DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 5 de febreiro de 2024 Páx. 10919

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 18 de xaneiro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 18 de xaneiro de 2024 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Montes de Covas, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Covas, no concello dos Blancos.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Montes de Covas, pertencentes á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Covas, no concello dos Blancos, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 29 de setembro de 2022, a CMVMC de Covas presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2392869) de revisión parcial de esbozo do MVMC Montes de Covas, no concello dos Blancos.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do 28.8.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 27 de abril de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares, quedando unha zona de 300 m sen revisar, nas propiedades de Covas, pois aparecen dúbidas de propiedade non resoltas.

A superficie do MVMC de Covas resultante, tras unir o esbozo parcial presentado segundo o punto 8, resulta de 349,91 ha fronte as 326,30 ha da clasificación, o que supón un aumento de superficie do 7 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorablemente sobre a revisión do esbozo do MVMC Montes de Covas.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular, os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 27 de abril de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 11 de decembro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Montes de Covas, pertencente á CMVMC de Covas, no concello dos Blancos.

Ourense, 18 de xaneiro de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense