DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 9 de febreiro de 2024 Páx. 12099

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se aproban e se fan públicas as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo para o ingreso, pola modalidade específica de promoción do persoal laboral fixo, no corpo de xestión da Administración xeral e no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2.

Mediante a Resolución do 11 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG núm. 12, do 17 de xaneiro), aprobáronse as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo para o ingreso, pola modalidade específica de promoción do persoal laboral fixo, no corpo de xestión da Administración xeral e no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, convocado pola Resolución do 6 de novembro de 2023 (DOG nº 216, do 14 de novembro).

Unha vez transcorrido o prazo para a presentación de reclamacións sobre as ditas listaxes e de conformidade co establecido nas bases que rexen o proceso, esta dirección xeral

RESOLVE:

Aprobar as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo para o ingreso, pola modalidade específica de promoción do persoal laboral fixo, no corpo de xestión da Administración xeral e no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, convocado pola Resolución do 6 de novembro de 2023 (DOG nº 216, do 14 de novembro).

As persoas aspirantes poderán consultar o estado das solicitudes de inscrición presentadas e a situación como admitidas e excluídas en fides.xunta.gal

As listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas, con indicación da causa determinante da súa exclusión, poderanse consultar no portal web corporativo
funcionpublica.xunta.gal

A Administración devolverá o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva, ou ben que non figuren en ningunha das listaxes, e que así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas.

Para iso será necesaria a presentación dun escrito dirixido á Dirección Xeral da Función Pública en que solicite a devolución e indique o número de conta bancaria para efectuala. Xunto coa solicitude, a persoa interesada deberá achegar un certificado de titularidade bancaria. A dita conta bancaria debe incluírse tamén na aplicación Fides, na epígrafe de expediente→datos persoais. A presentación deste escrito fóra de prazo ou a non inclusión dos datos bancarios na aplicación Fides suporá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas solicitantes admitidas provisional ou definitivamente.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto no artigo 8.2 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, en relación co artigo 10.1 do mesmo texto legal.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2024

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública