DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 14 de febreiro de 2024 Páx. 13235

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 9 de febreiro de 2024 pola que se amplía o prazo de realización do terceiro exercicio do proceso selectivo, pola quenda de acceso libre, para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1.

A Resolución do 22 de xuño de 2022 (DOG núm. 121, do 27 de xuño) pola que se convoca o proceso selectivo, pola quenda de acceso libre, para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, dispón na base II.1.1.2 que o prazo máximo para a realización do terceiro exercicio será de sesenta (60) días hábiles contados desde o remate do exercicio anterior.

O segundo exercicio da fase de oposición correspondente ao proceso selectivo que se cita realizouse o día 19 de novembro de 2023.

Diversas cuestións de carácter organizativo impiden o cumprimento do prazo a que se fai referencia no parágrafo primeiro, polo que, consonte a proposta elevada polo tribunal cualificador, e de conformidade co establecido no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, esta consellería

DISPÓN:

A ampliación do prazo de realización do terceiro exercicio do proceso selectivo, pola quenda de acceso libre, para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, en trinta (30) días hábiles.

Contra este acordo de ampliación de prazo non cabe recurso, de acordo co disposto no artigo 32.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2024

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública