DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 1 de febreiro de 2024 Páx. 9963

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 11 de xaneiro de 2024 pola que se convoca o concurso Eduemprende Idea 2024, dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos (código de procedemento TR880C).

BDNS (Identif.): 741830.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

Esta orde ten por obxecto convocar o concurso Eduemprende Idea 2024, co fin de promover a realización de proxectos empresariais por parte do alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.

Segundo. Persoas beneficiarias

Poderá participar nesta convocatoria o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

1. Ter estado matriculado durante o curso 2023/24 nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.

2. A participación terá que ser en grupo, formado por un mínimo de dúas persoas e un máximo de catro, que terán igualmente a consideración de beneficiarias. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única co poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiaria lle corresponden á agrupación.

3. As persoas participantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiarias, de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Terceiro. Financiamento

O importe total destinado para esta convocatoria será de 12.000 € (doce mil euros) con cargo aos recursos de fondos propios asignados á Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, aplicación orzamentaria 13.31.322C.480.0, código de proxecto 2024 00084, consignados na Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

Cuarto. Modalidades e dotación económica dos premios

Dúas modalidades de premios:

1. Modalidade A: ciclos de grao superior.

2. Modalidade B: ciclos de grao medio.

En cada modalidade, os tres mellores proxectos de empresa, recibirán os seguintes premios:

– Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

– Asesoramento técnico da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.

– Dotación económica de 3.000, 2.000 e 1.000 euros para o 1º, 2º e 3º premio, respectivamente.

O importe dos premios estará suxeito ás retencións fiscais que legalmente correspondan.

Quinto. Bases reguladoras

Orde do 11 de xaneiro de 2024 pola que se convoca o concurso Eduemprende Idea 2024, dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos (código de procedemento TR880C).

Sexto. Presentación de solicitudes e prazo

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de maio de 2024.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2024

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade