DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 6 de febreiro de 2024 Páx. 10978

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 11 de xaneiro de 2024 pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado que realice os seus estudos no curso 2023/24 (código de procedemento ED531D).

As accións e recomendacións emanadas da Comisión Europea e do Consello de Europa nos últimos quince anos veñen configurando as políticas lingüísticas e a innovación en educación lingüística dos distintos países membros da Unión, ao considerar a competencia en linguas como un recurso económico e social indispensable dentro, e máis aló, dunha Europa cultural e lingüisticamente diversa.

As liñas estratéxicas desta consellería contemplan medidas e accións enfocadas a que o alumnado adopte unha actitude positiva de cara ás linguas e, ao mesmo tempo, aprecie a diversidade cultural e a comunicación intercultural. A comunidade internacional considera o multilingüismo como unha ferramenta moi poderosa para o multilateralismo e a cooperación internacional, tan necesaria ante os retos globais aos que nos enfrontamos.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade implantou de xeito experimental os centros plurilingües en Galicia durante o curso 2010/11, como parte do proceso de fomento da diversidade lingüística e cultural da súa política educativa e do que forman parte programas como a Anticipación da Primeira Lingua Estranxeira, os Cursos para a formación complementaria de aprendizaxe de linguas estranxeiras ou o programa de Seccións Bilingües. Esta implantación experimental permitiu, por unha banda, incrementar a presenza da lingua estranxeira como lingua vehicular, mediante a aplicación do disposto no Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e, pola outra, favorecer a transferencia entre as linguas que se imparten nos centros educativos galegos tanto nas destrezas comunicativas como nas destrezas académicas, mediante a concreción de medidas tendentes á impartición dun currículo integrado das linguas no proxecto lingüístico de centro.

A resposta altamente favorable dos centros educativos e das familias á participación neste proxecto de plurilingüismo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o compromiso do profesorado, responsable do desenvolvemento do proxecto, coa formación do alumnado e a súa propia levaron á Administración educativa a continuar na vía iniciada e a promover a ampliación do programa plurilingüe na Educación Infantil, no Bacharelato e na Formación Profesional desde o ano 2017.

Igualmente, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en coherencia coa política educativa que desenvolve, convoca cada curso a Orde pola que se regula o réxime de axudas a centros privados concertados para a contratación de auxiliares de conversa coa finalidade de mellorar a competencia lingüística do alumnado en linguas estranxeiras, especialmente a aqueles que forman parte da Rede de Centros Plurilingües ou participan no Programa de seccións bilingües.

Ademais a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades organiza anualmente actividades de formación en linguas estranxeiras para o alumnado que se desenvolven durante o curso escolar en centros residenciais situados en Galicia en réxime de internado para estimular a práctica do idioma e a súa utilización en contextos comunicativos diversificados e enfocados cara á mellora da comunicación oral co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa. Igualmente organiza actividades de inmersión lingüística no estranxeiro.

A nova liña de actuación para o fomento e desenvolvemento de programas de plurilingüismo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, EDUlingüe2030, contempla, como un dos seus obxectivos estratéxicos, a internacionalización do sistema educativo galego creando un novo marco de traballo a partir das relacións internacionais e apostando por unha educación intercultural e multilingüe.

En consecuencia, de conformidade co exposto e por proposta da Dirección xeral de Ordenación e Innovación Educativa, como conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,

ACORDO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto desta orde é regular o procedemento de solicitude e concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a centros privados concertados que impartan ensinanzas de educación secundaria, bacharelato e/ou formación profesional para a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado.

Esta convocatoria, para os efectos da súa identificación e acceso polas persoas interesadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia, aos formularios de inicio, denomínase «Axudas a centros privados concertados para a contratación de probas de nivel lingüístico para o alumnado», código de procedemento ED531D.

Artigo 2. Financiamento e contía das axudas

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde efectuarase con cargo á partida orzamentaria 10.06.423A.780.3 por un importe máximo 150.000 € con cargo ao orzamento de 2024.

2. Esta convocatoria tramítase como expediente de tramitación anticipada de gasto, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024, conforme o proxecto de lei de orzamentos para o exercicio 2024, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 18 de outubro de 2023, e ao abeiro do establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, xunto co artigo 25 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto se entenderán condicionados a que, no momento de se ditar a resolución de concesión, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que foron producidos os ditos actos.

3. Dado que esta convocatoria abrangue a xestión e realización das probas lingüísticas durante o curso 2023/24, o seu orzamento pode cubrir os gastos orixinados entre setembro de 2023 e xuño de 2024.

4. A axuda outorgada a cada centro será de 100 € por alumno/a e proba. Esta dotación económica será destinada:

a) Á realización das probas das destrezas orais e das destrezas escritas.

b) Á certificación correspondente conforme o MCERL.

5. A contía da axuda outorgada a cada centro beneficiario determinarase en función do número de alumnado seleccionado e de acordo cos criterios de valoración establecidos no artigo 10. Criterios de selección dos centros.

CAPÍTULO II

Finalidade das axudas e requisitos para poder solicitalas

Artigo 3. Finalidade das axudas

As axudas reguladas nesta orde poderán empregarse para contratar a realización de probas de nivel lingüístico para o alumnado. As probas ás que se refire esta Orde desenvolveranse de acordo co obxectivo e as características que se especifican a continuación:

1. O obxectivo principal destas probas é acreditar a competencia en lingua estranxeira do alumnado, nos niveis de competencia B1, B2 ou C1, descritos no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas do Consello de Europa (MCERL), segundo corresponda.

2. As probas que realizará o alumnado serán do nivel B1, B2 ou C1 (segundo decida o alumnado previa orientación do seu profesorado de lingua estranxeira), e axustaranse ás titulacións recollidas no anexo da Orde do 21 de xuño de 2016 pola que se modifica a Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes desta consellería, ou proba análoga que conte co mesmo recoñecemento internacional e siga os mesmos estándares de calidade.

Artigo 4. Destinatarios

1. Esta convocatoria está destinada a todos os centros privados concertados non universitarios dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades nos que se impartan ensinanzas de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e/ou formación profesional.

2. As probas están destinadas a alumnado interesado en participar nas mesmas que estea matriculado no curso 2023/24 en bacharelato, ciclos de formación profesional ou 4º de ESO, tendo preferencia aquel que curse ensinanzas nunha etapa plurilingüe.

3. Na solicitude faranse constar o número de alumnado candidato ás probas. Terá preferencia o alumnado que curse ensinanzas plurilingües: PuriBach, PluriFP e ESO plurilingüe, seguindo a orde de preferencia que se relaciona a continuación:

3.1. Alumnado que cursa ensinanzas plurilingües:

– 2º curso de bacharelato que curse o programa PluriBach.

– 2º curso dun ciclo PluriFP.

– 4º curso de ESO (da etapa ESO plurilingüe).

– 1º curso de bacharelato que curse o programa PluriBach.

– 1º curso dun ciclo PluriFP.

3.2. Alumnado que cursa ensinanzas non plurilingües:

– 2º curso de bacharelato.

– 2º curso dun ciclo de FP.

– 4º curso de ESO.

– 1º curso de bacharelato.

– 1º curso dun ciclo de FP.

Artigo 5. Requisitos do centro

1. Non poderán ter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde os centros privados concertados en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Organización e xestión das probas

1. As probas de nivel lingüístico deberán ser realizadas por empresas ou institucións acreditadas que expidan as titulacións que figuran no anexo da dita Orde do 21 de xuño de 2016.

2. A organización e xestión das probas será competencia exclusiva do centro educativo, que deberá seleccionar o alumnado candidato ás probas, o nivel da proba ao que se presenta e as institucións ou empresas certificadoras. Non será competencia das familias nin do alumnado a selección das ditas empresas certificadoras.

3. Os centros educativos informarán o alumnado desta convocatoria e identificarán e seleccionarán o alumnado interesado na realización das probas.

4. Antes de facer a solicitude, o alumnado candidato deberá presentar por escrito un compromiso individual de aceptación para concorrer ás probas. Este compromiso deberá estar asinado polo alumno/a ou familia, será custodiado no centro e será indispensable para facer a solicitude.

5. Unha vez publicada a resolución definitiva de centros seleccionados, se a dotación económica que recibe o centro educativo non fose suficiente para cubrir todas as demandas de alumnado interesado, os centros educativos establecerán uns criterios de selección do alumnado participante nas probas seguindo criterios transparentes, públicos e obxectivos dos que se informará ao claustro e que se aprobarán no consello escolar. Unha vez realizada a selección de alumnado en acto público, levantarase acta do sorteo ou selección realizada e custodiarase no centro educativo.

6. Os centros educativos seleccionarán as probas ás que se presentará o seu alumnado. Esta selección debe buscar a maior proximidade e comodidade para que o alumnado poida participar nas probas e que o custo se adecúe á dotación económica facilitada por esta consellería, para evitar o custo para as familias.

7. As familias ou, no seu caso, os centros educativos, encargaranse da organización do traslado do alumnado ao lugar de realización das probas, en caso de que estas non poidan realizarse no propio centro educativo. A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades non asumirá os gastos derivados destes desprazamentos.

8. O alumnado será orientado polo profesorado de lingua estranxeira e deberá coñecer con antelación suficiente as características da proba á que se vai presentar.

9. Cada alumno ou alumna poderá matricularse nunha única proba dunha lingua estranxeira que será, preferentemente, a que curse como primeira lingua estranxeira.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoñan á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos datos citados poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

CAPÍTULO III

Solicitude e prazos

Artigo 8. Forma e prazo de presentación

1. As solicitudes presentaranse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, de acordo co anexo I.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación de solicitudes será 1 mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

3. Así mesmo, e co fin de axilizar o proceso de solicitude, os centros educativos participantes nesta convocatoria deberán rexistrar o número de alumnado candidato ás probas completando o formulario electrónico dispoñible na aplicación á que se accede no enlace https://www.edu.xunta.gal/programaseducativos, seleccionando Programas de éxito educativo na pestana Programa, convocatoria 2023/2024, e premendo en Acreditación LE alumnado de centros concertados.

4. A persoa responsable da Dirección do centro, ou persoa autorizada, terá o permiso para rexistrar e completar o formulario electrónico na aplicación informática, onde fará constar os datos de identificación do centro e da persoa directora, así como:

– O número de alumnado candidato ás probas.

– O curso en que está matriculado o alumnado.

– A etapa a que pertence o alumnado: plurilingüe ou non.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

CAPÍTULO IV

Procedemento para a adxudicación das axudas

Artigo 10. Criterios de selección dos centros

1. Poderán participar na convocatoria todos os centros solicitantes que cumpran cos criterios de participación indicados na presente orde.

2. Terán preferencia os centros cuxo alumnado curse etapas plurilingües: PluriBach, PluriFP ou ESO plurilingüe.

3. Os centros non poderán percibir unha asignación superior ao número total de alumnado solicitante. A dotación económica para cada centro resultará da distribución da dotación económica total prevista para esta convocatoria entre os centros solicitantes atendendo á seguinte orde de selección:

3.1. Centros con alumnado de 2º curso de bacharelato que curse o programa PluriBach.

3.2. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros con alumnado de 2º curso dun ciclo PluriFP.

3.3. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros con alumnado de 4º curso de ESO da etapa ESO plurilingüe.

3.4. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros con alumnado de 1º curso de bacharelato que curse o programa PluriBach.

3.5. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros con alumnado de 1º curso dun ciclo PluriFP.

3.6. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros con alumnado de 2º curso de bacharelato pertencente á etapa non plurilingüe.

3.7. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros con alumnado de 2º curso dun ciclo de FP, pertencente á etapa non plurilingüe.

3.8. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros con alumnado de 4º curso de ESO pertencente á etapa non plurilingüe.

3.9. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros con alumnado de 1º curso de bacharelato pertencente á etapa non plurilingüe.

3.10. De sobrar remanente, este distribuirase entre os centros con alumnado de 1º curso dun ciclo de FP pertencente á etapa non plurilingüe.

4. A distribución do remanente entre os centros solicitantes, na última das categorías anteriores, ata esgotar o crédito dispoñible, farase de forma proporcional tendo en conta, para as solicitudes presentadas nesa categoría, o número total de solicitudes e o número de solicitudes presentadas por cada centro.

Artigo 11. Instrución e Comisión de Valoración

1. O procedemento de concesión das subvencións será o de concorrencia competitiva.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

3. Durante a instrución do procedemento, constituirase como órgano colexiado unha Comisión de Valoración que, de acordo cos criterios establecidos no artigo 10, avaliará as solicitudes e emitirá o correspondente informe coa valoración acadada.

4. A valoración das solicitudes será realizada por unha Comisión integrada polos seguintes membros:

a) Presidente/a: a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

b) Vogais:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Ordenación, Inclusión e Innovación Educativa ou persoa en quen delegue.

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo ou persoa en quen delegue.

– A persoa titular do Servizo de Apoio Económico ou persoa en quen delegue.

– A persoa titular do Servizo de Innovación e Programas Educativos ou persoa en quen delegue.

c) Unha persoa funcionaria da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

5. A percepción de asistencias desta comisión de selección atenderá á categoría correspondente segundo o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razóns do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

6. Unha vez avaliadas as solicitudes e emitido o informe da Comisión de Valoración, esta comunicarallo ao órgano instrutor que formulará as resolucións provisionais que correspondan.

7. Por último, tras o informe final da Comisión de Valoración, esta comunicarallo ao órgano instrutor que formulará a proposta de resolución definitiva e a elevará ao conselleiro para resolver.

CAPÍTULO V

Resolución

Artigo 12. Resolución provisional

Valoradas as solicitudes, o órgano instrutor fará pública a resolución provisional co importe asignado a cada centro, que se difundirá no portal educativo da Consellería de Educación, Cultura, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia http://www.edu.xunta.gal. A exposición abrirá un prazo de dez días hábiles para efectuar reclamacións ou renuncias á concesión das axudas ante a persoa que exerza a presidencia da Comisión.

Artigo 13. Resolución definitiva

1. Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as mencionadas reclamacións e renuncias, o órgano instrutor elevará ao conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades a proposta de resolución definitiva, na cal se sinalará a concesión ou a denegación das axudas, así como, se é o caso, a exclusión daqueles centros docentes que non reúnan algún dos requisitos da convocatoria.

2. A resolución definitiva será ditada polo conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e publicarase no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal) e no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de tres meses, contado desde o remate do prazo de solicitude.

3. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. Se transcorre o prazo máximo que se sinala no parágrafo segundo deste artigo sen que se publique a resolución definitiva os centros solicitantes poderán entender desestimadas, por silencio administrativo, as súas solicitudes, para os efectos de interpoñer os recursos que proceda.

Artigo 14. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, conforme o artigo 17.4 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 16. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

1. De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicaranse á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola base.

2. Información aos interesados da existencia do Rexistro Público de Subvencións. Os interesados poden facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do apartado 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Compatibilidades

Estas axudas serán compatibles con outras que o centro poida percibir para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, tendo en conta o disposto nos artigos 11.d) e 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Renuncias

1. Os centros docentes poderán renunciar á axuda nos dez días naturais seguintes á publicación da resolución provisional.

2. Se un centro renunciase á axuda despois deste prazo non poderá concorrer á concesión desta nos dous cursos seguintes ao correspondente a esta convocatoria.

CAPÍTULO VI

Pagamentos

Artigo 20. Pagamento

1. O pagamento da axuda farase antes do remate do mes de outubro de 2024.

2. O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, polo que se desenvolve o procedemento de aprobación do gasto e pagamento de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Documentación

1. Para realizar o pagamento ao centro, este deberá presentar, antes do 9 de setembro de 2024, a seguinte documentación debidamente identificada:

a) Factura a nome do centro.

b) Anexo II: xustificación para o pagamento: importe total de gastos xustificables, número de alumnado participante, idioma e nivel da proba realizada e nome da empresa acreditadora.

2. Os documentos acreditativos dos gastos deberán reunir todos os requisitos exixidos pola normativa vixente. Se a xustificación está incompleta ou é incorrecta, pagarase unicamente a cantidade da axuda concedida correctamente xustificada.

3. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberá presentar a declaración responsable recollida no punto 4 do artigo 4 desta orde, no momento da solicitude e do pagamento.

Artigo 22. Seguimento da realización das probas de acreditación do nivel lingüístico do alumnado

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa realizará o seguimento da xestión das probas subvencionado a través dos servizos provinciais da Inspección Educativa.

Artigo 23. Fiscalización e control

1. Os centros beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.

2. Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades poderá realizar, en calquera momento e ata transcorridos tres anos a partir da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.

3. Os centros beneficiarios darán a axeitada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.

Artigo 24. Perda do dereito ao cobramento da axuda

1. O centro docente perderá o dereito ao cobramento da axuda polas seguintes causas:

a) Xustificación de forma incompleta ou fóra de prazo.

b) Incumprimento dos fins ou obxectivos para os cales se concedeu.

c) Perda da capacidade xurídica ou de obrar, ou inhabilitación para ser beneficiario de subvencións e axudas públicas, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De concedérselle outra subvención por esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicalo á Administración, segundo dispón artigo 11.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore, co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas subvencións concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.

3. No caso de que se revogue a axuda, o centro docente terá que reintegrar as cantidades percibidas e mais os xuros de mora xerados desde o momento do seu pagamento, nos termos que figuran nos artigos 33 a 38 da referida Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 25. Modificación da resolución e incumprimentos

1. A resolución de concesión das axudas previstas nesta orde poderá ser modificada:

a) Por alteración das condicións iniciais que se tiveron en conta para a concesión.

b) Pola obtención concorrente de subvencións outorgadas para a mesma finalidade e obxecto por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, se supón exceder o importe total da axuda correspondente a cada unha das subvencións recollidas nesta orde, dará lugar a unha redución proporcional no importe das subvencións reguladas nesta orde.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se reintegrará determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) A obtención da subvención falseando os datos, os feitos ou a documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impedisen: reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.

c) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 5 % da axuda concedida.

CAPÍTULO VII

Disposicións derradeiras

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Competencias

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para adoptar todas as actuacións e medidas que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do previsto nesta orde.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file