DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 5 de febreiro de 2024 Páx. 10915

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 17 de xaneiro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 17 de xaneiro de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Soutochao, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Soutochao, no concello de Vilardevós.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Soutochao, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Soutochao, no concello de Vilardevós, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 17 de febreiro de 2023, a CMVMC de Soutochao presentou unha solicitude (Rexel núm. 2023/574486) de revisión parcial de esbozo do MVMC de Soutochao, no concello de Vilardevós.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da asemblea xeral do 26.9.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 18 de abril de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares. Non se modifican os límites cos montes veciñais estremeiros.

A superficie do MVMC de Soutochao, unha vez revisado o esbozo, resulta de 670,24 ha fronte ás 763 ha clasificadas, o que supón unha redución de superficie dun 12 %. Porén, o esbozo do monte existente actualmente ten unha superficie de 675 ha, polo que a redución respecto a esta configuración adaptada ao esbozo orixinal sería mínima.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC de Soutochao.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 18 de abril de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 11 de decembro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC de Soutochao, pertencente á CMVMC de Soutochao, no concello de Vilardevós.

Ourense, 17 de xaneiro de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense