DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 14 de febreiro de 2024 Páx. 13227

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2024 pola que se fai público o procedemento para a acreditacion dos méritos do proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia; no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1; no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, grupo B, e para o ingreso nas categorías 3, 12, 15, 34, 36, 37, 43, 52, 54, 54B, 66, 71, 94, 98, 100, 101, 103 e 104 do grupo III de persoal laboral da Xunta de Galicia e como persoal laboral propio do Cixtec (grupo III), convocado mediante a Resolución do 22 de decembro de 2022, modificada polas resolucións do 20 de xaneiro e do 6 de febreiro de 2023.

Mediante a Resolución do 22 de decembro de 2022 convocouse o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia; no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1; no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, grupo B, e para o ingreso nas categorías 3, 12, 15, 34, 36, 37, 43, 52, 54, 54B, 66, 71, 94, 98, 100, 101, 103 e 104 do grupo III de persoal laboral da Xunta de Galicia e como persoal laboral propio do Cixtec (grupo III) (DOG núm. 244, do 26.12.2022). Esta resolución foi modificada pola Resolución do 20 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23.1.2023) e pola Resolución do 6 de febreiro de 2023 (DOG núm. 26, do 7.2.2023) (corrección de erros no DOG núm. 64, do 31.3.2023).

A base III.2 da Resolución do 22 de decembro de 2022 dispón que os méritos enumerados na súa base III.1 deberán referirse á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Estes méritos deberán acreditarse de conformidade co procedemento que se estableza mediante resolución do titular da consellería competetente en materia de función pública, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Doutra banda, mediante a Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, dítanse as instrucións para regular o contido, o uso e o acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15.12.2023).

Esta resolución ten por obxecto a regulación do contido, uso, acceso e efectos dos datos almacenados de forma electrónica no expediente persoal electrónico a que se accede a través da plataforma da canle de emprego público de Galicia (Fides).

Na instrucción cuarta da Resolución do 5 de decembro de 2023 establécese que os datos do expediente electrónico se empregarán na tramitación dos procesos de selección de persoal, polo que cómpre que as persoas que participan no proceso selectivo extraordinario de estabilización mencionado nesta resolución acheguen a documentación acreditativa dos seus méritos do xeito previsto na Resolución do 5 de decembro de 2023, a través da canle de emprego público de Galicia (Fides).

En cumprimento do disposto anteriormente e co obxecto de que as persoas aspirantes poidan acreditar os méritos con que conten neste proceso selectivo, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto

Publicar o procedemento que se deberá seguir para acreditar os méritos nos procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia; no corpo de axudantes de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1; no corpo de técnicos de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, grupo B, e para o ingreso nas categorías 3, 12, 15, 34, 36, 37, 43, 52, 54, 54B, 66, 71, 94, 98, 100, 101, 103 e 104 do grupo III de persoal laboral da Xunta de Galicia e como persoal laboral propio do Cixtec (grupo III), convocados pola Resolución do 22 de decembro de 2022, modificada polas resolucións do 20 de xaneiro de 2023 e do 6 de febreiro de 2023.

De acordo co establecido na base III.2 da convocatoria, os méritos que se bareman no concurso deberán referirse á data de publicación da convocatoria no DOG, que foi o 26 de decembro de 2022.

Segundo. Procedemento

As persoas aspirantes que teñan que presentar documentación acreditativa dos méritos baremables no concurso a que se refire esta resolución achegarana ao seu expediente persoal electrónico, ao cal accederán a través da canle de emprego público de Galicia (Fides) no enderezo https://fides.xunta.gal, seguindo o procedemento establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais.

Unha vez que accedan á canle do emprego público de Galicia (Fides) comprobarán os datos que figuran no seu expediente persoal electrónico:

a) No suposto de que as persoas aspirantes estean conformes cos datos consultados, porque os méritos baremables neste proceso nas epígrafes de formación continuada, coñecemento da lingua galega e experiencia profesional externa figuran no estado de validados, ou estean incluídos correctamente na epígrafe de experiencia profesional interna, non precisarán realizar ningunha actuación.

b) No suposto de que a persoa aspirante non estea conforme cos datos consultados, por non constar ou seren incompletos, deberá incorporar a información non rexistrada presentando a solicitude de actualización dos méritos xunto coa documentación acreditativa deles, ao abeiro do establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, para que os devanditos méritos se poidan valorar neste proceso.

c) As persoas aspirantes que atopen no seu expediente electrónico persoal erros nos seus méritos nos estados de «en trámite», «validado», «duplicado» ou «descartado», ou erros na epígrafe de experiencia profesional interna, deberán presentar alegacións a través de Fides na epígrafe de «inscrición en procesos selectivos», accedendo ao proceso de estabilización desta resolución en que figure inscrito, na epígrafe «que podo facer?», «presentación de alegacións».

No suposto de que os méritos que se queren corrixir sexan comúns a varios procesos, as persoas aspirantes só terán que presentar alegacións nun deles.

Terceiro. Documentación incompleta

Os méritos que na data de publicación desta resolución estean incorporados no expediente electrónico no estado de «acreditación documental incompleta» deberán ser acreditados. Para iso as persoas aspirantes presentarán toda a documentación que figure incompleta e xustifique a totalidade do mérito rexistrado, da maneira establecida nos números 3 e 4 da instrucción oitava da Resolución do 5 de decembro de 2023, isto é, achegando as copias electrónicas auténticas a través de Fides ou, cando non se dispoña de copias electrónicas auténticas, presentado a documentación de maneira presencial, en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Cuarto. Prazo

O prazo para presentar a solicitude de actualización de méritos e a documentación acreditativa deles, para formular alegacións ou para emendar o estado de «acreditación documental incompleta» rematará aos dez días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Estado dos méritos para ser baremados

Os méritos reflectidos no expediente electrónico persoal na epígrafe de experiencia profesional interna e os restantes méritos reflectidos neste expediente no estado de validados serán os que teña en conta o tribunal na baremación do concurso e sempre referidos á data que se establece no punto primeiro desta resolución.

Os méritos incluídos no expediente electrónico persoal na data de publicación desta resolución no estado de validados non poderán presentarse de novo.

Sexto. Presentación e admisión da documentación acreditativa dos méritos

Aquelas persoas que, desde a entrada en vigor da Resolución do 5 de decembro de 2023 e con anterioridade á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, solicitasen, da forma establecida na Resolución do 5 de decembro de 2023, mediante a achega da documentación correspondente, a validación dalgún mérito previamente rexistrado no expediente persoal electrónico, e este se encontre nos estados de «pendente de presentar ou tramitar» ou «en trámite», non terán que presentar novamente a documentación acreditativa de tal/es mérito/s agás a complementaria que resulte necesaria para a súa actualización.

Non se terán en conta neste proceso outros méritos presentados polas persoas aspirantes distintos dos que figuren no seu expediente persoal electrónico ou que se soliciten no expediente ou acrediten documentalmente con posterioridade ao prazo de dez días establecido no punto cuarto desta resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva non se admitirá, unha vez rematado o prazo de acreditación de méritos establecido neste resolución e para os efectos da súa valoración neste proceso, ningunha nova documentación acreditativa de méritos, aínda que consten rexistrados na solicitude de actualización ou modificación do expediente persoal. Exceptúase aquela documentación que, xustificándoa documentalmente neste mesmo prazo, fose solicitada pola persoa interesada ao organismo ou entidade competente e non fose recibida no indicado prazo. Neste suposto admitirase a súa presentación ata o momento da finalización do prazo para a presentación de reclamacións á baremación provisional.

Sétimo. Méritos relativos á superación de procesos selectivos

Os méritos relativos á superación de exercicios ou probas de procesos selectivos convocados con data posterior ao 1.1.2001 para adquirir a condición de persoal funcionario de carreira ou persoal laboral fixo da Administración convocante que figuran recollidos na base III.1.2, letra c), da Resolución do 26 de decembro de 2022 apreciaraos de oficio a Dirección Xeral da Función Pública, polo que as persoas aspirantes non precisarán acreditalos polo procedemento establecido nesta resolución.

Oitavo. Priorización das solicitudes de actualización

De conformidade co previsto na instrución décimo segunda da Resolución do 5 de decembro de 2023, dáse prioridade á tramitación das solicitudes de actualización do expediente persoal electrónico que se presenten ao abeiro dos procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, a que se refire esta resolución, coa finalidade de axilizar a súa resolución.

Noveno. Recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou presentar directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2024

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública