DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 15 de febreiro de 2024 Páx. 13513

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 13 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción (EI) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (códigos de procedemento TR356A e TR356C).

A Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, ten por finalidade recoñecer, fomentar e impulsar as entidades de economía social para o eficaz cumprimento dos fins económicos e sociais que lle son propios, potenciando a súa presenza, crecemento e influencia en todos os campos da acción social, económica e empresarial, así como o establecemento de mecanismos para a súa organización e coordinación. Forman parte da economía social o conxunto das actividades económicas e empresariais que no ámbito privado levan a cabo aquelas entidades que perseguen ben o interese colectivo das persoas que as integran ben o interese xeral económico ou social, ou ambos.

Neste marco, a lei recoñece de interese xeral e social a promoción, o estímulo e o desenvolvemento das entidades da economía social e das súas organizacións representativas, e establece que a Administración xeral da Comunidade Autónoma e as entidades integrantes do sector público autonómico realizarán unha política de fomento e difusión da economía social.

As empresas de inserción, reguladas no ámbito estatal na Lei 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción, constitúen unha tipoloxía especial dentro das empresas de carácter social que teñen por finalidade a integración e formación sociolaboral de persoas en situación de exclusión social como tránsito ao emprego ordinario. En virtude do disposto na Lei 31/2015, do 9 de setembro, pola que se modifica e actualiza a normativa en materia de autoemprego e se adoptan medidas de fomento e promoción do traballo autónomo e da economía social, estas empresas teñen a consideración de entidades prestadoras de servizos de interese económico xeral.

Estas entidades son iniciativas empresariais que combinan a viabilidade económica empresarial con metodoloxías que fan posible a inserción de persoas excluídas socialmente. Polo tanto, dan resposta a unha necesidade social esencial e executan unha obriga de servizo público na Comunidade Autónoma de Galicia, como é a integración sociolaboral das persoas en situación ou risco de exclusión social, servindo de instrumento de desenvolvemento da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

De acordo co disposto no Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, correspóndelle á Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social a xestión administrativa do rexistro de empresas de inserción, así como a xestión dos programas de apoio ás empresas de inserción.

O Decreto 178/2022, do 15 de setembro, polo que se regula o procedemento de cualificación de empresas de inserción de Galicia e o seu rexistro administrativo, no seu capítulo IV contén as disposicións relativas á relación entre as persoas en situación de exclusión e as empresas de inserción, desde o momento en que se incorporan ata a finalización da súa relación laboral, regulando a intervención dos servizos sociais e do Servizo Público de Emprego nas distintas fases do proceso e fixando prazos para cada unha delas.

As bases reguladoras destas subvencións establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e co obxecto dos programas, non resulta necesario realizar nun único procedemento a comparación e a prelación das solicitudes presentadas, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos, e así ata o esgotamento do crédito orzamentario.

A orde estruturase en catro capítulos. No capítulo I establécense as normas xerais. Nos capítulos II e III establécense as bases reguladoras específicas dos dous programas de axudas: o Programa de axudas ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social e o Programa de axudas para compensar os custos adicionais do emprego de persoas en risco ou situación de exclusión social. E no capítulo IV disponse a convocatoria das axudas para o ano 2024.

A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Consecuentemente con todo o anterior, logo de informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma (inclúe a valoración do Equipo de Axudas de Estado), autorizada polo Consello da Xunta de Galicia a modificación da porcentaxe e dos importes máximos dos pagamentos anticipados e a exención da obriga de constituír garantías, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción e ás súas entidades promotoras e proceder á súa convocatoria para o ano 2024, coa finalidade de promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Establécense os seguintes programas de axudas:

a) Programa I: axudas ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social (procedemento TR356A).

b) Programa II: axudas para compensar os custos adicionais do emprego de persoas en risco ou situación de exclusión social (procedemento TR356C).

Artigo 2. Normativa aplicable

As solicitudes, a súa tramitación e resolución axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; e no que resulte de aplicación, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e nesta orde.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Financiamento

1. Os programas regulados nesta orde están financiados con fondos finalistas do Estado recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal, por tratarse de accións elixibles de acordo co Plan anual de de fomento dun emprego digno (PAFED).

2. A concesión das subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. De ser o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas.

3. As axudas reguladas nesta orde financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias que a continuación se relacionan:

– Programa I (procedemento TR356A): aplicación 13.30.324C.470.5, código de proxecto 2015 00561

– Programa II (procedemento TR356C): aplicacións 13.30.324C.470.5 e 13.30.324C.481.5, código de proxecto 2015 00561.

4. A distribución inicial de créditos fixarase para cada un dos programas recollidos no artigo 1 en cada convocatoria de subvención.

5. De producirse remanentes de crédito na asignación inicial para o financiamento de cada aplicación orzamentaria, proxecto ou programa, procederase á reasignación das contías sobrantes para atender as necesidades de crédito doutras aplicacións, proxectos e/ou programas. As reasignacións levaranse a cabo, logo das modificacións orzamentarias que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

6. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles en cada convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos das axudas previstas nesta orde, entenderase por:

a) Persoa desempregada: aquela que na data da súa alta na Seguridade Social figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social. Esta circunstancia será verificada de oficio polo órgano xestor e deixará constancia no expediente, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta, caso en que deberá achegar a documentación que se sinala en cada programa.

b) Persoa en situación ou risco de exclusión social: aquela en que concorra a ausencia ou déficit grave de recursos económicos e a situación de desemprego, así como algún dos factores de exclusión social recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

c) Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP), segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl).

Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

Artigo 6. Entidades e empresas beneficiarias das subvencións

1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as entidades promotoras de empresas de inserción e as empresas de inserción inscritas como tales no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 178/2022, do 15 de setembro, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción de Galicia e o seu rexistro administrativo, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela para os distintos tipos de axudas.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas establecidas nesta orde as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o disposto nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

4. A xustificación por parte das entidades solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 2 e 3 anteriores para obteren a condición de beneficiarias realizarase mediante declaración responsable.

Artigo 7. Persoas destinatarias finais

A inserción sociolaboral por medio de empresas de inserción vai dirixida a persoas desempregadas que se atopen en situación ou en risco de exclusión social por concorrer nelas os supostos recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

A situación e as circunstancias de risco ou exclusión social que determinen a cualificación dunha persoa como posible persoa traballadora en proceso de inserción nunha empresa de inserción serán acreditadas de conformidade ao artigo 24 do Decreto 178/2022, do 15 de setembro, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción de Galicia e o seu rexistro administrativo.

Artigo 8. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes das subvencións presentadas ao abeiro desta orde correspóndelle, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, á persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Artigo 9. Solicitudes

1. a) As solicitudes presentaranse por separado para cada un dos programas desta orde, obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados (anexos I e II) dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

b) As entidades só poderán presentar unha solicitude por cada programa e liña de axuda.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. As solicitudes de subvención deberán presentarse xunto coa documentación sinalada nesta orde para cada tipo de axuda, e dirixiranse ao órgano competente para resolver.

4. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As entidades e empresas beneficiarias deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación xeral:

a) Poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade.

b) Memoria descritiva da entidade solicitante en que se recollan as actividades de inserción realizadas durante o último ano natural e o cumprimento dos seus obxectivos económicos e de inserción. A memoria conterá a tipoloxía das accións realizadas, os recursos aplicados e as súas fontes.

c) Relación nominal das persoas traballadoras en proceso de inserción do cadro de persoal da empresa de inserción referido ao mes en que se presenta a solicitude de subvención, segundo o modelo que consta na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego polas cales se solicita subvención. Xuntarase folla de cálculo cuberta en formato editable.

d) Anexo III: autorización para a comprobación de datos das persoas traballadoras contratadas ata a data da solicitude que son obxecto de subvención e/ou polas destinatarias finais da subvención.

Ás solicitudes xuntaranse os documentos sinalados nos artigos 28, 33, 37, 41, 45, 49, 53 ou 57 desta orde, segundo o programa e liña de axudas de que se trate.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento da información orixinal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. No caso de que algún dos documentos que vaia presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número de rexistro de entrada da solicitude. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaños máximos admitidos da documentación complementaria para cada procedemento.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 11. Emenda da solicitude

A unidade administrativa encargada da instrución do expediente comprobará se a solicitude e a documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, requirirá a persoa interesada para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a persoa ou entidade interesada desiste da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación dos procedementos regulados nesta orde consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Imposto de actividades económicas, data de alta da actividade da entidade solicitante.

d) Certificación de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificación de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Certificación de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

g) DNI ou NIE das persoas traballadoras obxecto da subvención e/ou destinatarias finais da subvención.

h) Informe da vida laboral das persoas traballadoras polas cales se solicita a subvención e das persoas en risco ou situación de exclusión social destinatarias finais da subvención.

i) Contratos de traballo das persoas polas cales se solicita a subvención e das persoas en risco ou situación de exclusión social destinatarias da subvención.

j) Inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego relativo ás persoas polas cales se solicita subvención, cando lles sexa de aplicación esta circunstancia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos formularios correspondentes, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A comprobación será realizada polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación das axudas.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os tramites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación das solicitudes dos procedementos regulados nesta orde deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Procedemento de concesión e fase de instrución

1. O procedemento de concesión das subvencións previstas nesta orde realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, nos termos previstos no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e pola finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentase a documentación completa requirida nestas bases reguladoras.

3. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Economía Social, que realizará as actuacións necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

Artigo 16. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido entendéndose rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Resolución e recursos

1. As resolucións deberán ser sempre motivadas e nelas acordarase o outorgamento da axuda ou ben a non concesión, a desistencia ou a renuncia ao dereito, e notificaránselles ás persoas interesadas.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con anterioridade á interposición do dito recurso, poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.

Artigo 18. Xustificación e pagamento

1. O pagamento final das subvencións quedará condicionado á presentación dunha solicitude de pagamento conforme os modelos do anexo V-A ou VI-A, en función do programa de que se trate, acompañada da documentación xustificativa seguinte:

a) Documentación que acredite o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención, segundo o sinalado nos artigos 29, 34, 38, 42, 46, 50, 54 ou 58 en función do programa e liña de axudas de que se trate.

b) Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 20.h) desta orde.

c) Se é o caso, extracto do balance provisional contable da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados e da subvención concedida. Os documentos contables que se acheguen deben incluír as contas ou as subcontas en que se contabilizaron os gastos imputados, as datas e os números dos asentos contables e a indicación específica do seu financiamento pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade. Estes documentos contables poden ir acompañados dunha breve explicación sobre a sistemática de contabilización dos gastos.

d) Anexo V-B, para as solicitudes do Programa I e/ou anexo VI-B no caso das solicitudes de axudas do Programa II.

2. A presentación da documentación xustificativa e solicitude de pagamento realizarase na forma sinalada no artigo 14, no prazo que se sinale en cada convocatoria, ou, de ser o caso, o que se fixe na resolución de concesión. Non obstante, se o prazo desde a notificación da resolución ata a data establecida como límite para xustificar resulta ser inferior a dez (10) días, o prazo será de dez (10) días contados desde a dita notificación.

3. Transcorrido o prazo establecido para a xustificación sen a ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa ou entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez (10) días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

4. A documentación exixida para a fase de pagamento final poderá presentarse xunto coa solicitude de subvención, a opción da persoa ou entidade interesada. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da subvención.

5. Cando concorran varias subvencións ao abeiro desta orde só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, facendo constar os procedementos a que se refire.

6. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada.

7. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, deberán estar emitidas a nome da entidade ou empresa solicitante e dentro do período subvencionable establecido na convocatoria. Non se admitirán as facturas emitidas á empresa de inserción pola entidade que a promove, ou viceversa.

8. Considerarase gasto realizado o que corresponda ás actuacións realizadas dentro do período subvencionable e que fose efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

9. Só se admitirá como documentación xustificativa do pagamento dos gastos documentos bancarios en que consten o número de conta e a titularidade das persoas ou entidades receptoras e emisoras dos pagamentos (que deberán coincidir coas beneficiarias das axudas), así como o concepto e o importe (IVE incluído) do pagamento. Os mesmos datos deberán constar no caso de xustificantes bancarios emitidos a través da internet. Os datos dos xustificantes bancarios de pagamento deberán coincidir exactamente cos da factura. Se o importe reflectido no documento bancario non coincide por existiren varios pagamentos agrupados, deberá presentarse unha desagregación onde poidan identificarse os pagamentos en cuestión.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

10. A unidade administrativa responsable da instrución analizará a documentación xustificativa acreditativa da realización da actividade obxecto da subvención e emitirá unha proposta de pagamento que se elevará ao órgano competente para resolver.

11. O pagamento da axuda efectuarase de forma nominativa a favor das persoas ou entidades beneficiarias.

12. Poderanse realizar pagamentos anticipados, con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes ás subvencións recollidas nesta orde.

O órgano xestor proporá un pagamento anticipado do 90 % da subvención concedida, sempre que así o solicite a entidade beneficiaria e unha vez comprobadas as altas na Seguridade Social das persoas traballadoras polas que se solicita a subvención, así como daquelas destinatarias finais, se é o caso.

Para realizar estes pagamentos anticipados, as entidades beneficiarias quedan eximidas da obriga de constituír garantías, conforme o disposto no artigo 67.4 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

13. O pagamento final da subvención concedida realizarase unha vez presentada a documentación xustificativa indicada no parágrafo 1 referida a todo o período subvencionado.

Se á vista da documentación presentada pola entidade beneficiaria para o pagamento da axuda resulta xustificada unha contía inferior á da subvención inicialmente concedida, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada e declararase a perda do dereito ao cobramento das contías non xustificadas.

Se a contía xustificada é inferior á anticipada procederá o reintegro das cantidades cobradas indebidamente, que a EI poderá ingresar de maneira voluntaria segundo o previsto no artigo 23.

14. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 19. Incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas previstas no programa I desta orde serán incompatibles con outras que, para a mesma finalidade, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, de ser o caso, cos incentivos en forma de bonificacións ás cotizacións á Seguridade Social.

2. As axudas previstas no programa II serán compatibles con calquera outra axuda da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados. O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, supere o custo da actividade subvencionada e o límite previsto no artigo 25.2 desta orde.

3. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, a orde de prelación para a resolución das solicitudes virá determinada pola data en que se presentou a documentación completa requirida nestas bases reguladoras.

Artigo 20. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias das axudas e subvencións:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

Agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os gastos obxecto da subvención.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para darlle publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade con fondos recibidos do Servicio Público de Emprego Estatal (Sepe).

De acordo con esta obriga, a empresa de inserción deberá anunciar que está sendo subvencionada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Servizo Público de Emprego Estatal no seu domicilio social e nos seus centros de traballo. Para isto, incorporarán un rótulo visible ao público que inclúa o nome da empresa, a expresión «Empresa de inserción» ou EI e o logotipo da Xunta de Galicia, o do Sepe e o do Ministerio de Traballo e Economía Social. Os formatos que se deben utilizar serán proporcionados pola Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, no seguinte enlace: https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego

Igualmente, para cumprir esta obriga, a empresa de inserción beneficiaria deberá informar as persoas traballadoras respecto da subvención do seu contrato, no modelo do anexo IV desta orde.

i) Ter levado a cabo a organización preventiva, a auditoría, se procede, e o plan de prevención, de acordo co previsto na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, e na normativa regulamentaria de desenvolvemento.

j) Reintegrar os fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

k) No caso das axudas dos artigos 26, 43 e 47, manter os postos de traballo durante o período subvencionado, con obriga de substitución da persoa traballadora no caso de cesamento da actividade laboral polo tempo que falta ata acadar o período subvencionado. A substitución realizarase no prazo máximo de tres meses no caso do artigo 26 e un mes no caso dos artigos 43 e 47, contados desde que se produza o cesamento da actividade laboral e tanto o cesamento como a substitución deberán comunicarse ao órgano xestor nese mesmo prazo.

l) No caso da axuda do artigo 39, manter o posto de traballo creado un mínimo de dous (2) anos, con obriga de substituír á persoa traballadora nos casos de baixa voluntaria, despedimento procedente ou extinción da relación laboral por causas obxectivas, polo tempo que falta ata acadar o período subvencionado. A substitución realizarase no prazo máximo de tres meses desde que se produza o cesamento da actividade laboral e tanto o cesamento como a substitución deberán comunicarse ao órgano xestor nese mesmo prazo.

m) Estar ao día no cumprimento das obrigas rexistrais, previstas no Decreto 178/2022, do 15 de setembro, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción de Galicia e o seu rexistro administrativo; en especial, cumprir coas obrigas previstas no artigo 22 e presentalas ante a Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, co contido e no prazo establecido.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

2. Nas axudas do Programa I (custo salarial das persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social), e sempre que as persoas beneficiarias o soliciten xunto coa xustificación das axudas concedidas, poderá modificarse a resolución inicial mediante resolucións complementarias se o importe xustificado é superior ao concedido, por aumentar o número de contratos ou a xornada laboral das persoas traballadoras en exclusión. Así mesmo, no caso de que a contía xustificada sexa inferior á concedida, ditaranse as resolucións revogatorias que procedan.

En calquera caso as resolucións complementarias quedarán supeditadas á existencia de crédito adecuado e suficiente.

Artigo 22. Revogación e reintegro

1. Procederá a revogación das subvencións establecidas nesta orde, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión, de acordo co procedemento e coas causas establecidas no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comporta a obriga de devolver as cantidades percibidas.

2. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deba reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) A obtención da subvención falseando os datos, feitos ou documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impedisen: reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación previstas no artigo 20.c) desta orde, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, previstas nas letras f) e g) do artigo 20, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado: reintegro do 100 % da subvención concedida.

d) O despedimento improcedente das persoas traballadoras en proceso de inserción no transcurso do contrato subvencionado: reintegro do 100 % da subvención concedida pola persoa que foi obxecto do despedimento.

e) A extinción, antes dos seis meses, do contrato dunha persoa en risco ou situación de exclusión social, subvencionada ao abeiro do artigo 26 desta orde: reintegro do 100 % da subvención concedida. Para estes efectos, non se terá en conta a extinción do contrato por inserción da persoa traballadora nunha empresa ordinaria mediante un contrato de traballo ou por incorporación a unha cooperativa de traballo asociado en calidade de persoa socia traballadora.

f) O incumprimento da obriga de substituír a persoa traballadora nas condicións indicadas no artigo 20, letras k) e l) dará lugar ao reintegro das cantidades correspondentes ao período de incumprimento.

g) O incumprimento da obriga en materia de publicidade do financiamento público, mediante a colocación do rótulo visible ao público, conforme o previsto no artigo 20.h): reintegro do 2 % da subvención concedida.

Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor deberá requirir a entidade beneficiaria para que incorpore o rótulo, nun prazo non superior a 15 días, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.

h) A percepción doutras subvencións públicas, concedidas como medida de fomento de emprego polas contratacións por conta allea, incompatibles coa subvención prevista no artigo 26 desta orde: reintegro do 100 % da subvención concedida.

i) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 5 % da axuda concedida.

3. A entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso de financiamento, público ou privado, respecto do custo total da actividade subvencionada. Cando se produza exceso das subvencións percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade, e estas fosen compatibles entre si, a entidade beneficiaria deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación. O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas.

4. O procedemento de reintegro tramitarase conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As obrigas de reintegro establecidas neste artigo enténdense sen prexuízo da posible cualificación dos feitos como infracción administrativa e incoación do expediente sancionador, de acordo cos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 23. Devolución voluntaria da subvención

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta bancaria ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

2. A entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida.

3. A devolución voluntaria non exclúe a reclamación dos xuros de demora cando se considere procedente o reintegro da subvención.

Artigo 24. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade levará a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento do programa.

Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e nas demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

2. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas para os diferentes tipos de axudas previstas nesta orde.

Artigo 25. Adecuación á normativa de axudas de Estado

1. As empresas de inserción son empresas que desenvolven actividades económicas coa finalidade de conseguir a reincorporación no mercado laboral de grupos vulnerables, favorecendo así a súa inclusión social. Neste sentido, a actividade desenvolvida constitúe un servizo de interese económico xeral (SIEX) e así o recoñece o artigo 5.4 da Lei 5/2011, do 29 de marzo, de economía social, segundo a redacción dada pola Lei 31/2015, do 9 de setembro, pola que se modifica e actualiza a normativa en materia de autoemprego e se adoptan medidas de fomento e promoción do traballo autónomo e da economía social (BOE núm. 217, do 10 de setembro).

As axudas ás empresas de inserción son compatibles co mercado interior, non constitúen axudas de Estado e están exentas da obriga de notificación establecida no artigo 108.3 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE) dado que cumpren os criterios establecidos na Decisión da Comisión 2012/21/UE, do 20 de decembro de 2011, relativa á aplicación do artigo 106, punto 2, do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas estatais en forma de compensación por servizo público concedidas a algunhas empresas encargadas da xestión de servizos de interese económico xeral (DOUE L núm. 7, do 11 de xaneiro de 2012).

Estas axudas encádranse máis concretamente na categoría numerada coa letra c) do artigo 2.1 da dita Decisión, referida á compensación pola prestación de servizos de interese económico xeral que atenden necesidades sociais no referente á reintegración no mercado laboral, protección e inclusión social de grupos vulnerables, e poderán outorgarse por un período máximo de 10 anos.

2. O parámetro establecido para determinar a compensación económica pola prestación do Servizo de Interese Económico Xeral nas axudas do Programa I (axudas ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social) é o 100 % do salario mínimo interprofesional vixente.

Respecto das axudas establecidas no Programa II para compensar os custos adicionais do emprego de persoas en risco ou situación de exclusión social, establécense os seguintes parámetros:

– Máximo do 50 % do custo salarial de xerentes, persoas técnicas de produción e técnicas en orientación e acompañamento á inserción.

– Máximo do 80 % dos custos realizados en asistencias técnicas, gastos en bens correntes no primeiro ano de creación da empresa e gastos en investimento material cando se crean postos de traballo.

– Ata o 100 % dos gastos en formación da persoa en inserción necesaria para complementar a súa vida profesional.

– Un incentivo de 6.000,00 € por persoa plenamente inserida no mercado ordinario de traballo como compensación ao labor de mediación laboral e seguimento e orientación durante os comezos da inserción.

CAPÍTULO II

Programa I: axudas ao mantemento do custo salarial das persoastraballadoras en risco ou situación de exclusión social (procedemento TR356A)

Artigo 26. Obxecto e condicións para a obtención da axuda

1. Este programa ten por obxecto subvencionarlles parcialmente ás empresas de inserción os custos salariais das persoas traballadoras en situación ou en risco de exclusión social incluídas no artigo 7 desta orde.

2. Cando a persoa traballadora estea en situación de incapacidade temporal, a subvención referirase exclusivamente aos días en que o pagamento sexa, obrigatoriamente, por conta da empresa, de conformidade co que dispoña a normativa da Seguridade Social.

Non serán subvencionables as indemnizacións e as axudas de custo.

3. Os contratos de traballo subscritos entre as persoas traballadoras en situación ou en risco de exclusión social e as empresas de inserción terán que reunir as seguintes características para seren subvencionables:

a) Deberán formalizarse por escrito, axustándose ao disposto na Lei 44/2007, do 13 de decembro, que regula o réxime das empresas de inserción.

b) A súa duración non poderá ser inferior a 6 meses nin superior a 3 anos.

c) A xornada de traballo non poderá ser inferior ao 50 % da establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legalmente establecida.

d) A persoa seleccionada deberá aceptar o itinerario de inserción co contido sinalado no artigo 26 do Decreto 178/2022, do 15 de setembro, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción de Galicia e o seu rexistro administrativo.

4. Non poderán ser contratadas as persoas traballadoras que nos dous anos inmediatamente anteriores prestasen servizos, na mesma ou en distinta empresa de inserción, mediante un ou varios contratos de traballo, incluído o contrato temporal de fomento do emprego. Conforme o artigo 24.5.b) do Decreto 178/2022, no caso de que a persoa candidata xa prestase servizos nunha empresa de inserción nos dous últimos anos, os servizos sociais públicos competentes poderán emitir informe favorable cando consideren que fracasou o proceso previo de inserción ou que se produciu unha recaída en novas situacións de exclusión. Non obstante, presumirase que as circunstancias da persoa traballadora aconsellan a formalización do contrato, e polo tanto non se requirirá informe expreso, cando o tempo traballado nos dous anos anteriores non supere en conxunto os seis meses.

Artigo 27. Contía da axuda

1. A contía da subvención será equivalente ao salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa traballadora subvencionable, incluídas as pagas extraordinarias dos meses de decembro e xuño.

2. Esta contía será proporcional á duración da xornada de traballo.

3. Para o cálculo da subvención correspondente ás mensualidades xa vencidas na data de presentación da solicitude teranse en conta as persoas traballadoras subvencionables que estivesen efectivamente contratadas no dito período. Para as mensualidades seguintes terase en conta o cadro de persoal do mes en que se presente a solicitude.

Artigo 28. Documentación complementaria especifica

Ademais da documentación xeral indicada no artigo 10.1 xunto coa solicitude de axuda deste programa presentarase a seguinte documentación específica:

a) Descrición detallada dos postos de traballo que se van cubrir e as súas características técnicas.

b) Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do pagamento das mensualidades xa aboadas na data da presentación da solicitude.

c) Relación nominal das persoas traballadoras (RNT) incluídas na cotización á Seguridade Social e recibo de liquidación de cotizacións (RLC), así como os documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, das mensualidades xa ingresadas na data da presentación da solicitude.

Artigo 29. Documentación xustificativa especifica

A documentación xustificativa específica deste programa (TR356A) a que se refire o artigo 18.1.a) é a seguinte:

a) Itinerario de inserción de cada unha das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social, onde consten os contidos mínimos do artigo 26 do Decreto 178/2022, do 15 de setembro.

b) Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

c) Relación nominal das persoas traballadoras (RNT) incluídas na cotización á Seguridade Social e recibo de liquidación de cotizacións (RLC), así como os documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

d) Declaración do cumprimento por parte da entidade beneficiaria da obriga de informar as persoas traballadoras respecto da subvención dos seus contratos, segundo o modelo do anexo IV.

e) Anexo III: autorización para a comprobación de datos das persoas traballadoras que son obxecto de subvención contratadas con posterioridade á data de solicitude.

CAPÍTULO III

Programa II: axudas para compensar os custos adicionais do emprego de persoas en risco ou situación de exclusión social (procedemento TR356C)

Artigo 30. Liñas de axuda

1. Ao abeiro do programa de axudas para compensar os custos adicionais do emprego de persoas en risco ou situación de exclusión social, as empresas de inserción poderán acceder ás seguintes liñas de axuda:

a) Asistencia técnica para a creación, mellora e diversificación da EI.

b) Inicio e posta en marcha da actividade.

c) Creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción.

d) Contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción necesarias para garantir a viabilidade da EI.

e) Contratación de persoas técnicas en orientación e acompañamento á inserción.

f) Formación para as persoas en proceso de inserción.

g) Mediación laboral para a inserción no mercado laboral ordinario da persoa en situación ou risco de exclusión social.

2. As entidades promotoras de empresas de inserción poderán ser beneficiarias das axudas indicadas nas letras a) e e) deste artigo. Se a subvención a solicitan as entidades promotoras, non poderán solicitala a empresa ou as empresas de inserción que promovan.

Sección 1ª. Axudas para a asistencia técnica para a creación, mellora e diversificación da EI (procedemento TR356C)

Artigo 31. Obxecto e condicións para a obtención da axuda

1. Esta axuda está destinada a financiar:

1º. Ás entidades promotoras de empresas de inserción, os custos que comporta o proceso de creación de empresas de inserción.

2º. Ás empresas de inserción, os custos dirixidos á mellora, reorientación e diversificación da actividade empresarial.

No caso de creación de empresas, a data de alta no imposto de actividades económicas debe estar comprendida no prazo subvencionable establecido na convocatoria.

2. Son gastos subvencionables:

a) Os estudos de mercado, estudos de viabilidade técnica, económica e financeira e labores de asesoramento e consultoría que teñan por obxecto a constitución dunha empresa de inserción, a apertura de novos mercados e a reorientación ou diversificación da actividade empresarial.

b) As auditorías contables non obrigatorias que analicen a viabilidade económica e a boa xestión da empresa.

c) As auditorías sociais que permitan á empresa avaliar a súa eficacia social e o seu comportamento ético en relación cos seus obxectivos, de maneira que poida mellorar os seus resultados sociais e solidarios e dar conta deles a todas as persoas comprometidas pola súa actividade.

d) Os custos derivados da obtención das certificacións de calidade e as súas sucesivas renovacións. A axuda para a implantación quedará condicionada á obtención da certificación de calidade.

3. Non será subvencionable o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

4. Os servizos de asistencia técnica deberán ser prestados por empresas especializadas que reúnan garantías de solvencia profesional.

Artigo 32. Contía da axuda

A contía desta subvención será equivalente ao 80 % do custo total dos servizos, cos límites seguintes:

a) Estudos de mercado, estudos de viabilidade técnica, económica e financeira e labores de asesoramento e consultoría: máximo de 6.000,00 €.

b) Auditorías contables: máximo de 1.500,00 €.

c) Auditorías sociais: máximo de 1.500,00 €.

d) Certificacións de calidade: máximo de 1.000,00 € para a certificación e de 1.000,00 € para a implantación.

Artigo 33. Documentación complementaria específica

Ademais da documentación xeral indicada no artigo 10.1, xunto coa solicitude para esta liña de axuda presentarase a seguinte documentación específica:

a) Memoria descritiva dos servizos para os que se solicita a axuda e xustificación da súa necesidade.

b) Orzamento detallado de todos os gastos para os que se solicita a axuda, co IVE desagregado.

c) Identificación da persoa, entidade ou empresa que vai prestar o servizo e xustificación da súa solvencia técnica.

d) No suposto da creación dunha empresa de inserción, actividade que vai desenvolver e unha previsión económico-financeira para os dous exercicios iniciais.

e) No caso dos estudos de mercado ou viabilidade, proxecto de apertura de mercados ou de reorientación da actividade empresarial que se somete a estudo e un índice do contido do estudo.

Artigo 34. Documentación xustificativa específica

A documentación xustificativa específica para esta liña de axudas a que se refire o artigo 18.1.a) é a seguinte:

a) Facturas xustificativas dos servizos realizados, que deberán estar emitidas dentro do período subvencionable ou, na súa falta, responder de forma indubidable a accións executadas dentro do devandito período.

b) Xustificantes bancarios do pagamento das facturas, efectuado en data igual ou anterior á data límite de xustificación. Nos xustificantes bancarios deberá constar claramente a persoa emisora e perceptora e concepto do gasto, coincidentes cos que figuren nas facturas.

c) Copia do estudo, consultoría, auditoría ou asesoramento realizados, así como as certificacións de calidade obtidas, de ser o caso.

Sección 2ª. Axudas para o inicio e posta en marcha da actividade (procedementoTR356C)

Artigo 35. Obxecto e condicións para a obtención da axuda

1. Esta liña de axudas ten por obxecto subvencionar parcialmente os gastos correntes derivados da posta en marcha da actividade dunha empresa de inserción.

Esta axuda poderase solicitar ao inicio da actividade empresarial ou cando exista unha reorientación e diversificación da actividade inicial que implique apertura de novos centros de traballo. Poderase conceder durante un máximo de dúas convocatorias sucesivas, co límite de 12 meses desde o inicio da actividade ou a apertura do centro de traballo.

2. Enténdese que unha empresa inicia a súa actividade empresarial desde a data de alta no imposto de actividades económicas, ou ben desde a data de alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.

Para que sexa subvencionable a diversificación da actividade requírese que na data de solicitude de subvención a apertura do novo centro de traballo fose comunicada ao Rexistro de Empresas de Inserción da Comunidade Autónoma de Galicia, e na dita comunicación deberá constar a data de presentación da comunicación de apertura ante a autoridade laboral.

3. Son conceptos subvencionables:

a) Compra de mercadorías, materias primas e outros aprovisionamentos.

b) Gastos de arrendamento do local, de maquinaria e de equipamentos informáticos.

c) Gastos de seguro do local e publicidade e subministracións (gastos de luz, auga etc.).

d) Gastos de constitución tales como gastos de notario e rexistro, altas e taxas necesarias para satisfacer o inicio da actividade.

4. Non será subvencionable o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

Artigo 36. Contía da axuda

Subvencionarase como máximo o 80 % dos gastos, ata un máximo de 3.000,00 € por cada posto de traballo de persoas en inserción a xornada completa vixente durante todo o período subvencionable sinalado na convocatoria, ou a parte proporcional se o contrato é a tempo parcial ou a duración é inferior.

O límite máximo desta axuda será de 12.000,00 € polo total do período subvencionable.

Artigo 37. Documentación complementaria específica

Ademais da documentación xeral indicada no artigo 10.1, xunto coa solicitude para esta liña de axuda presentarase a seguinte documentación específica:

a) Relación detallada e individualizada dos gastos necesarios para o inicio e posta en marcha da actividade, co IVE desagregado.

b) Facturas, facturas pro forma ou orzamentos dos gastos incluídos na relación a que se refire o punto anterior.

c) No caso de reorientación ou diversificación da actividade inicial, memoria explicativa da súa necesidade por apertura de novo centro.

Artigo 38. Documentación xustificativa específica

A documentación xustificativa específica para esta liña de axudas a que se refire o artigo 18.1.a) é a seguinte:

a) Certificación expedida pola persoa representante da entidade que inclúa unha relación detallada dos gastos realizados, en que conste:

– Número de orde.

– Número de factura ou outra referencia identificativa do documento.

– Concepto de gasto a que se refire.

– Persoa ou entidade emisora.

– Importe da factura ou documento xustificativo.

– Porcentaxe de imputación á subvención.

– Importe que se xustifica.

– Data de emisión, que deberá estar comprendida dentro do período subvencionable ou, na súa falta, responder de forma indubidable a accións executadas dentro do devandito período.

– Data de pagamento, que deberá ser igual ou anterior á data límite de xustificación.

b) Facturas xustificativas do gasto, así como copia dos xustificantes bancarios de pagamento, identificadas e ordenadas segundo a relación a que se refire a letra a). Nos xustificantes bancarios deberá constar claramente a persoa emisora e perceptora e concepto do gasto, coincidentes cos que figuren nas facturas.

Sección 3ª. Axudas para a creación e ampliación de novos postos de traballo para persoas en inserción (procedemento TR356C)

Artigo 39. Obxecto e condicións para a obtención da axuda

1. Esta liña de axudas ten por obxecto subvencionar á creación de novos postos de traballo de persoas en risco ou situación de exclusión social en función do investimento realizado en inmobilizado sempre que estea relacionado coas actividades desenvolvidas pola empresa de inserción.

Poderán subvencionarse as empresas de inserción, tanto no proceso de creación da EI coma en calquera momento posterior en que consideren necesario ampliar o cadro de persoal de persoas en inserción.

2. Computaranse como novos postos aqueles cuxa contratación se inicie no período subvencionable sinalado na convocatoria e que supoñan un incremento neto no cadro de persoal de persoas en inserción respecto da última solicitude presentada establecido no artigo 10.1.c) desta orde.

3. Consideraranse subvencionables os investimentos en inmobilizado material que se recollan como investimentos en activo non corrente no Plan xeral contable, así como os de inmobilizado inmaterial correspondente a propiedade industrial e aplicacións informáticas.

No caso de vehículos, será subvencionable a adquisición dos vehículos comerciais ou industriais necesarios e de uso exclusivo para o desenvolvemento da actividade empresarial ou profesional, e os automóbiles de turismo que sexan empregados nos desprazamentos profesionais por representantes ou axentes comerciais, os empregados na venda a domicilio, na prestación de servizos de transporte de viaxeiros, de ensino de condutores e os empregados en servizos de vixilancia.

En ningún caso se terán en conta para a acreditación do inmobilizado os contratos de arrendamento financeiro nin outras figuras xurídicas afíns que non concedan á entidade solicitante o pleno dominio ou titularidade inicial do investimento.

4. Non será subvencionable o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

5. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía establecida para os contratos menores na normativa reguladora da contratación pública en vigor no momento da solicitude, a EI estará obrigada a solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á realización da obra ou á entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se tivese realizado con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente a elección cando esta non recaia na oferta economicamente máis vantaxosa.

Artigo 40. Contía da axuda

1. A axuda poderá acadar o 80 % dos gastos subvencionables, ata un máximo de 12.000,00 € por cada posto de traballo de persoas en inserción a xornada completa, considerados novos postos a efectos do artigo 39.2 desta orde.

No caso de contratos a tempo parcial a contía máxima reducirase proporcionalmente.

2. Non obstante, esta contía máxima poderá incrementarse nas porcentaxes que se sinalan a seguir (acumulables entre si), cando se dean as seguintes circunstancias:

a) Un 25 %, se a persoa contratada é unha muller.

b) Un 25 %, se a persoa contratada é maior de 45 anos.

c) Un 25 %, no caso de que o centro de traballo en que se incorpora a persoa traballadora estea situado nun concello rural.

De aplicarse os incentivos anteriores, a contía máxima que poderá ser concedida con esta liña de axudas por cada posto de traballo creado será de 21.000,00 €.

Para a aplicación dos citados incrementos teranse en conta as circunstancias que consten acreditadas no momento de ditar a proposta de resolución.

Artigo 41. Documentación complementaria específica

Ademais da documentación xeral indicada no artigo 10.1, xunto coa solicitude para esta liña de axuda presentarase a seguinte documentación específica:

a) Memoria explicativa da relación entre a adquisición do ben coa actividade da empresa e xustificación da necesidade da dita adquisición.

b) Detalle do plan de investimentos en inmobilizado, que inclúa unha relación detallada e individualizada dos gastos necesarios e o calendario para a súa execución.

c) Facturas, facturas pro forma ou orzamentos incluídos na relación a que se refire o punto anterior.

d) De ser o caso, as 3 ofertas mencionadas no artigo 39.5 e a xustificación da súa elección.

Artigo 42. Documentación xustificativa específica

A documentación xustificativa específica para esta liña de axudas a que se refire o artigo 18.1.a) é a seguinte:

a) Certificación expedida pola persoa representante da entidade que inclúa unha relación detallada dos gastos realizados, en que conste:

– Número de orde.

– Número de factura ou outra referencia identificativa do documento.

– Concepto de gasto a que se refire.

– Persoa ou entidade emisora.

– Importe da factura ou documento xustificativo.

– Porcentaxe de imputación á subvención.

– Importe que se xustifica.

– Data de emisión, que deberá estar comprendida dentro do período subvencionable ou, na súa falta, responder de forma indubidábel a accións executadas dentro do devandito período.

– Data de pagamento, que deberá ser igual ou anterior á data límite de xustificación.

b) Facturas xustificativas do gasto, así como copia dos xustificantes bancarios de pagamento, identificadas e ordenadas segundo a relación a que se refire a letra a). Nos xustificantes bancarios deberá constar claramente a persoa emisora e perceptora e concepto do gasto, coincidentes cos que figuren nas facturas.

c) No caso de adquisición de bens inmobles, certificado da persoa taxadora independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, que acredite que o gasto que se xustifica corresponde á adquisición do ben.

Sección 4ª. Axudas para a contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción (procedemento TR356C)

Artigo 43. Obxecto e condicións para a obtención da axuda

1. Esta liña de axudas ten por obxecto subvencionar parcialmente os custos da contratación de xerentes ou persoas técnicas de produción que sexan necesarias para garantir a viabilidade técnica, económica ou financeira das empresas de inserción.

Esta axuda estará condicionada á xustificación pola empresa de inserción de que coas contratacións obxecto de subvención se suplan carencias para o desenvolvemento da actividade empresarial e o seu bo fin.

2. Poderá concederse esta subvención a aquelas empresas de inserción que fosen beneficiarias desta liña de axudas anteriormente, sempre que o total das mensualidades subvencionadas a todas as persoas técnicas ou xerentes non supere en conxunto as 36 mensualidades. O total das mensualidades subvencionadas calcularase tendo en conta a suma de todos os períodos para cada unha das persoas técnicas e/ou xerentes.

3. A persoa contratada para levar a xerencia da empresa deberá desenvolver as seguintes actuacións:

a) Planificar, organizar, xestionar e supervisar as diferentes áreas e departamentos de actuación da empresa en todas as súas áreas funcionais (márketing, vendas, produción, persoal etc.).

b) Planificar a estratexia de captación de clientela, coordinar os aspectos da súa atención e avaliar a satisfacción.

c) Deseñar e presentar proxectos para obter recursos económicos externos para a EI.

d) Supervisar as funcións asignadas ao persoal do centro de traballo e coordinar o seguimento de obxectivos, facilitando a participación de todo o persoal adscrito á organización, tendo en conta os itinerarios de formación e ocupación das persoas en proceso de inserción.

e) Planificar, xestionar e supervisar o estado e o correcto funcionamento das instalacións e equipamentos dos centros de traballo.

f) Xestionar e supervisar o plan de prevención de riscos laborais.

4. A misión das persoas técnicas de produción será tutelar a actividade produtiva, proporcionar o adestramento laboral na ocupación ou ocupacións en que desempeñen a súa actividade as persoas en proceso de inserción e, no caso das empresas de inserción que non conten cunha figura de xerencia específica, xestionar a comercialización da produción.

Artigo 44. Contía da axuda

1. A contía da subvención será equivalente ao 50 % dos custos laborais totais da persoa contratada, incluído o importe efectivamente cotizado á Seguridade Social por todos os conceptos a cargo da empresa. Non serán subvencionables as indemnizacións por despedimento.

2. Para o cálculo da subvención teranse en conta as persoas traballadoras subvencionables que estivesen efectivamente contratadas ata a data de presentación da solicitude.

3. A contía das axudas será como máximo de 10.000,00 € anuais, polo total do período subvencionable, ou o importe proporcional se a duración é inferior.

Artigo 45. Documentación complementaria específica

Ademais da documentación xeral indicada no artigo 10.1, xunto coa solicitude para esta liña de axuda presentarase a seguinte documentación específica:

a) Memoria explicativa da necesidade da contratación de xerentes ou persoas técnicas para garantir a viabilidade técnica, económica ou financeira da empresa, na cal consten o número e os perfís profesionais e os servizos que van prestar.

b) Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do pagamento das mensualidades xa aboadas na data da presentación da solicitude.

c) Relación nominal das persoas traballadoras (RNT) incluídas na cotización á Seguridade Social e recibo de liquidación de cotizacións (RLC), así como os documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento das mensualidades xa ingresadas na data da presentación da solicitude.

Artigo 46. Documentación xustificativa específica

A documentación xustificativa específica para esta liña de axudas a que se refire o artigo 18.1.a) é a seguinte:

a) Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

b) Relación nominal das persoas traballadoras (RNT) incluídas na cotización á Seguridade Social e recibo de liquidación de cotizacións (RLC), así como os documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

c) Informe da actuación desenvolvida polas persoas xerentes ou técnicas de produción, acreditativo da realización das funcións descritas nos parágrafos 3 e 4 do artigo 43, segundo corresponda e explicación razoada da mellora acadada pola empresa coa actuación desenvolvida.

d) Declaración do cumprimento por parte da entidade beneficiaria da obriga de informar as persoas traballadoras respecto da subvención dos seus contratos, segundo o modelo do anexo IV.

Sección 5ª. Axudas para a contratación de persoas técnicas en orientación e acompañamento á inserción (procedemento TR356C)

Artigo 47. Obxecto e condicións para a obtención da axuda

1. Esta liña de axudas ten por obxecto subvencionar parcialmente os custos da contratación de persoal técnico coa finalidade de desenvolver accións de orientación e acompañamento ás persoas traballadoras en proceso de inserción e facilitarlles a súa plena integración laboral en empresas normalizadas.

2. O persoal técnico contratado deberá cumprir algunha das seguintes condicións:

a) Posuír a titulación de técnico superior en integración social.

b) Posuír unha titulación universitaria oficial de grao adecuada ás funcións que vai desenvolver. Consideraranse titulacións universitarias adecuadas aquelas que acrediten coñecementos no ámbito educativo, asistencial, pedagóxico, psicosocial, terapéutico e sociolaboral.

c) Acreditar unha experiencia de dous anos en programas de orientación e acompañamento de persoas desfavorecidas desde a perspectiva laboral e social.

3. A persoa técnica en orientación deberá realizar, como mínimo, as seguintes funcións:

a) Orientación laboral e elaboración de plans persoais de emprego e formación dirixidos á consecución de postos de traballo adecuados ás capacidades e aptitudes das persoas traballadoras en procesos de inserción.

b) Prospección de empresas co obxecto de difundir entre elas as posibilidades de integración laboral das persoas traballadoras en proceso de inserción, así como de estimular a súa contratación informando acerca das vantaxes económicas e sociais que iso supón.

c) Asesoramento e apoio na análise de postos de traballo e no proceso de adecuación da persoa en proceso de inserción aos devanditos postos.

d) Mediación laboral mediante a presentación á empresa contratante daquelas persoas traballadoras en procesos de inserción que presenten habilidades e capacidades adecuadas para o posto de traballo que se vaia desempeñar.

e) Seguimento das incorporacións laborais nunha empresa ordinaria daquelas persoas traballadoras procedentes da empresa de inserción.

Artigo 48. Contía da axuda

1. A axuda será equivalente ao 50 % dos custos laborais totais, incluído o importe efectivamente cotizado á Seguridade Social por todos os conceptos a cargo da empresa ou da entidade promotora. Non serán subvencionables as indemnizacións por despedimento.

2. Para o cálculo da subvención teranse en conta as persoas traballadoras subvencionables que estivesen efectivamente contratadas ata a data de presentación da solicitude.

3. Establécese unha contía máxima de 3.000,00 € por cada persoa traballadora en proceso de inserción atendida, por un período dun ano a xornada completa, ata un máximo de 18.000,00 €.

No caso de que as xornadas de traballo das persoas atendidas sexan a tempo parcial ou as contratacións inferiores a un ano, a subvención reducirase de xeito proporcional.

Artigo 49. Documentación complementaria específica

Ademais da documentación xeral indicada no artigo 10.1, xunto coa solicitude para esta liña de axuda presentarase a seguinte documentación específica:

a) Memoria descritiva da necesidade da contratación de persoal técnico en accións de orientación e acompañamento á inserción, na cal consten o número e os perfís profesionais, as funcións que van realizar, así como o número de persoas traballadoras en proceso de inserción que van orientar e a porcentaxe da xornada de traballo que lle van dedicar.

b) Currículo do persoal técnico contratado ata a data de presentación da solicitude, xunto coa documentación que acredite a súa formación e experiencia profesional.

c) Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do pagamento das mensualidades xa aboadas na data da presentación da solicitude.

d) Relación nominal das persoas traballadoras (RNT) incluídas na cotización á Seguridade Social e recibo de liquidación de cotizacións (RLC), así como os documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, das mensualidades xa ingresadas na data da presentación da solicitude.

Artigo 50. Documentación xustificativa específica

A documentación xustificativa específica para esta liña de axudas a que se refire o artigo 18.1.a) é a seguinte:

a) Currículo do persoal técnico contratado con posterioridade á presentación da solicitude, xunto coa documentación que acredite a súa formación e experiencia profesional.

b) Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

c) Relación nominal das persoas traballadoras (RNT) incluídas na cotización á Seguridade Social e recibo de liquidación de cotizacións (RLC), así como os documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

d) Informe da actuación de apoio desenvolvida polo persoal técnico en que conste a relación de persoas traballadoras en proceso de inserción ás cales se prestaron as accións de orientación e acompañamento; as accións desenvolvidas, acreditativas da realización das funcións descritas no artigo 47.3, e os resultados obtidos en materia de inserción, debidamente cuantificados e documentados.

e) Declaración do cumprimento por parte da entidade beneficiaria da obriga de informar as persoas traballadoras respecto da subvención dos seus contratos, segundo o modelo do anexo IV.

Sección 6ª. Axudas para a formación das persoas en proceso de inserción (procedemento TR356C)

Artigo 51. Obxecto e condicións para a obtención da axuda

1. Esta liña de axudas ten por obxecto financiar parcialmente a formación relacionada co itinerario de inserción das persoas en inserción para mellorar os coñecementos sobre as funcións propias da súa profesión, así como aquela formación que, sen ter relación cos estudos ou a actividade laboral previa, a complementen e melloren a empregabilidade das ditas persoas.

2. A formación será impartida por entidades alleas á empresa de inserción.

Artigo 52. Contía da axuda

A contía da subvención será o 100 % do custo dos servizos, cun límite máximo por empresa de inserción de 3.000,00 €.

Artigo 53. Documentación complementaria específica

Ademais da documentación xeral indicada no artigo 10.1, xunto coa solicitude para esta liña de axuda presentarase a seguinte documentación específica:

a) Memoria descritiva do curso/actividade de formación solicitada e xustificación da súa necesidade para a inserción das persoas en situación ou risco de exclusión social.

b) Certificación emitida pola entidade formadora en que consten, entre outros, os seguintes aspectos:

– Nome da actividade formativa.

– Lugar e datas de realización.

– Módulos que se impartirán e distribución temporal (número de horas).

– Prazo de inscrición.

– Número de prazas.

c) Solicitude de inscrición ou matrícula na actividade formativa, se procede.

d) Facturas, facturas pro forma ou orzamentos das actividades formativas.

Artigo 54. Documentación xustificativa específica

A documentación xustificativa específica para esta liña de axudas a que se refire o artigo 18.1.a) é a seguinte:

a) Facturas polas actividades formativas realizadas, que deberán estar emitidas dentro do período subvencionable ou, na súa falta, responder de forma indubidable a accións executadas dentro do devandito período.

b) Xustificantes bancarios do pagamento das facturas, efectuado en data igual ou anterior á data límite de xustificación. Nos xustificantes bancarios deberá constar claramente a persoa emisora e perceptora e concepto do gasto, coincidentes cos que figuren nas facturas.

c) Partes asinados polas persoas asistentes á actividade e pola persoa docente ou responsable da formación.

Sección 7ª. Axudas para a mediación laboral para a inserción no mercado laboral ordinario da persoa en situación ou risco de exclusión social (procedemento TR356C)

Artigo 55. Obxecto e condicións para a obtención da axuda

1. Esta liña de axudas ten por obxecto incentivar os labores de mediación laboral, subvencionando as empresas de inserción pola incorporación ao mercado laboral ordinario dunha persoa traballadora en proceso de inserción.

2. Considerarase que existe unha incorporación ao mercado laboral para os efectos desta axuda nos seguintes supostos:

a) Cando a persoa en proceso de inserción sexa contratada na empresa ordinaria con carácter indefinido ou cando o contrato en inserción se transforme nun contrato indefinido na mesma empresa de inserción.

b) Cando a persoa en proceso de inserción inicie unha actividade por conta propia ou se incorpore como socio traballador a unha sociedade cooperativa.

c) Cando a persoa en proceso de inserción sexa contratada na empresa ordinaria cun contrato temporal de duración igual ou superior a un ano.

3. Para que esta incorporación sexa subvencionable deben darse as seguintes condicións:

a) O prazo entre a baixa na empresa de inserción e a data de alta no mercado normalizado de traballo non poderá ser superior a un mes.

b) Deberán ter transcorrido tres meses desde a formalización da inserción no mercado laboral ordinario, e o remate deste prazo deberá producirse dentro do período subvencionable sinalado na convocatoria.

4. As situacións sinaladas no número 2 deste artigo deberán manterse durante dous anos no caso das letras a) e b) e un ano no caso da letra c).

5. A empresa de inserción deberá realizar o seguimento das persoas inseridas no mercado ordinario de traballo durante un período de 6 meses.

Artigo 56. Contía da axuda

A contía da subvención para a mediación laboral será:

a) 6.000,00 € nos supostos do artigo 55.2, letras a) e b).

b) 2.000,00 € no suposto do artigo 55.2, letra c).

As contías establecidas nas epígrafes anteriores enténdense para xornadas completas; no suposto de contratos de traballo a tempo parcial, a contía da subvención reducirase proporcionalmente.

Artigo 57. Documentación complementaria específica

Ademais da documentación xeral indicada no artigo 10.1, xunto coa solicitude para esta liña de axuda presentarase a seguinte documentación específica:

a) Declaración da empresa contratante ou sociedade cooperativa, de que a incorporación da persoa traballadora ao mercado laboral ordinario se realizou por mediación da empresa de inserción, ou ben declaración da persoa traballadora autónoma de que a súa iniciativa de autoemprego se realizou mediante o asesoramento, apoio e acompañamento da empresa de inserción.

b) Nóminas ou anticipos societarios aboados á persoa traballadora ou ben xustificantes das cotizacións á Seguridade Social desde a alta no réxime especial da Seguridade Social por conta propia.

Artigo 58. Documentación xustificativa específica

A documentación xustificativa específica para esta liña de axudas a que se refire o artigo 18.1.a) é a seguinte: xustificación do seguimento realizado ás persoas inseridas no mercado ordinario de traballo durante 6 meses.

CAPÍTULO IV

Convocatoria de subvencións para o ano 2024

Artigo 59. Convocatoria

Convócanse para o ano 2024 as axudas ás empresas de inserción e ás súas entidades promotoras reguladas polas bases contidas nesta orde.

A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 60. Presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e ata o 30 de setembro de 2024.

2. No suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgote o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería.

Artigo 61. Período subvencionable

O período subvencionable comprenderá desde o 1 de outubro de 2023 ata o 30 de setembro de 2024.

Artigo 62. Xustificación das accións subvencionadas

A data máxima de presentación da solicitude de pagamento e xustificación das accións subvencionadas será o 6 de novembro de 2024.

Artigo 63. Financiamento

O orzamento total das subvencións previstas nesta orde ascende a 1.500.000,00 € e a distribución inicial de créditos por programas é a que se indica, de acordo cos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

Programa de axudas

Aplicación orzamentaria

Código de proxecto

Importe

Programa I (procedemento TR356A)

13.30.324C.470.5

2015 00561

1.355.000 €

Programa II (procedemento TR356C)

13.30.324C.470.5

2015 00561

105.000 €

13.30.324C.481.5

2015 00561

40.000 €

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente cobradas, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

No caso de vacante, ausencia, enfermidade, así como nos casos en que fose declarada a abstención ou recusación da persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social as competencias atribuídas por esta orde ao devandito órgano superior serán exercidas de conformidade co previsto na disposición adicional segunda do Decreto 123/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Disposición adicional segunda. Publicación na Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2024

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file