DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 20 de febreiro de 2024 Páx. 14492

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 23/2024, do 8 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Nigrán da estrada provincial EP-2105 Panxón-O Monteferro, desde o punto quilométrico 0+000 ao punto quilométrico 1+922.

Segundo o artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra banda, a citada Lei de estradas dispón, no artigo 9.7, que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Nigrán e a Deputación de Pontevedra asinaron o 10 de xuño de 2022 un convenio de colaboración para a execución do Proxecto de mellora da seguranza viaria e senda peonil na EP-2106 A Ramallosa-Parada, desde o p.q. 3+200 ao p.q. 4+195. Conforme a súa cláusula 5ª, este convenio ten o carácter de inicio do procedemento de transferencia ao Concello da estrada EP-2105 Panxón-O Monteferro.

O Pleno da Corporación Provincial de Pontevedra, na sesión ordinaria do día 27 de outubro de 2023, aprobou o cambio de titularidade a prol do Concello de Nigrán da estrada provincial EP-2105 Panxón-O Monteferro.

O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, indica que os cambios de titularidade de estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo de acordo entre as administracións afectadas.

A estrada EP-2105 cumpre co estipulado no número 11 do artigo 18 do Regulamento xeral de estradas de Galicia, relativo aos cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial, segundo o cal estes «só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou cando non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que forme parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente».

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polo servizo competente, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade da estrada que se define no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de febreiro de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Nigrán da estrada provincial EP-2105 Panxón-O Monteferro.

Estrada

Denominación da estrada

p.q. i

p.q. f

Lonx. (km)

EP-2105

Panxón-O Monteferro

0+000

1+922

1,922

Artigo 2

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia.

A entrega dos bens formalizarase coa sinatura da correspondente acta de entrega entre Concello e Deputación no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación.

Artigo 3

Correspóndenlle ao Concello de Nigrán, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de febreiro de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade