperarase a axuda concedida de conformidade co disposto no artigo 202 do Regulamento (UE, Euratom) nº 2018/1046.

e) Manter os investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos obxecto de subvención durante 5 anos, polo menos, ou 3 anos no caso de pemes, desde o pagamento final de acordo co previsto no artigo 65 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

Tomarase como data de referencia para o cálculo dos períodos de tempo mencionados a data contable do último pagamento da axuda.

Os supostos do artigo 65.1 do regulamento mencionado non se aplican no caso de producirse o cesamento dunha actividade produtiva por quebra non fraudulenta.

f) Proporcionar toda a información e datos necesarios para poder proceder ao seguimento e avaliación do programa, para poder dar cumprimento ao artigo 42 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 e ao artigo 46 do Regulamento (UE) nº 2021/1139.

g) Levar rexistros contables independentes ou empregar códigos de contabilidade apropiados para todas as transaccións relacionadas coa operación, de conformidade co artigo 74 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

h) Conservar os documentos xustificativos relacionados coa operación que recibe axuda durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o organismo intermedio de xestión efectúe o último pagamento ao beneficiario.

Os rexistros e documentos conservaranse, ben en forma de orixinais, ben en forma de copias auténticas de orixinais, ben en soportes de datos comunmente aceptados, entre eles versións electrónicas de documentos orixinais ou documentos existentes só en versión electrónica. Cando existan versións electrónicas, non serán necesarios orixinais, se os ditos documentos cumpren os requisitos legais para poder ser considerados equivalentes a orixinais e fiables, para os efectos de auditoría.

i) A resolución de concesión supón a aceptación da persoa beneficiaria de ser incluída na lista pública que se recolle no artigo 49.3 e 5 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

j) Dar a coñecer a axuda prestada polos fondos á operación, de conformidade co establecido artigo 50 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, para o cal:

1º. Se o beneficiario dispón de web ou contas en redes sociais, realizará unha breve descrición da operación de maneira proporcionada en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, e destacará a axuda financeira da Unión Europea.

2º. Nos documentos e materiais de comunicación relacionados coa execución da operación, destinados ao público ou aos participantes, incluirá unha declaración que destaque a axuda da Unión Europea de maneira visible.

3º. No caso de operacións que teñan un custo total superior a 100.000 euros: instalará placas ou valos publicitarios resistentes en lugares ben visibles para o público, en que apareza o emblema da Unión Europea, de conformidade coas características técnicas que figuran no anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1060, tan pronto como comece a execución física da operación que implique investimentos físicos ou se instalen equipamentos adquiridos.

4º. Para as operacións non incluídas no ordinal 3º, exhibirá nun lugar ben visible para o público un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica con información sobre a operación destacando a axuda do Fempa. Cando a persoa beneficiaria sexa unha persoa física, na medida do posible, asegurará a dispoñibilidade da información onde se destaque a axuda do Fempa nun lugar visible para o público ou mediante unha pantalla electrónica.

En calquera actuación, incluirán, así mesmo, o logotipo da Xunta de Galicia.

O emblema da Unión Europea empregarase de conformidade co anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1060 cando se realicen actividades de visibilidade, transparencia e comunicación.

Cando as beneficiarias non empreguen o emblema da Unión Europea ou incumpran o establecido nos ordinais 1º a 4º desta letra, o organismo intermedio de xestión aplicará medidas, tendo en conta o principio de proporcionalidade e cancelará ata un máximo do 3 % da axuda á operación.

k) Facer mención á orixe do financiamento e velar por darlle visibilidade, en particular, cando promovan as accións e os seus resultados, facilitando información coherente, efectiva e proporcionada dirixida a múltiples destinatarios, incluídos os medios de comunicación e o público en xeral, de conformidade co artigo 60 do Regulamento (UE) nº 2021/1139.

l) Conservar o rexistro documental e gráfico que avale o cumprimento das obrigas de comunicación e visibilidade, que estará á disposición das autoridades do Programa e da Comisión Europa, cando se solicite.

m) A resolución supón que a persoa beneficiaria pon á disposición da Unión os materiais de comunicación e visibilidade, logo de petición, e autoriza o seu emprego. Isto non suporá custos adicionais significativos ou carga administrativa significativa a beneficiarios nin órganos xestores.

n) Non concertar a execución total ou parcial das actividades subvencionadas con persoas ou entidades afectadas polas situacións referidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

ñ) Cumprir coa normativa comunitaria, nacional e rexional vixente segundo a normativa sectorial que resulte de aplicación.

o) Respectar a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea. Ter en conta a promoción e igualdade entre mulleres e homes e a non discriminación. Evitar calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual e ter en conta a accesibilidade para as persoas con discapacidade, de ser o caso.

p) Comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución no caso de non ser quen de realizar a actuación para a cal se concedeu a axuda.

q) Aplicarlle á actividade subvencionada os rendementos financeiros que se xeren polos fondos librados aos beneficiarios que incrementan o importe da subvención concedida.

r) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para levar a cabo o proxecto para o cal se solicita a axuda.

Ademais, no caso de operacións que impliquen investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos, a persoa disporá de recursos e mecanismos financeiros necesarios para cubrir os custos de funcionamento e mantemento das operacións, para garantir a súa sustentabilidade financeira.

Artigo 6. Proxectos obxecto de subvención

1. Poderán ser obxecto de subvención os proxectos colectivos que se desenvolvan nos edificios ou instalacións dos portos pesqueiros en que se presten servizos ou desenvolvan actividades directamente vinculadas coa actividade pesqueira, lonxas ou establecementos autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros e lugares de desembarque da Comunidade Autónoma de Galicia, e teñan algún dos seguintes obxectivos:

a) Mellorar a eficiencia enerxética.

b) Mellorar a protección do ambiente.

c) Mellorar a seguridade e as condicións de traballo das persoas pescadoras.

d) Mellorar a calidade e incrementar o control e a rastrexabilidade dos produtos desembarcados procedentes da pesca.

e) Mellorar a seguridade das infraestruturas fronte a eventos meteorolóxicos provocados polo cambio climático.

Os obxectivos a) e b) inclúense dentro do tipo de intervención de contribuír á neutralidade climática e os obxectivos c), d) e e) dentro do tipo de intervención de promover as condicións para uns sectores da pesca, da acuicultura e a transformación economicamente viables, competitivos e atractivos.

2. Normas xerais dos proxectos:

a) Delimitación das actuacións do proxecto ao ámbito da pesca e da acuicultura no caso dos proxectos sinalados nos números 1), 2) e 5) do artigo 7.

b) Delimitación das actuacións do proxecto só ao ámbito da pesca no caso dos proxectos sinalados nos números 3) e 4) do artigo 7.

c) O proxecto deberá identificar como contribuirá de xeito tanxible a mellorar os servizos diarios das persoas pescadoras e/ou acuicultoras que empregan o porto, en función do seu obxectivo.

d) No caso de proxectos promovidos por importe superior a 250.000 €, deberá presentarse un plan de negocio.

e) Un proxecto colectivo só poderá incluír investimentos que correspondan a unha mesma tipoloxía e lugar (porto pesqueiro, lonxa/establecemento autorizado de primeira venda ou lugar de desembarque), segundo as seguintes regras:

1º. Un proxecto independente para cada un dos investimentos establecidos nas alíneas a) e b) do número 1) do artigo 7.

2º. Un proxecto independente para cada un dos investimentos establecidos nas alíneas a), b) e c) do número 2) do artigo 7.

3º. Un proxecto para os investimentos establecidos no número 3) do artigo 7.

4º. Un proxecto para os investimentos establecidos no número 4) do artigo 7.

5º. Un ou varios proxectos para os investimentos do número 5) do artigo 7.

f) Os proxectos serán técnica e economicamente viables.

g) Axustarse á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto. En particular, aplicarase a lexislación en materia de accesibilidade para as persoas con discapacidade e en materia ambiental, cando corresponda polo obxecto das operacións.

3. Requisitos en materia ambiental para investimentos materiais:

a) Os investimentos materiais que estean fóra de solos urbanos o urbanizables ordenados ou sectorizados deberán estar xeorreferenciados para poder apreciar os seus impactos sobre zonas con características ou requirimentos ambientais específicos. Se a instalación ou actuación é móbil concretarase o seu rango xeográfico de mobilidade. Este requirimento non se aplica a investimentos, dotación ou mellora de equipamentos en embarcacións ou a vehículos.

b) No caso de que o proxecto responda á definición do artigo 5.3.b) da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e estea incluído nalgún dos supostos de avaliación de impacto ambiental recollidos no artigo 7 da mencionada lei, as persoas promotoras deberán contar, no prazo de presentación da solicitude, coa declaración de impacto ambiental favorable (DIA) do proxecto no momento da súa execución ou do informe de impacto ambiental favorable ao proxecto, segundo se trate de avaliación de impacto ambiental ordinaria ou simplificada, respectivamente. As condicións deberán ter sido incorporadas ao proxecto, se é o caso.

c) Os proxectos que inclúan actuacións previstas no ámbito de aplicación do Real decreto 79/2019, do 22 de febreiro, polo que se regula o informe de compatibilidade e se establecen os criterios de compatibilidade coas estratexias mariñas, deberán dispor do informe de compatibilidade, que se acreditará coa autorización correspondente no prazo de presentación da solicitude.

En proxectos sometidos a avaliación de impacto ambiental, a acreditación do cumprimento da avaliación permitirá considerar acreditada esta condición.

d) No caso de operacións materiais que supoñan interaccións en espazos de Rede Natura 2000, áreas mariñas protexidas ou outros espazos naturais protexidos, as actuacións deberán axustarse á normativa ambiental vixente.

No caso de espazos na Rede Natura 2000 non será exixible a conformidade co artigo 6.3 da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación de hábitats naturais e da fauna e flora silvestre, para o suposto de operacións materiais que se localicen sobre solo urbano ou urbanizable ordenado ou sectorizado. En proxectos sometidos a avaliación de impacto ambiental, a acreditación do cumprimento da avaliación permitirá considerar acreditada esta condición.

e) No caso de actuacións que supoñan modificacións hidromorfolóxicas das masas de auga, as actuacións cumprirán o disposto no Real decreto 907/2007, do 6 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da planificación hidrolóxica.

f) No caso de investimentos en creación ou ampliación de instalacións, cumpriranse os requisitos establecidos nos procedementos de autorización en materia de recollida e xestión de refugallos orgánicos xerados.

g) No caso de construcións, o proxecto debe ser compatible coas normas e directrices dos espazos naturais, a paisaxe e o patrimonio cultural que sexan de aplicación.

h) Para actuacións de conservación, divulgación ou posta en valor de elementos do patrimonio cultural, cumprirase o disposto na normativa en materia de patrimonio.

i) No caso de actuacións prohibidas pola normativa de protección de recursos pesqueiros, medio mariño, augas, espazos protexidos ou biodiversidade, non se financiarán actuacións agás que estean autorizadas, no caso de que as ditas normas expresamente o recollan.

j) No caso de actuacións sobre o dominio público hidráulico, dominio público marítimo terrestre, as súas correspondentes zonas de servidume ou de policía, montes de utilidade pública ou vías pecuarias, disporase da preceptiva autorización ou concesión do organismo competente.

k) No caso de proxectos que requiren a realización de obra, polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na listaxe europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/EC) xerados na execución do proxecto prepararanse para a súa reutilización, reciclaxe ou recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE

4. Os proxectos que non cumpran as normas xerais establecidas no número 2 ou os requisitos en materia ambiental b) e c) do número 3 deste artigo non poderán ser obxecto de subvención e serán inadmitidos.

Artigo 7. Lugar e tipoloxía de proxectos subvencionables

A tipoloxía de proxectos establécese en función dos investimentos subvencionables, e será a seguinte:

1) Proxectos de equipamentos para a mellora da eficiencia enerxética, en que se pode diferenciar:

a) Proxectos de modernización de sistemas de iluminación interiores por tecnoloxía led, e a renovación ou incorporación de sistemas de control de acendido, e de sistemas de regulación do nivel de iluminación.

Os únicos tipos de sistemas de control de acendido subvencionables son os detectores de presenza e pulsadores. Como sistemas de regulación da iluminación, o único tipo subvencionable son os sensores.

Poderán subvencionarse aqueles puntos de luz exteriores ao edificio e alimentados directamente desde o cadro de proteccións do edificio.

b) Proxectos de aforro enerxético nas instalacións de frío existentes, xestionadas polas entidades beneficiarias e sistemas auxiliares necesarios para o seu funcionamento, cos seguintes investimentos subvencionables, entre outros:

1º. Mellora da eficiencia enerxética dos motores das bombas, compresores, condensadores ou ventiladores da instalación.

2º. Control da capacidade dos compresores mediante:

i. Variadores de velocidade para controlar a velocidade dos motores.

ii. Arrancadores suaves para un arranque ou paro progresivos.

3º. Control da capacidade do condensador operativo mediante:

i. Instalación de ventiladores de alta eficiencia no condensador ou ventiladores de dúas velocidades.

ii. Control de velocidade variable do ventilador (variadores de velocidade).

iii. Controlador de etapas para ventiladores e bomba de auga.

iv. Convertedores de frecuencia para controlar a velocidade do ventilador e a bomba de auga.

4º. Control da capacidade das bombas mediante a regulación da velocidade.

5º. Recuperación da calor de condensación para auga en circuíto pechado.

6º. Sistemas de desxeo por gas quente (inversión do ciclo).

2) Proxectos de equipamentos que contribúan á protección do ambiente e os que permitan reducir a pegada de carbono asociada ás actividades que se desenvolven nos edificios ou instalacións dos portos pesqueiros en que se presten servizos ou desenvolvan actividades directamente vinculadas coa actividade pesqueira, nas lonxas pesqueiras ou nas instalacións de frío existentes xestionadas polas entidades beneficiarias. Nesta categoría inclúense unicamente:

a) Proxectos de xeración e/ou acumulación de enerxía eléctrica renovable (fotovoltaica, eólica) destinados ao autoconsumo.

b) Proxectos de mellora da protección do ambiente mediante xeración de enerxía térmica por medio de instalacións de enerxías renovables que utilicen como fonte enerxética a biomasa, a aerotermia e a solar térmica.

c) Contedores homologados para puntos de recollida de lixo.

3) Proxectos de equipamentos de mellora da seguridade e das condicións de traballo das persoas pescadoras, cos seguintes investimentos subvencionables:

a) Sistemas de varada de embarcacións pesqueiras:

1º. Guindastre para varada de embarcacións pesqueiras.

2º. Pórtico automotor para varada con capacidade ata 100 t, sempre que exista foso de varada.

A contía máxima de axuda para o investimento total subvencionable deste tipo (2º) será de 460.000,00 € (máis o IVE correspondente).

3º. Carro automotor semisomerxible para varada con capacidade ata 40 t, sempre que exista rampla de varada.

A contía máxima de axuda para o investimento total subvencionable deste tipo (3º) será de 300.000,00 € (máis o IVE correspondente).

4º. Carro varadoiro (tipo carreto, remolque, berce...) sobre rodas con ou sen cabrestante para o seu emprego en ramplas de varada.

b) Guindastre para descarga de caixas de produtos procedentes da pesca.

c) Casetas desmontables para vestiarios de persoas mariscadoras.

d) Equipos de movemento de cargas: carretillas, empilladores e/ou portapalés entre outros.

e) Cámaras de conservación e/ou conxelación para almacéns de cebo con acceso independente.

4) Proxectos de equipamentos para a mellora da calidade e de incremento do control e a rastrexabilidade dos produtos desembarcados procedentes da pesca, cos seguintes investimentos subvencionables:

a) Contedores e equipamentos de limpeza para lonxa:

1º. Contedores homologados para estabulación de crustáceos.

2º. Contedores isotermos para almacenamento ou transporte de xeo.

3º. Contedores isotermos para almacenamento de produtos procedentes da pesca na lonxa ou para transporte colectivo de produtos da pesca desde o punto de control ou desembarque ata a lonxa.

4º. Bombas de auga salgada.

5º. Hidrolimpadoras, varredoras, fregadoras de chan e máquinas de lavado de caixas, como equipamentos para limpeza da lonxa.

b) Instalacións frigoríficas:

1º. Produtores de xeo compactos autónomos ata un máximo de 5.000 kg/24 horas, con ou sen silo para a conservación do xeo con volume exterior ata 50 m3.

2º. Cámaras de conservación e/ou conxelación con volume exterior ata 50 m3.

c) Equipos de pesaxe.

d) Equipamentos de clasificación para moluscos bivalvos con básculas dun mínimo de 30 kg.

e) Mesas e palés para a clasificación e exposición de produtos pesqueiros.

5) Proxectos de obras de modernización de infraestruturas portuarias pesqueiras:

a) Levaranse a cabo en edificios ou instalacións en que se presten servizos ou desenvolvan actividades directamente vinculadas coa actividade pesqueira e en lonxas ou establecementos autorizados para a primeira venda de produtos pesqueiros.

b) Consistirán en actuacións na totalidade ou parte do edificio ou instalación, que contribúan a alcanzar algún dos obxectivos relacionados no artigo 6.1 desta orde, destinadas a:

Obras de mellora da eficiencia enerxética: incremento do illamento dos elementos da envolvente e a mellora das carpintarías e vidro en fiestras, portas e lucernarios que melloren en, polo menos, unha letra na cualificación enerxética en consumo de enerxía primaria de orixe non renovable do edificio.

Obras de modernización: construción ou adaptación de vestiarios e aseos, adaptación dos chans, acondicionamento das paredes, redistribución das diferentes zonas para crear lugares exclusivos e independentes, adaptación das condicións de accesibilidade, illamentos por problemas de condensación, corrosión ou filtracións, reforzo de tellados, cubertas e outros elementos vulnerables, mellora dos sistemas de aperturas de portas e ventás, actuacións en pantaláns, entre outras.

Artigo 8. Requisitos específicos dos proxectos

1. Os requisitos específicos dos proxectos de modernización dos sistemas de iluminación por tecnoloxía led para seren subvencionables, son os seguintes:

a) Os investimentos deberán efectuarse nas instalacións de iluminación interiores existentes nos edificios ou instalacións en que se presten servizos ou realicen actividades directamente vinculadas coa actividade pesqueira, lonxas ou establecementos autorizados de primeira venda situadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os investimentos só serán subvencionables no caso de que se mellore a eficiencia enerxética das instalacións de iluminación existentes que leven asociada unha redución anual de, polo menos, un 40 % respecto ao consumo inicial en iluminación nas zonas de actuación (kWh/ano).

c) Os proxectos cumprirán os seguintes requisitos técnicos:

1º. Os equipamentos de iluminación non poderán ter unha temperatura de cor superior a 4.000 K coas excepcións establecidas na columna de requisitos específicos da norma UNE-EN12464-1 (iluminación dos lugares de traballo interiores).

2º. A instalación cumprirá cos requisitos establecidos na norma UNE-EN 12464-1 (iluminación dos lugares de traballo interiores) en canto á iluminancia mantida (Em), índice de cegamento (UGR) e uniformidade de iluminancia (Uo).

3º. No caso de puntos de luz situados no exterior das lonxas, non será necesario que verifiquen o punto anterior pero non poderán ter unha temperatura de cor superior a 4.000 K, deberán dispor como mínimo de IP65 e suporá unha redución de potencia respecto ao equipamento instalado de, polo menos, un 40 %.

d) Os investimentos só poderán ser subvencionados sobre a base dun informe de técnico competente e dun estudo lumínico cuxos resultados se plasmarán na memoria do proxecto, conforme os modelos facilitados.

e) Serán subvencionables a subministración e instalación de luminarias e lámpadas, os detectores de presenza e pulsadores e os sensores de presenza e regulación de fluxo, así como o tendido de cables de alimentación e control necesario para a modificación da distribución dos puntos de luz para adecuala ao estudo lumínico.

Tamén se consideran custos subvencionables a elaboración dos estudos lumínicos e dos proxectos e/ou memorias técnicas, cun custo máximo subvencionable do 5 % do custo subvencionable das actuacións proxectadas.

2. Os requisitos específicos dos proxectos de mellora da eficiencia enerxética das instalacións de frío existentes xestionadas polas entidades beneficiarias e sistemas auxiliares necesarios para o seu funcionamento, para seren subvencionables, son os seguintes:

a) Os investimentos só serán subvencionables no caso de que se mellore a eficiencia das instalacións existentes coa substitución ou mellora de equipamentos e instalacións consumidores de enerxía, así como dos sistemas auxiliares necesarios para o seu funcionamento, por equipamentos e instalacións que utilicen tecnoloxía de alta eficiencia ou a mellor tecnoloxía dispoñible.

b) Os investimentos só poderán ser subvencionados sobre a base dun informe de técnico competente, cuxos resultados se plasmarán na memoria do proxecto, conforme os modelos facilitados.

c) Serán subvencionables aqueles proxectos con rateos de aforro enerxético anual de enerxía final iguais ou superiores a 0,35 kWh por € de investimento elixible (IVE non incluído).

d) Considéranse custos subvencionables a elaboración das memorias, proxectos técnicos, dirección facultativa e obra civil relacionados coas actuacións, o prezo dos equipamentos, a súa montaxe e posta en marcha, sempre que estean clara e directamente relacionados cos aforros enerxéticos xustificados e resulten imprescindibles para acadalos.

Non se incluirán licenzas, taxas, impostos ou tributos.

O total dos custos de memorias, proxectos, dirección de obra e outros servizos profesionais similares non poderán superar o 5 % do custo subvencionable das actuacións proxectadas.

3. Os requisitos específicos dos proxectos de xeración e/ou almacenamento de enerxía eléctrica renovable, para seren subvencionables, son os seguintes:

a) Os proxectos de xeración de enerxía fotovoltaica cumprirán os seguintes requisitos técnicos:

1º. Os módulos fotovoltaicos deberán ter unha eficiencia enerxética igual ou superior ao 19 % para unha irradiación de 1.000 W/m2 e unha temperatura de 25 ºC.

2º. No caso das instalacións de xeración de enerxía, a potencia fotovoltaica instalada será inferior a 100 kW.

3º. O investimento máximo subvencionable (IVE non incluído) por potencia unitaria nominal da instalación fotovoltaica de xeración (sen ter en conta os sistemas de acumulación con baterías) dependerá da potencia instalada:

Actuación

Custo subvencionable unitario máximo sen IVE (€/kW)

Fotovoltaica autoconsumo (20kWp<P≤100kWp)

1.060,00 €

Fotovoltaica autoconsumo (P≤20kWp)

1.380,00 €

A potencia da instalación fotovoltaica para os efectos do custo elixible será a suma das potencias máximas unitarias dos módulos fotovoltaicos que configuran a instalación, medidas en condicións estándar de acordo coa norma UNE correspondente.

b) Os proxectos de enerxía eólica cumprirán os seguintes requisitos técnicos:

1º. A potencia eólica instalada será inferior a 100 kW.

2º. O investimento máximo subvencionable (IVE non incluído) por potencia unitaria nominal da instalación de xeración eólica (sen ter en conta os sistemas de acumulación con baterías) dependerá da potencia instalada:

Actuación

Custo subvencionable unitario máximo sen IVE (€/kW)

Eólica autoconsumo (20kWp<P≤500kWp)

3.565,00 €

Eólica autoconsumo (P≤20kWp)

5.480,00 €

c) O investimento máximo subvencionable para o sistema de acumulación con baterías será de 700 €/kWh (IVE non incluído), e non se inclúe no investimento máximo subvencionable por potencia unitaria nominal da instalación fotovoltaica ou eólica.

Para a determinación deste rateo, os orzamentos presentados deberán diferenciar claramente os custos asociados aos equipamentos de produción e de almacenamento. No caso de custos conxuntos non diferenciables, como pode ser o caso da documentación técnica, a distribución do custo realizarase de forma proporcional ao resto das partidas.

d) Só serán consideradas elixibles as instalacións de almacenamento que non superen unha ratio de capacidade instalada de almacenamento fronte á potencia de xeración de 2 kWh/kW. Ademais, deberán contar cunha garantía mínima de 5 años.

Poderán formar parte dun proxecto de xeración novo ou incorporarse a unha instalación de xeración xa existente, sempre que se trate de instalacións de tecnoloxía fotovoltaica ou eólica.

As tecnoloxías chumbo-ácido para almacenamento non serán elixibles.

O sistema de almacenamento non pode estar conectado á rede de subministración, de forma que só sexa alimentado pola instalación de xeración renovable.

e) Os investimentos só poderán ser subvencionados sobre a base dun informe de técnico competente, cuxos resultados se plasmarán na memoria do proxecto, en que se xustifique que o dimensionamento da potencia que se vai a instalar é coherente coas necesidades enerxéticas, de forma que o rateo entre a enerxía autoconsumida e a máxima capacidade de produción da planta sexa superior ao 80 % e se minimicen os excedentes de enerxía. O informe deberá conter os resultados esperados de produción de enerxía, enerxía autoconsumida, a potencia renovable instalada e a redución de emisións GEI asociadas á execución do proxecto. Os resultados obtidos plasmaranse na memoria do proxecto, conforme aos modelos facilitados.

Para o cálculo da redución de emisións de GEI (en tCO2/ano) utilizaranse os rateos establecidos no documento recoñecido Factores de emisión de CO2 e coeficientes de paso a enerxía primaria de diferentes fontes de enerxía final consumidas no sector de edificios en España, versión 14.01.2016.

f) A contía máxima de axuda para o investimento total subvencionable dos proxectos de xeración de enerxía recollidos nesta epígrafe será de 70.000,00 € (máis o IVE correspondente). Os proxectos de almacenamento terán unha contía máxima de axuda para o investimento total subvencionable de 30.000 € (máis o IVE correspondente). No caso de proxectos en que se inclúan instalacións de xeración e de almacenamento, o límite total será de 100.000 € (máis o IVE correspondente).

g) Os investimentos subvencionables para proxectos de enerxía eléctrica renovable serán: a elaboración das memorias, proxectos técnicos, informes de estabilidade da cuberta, dirección facultativa e obra civil directamente relacionados coas actuacións; subministración e instalación de módulos solares fotovoltaicos; subministración e instalación de xeradores eólicos; equipamentos de acondicionamento da enerxía eléctrica (inversores, convertedores, reguladores, cadros eléctricos, elementos de interconexión, proteccións, cables, equipamentos de medidas, etc.), monitorización (sensores, adquisición de datos, comunicación remota, etc.), sistema antiverteduras e sistema de acumulación con baterías; estrutura soporte e resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.

Non serán subvencionables a obra civil nin as actuacións relacionadas coa mellora das cubertas, de ser o caso. Non se incluirán licenzas, taxas, impostos ou tributos.

O total dos custos de memorias, proxectos, dirección de obra e outros servizos profesionais similares non poderán superar o 5 % do custo subvencionable total das accións proxectadas.

4. Os requisitos específicos dos proxectos de enerxías renovables térmicas, para ser subvencionables, son os seguintes:

a) As instalacións financiadas deben cumprir cos requisitos establecidos no Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas nos edificios (RITE), respecto de instalacións térmicas, coas condicións establecidas no documento recoñecido do RITE.

b) Non serán subvencionables aquelas instalacións que sexan obrigatorias en virtude do Documento básico HE 4-Contribución solar mínima de auga quente sanitaria do Código técnico da edificación (CTE).

c) Considéranse instalación solar térmica as instalacións que aproveitan a radiación solar para o quentamento dun fluído mediante paneis solares planos ou tubos de baleiro, sempre que a súa utilización conduza a un aforro dun combustible convencional.

As instalacións solares destinadas ao apoio á calefacción unicamente serán subvencionables se utilizan emisores de baixa temperatura de deseño (menores de 50 ºC), como chan radiante, radiadores de baixa temperatura ou fan coils. O coeficiente global de perdas do panel solar deberá ser inferior ou igual a 9 W/(m2 ºC).

d) No caso da aerotermia, os equipamentos deberán contar cun coeficiente de eficiencia enerxética en modo calefacción (COP) igual ou superior a 3,5, nas condicións establecidas na norma que as afecte (UNE-EN 14511:2012, UNE-EN 15316:2010, UNE-EN 16147, UNE-EN 14825:2012, etc.). Tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo do COP e da potencia 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas e 7/35 ºC para aerotermia.

En aplicacións de bomba de calor aire-auga para solo, AQS e/ou calefacción con radiadores que non sexan de baixa temperatura, o COP da bomba de calor será igual ou superior 4,9.

Para xustificar esta condición deberá achegarse a documentación xustificativa do ensaio para a obtención do COP.

e) No caso das caldeiras de biomasa, os equipamentos térmicos terán unha cualificación enerxética en modo calefacción igual ou superior a D para que o proxecto sexa subvencionable, sempre e cando esta cualificación enerxética sexa de aplicación. No caso de estufas de aire e outros equipamentos que non requiran desa cualificación, o rendemento mínimo exixido será do 75 %.

f) O investimento máximo subvencionable será de 600 €/kW (IVE non incluído) para as instalacións de aerotermia, sendo a potencia instalada a acreditada mediante certificado emitido por laboratorio independente e acreditado.

No caso das instalacións solares térmicas, o investimento máximo subvencionable será de 1.500 €/kW (IVE non incluído) nas instalacións con paneis planos –considerando a potencia calculada a partir da superficie de apertura e da curva de rendemento do panel, para unha temperatura de 45 ºC– e 1.000 €/m2 –superficie de apertura (IVE non incluído)– se se opta por paneis de baleiro.

Nas instalacións de biomasa o custo máximo subvencionable dependerá das súas características:

Tipo de equipamento

Potencia (kW)

Custo máximo subvencionable (IVE non incluído) (€/kW)

Estufas de aire, cociñas calefactoras e xeradores de aire quente

P ≤ 25

225-5P

P > 25

100

Cambio de queimador en equipamento existente que non sexa de biomasa

50

Caldeiras sen sistema de alimentación automática ou con sistema de alimentación automática desde o volume de acumulación de combustible V < 250 litros

P ≤ 20 kW

300-5P

20 kW < P ≤ 40 kW

250-2,5P

P > 40 kW

150

Caldeiras con sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible V ≥ 250 litros e V < 1.000 litros

P ≤ 40 kW

300

40 kW < P ≤ 440 kW

310-(P/4)

P > 440 kW

200

Caldeiras con sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible con V ≥ 1.000 litros

P ≤ 40 kW

325

40 kW < P ≤ 440 kW

335-(P/4)

P > 440 kW

225

g) Serán subvencionables: o equipo principal de xeración enerxética (paneis solares térmicos, bomba de calor, caldeira); o sistema de almacenamento e subministración de combustible no caso da biomasa; o resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema e o custo de montaxe e conexión. Non serán subvencionables as conducións de distribución da calor nin os equipamentos emisores.

5. Os requisitos específicos dos proxectos de obras de modernización das infraestruturas:

a) Ademais do orzamento das obras, tamén se subvencionarán os honorarios profesionais das actuacións preparatorias directamente relacionadas (redacción do proxecto ou memoria técnica, certificados enerxéticos, informes técnicos, dirección de obra, seguridade e saúde) ata un máximo do 12 % do importe das obras.

b) Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na listaxe europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/CE) xerados na execución do proxecto prepararanse para a súa reutilización, reciclaxe ou recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.

c) Informe de técnico competente que garanta a protección fronte ao cambio climático dos investimentos en infraestruturas cuxa vida útil sexa como mínimo de cinco anos.

d) Para os que teñan como obxectivo a eficiencia enerxética considéranse subvencionables as actuacións sobre a envolvente do edificio que permitan reducir a demanda enerxética mediante a mellora do illamento dos seus elementos da envolvente e a mellora das carpintarías e vidros existentes que contribúan a un aforro enerxético acreditado pola mellora de, polo menos, unha letra na cualificación enerxética en consumo de enerxía primaria de orixe non renovable. Pódese realizar unha reforma integral ou ben actuar nalgún dos elementos por separado.

Considéranse subvencionables aqueles gastos que sexan necesarios para conseguir os obxectivos de eficiencia enerxética e que poderán incluír, entre outros, os seguintes conceptos: a adquisición dos equipamentos e materiais necesarios, a execución das obras, a elaboración, polo técnico competente, dos documentos técnicos relacionados coas actuacións (incluídos memorias técnicas, proxectos e os estudos enerxéticos necesarios) e os custos de dirección facultativa de obra. Non se incluirán licenzas, taxas, impostos ou tributos.

Ademais, deben cumprir os seguintes requisitos técnicos de eficiencia enerxética:

1º. A actuación cumprirá coa lexislación vixente que lle sexa de aplicación e, en particular, o recollido no Documento básico de aforro de enerxía HEI-1 do Código técnico da edificación no relativo aos requisitos aplicables aos edificios existentes.

2º. Para a estandarización do proceso de xustificación das melloras obtidas, utilizaranse como referencia as cualificacións enerxéticas obtidas utilizando o procedemento básico para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios regulado polo Real decreto 390/2021, do 1 de xuño. A actuación proxectada deberá acreditar a mellora de, polo menos, unha letra na cualificación enerxética en consumo de enerxía primaria de orixe non renovable do edificio, para o que se deberán achegar o certificado de eficiencia enerxética do edificio existente no seu estado actual e o certificado enerxético do edificio, que se alcanzará tras a reforma proposta para a cal se solicita axuda. Estes certificados obteranse con algunha das ferramentas recoñecidas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. Os certificados virán asinados por un/unha técnico/a competente. Con este certificado achegaranse os arquivos dixitais xerados polo programa utilizado para a súa elaboración. O certificado enerxético do edificio mellorado e o certificado do edificio actual deben achegarse elaborados coa mesma versión e programa recoñecido de certificación, de xeito que os datos sexan comparables.

6. Non serán obxecto de subvención aqueles proxectos que non cumpran os requisitos específicos establecidos neste artigo e, polo tanto, serán inadmitidos.

Artigo 9. Gastos subvencionables

1. Poderán concederse subvencións para a adquisición de equipamento, instalacións e accesorios necesarios, servizos profesionais, montaxe, conexión e posta en marcha, e a obra civil asociada para a execución dos proxectos referidos no artigo 7, e de acordo co especificado no artigo 8 para cada tipoloxía.

2. Os gastos subvencionables efectuados polo beneficiario axustaranse aos seguintes requisitos xerais:

a) Que se efectuasen ao longo da duración da acción ou programa de traballo.

b) Que se consignasen no orzamento estimado total da acción ou do proxecto.

c) Que sexan necesarios para a execución das actuacións obxecto da subvención.

d) Que sexan identificables e verificables, en particular, que consten na contabilidade do beneficiario e determinaranse de acordo coas normas contables aplicadas no país en que o beneficiario está establecido e de conformidade coas prácticas contables habituais do beneficiario en materia de gastos.

e) Que cumpran co disposto na lexislación fiscal e social aplicable.

f) Que sexan razoables e xustificados, e cumpran co principio de boa xestión financeira, en especial no referente á economía e á eficiencia.

g) Que presenten a mellor relación entre o importe da axuda, as actividades emprendidas e a consecución dos obxectivos.

3. Os custos relativos ás garantías constituídas de acordo co artigo 65 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se exixan en virtude do artigo 152, número 1, do Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046.

4. Os investimentos e gastos subvencionables para os cales se solicita a axuda non se poderán iniciar antes da data de presentación da solicitude da axuda, salvo para os honorarios profesionais das actuacións preparatorias directamente relacionadas coas obras e informes técnicos, que poderán ser de seis meses antes da data de presentación da solicitude da axuda.

O non inicio das actuacións acreditarase mediante declaración responsable de que os investimentos non foron iniciados.

Ademais, a non realización de investimentos con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda demostrarase mediante a data da factura correspondente.

5. O promotor deberá solicitar e achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

No suposto de que non exista no mercado número suficiente de entidades que subministren o ben ou presten o servizo e que, polo tanto, non se presente un mínimo de tres ofertas de distintos provedores, o solicitante acreditará o custo razoable do gasto subvencionable, mediante un informe de taxador ou perito independente.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse coa solicitude de subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

6. O beneficiario poderá subcontratar a actividade subvencionada ata o 100 %, sempre tendo en conta as limitacións establecidas no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer o beneficiario para a realización por si mesmo da actividade subvencionada.

Artigo 10. Gastos non subvencionables

Consideraranse gastos non subvencionables:

a) As compras de materiais e equipamentos usados.

b) Os alugamentos.

c) A adquisición de material, mobiliario e equipamento de oficina.

d) A adquisición de vestiario e equipamento persoal.

e) Os gastos de reparacións, conservación, funcionamento e mantemento dos bens e equipamentos. Os gastos orixinados por unha mera reposición dos anteriores, salvo que a nova adquisición corresponda a investimentos distintos dos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento.

f) Os gastos de manutención, desprazamento de persoas e representación.

g) O imposto sobre o valor engadido (IVE), excepto:

1) Para as operacións cuxo custo total sexa inferior a 5 millóns de euros (IVE incluído).

2) Para as operacións cuxo custo total sexa de, polo menos, 5 millóns de euros (IVE incluído) cando este non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre o IVE.

h) Os custos de persoal e os custos indirectos.

i) Os impostos, taxas, licenzas ou calquera outro gasto financeiro, agás as garantías constituídas conforme o artigo 9.3).

j) Os pagamentos en metálico.

k) Os gastos de funcionamento.

l) Os gastos de amortización e depreciación.

m) Os gastos de legalización.

n) Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude de axuda, salvo para os honorarios profesionais das actuacións preparatorias directamente relacionadas coas obras e informes técnicos.

ñ) Gastos periciais.

o) Calquera gasto que, de acordo coa normativa aplicable, resulte ser non subvencionable, en particular os incluídos no artigo 13 do Regulamento (UE) nº 2021/1139.

Artigo 11. Intensidade da axuda

1. A porcentaxe máxima das axudas poderá acadar o 100 % do investimento subvencionado en cada unha das accións, de acordo co previsto nesta orde, así como co indicado no artigo 41 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, condicionada, en todo caso, ás dispoñibilidades orzamentarias.

A Comisión de Avaliación prevista no artigo 19 decidirá a aplicación da intensidade de axuda pública.

2. Os rendementos financeiros que se xeren polos fondos liberados aos beneficiarios incrementarán o importe da subvención concedida e aplicaranse igualmente á actividade subvencionada.

Artigo 12. Compatibilidade da axuda

1. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, agás a excepción sinalada a seguir.

As actuacións financiadas ao abeiro desta orde non poderán subvencionarse con outras axudas procedentes do Fempa ou doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios.

2. En caso de compatibilidade, o importe da subvención concedida non poderá en ningún caso, en concorrencia con outras subvencións ou axudas, superar o custo da actuación que vai desenvolver a entidade solicitante. En caso contrario, esta subvención reducirase na cantidade necesaria ata acadar o cumprimento do establecido anteriormente.

3. No suposto de solicitantes ou beneficiarios que sexan perceptores doutras axudas para o mesmo fin, concedidas por outra entidade, deberán acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución do obxecto da subvención. En todo caso, deberán facerse constar de forma clara os conceptos de gastos afectados, así como os importes imputados a cada unha delas e as correspondentes anualidades afectadas. A comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 13. Prazos de presentación de solicitudes e de resolución

1. Para a convocatoria de 2024 o prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

2. A resolución de concesión emitirase e notificaráselles aos interesados no prazo máximo de cinco (5) meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se notifique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. De non esgotarse o crédito dispoñible, ou de resultar incrementado este posteriormente en virtude de renuncias, de modificación de resolucións de outorgamento ou de dotacións orzamentarias adicionais, poderase emitir unha nova proposta de resolución en que se terán en conta as solicitudes que formen parte da listaxe de reserva a que se refire o artigo 22.2 desta orde.

Artigo 14. Forma de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. O formulario normalizado correspóndese co anexo I desta orde. A presentación da solicitude nun formulario distinto será causa de inadmisión.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As persoas solicitantes farán constar na solicitude de axuda (anexo I) se o ámbito de actuación comprende zonas incluídas ou que estean afectadas por:

– Rede Natura 2000.

– Áreas mariñas protexidas.

– Espazos naturais protexidos.

– Normativa de patrimonio cultural de Galicia.

– Zona de servidume de protección do dominio público marítimo terrestre.

– Zona de servidume de dominio público hidráulico.

– Zonas de servidume ou de policía.

– Montes de utilidade pública.

– Vías pecuarias ou

– Calquera outra afección segundo a lexislación sectorial vixente en materia ambiental.

Forma parte de cada solicitude a declaración responsable que contén e na cal se fan constar os seguintes aspectos:

a) Que respecta a Carta dos dereitos fundamentais da Unión Europea.

b) Que ten en conta e promove a igualdade entre mulleres e homes.

c) Que evita calquera discriminación por razón de xénero, orixe racial ou étnica, relixión ou conviccións, discapacidade, idade ou orientación sexual.

d) A veracidade de todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan.

e) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Estar ao día nas obrigas por reintegro de subvencións, de conformidade cos artigos 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Non esstar en ningún dos supostos do artigo 11.1 e 3 do Regulamento (UE) nº 2021/1139, é dicir:

1º. Que non cometeron infraccións graves conforme o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello ou ao artigo 90 do Regulamento (CE) nº 1224/2009, ou conforme outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo e polo Consello no marco da PPC.

2º. Que non estiveron involucrados na explotación, xestión ou propiedade dalgún buque pesqueiro incluído na lista de buques INDNR da Unión Europea, segundo dispón o artigo 40.3 do Regulamento (CE) nº 1005/2008, ou dalgún buque con pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, segundo se establece no artigo 33 do devandito regulamento, ou

3º. Que non se ten determinado por medio dunha resolución definitiva que cometeu fraude, tal como se define no artigo 3 da Directiva (UE) 2017/1371, no contexto do FEMP ou do Fempa.

i) A condición de ser ou non ser poder adxudicador nos termos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

j) A condición de peme, se é o caso.

k) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para levar a cabo o proxecto para o cal se solicita a axuda.

l) Dispoñer dos recursos e mecanismos financeiros necesarios para cubrir os custos de funcionamento e mantemento das operacións, no caso de que estas impliquen investimentos en infraestruturas ou investimentos produtivos e para garantir a súa sustentabilidade financeira.

m) Estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

n) Cumprir o principio de protección fronte ao cambio climático, no caso de investimentos en infraestruturas cuxa vida útil sexa, como mínimo, de cinco anos.

ñ) Que a operación non inclúe actividades que forman parte dunha operación suxeita a relocalización, de conformidade co artigo 66 ou que constitúen unha transferencia dunha actividade produtiva, de conformidade co artigo 65.1.a), ambos os dous do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

o) Que os investimentos non foron iniciados.

p) No caso de ser unha confraría de pescadores, ter cumprido as obrigas establecidas nos artigos 55 e 58 ou as obrigas de constitución dos órganos reitores recollidas nas seccións 3ª e 4ª do capítulo IX do Decreto 8/2014, do 16 de xaneiro, que regula as confrarías de pescadores de Galicia e as súas federacións, tal e como sinala a disposición adicional segunda do mesmo decreto.

q) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

r) Cumprir a normativa comunitaria, nacional e autonómica vixente, en particular a lexislación en materia de accesibilidade para as persoas con discapacidade e en materia ambiental.

3. As persoas solicitantes realizarán unha declaración responsable sobre a aplicación da normativa en materia de accesibilidade para persoas con discapacidade de acordo co sinalado no anexo I.bis.

4. As solicitudes estarán asinadas polo representante legal da entidade solicitante. A presentación da solicitude non asinada polo representante legal será causa de inadmisión.

5. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o interesado non poderá modificar a súa petición de axuda variando o importe do investimento subvencionable nin modificando os investimentos e conceptos da epígrafe do orzamento para os cales solicita a axuda. Non se consideran variación do importe do investimento as diferenzas ou erros materiais que se poidan dar ao transcribir os importes dos orzamentos ou facturas pro forma.

6. O organismo intermedio de xestión (Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro), recollerá información sobre os titulares reais dos perceptores do financiamento da Unión Europea, de conformidade cos datos que figuran no anexo XVII do Regulamento (UE) 2021/1060, con base no establecido no artigo 62.2 do dito regulamento.

De conformidade co artigo 5, número 8, do Regulamento do Rexistro Central de Titularidades Reais, aprobado polo Real decreto 609/2023, do 11 de xullo, polo que se crea o Rexistro Central de Titularidades Reais e se aproba o seu regulamento, a información contida no rexistro será accesible, de forma gratuíta e sen restrición, unicamente para o desenvolvemento das súas misións específicas, ás autoridades e organismos nacionais que xestionen, verifiquen, paguen ou auditen fondos europeos, e cuxas funcións veñan determinadas nun regulamento comunitario en que se estableza que a información sobre titulares reais do beneficiario dos fondos pode cumprirse empregando os datos almacenados nos rexistros a que se refire o artigo 30 da Directiva (UE) 2015/849; no caso de España, o Rexistro Central de Titularidades Reais.

7. A presentación da solicitude de subvención comportará a autorización ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade das declaracións anteriores, por calquera medio ou rexistro dispoñible. No caso da declaración de cumprimento do artigo 11 do Regulamento Fempa, a autorización terá validez nos 5 anos posteriores á concesión da axuda.

Artigo 15. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da personalidade: certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo por parte do asinante e se especifique o acordo polo que se lle concede a este autorización para formalizar a solicitude. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

b) Copia dos estatutos da entidade debidamente inscritos no rexistro correspondente.

Non será necesario achegar este documento cando xa conste nos arquivos da Consellería do Mar por telo presentado nun procedemento administrativo nos últimos cinco (5) anos. Neste caso, deberá indicarse o procedemento, a data de presentación da solicitude e o órgano ante o cal se presentou.

Quedan exoneradas do cumprimento deste requisito as confrarías de pescadores.

c) Documento que acredite que non teñen ánimo de lucro, no caso de non estar expresamente previsto nos estatutos da entidade.

d) Acreditación da capacidade legal do uso e desfrute do edificio, instalación ou establecemento autorizado de primeira venda no cal se van a realizar os investimentos do proxecto. A acreditación deberá realizarse presentando unha copia da concesión ou autorización administrativa, copia da cesión, da titularidade ou dun contrato de alugamento.

e) Proxecto para un tipo de investimentos que permita determinar a súa viabilidade e realizar a valoración, conforme os criterios establecidos nos artigos 20 e 21 desta orde. Forman parte do proxecto a memoria e os documentos a que se fai referencia neste punto.

Para elaborar a memoria que se xunta coa solicitude, poderán consultarse os modelos na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/). A non presentación da memoria debidamente cuberta no prazo de presentación de solicitudes ou a súa presentación en modelo diferente ou sen asinar será causa de inadmisión.

A memoria do proxecto deberá conter:

1º. Información xeral da memoria:

i. Descrición da entidade: experiencia da entidade na xestión de proxectos financiados pola Unión Europea. Elementos que aseguran a capacidade técnica da entidade para a realización do proxecto. Equipo que a entidade vai destinar para a xestión do proxecto. Número de persoas pescadoras e acuicultoras asociadas á entidade. Historial produtivo e económico de produtos da pesca nos últimos 5 anos.

ii. Explicación das necesidades que se pretenden cubrir e obxectivos perseguidos (xerais e horizontais e específicos). Indicar como detectou a necesidade de desenvolver a actuación. Identificar como o proxecto contribuirá de xeito tanxible a mellorar os servizos diarios das persoas pescadoras e acuicultoras que empregan o porto.

iii. Descrición da situación anterior á actuación, das accións que se pretenden acometer, da súa xeorreferenciación, da situación posterior e dos resultados que se obterán coa implementación do proxecto.

iv. Explicar quen se beneficiará do proxecto, é dicir, o/os grupo/s obxectivo/s que se verán beneficiados dos resultados dos investimentos. Indicar o número de persoas pescadoras e acuicultoras que se beneficiarán do proxecto. Explicar porque o solicitante sería un beneficiario colectivo, o interese colectivo das accións do proxecto e o acceso público aos seus resultados.

v. Calendario de realización das accións previstas e trámites, concesións e autorizacións necesarias.

vi. Orzamento detallado de cada unha das accións propostas, en que o IVE deberá vir separado. Cada zona en que se prevé actuar incluirá: marca, modelo, breve descrición e número de unidades dos equipamentos, importes de material e man de obra. De ser o caso, incluirase a relación de ofertas solicitadas e elixidas.

vii. Información relativa aos indicadores conforme o previsto no Programa Fempa.

viii. No caso de que o proxecto poida desenvolverse por fases susceptibles de produciren efectos independentes, farase constar de xeito expreso e describirase cada unha delas por separado.

2º. Información específica da memoria:

i. Para proxectos de modernización dos sistemas de iluminación interiores dos edificios ou instalacións por tecnoloxía led:

1) Plano da situación das instalacións de iluminación coa distribución dos equipamentos inicial (luminarias/equipamento de iluminación, sistemas de control e regulación). Relación de luminarias/equipamentos para iluminación nas diferentes zonas obxecto de actuación. Para cada zona: nome da zona, número de puntos de luz, tipo (campá, proxector...), número de lámpadas por punto de luz, tipo de lámpada e potencia (W), sistemas de control e regulación da iluminación (no caso de existiren), e consumo (kWh).

2) Plano da situación das instalacións de iluminación coa distribución dos equipamentos final (luminarias/equipamento de iluminación, sistemas de control e regulación). Relación de luminarias/equipamentos para iluminación nas diferentes zonas obxecto de actuación. Para cada zona: nome da zona, número de puntos de luz, tipo (campá, proxector...), número de lámpadas por punto de luz, tipo de lámpada e potencia (W), sistemas de control e regulación da iluminación (no caso de existiren), e consumo (kWh).

3) Comparación dos consumos nas situacións anterior e posterior á actuación, e indicación do consumo que se prevé reducir coa actuación prevista (potencia inicial kW, consumo inicial kWh/ano, potencia final kW, consumo previsto final en kWh/ano e % de aforro enerxético). Deben achegar copias das facturas de electricidade dun período anual completo tomado como referencia (ano 2023 ou últimos 12 meses), indicando a porcentaxe correspondente aos equipamentos de iluminación interior.

4) Equipamento novo solicitado: marca, modelo, referencia, número/tipo. Características técnicas dos equipamentos solicitados: ficha técnica ou catálogo do equipamento de iluminación polo fabricante onde figuren as características técnicas do equipamento e onde se inclúan, polo menos, os datos de potencia, fluxo luminoso, temperatura de cor e rendemento. Marcación UE do equipamento.

5) Fotografías da situación actual.

6) Estudo lumínico da totalidade da superficie que se vai iluminar, identificando o programa de cálculo utilizado para a súa realización, no cal se poidan cotexar todos os resultados lumínicos declarados na memoria.

Débese utilizar a mesma denominación para as diferentes estancias en todos os documentos técnicos e na memoria do proxecto, de forma que sexan claramente identificables, indicando o seu uso, de acordo coa norma UNE-EN 12464-1 (iluminación dos lugares de traballo interiores).

ii. Para proxectos de aforro enerxético nas instalacións de produción de frío existentes e sistemas auxiliares necesarios para o seu funcionamento:

1) Plano de situación das instalacións no establecemento coa distribución dos equipos.

2) Fotografías da instalación actual, incluíndo, cando proceda, a placa de características técnicas dos equipos sobre os cales se actúa.

3) Comparación dos consumos nas situacións anterior e posterior á actuación, e indicar o consumo que se prevé reducir coa actuación prevista (potencia inicial kW, consumo inicial kWh/ano, potencia final kW, consumo previsto final en kWh/ano e % de aforro enerxético). Deben achegar copias das facturas de electricidade dun período anual completo tomado como referencia (ano 2023 ou últimos 12 meses).

4) Características técnicas dos equipamentos para os cales se solicita a axuda (catálogo, certificado ou ficha técnica), onde se inclúan datos da produtividade do equipamento e do seu consumo enerxético.

5) Cálculos xustificativos dos aforros previstos. O aforro acadado respecto á situación inicial debe xustificarse de forma clara e coherente, achegando toda aquela información necesaria que permita a súa avaliación correcta. Non se considerarán válidos para a xustificación os resultados de experiencias anteriores, agás que se presente a documentación que acredite tales aforros.

iii. Para proxectos de xeración de enerxía eléctrica renovable destinada ao autoconsumo:

1) Plano de situación onde se indique a localización dos xeradores (módulos, aeroxerador) e indicación da localización sobre foto aérea.

2) Características técnicas dos equipamentos para os cales se solicita a axuda (catálogo, certificado ou ficha técnica). No caso de dispor de almacenamento, débese especificar o tipo, capacidade e conexión deste.

3) Cálculos xustificativos da produción esperada, da potencia renovable instalada e das emisións GEI evitadas polo proxecto. Cálculos xustificativos do autoconsumo total da enerxía xerada.

4) Deben achegar copias das facturas de electricidade dun período anual completo tomado como referencia (ano 2023 ou últimos 12 meses). No caso de que nas facturas dispoñibles non se poidan diferenciar os consumos ao longo do día, deberá realizar unha distribución destes en función das potencias dos equipamentos instalados, horario de funcionamento, curvas cuartohorarias, etc., de forma que se poida diferenciar o consumo nocturno e o diúrno.

iv. Para proxectos de xeración de enerxía térmica renovable:

1) Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos.

2) Descrición da instalación proxectada. Características técnicas dos equipamentos para os cales se solicita a axuda (catálogo, certificado ou ficha técnica).

3) Cálculos xustificativos da demanda que se vai cubrir, da produción esperada, dos aforros de enerxía primaria previstos e das emisións GEI evitadas polo proxecto.

4) No caso da aerotermia: certificado do coeficiente de rendemento en modo calefacción (COP) emitido por un laboratorio independente e acreditado para realizar as probas segundo a norma que os afecte (UNE-EN 14511:2012, UNE-EN 15316:2010, UNE-EN16147, UNE-EN 14825:2012, etc.). Para acreditar este coeficiente, deberá xuntarse a certificación emitida por Eurovent, a EPHA (Asociación Europea da Bomba de Calor) ou por un laboratorio de ensaio acreditado para este tipo de ensaios, segundo a normativa vixente. Tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo do COP e da potencia 0/35 ºC para bombas de calor xeotérmicas e 7/35 ºC para aerotermia.

5) No caso da solar térmica: resolución de certificación do panel solar en vigor, emitida pola Administración competente. Se na resolución de certificación non se recolle de xeito íntegro a seguinte información do panel: marca, modelo, superficie de apertura e coeficientes de rendemento, entregarase a maiores copia do ensaio realizado por unha entidade debidamente acreditada (segundo a Orde ITC/71/2007, do 22 de xaneiro, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio ou, se for o caso, a norma que a substitúa) que serviu de base para a emisión da resolución de certificación.

6) No caso da biomasa: documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos de rendemento e eficiencia exixidos.

A información deberá achegarse de acordo cos modelos dispoñibles para tal fin.

v. Información específica para proxectos de mellora da seguridade e condicións de traballo das persoas pescadoras:

1) Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos.

2) Equipamento novo solicitado: marca, modelo, referencia. Características técnicas dos equipamentos solicitados: ficha técnica ou catálogo do equipamento.

vi. Información específica para proxectos de mellora da calidade e de incremento do control e a rastrexabilidade dos produtos desembarcados procedentes da pesca:

1) Equipamento novo solicitado: marca, modelo, referencia. Características técnicas dos equipamentos solicitados: Ficha técnica ou catálogo do equipamento.

vii. Información específica para proxectos de obras:

1) Proxecto asinado por técnico competente ou, se non é preciso para a autorización das obras, memoria descritiva das actuacións que se van realizar asinada por técnico competente, que deberá conter:

1. Descrición do obxecto das obras, que recollerá os antecedentes e situación previa a estas, as necesidades que hai que satisfacer e a xustificación da solución adoptada, detallando os factores de toda índole que se terán en conta, con especial mención á xestión de residuos de construción e demolición non perigosos.

2. Os planos de conxunto e de detalle precisos en que a obra quede perfectamente definida.

3. Fotografías do estado anterior á actuación dos elementos sobre os cales se pretende actuar.

4. Un orzamento desagregado e detallado.

2) Informe de técnico competente que garanta a protección fronte ao cambio climático dos investimentos en infraestruturas cuxa vida útil sexa, como mínimo, de cinco anos.

3) No caso de proxectos de obra que teñan como obxectivo a eficiencia enerxética, certificado de eficiencia enerxética do edificio existente no seu estado actual e o certificado enerxético do edificio tras a reforma proposta para a cal se solicita axuda. Estes certificados obteranse con algunha das ferramentas recoñecidas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, estarán asinados por técnico competente e xuntaranse os arquivos de cálculo correspondentes.

f) Declaración responsable sobre a aplicación da normativa en materia de accesibilidade para persoas con discapacidade conforme o anexo I bis.

g) Estudo económico-financeiro externo acreditativo da viabilidade económica do proxecto ou resultado da ferramenta de autoavaliación da viabilidade que pode consultarse na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).

h) Os proxectos de mellora da eficiencia enerxética e os de implantación de enerxías renovables (sistemas de enerxía fotovoltaica e eólica, sistemas de enerxías renovables de uso térmico) deben presentar informe asinado por técnico competente en que se xustifique o cumprimento da normativa de aplicación e que detallará as medidas que se van implementar, as melloras obtidas en función da tipoloxía do proxecto (aforro enerxético, diminución da demanda de enerxía, potencia renovable instalada e redución de emisións GEI), e unha análise económica que xustifique que os investimentos implicarán un aforro de enerxía e mellorarán a eficiencia enerxética.

Os modelos de informes técnicos poden consultarse na páxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/).

i) Documentación xustificativa de todos os custos incluídos (orzamentos, facturas pro forma, etc.) cunha información detallada e pormenorizada de cada un dos investimentos, equipamentos ou sistemas que os integran. Se é o caso, informe dun taxador ou perito independente.

As ofertas presentadas deberán incluír os mesmos elementos para seren comparables.

j) Copia dos permisos, autorizacións, informes, inscricións e/ou licenzas, de ser o caso, ou da xustificación de telos solicitado aos organismos correspondentes, necesarias para levar a cabo os investimentos previstos.

k) Plan de negocio, no caso de proxectos de importe superior a 250.000 euros.

l) No caso de investimentos de carácter material que se localizan ou realizan fóra de solos urbanos ou urbanizables ordenados ou sectorizados, localización cartográfica (planos sobre mapas) e xeorreferenciación, que inclúan as superficies ocupadas pola actuación e tamén as zonas de obtención de recursos naturais e zonas de vertedura de augas residuais ou retornadas ou de residuos.

No caso de que a instalación ou actuación sexa móbil, concretarase o seu rango de mobilidade.

m) Informe de técnico competente que garanta a protección fronte ao cambio climático dos investimentos en infraestruturas cuxa vida útil sexa, como mínimo, de cinco anos.

O informe terá en conta a definición de protección fronte ao cambio climático establecida no artigo 2.42) do Regulamento (UE) nº 2021/1060, e analizará a mitigación do cambio climático (neutralidade climática) e a adaptación a este.

Este informe non se exixirá no caso de que o proxecto fose obxecto de avaliación de impacto ambiental e xa consten disposicións sobre o cambio climático no informe ou declaración de impacto ambiental. Neste caso considérase acreditada a condición de protección.

n) De ser o caso, presentar a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto favorable á súa execución ou o informe de impacto ambiental favorable do proxecto, segundo se trate de avaliación de impacto ambiental ordinaria ou simplificada, respectivamente. As condicións deberán ter sido incorporadas ao proxecto, se é o caso.

ñ) No caso de que se inclúan actuacións dentro do ámbito de aplicación do Real decreto 79/2019, do 22 de febreiro, polo que se regula o informe de compatibilidade e se establecen os criterios de compatibilidade coas estratexias mariñas, presentarán a autorización correspondente.

En proxectos sometidos a avaliación de impacto ambiental, a acreditación do cumprimento da avaliación permitirá considerar xustificado este requisito.

o) No caso de que o proxecto comprenda zonas incluídas na Rede Natura 2000, áreas mariñas protexidas ou espazos naturais protexidos, presentarán os correspondentes informes ambientais ou, na súa falta, a solicitude ante os órganos competentes.

No caso de espazos na Rede Natura 2000 non será exixible a conformidade co artigo 6.3 da Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación de hábitats naturais e da fauna e flora silvestre, no caso de operacións materiais que se localicen sobre solo urbano ou urbanizable ordenado ou sectorizado. En proxectos sometidos a avaliación de impacto ambiental, a acreditación do cumprimento da avaliación permitirá considerar xustificada esta condición.

p) No caso de actuacións que supoñan modificacións hidromorfolóxicas de masas de auga, presentarán a autorización do organismo correspondente conforme o Real decreto 907/2007, do 6 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de planificación hidrolóxica, ou, na súa falta, a solicitude ante o órgano competente.

q) No caso de investimentos en novas instalacións ou ampliacións, presentarán autorización en materia de recollida de residuos e xestión de refugallos xerados ou, na súa falta, solicitude ante o órgano competente.

r) No caso de construcións que deban ser compatibles coas normas e directrices de espazos naturais, paisaxe ou patrimonio cultural, presentarán autorización ou informe favorable ou, na súa falta, solicitude ante o órgano competente.

s) No caso de actuacións de conservación, divulgación ou posta en valor de elementos do patrimonio cultural, autorización ou informe favorable da Administración competente no devandito patrimonio ou, na súa falta, solicitude ante o órgano competente.

t) No caso de actuacións prohibidas pola normativa de protección de recursos pesqueiros, medio mariño, espazos protexidos ou biodiversidade, presentarán autorización no caso de que a norma expresamente o prevexa ou, na súa falta, solicitude ante o órgano competente.

u) Calquera outra documentación que sexa necesaria ou adecuada para a correcta valoración do proxecto presentado.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación dos documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 16. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI ou NIE do representante da entidade solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

g) Concesións doutras subvencións e axudas.

h) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 17. Emenda da solicitude

1. Os órganos responsables da tramitación das solicitudes comprobarán que estas reúnen todos os requisitos recollidos nesta orde. No caso contrario, poráselles de manifesto por escrito aos interesados para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixeren, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas polo órgano instrutor, de conformidade co disposto no artigo 16, resulta que o solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais ou das débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Sen prexuízo do sinalado nos parágrafos precedentes, en calquera momento do procedemento, o servizo xestor poderá requirir a entidade solicitante para que remita aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 18. Órganos de xestión e resolución

1. O órgano encargado da ordenación e instrución do procedemento será o Servizo de Desenvolvemento Pesqueiro, que realizará de oficio cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

O órgano instrutor emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos da convocatoria, que inclúa a viabilidade técnica e económica do proxecto.

A viabilidade técnica analízase en función das garantías ofrecidas en canto á solvencia técnica e á adecuación dos medios aos fins previstos e a viabilidade económica incluirá a análise de se a empresa dispón de garantías para levar adiante o financiamento do proxecto.

2. Os proxectos considerados non viables técnica ou economicamente quedarán excluídos para obter financiamento a través desta orde de axudas, e non procede, polo tanto, a súa valoración.

3. Os expedientes que non cumpran coas exixencias destas bases ou da normativa de aplicación quedarán á disposición do órgano instrutor, que formulará a proposta de resolución desestimatoria ou de inadmisión, segundo o caso.

4. A resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Consellería do Mar.

Artigo 19. Comisión de Avaliación

1. Unha vez completos os expedientes, serán remitidos a unha Comisión de Avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios que se sinalan nos dous artigos seguintes. O resultado da avaliación reflectirase nun informe que se incorporará ao expediente.

2. A Comisión de Avaliación estará formada polos seguintes membros:

a) Presidente/a, que será a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.

b) Vogais: unha persoa do cadro de persoal da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e dúas persoas pertencentes ao cadro de persoal das xefaturas territoriais.

Unha das persoas vogais da Comisión actuará como secretario/a.

A Comisión poderá actuar asistida polos asesores que xulgue conveniente.

3. O funcionamento desta comisión está sometido ás normas dos órganos colexiados recollidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (artigos 14 a 22).

4. A Comisión de Avaliación poderá limitar a contía dos gastos elixibles que considere non xustificados debidamente no proxecto, tanto en canto ao seu número como á súa valoración ou á súa necesidade.

5. No caso de presentarse varios proxectos para accións substancialmente idénticas, a Comisión de Avaliación poderá establecer unha contía de subvención para todas elas, independentemente do importe solicitado.

Artigo 20. Criterio de selección xeral

1. Inicialmente comprobarase o criterio de selección xeral, é dicir, que as operacións van dirixidas ao logro dos obxectivos definidos no Programa do Fempa para España. Para isto valoraranse os seguintes subcriterios, clasificando os proxectos en aptos ou non aptos:

a) Contribución do proxecto á Estratexia, de acordo coas liñas descritas no número 1 do Programa Fempa, ao DAFO da prioridade 1 do programa, e ao tipo de actividade (puntuación ata 6 puntos: DAFO de 0 a 2 puntos; estratexia de 0 a 2 puntos; tipo de actividade de 0 a 2 puntos).

Deberá obterse, como mínimo, 1 punto en cada subcriterio, polo que a puntuación total mínima será de 3 puntos e a máxima de 6 puntos.

b) Contribución aos indicadores de resultados (puntuación ata 2 puntos). Neste subcriterio non se poderá ter unha puntuación de 0.

c) Contribución a plans e programas: adecuación do proxecto a plans, políticas ou compromisos nacionais ou internacionais, así como a programas autonómicos ou rexionais (puntuación ata 2 puntos). Neste subcriterio non se poderá ter unha puntuación de 0.

2. Unha vez valorados conxuntamente todos os subcriterios, a puntuación máxima será de 10 puntos e a mínima superior a 4 puntos.

Os proxectos que non alcancen unha puntuación mínima superior a 4 puntos neste criterio serán non aptos, e quedarán excluídos para obter financiamento a través desta orde de axudas, e non procede, polo tanto, a súa valoración específica.

Artigo 21. Criterios de selección horizontais e específicos

1. Unha vez aplicado o criterio xeral, a Comisión valorará de novo os proxectos segundo os criterios seguintes:

a) Criterios de selección horizontais, cunha puntuación máxima de 4 puntos, que inclúen os seguintes elementos:

1º. Aspectos ambientais, incluída a mitigación do cambio climático (0-2 puntos).

2º. Aspectos sociais (0-2 puntos).

b) Criterios específicos de viabilidade técnica, puntuación máxima de 6 puntos, que inclúe:

1º. Concreción dos obxectivos do proxecto (0-1 puntos).

2º. Relevancia e necesidade do proxecto (0-2 puntos).

3º. Calidade, detalle e coherencia da memoria do proxecto, orzamento e cronograma (0-3 puntos).

c) Criterios específicos do tipo de actividade: afección do proxecto á pesca costeira artesanal e acuicultura tradicional. Puntuación máxima de 3 puntos.

2. Ponderación da valoración conxunta: os criterios de selección xerais, os horizontais, os específicos de viabilidade técnica e os específicos do tipo de actividade terán, respectivamente, o 30 %, 20 %, 20 % e 30 % do peso total da valoración.

Fórmula para o cálculo do valor da puntuación dos criterios:

Criterio selección xeral:

Vsx = (Po sx/ Pmax sx) × 30

Criterios de selección horizontais:

Vsh = (Po sh/ Pmax sh) × 20

Criterios de selección específicos de viabilidade técnica:

Vsvt = (Po svt/ Pmax svt) × 20

Criterios de selección específicos do tipo de actividade:

Vsta= (Po sta/ Pmax sta) × 30

Onde,

Vsx, sh, svt e sta é o valor dos criterios de selección xeral, horizontais, específicos de viabilidade técnica e específicos do tipo de actividade, respectivamente.

Po sx, sh, svt e sta é a puntuación obtida da operación subvencionable dos criterios de selección xeral, horizontais, específicos de viabilidade técnica e específicos do tipo de actividade, respectivamente.

Pmax sx, sh, svt e sta é a puntuación máxima dos criterios de selección xeral, horizontais, específicos de viabilidade técnica e específicos do tipo de actividade, respectivamente.

Para ter en conta a ponderación, os criterios de selección xeral, horizontais, específicos de viabilidade e específicos do tipo de actividade, multiplícanse respectivamente por 30, 20, 20 e 30.

3. A prelación das solicitudes determinarase pola suma da puntuación acadada polo criterio xeral, criterios horizontais e específicos.

No caso de empate na avaliación, a Comisión aplicará como criterio de desempate o valor das puntuacións outorgadas e por esa orde aos valores dos criterios de seleccións horizontais (1º e 2º), de persistir o empate e na mesma orde, o valor dos criterios de seleccións específicos de viabilidade técnica (1º, 2º e 3º) e, por último, o valor dos criterios de selección específicos por tipo de actividade.

4. A Comisión de Avaliación:

a) Poderá propor a non concesión ou minoración da axuda cando o custo proposto polo solicitante dos gastos subvencionables sexa superior ao valor de mercado.

b) Poderá establecer, á vista das solicitudes presentadas, límites máximos de investimento subvencionable, independentemente do importe solicitado.

c) Poderá limitar a contía dos gastos elixibles que se considere que non están xustificados debidamente no proxecto, tanto no que atinxe ao seu número como á súa valoración económica.

Artigo 22. Proposta de resolución

1. Logo de deliberación, o/a presidente/a da Comisión de Avaliación formularalle ao órgano concedente proposta de resolución que indicará, de xeito individualizado, os beneficiarios, os proxectos seleccionados e as accións para as cales se propón a subvención, así como o importe da subvención proposta para cada unha delas.

No caso de que exista crédito suficiente para atender todas as solicitudes da convocatoria, non será necesario realizar a valoración dos criterios de selección horizontais e específicos.

2. Establecerase unha listaxe de reserva con aquelas solicitudes que, reunindo os requisitos establecidos na orde de convocatoria e sendo consideradas viables pola Comisión, non acaden a puntuación necesaria para seren seleccionados por falta de crédito. No caso de dispoñibilidades orzamentarias adicionais, de conformidade co disposto no artigo 13.3 desta orde, emitirase unha nova proposta en que se terán en conta as solicitudes da listaxe de reserva.

Artigo 23. Resolución

Á vista da proposta de resolución e logo da preceptiva fiscalización do gasto, o órgano competente emitirá resolución motivada pola que se outorguen ou deneguen as subvencións solicitadas.

Artigo 24. Aceptación

No prazo de dez (10) días desde a notificación da resolución, os interesados deberán comunicar a aceptación ou rexeitamento da subvención nas condicións expresadas nela, conforme o anexo II. De non facelo, entenderase tacitamente aceptada.

A aceptación da axuda, sexa de forma tácita ou expresa, implicará:

a) A autorización da inclusión da operación subvencionada na lista de operacións seleccionadas para recibir axudas do Fempa, consonte o sinalado no artigo 49, números 3 e 5, do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

b) A autorización á UE para o uso de materiais de comunicación e visibilidade, logo de solicitude, e a posibilidade de utilizalos sen que supoña custos adicionais significativos ou carga administrativa significativa, nin para os beneficiarios nin para os órganos xestores.

Artigo 25. Recursos

As resolucións, expresas ou presuntas, que se diten ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso, ou recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o caso.

Artigo 26. Modificación da resolución e prórrogas

1. Calquera modificación que se pretenda realizar nos investimentos inicialmente previstos, tanto no referente ao orzamento como ás distintas partidas que o compoñen, ou calquera outro asunto que afecte un aspecto substancial da resolución de concesión, requirirá a aceptación expresa do órgano concedente e deberá ser posta no coñecemento deste, sempre con anterioridade á súa realización.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do interesado, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade ou modificación proposta estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras e da convocatoria oportuna.

b) Que a modificación non cause prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos ou circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención ou a non selección do proxecto na concesión inicial.

d) Que a modificación non supoña un incremento do orzamento ou da porcentaxe de axuda.

As modificacións deberán ser solicitadas polo beneficiario, por escrito, con anterioridade á súa realización, e con antelación suficiente á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. O servizo xestor da medida, logo das comprobacións pertinentes, elevará proposta de modificación da resolución ao órgano concedente.

3. Non se admitirán nin aprobarán modificacións que supoñan unha execución total inferior ao 50 % do investimento subvencionado.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais e internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. No suposto de que o beneficiario considere que non pode rematar o proxecto ou cumprir os compromisos dentro do prazo sinalado na resolución de concesión da axuda poderá, ata un mes antes de rematar o prazo de execución e xustificación, solicitar unha prórroga presentando unha memoria onde se indique a situación actual do proxecto, o grao de realización da actividade subvencionada, as causas do atraso na execución e o novo cronograma de actuación.

No caso de que a prórroga sexa aprobada, non poderá exceder a metade do tempo inicialmente concedido. Para o cómputo do prazo de execución, terase por data de inicio da execución a data de solicitude.

6. Cando os cambios no expediente supoñan unha variación da distribución por anualidades recollida na resolución inicial, a modificación quedará supeditada á existencia de dispoñibilidades orzamentarias nas anualidades correspondentes.

Artigo 27. Xustificación

1. Con carácter xeral, agás que a resolución fixe outro prazo, os gastos correspondentes deberán executarse e xustificarse antes do 1 de novembro de cada anualidade.

2. Para o cobramento da subvención concedida, as entidades beneficiarias deberán presentar a documentación que se sinala a seguir, indicando o número de expediente da resolución de concesión da subvención e dentro do prazo establecido no parágrafo anterior:

a) Xustificación de ter realizado as accións para as cales se concedeu a subvención, mediante os seguintes documentos:

1º. Informe do beneficiario en que se describa a realización das accións e os datos e incidencias máis significativas na súa execución, que inclúa reportaxe fotográfica dos equipamentos instalados e acredite o cumprimento das obrigas de publicidade.

No caso de pagamento final proporcionarase información sobre os indicadores de resultados conforme o previsto no Programa Fempa.

2º. Relación de custos individualizados por cada actuación, con e sen IVE, que incluirá, polo menos: concepto facturado e entidade que factura; descrición do equipamento, marca e modelo, número de serie (de ser o caso); número de factura, data da factura, data de pagamento e importe xustificado.

3º. Facturas correspondentes aos custos sinalados na relación, detalladas ao máximo posible.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

4º. Xustificante bancario (transferencia bancaria ou certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, o titular da conta desde a cal se realiza a operación, que deberá coincidir co beneficiario da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa ou empresa que emitiu a factura.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data da solicitude de axuda (salvo para os honorarios profesionais das actuacións preparatorias directamente relacionadas coas obras e informes técnicos) e terán como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de execución e xustificación previsto no número 1 deste artigo.

5º No caso de que o beneficiario teña a condición de poder adxudicador, nos termos da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, achegará a documentación relacionada co proceso de contratación.

b) No caso de opoñerse á súa consulta polo órgano xestor: certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter débedas por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

c) Os permisos, autorizacións, informes, inscricións e/ou licenzas requiridas para o tipo de actividade de que se trate deberán presentarse, como moi tarde, xunto coa solicitude de pagamento final.

d) Para os proxectos de mellora da eficiencia enerxética nas lonxas:

d.1.) Iluminación con tecnoloxía led:

1º. Certificado do instalador/provedor en que se indique a data de finalización da instalación/actuación subvencionada e no cal se certifique o cumprimento da normativa vixente, dos requisitos técnicos exixidos nesta orde e das condicións establecidas na resolución de concesión, asinado por técnico competente, de acordo co modelo dispoñible. En todo caso, a data de finalización da obra/actuación debe estar comprendida dentro do período de execución e xustificación.

2º. Certificado asinado por técnico cualificado en que se relacionen as estancias reformadas, o seu uso, e se declare que, tras as medicións realizadas, se constata o cumprimento dos requisitos que se definen na norma UNE-EN 12464 (iluminación nos lugares de traballo).

3º. Memoria de execución, asinada por técnico competente. A memoria especificará en detalle as actuacións realizadas. Esta memoria realizarase de acordo co modelo dispoñible no procedemento.

4º. Fotografías que reflictan claramente as actuacións realizadas incluíndo, de ser o caso, as placas de características dos equipamentos instalados.

d.2) Instalacións de frío:

1º. Certificado do instalador/provedor en que se indique a data de finalización da instalación/actuación subvencionada e no cal se certifique o cumprimento da normativa vixente, dos requisitos técnicos exixidos nesta orde e das condicións establecidas na resolución de concesión, asinado por técnico competente, de acordo co modelo dispoñible. En todo caso, a data de finalización da obra/actuación debe estar comprendida dentro do período de execución e xustificación.

2º. Memoria de execución, asinada por técnico competente. A memoria especificará en detalle as actuacións realizadas. Esta memoria realizarase de acordo co modelo dispoñible no procedemento.

3º. Fotografías que reflictan claramente as actuacións realizadas incluíndo, de ser o caso, as placas de características dos equipamentos instalados.

4º. Xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria, no cal se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación, se é necesario ou, no caso de non ser necesario, escrito asinado por técnico competente que acredite a non obrigatoriedade da inscrición.

5º. Sempre que sexa obrigatorio, o beneficiario da axuda deberá contar coa autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación. No caso de non obter a autorización antes do remate do prazo de xustificación, acreditarase documentalmente que se solicitou. No caso de non ser necesario, escrito asinado por técnico competente que acredite a non obrigatoriedade da citada autorización.

e) Para os proxectos de protección do ambiente:

e.1) Instalacións de xeración de enerxía eléctrica renovable:

1º. Certificado do instalador/provedor en que se indique a data de finalización da instalación/actuación subvencionada e no cal se certifique o cumprimento da normativa vixente, dos requisitos técnicos exixidos nesta orde e das condicións establecidas na resolución de concesión, asinado por técnico competente, de acordo co modelo dispoñible. En todo caso, a data de finalización da obra/actuación debe estar comprendida dentro do período de execución e xustificación.

2º. Memoria de execución, asinada por técnico competente. A memoria especificará en detalle as actuacións realizadas. Esta memoria realizarase de acordo co modelo dispoñible no procedemento.

3º. Fotografías que reflictan claramente as actuacións realizadas incluíndo, de ser o caso, as placas de características dos equipamentos instalados.

4º. Cando proceda, xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria en que se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación se é necesario ou, no caso de non ser necesario, escrito asinado por técnico competente que acredite a non obrigatoriedade da inscrición.

5º. Sempre que sexa obrigatorio, o beneficiario da axuda deberá contar coa autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación. No caso de non obter a autorización antes do remate do prazo de xustificación, acreditarase documentalmente que se solicitou. No caso de non ser necesario, escrito asinado por técnico competente que acredite a non obrigatoriedade da citada autorización.

6º. Solicitude de punto de conexión, se é necesario pola normativa vixente. No caso de non ser necesario, escrito asinado por técnico competente que acredite a non obrigatoriedade da solicitude.

7º. No caso de instalacións de xeración de potencia superior a 100 kW deberá achegarse xustificante de autorización previa e de construción. Para estes efectos, considerarase a suma da nova potencia e das eventuais instalacións de xeración preexistentes.

e.2) Instalacións de enerxía térmicas renovables:

1º. Certificado do instalador/provedor en que se indique a data de finalización da instalación/actuación subvencionada e no cal se certifique o cumprimento da normativa vixente, dos requisitos técnicos exixidos nesta orde e das condicións establecidas na resolución de concesión, asinado por técnico competente, de acordo co modelo dispoñible. En todo caso, a data de finalización da obra/actuación debe estar comprendida dentro do período de execución e xustificación.

2º. Memoria de execución, asinada por técnico competente. A memoria especificará en detalle as actuacións realizadas. Esta memoria realizarase de acordo co modelo dispoñible no procedemento.

3º. Fotografías que reflictan claramente as actuacións realizadas incluíndo, de ser o caso, as placas de características dos equipamentos instalados.

4º. Cando proceda, xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria na cal se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación, se é necesario ou, no caso de non ser necesario, escrito asinado por técnico competente que acredite a non obrigatoriedade da inscrición.

5º. Sempre que sexa obrigatorio, o beneficiario da axuda deberá contar coa autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación. No caso de non acadar a autorización antes do fin do prazo de xustificación, acreditarase documentalmente que se solicitou. No caso de non ser necesario, escrito asinado por técnico competente que acredite a non obrigatoriedade da citada autorización.

f) Proxectos de obras:

1º. Certificado final de obra subscrito por técnico competente en que se indique que as obras foron realizadas conforme o proxecto presentado.

2º. Licenza municipal de obras, no caso de que sexa necesaria pola actuación que se vai realizar. Cando a actuación non estea sometida a licenza municipal, comunicación previa ao concello, que deberá vir acompañada dunha declaración responsable da persoa ou entidade promotora da actuación de non ter sido requirida para a súa emenda ou xuntar os requirimentos e documentación solicitada.

3º. Fotografías nas que se aprecien as actuacións realizadas.

4º. Certificados de xestión de residuos de construción e demolición con destino a reutilización, reciclaxe e recuperación expedidos polos xestores de destino como xustificación da entrega, incluíndo os códigos da Listaxe europea de residuos (LER) e a porcentaxe de valorización conseguida.

No caso de que o proxecto teña como obxectivo a mellora da eficiencia enerxética deberán, ademais, presentar:

1º. Certificado en que se indique a data de finalización da instalación/actuación subvencionada e no cal se certifique o cumprimento da normativa vixente, dos requisitos técnicos exixidos nesta presente orde e das condicións establecidas na resolución de concesión, asinado por técnico competente, de acordo co modelo dispoñible. En todo caso, a data de finalización da obra/actuación debe estar comprendida dentro do período de execución e xustificación.

2º. Certificación enerxética do edificio tras a reforma, subscrita por técnico competente despois da execución da actuación, de acordo co procedemento básico para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios, mediante a utilización dalgún dos programas informáticos oficiais recoñecidos, que regula o Real decreto 390/2021, do 1 de xuño, polo que se aproba o procedemento básico para a certificación da eficiencia enerxética dos edificios.

3. No momento da xustificación da execución parcial e total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, así como unha declaración responsable de que se manteñen os requisitos para ser beneficiario, conforme o anexo III.

4. Os servizos correspondentes da Consellería do Mar emitirán certificado sobre o grao de realización do investimento, así como da súa adecuación, tanto ao proxecto que serviu de base para o outorgamento da axuda como aos xustificantes de gasto presentados.

5. Unha vez transcorrido o prazo establecido na resolución de concesión da axuda para a xustificación dos investimentos sen se ter presentado esta, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comporta a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, á exixencia do reintegro e demais responsabilidades que derivan da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Pagamento e pagamentos parciais

1. A Consellería do Mar efectuará o pagamento das axudas unha vez xustificada de forma documental e material a realización do obxecto da subvención e a elixibilidade do gasto. O importe da axuda aboaráselle mediante transferencia bancaria ao beneficiario e na contía que corresponda segundo o proxecto executado.

2. Poderán presentarse xustificacións parciais a medida en que se vaian executando as accións subvencionadas. O importe conxunto dos pagamentos parciais e dos pagamentos anticipados que, se é o caso, se concedesen, non poderán superar o 80 % do total da subvención concedida nin superar o importe da correspondente anualidade, e quedarán condicionados á efectiva realización completa do proxecto e á liquidación definitiva da subvención.

Os pagamentos parciais están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 30. Non se considerará que un pagamento é parcial cando comprenda a totalidade da subvención correspondente a unha fase do proxecto susceptible de producir efectos independentes, sempre que así se recolla expresamente na resolución de concesión.

3. O pagamento da primeira e sucesivas anualidades terá carácter de ingreso á conta e a súa consolidación estará condicionada á finalización das actividades obxecto da axuda. No caso de que o solicitante non cumpra cos requisitos exixidos, estará obrigado ao reintegro da axuda nos termos previstos nos artigos 32 a 40 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. No caso de que o investimento sexa xustificado por menor contía que o considerado como subvencionable inicialmente, poderase minorar a axuda na mesma proporción, sempre que esta minoración non afecte aspectos fundamentais do proxecto e que non supoña unha realización deficiente deste.

No suposto de que o custo definitivo real do investimento sexa inferior ao orzamento considerado para o outorgamento da axuda, esta minorarase proporcionalmente, aplicando a porcentaxe da axuda deducida, sobre a nova base constituída polo custo final do investimento.

5. Se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 50 % do importe total do investimento subvencionado, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, procederase ao reintegro das cantidades que se aboaron, ou perderase o dereito de cobramento da subvención, se é o caso.

Artigo 29. Pagamento anticipado

Por resolución motivada do órgano concedente, e logo de solicitude dos interesados, poderá autorizarse un anticipo de ata un 50 % da subvención prevista para a anualidade naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Os pagamentos anticipados están suxeitos á prestación de garantía nos termos sinalados no artigo 30.

Artigo 30. Garantías

1. Será obrigatoria a prestación de garantías para a expedición de anticipos ou pagamentos á conta, de acordo cos artigos 65 e seguintes do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes casos:

a) Anticipos que superen o importe de 18.000 euros.

b) Pagamentos parciais que excedan os 18.000 euros.

Estes importes anteriores enténdense referidos á cantidade acumulada dos pagamentos realizados, parcial e/ou anticipadamente.

2. A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que se depositará na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, e deberá acadar como mínimo ata os dous (2) meses seguintes ao remate do prazo de xustificación da axuda.

3. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.

4. As garantías serán liberadas logo de que se comprobe a realización do proxecto ou das accións independentes que o compoñan.

Artigo 31. Reintegro

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención concedida e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento e ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, o importe que e debe reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación de posibles incumprimentos das condicións impostas co motivo da concesión das subvencións:

a) Procederá o reintegro total da axuda concedida e dos xuros de demora que se teña dereito a percibir desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, no caso de incumprir a obriga indicada no artigo 5.2.b) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que sexan incompatibles.

b) O incumprimento da obriga establecida no artigo 5.2.b) de comunicar a obtención doutras axudas, no caso de que estas fosen compatibles, dará lugar ao reintegro parcial polo exceso de financiamento, xunto cos xuros de demora, conforme o establecido no artigo 23 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) O incumprimento do beneficiario das obrigas de información, comunicación e visibilidade do apoio procedente do Fondo recollidas nos artigos 47 e 50.1 e 2 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, sen adoptar medidas correctoras, suporá un reintegro de ata un máximo do 3 % da subvención.

d) Suporá o reintegro dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría suficiente sobre os conceptos financiados co Fondo.

3. Para o devandito procedemento de reintegro terase en conta o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 32. Infraccións e sancións

As actuacións dos beneficiarios en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 33. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 34. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 35. Publicidade

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido nos artigos 15 da Lei de subvencións de Galicia, e 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e o crédito orzamentario a que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidad a través da paxina web da Consellería do Mar (http://mar.xunta.gal/) a relación de beneficiarias/os e o importe das axudas concedidas.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

4. De conformidade co artigo 40.3 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, a autoridade de xestión publicará no sitio web a lista de operacións seleccionadas para recibir axuda do fondo.

Artigo 36. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da devandita lei, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 37. Servizo Nacional de Coordinación Antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude na Intervención Xeral da Administración do Estado, polos medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto polo dito servizo no enderezo web http://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Documents/ComunicacionSNCA06-04-2017Canaldenuncias.pdf

Disposición adicional primeira. Comisión de Avaliación

A creación da Comisión de Avaliación non xerará incremento da consignación orzamentaria do órgano con competencias en materia de desenvolvemento pesqueiro.

Disposición adicional segunda. Desenvolvemento da orde

Facúltase a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira primeira

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file