DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 1 de marzo de 2024 Páx. 16711

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2024 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 15 de febreiro de 2024, polo que se aproban o trámite de información pública e informe das administracións afectadas, o estudo de impacto ambiental e, definitivamente, o proxecto de trazado da reformulación do treito PO-350-Goián da vía de alta capacidade (VAC) Tui-A Guarda, treito II: PO-350 (3+790)-PO-552 (12+000), de clave PO/17/161.01.2.

Antecedentes:

O 10 de febreiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 27 o Anuncio do 21 de xaneiro de 2020 polo que se someten ao trámite de información pública o proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da reformulación do treito PO-350 (3+790)-PO-552 (12+000), clave PO/17/161.01.2 (termo municipal de Tomiño), así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

O 22 de setembro de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 181 o Anuncio do 12 de setembro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de reformulación do treito PO-350-Goián da VAC Tui-A Guarda, treito II PO-350 (3+760)-PO-552 (12+000), no concello de Tomiño (Pontevedra) (expediente 2021/0087).

En virtude do disposto no artigo 55.6 do Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 15 de febreiro de 2024, polo que se aproban o tramite de información pública e informe das administracións afectadas, o estudo de impacto ambiental e definitivamente o proxecto de trazado da reformulación do treito PO-350-Goián da vía de alta capacidade (VAC) Tui-A Guarda. Treito II: PO-350 (3+790)-PO-552 (12+000), de clave PO/17/161.01.2, que se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase formular recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que con carácter previo e potestativo se poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de ser un suxeito obrigado a relacionarse electronicamente coa Administración, para a interposición do recurso de reposición deberá empregar o modelo IF321B de recurso en materia de infraestruturas, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/, ante a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2024

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 15 de febreiro de 2024, polo que
se aproban o trámite de información pública e informe das administracións afectadas, o estudo de impacto ambiental e, definitivamente, o proxecto de
trazado de reformulación do treito PO-350-Goián da vía de alta
capacidade (VAC) Tui-A Guarda. Treito II: PO-350 (3+790)-PO-552 (12+000),
de clave PO/17/161.01.2

«1º. Aprobar o expediente correspondente aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas do estudo de impacto ambiental e do proxecto de trazado da reformulación do treito PO-350-Goián da vía de alta capacidade (VAC) Tui-A Guarda. Treito II: PO-350 (3+790)-PO-552 (12+000), de clave PO/17/161.01.2, coas seguintes modificacións respecto ao trazado sometido a información pública:

• Modificaranse o plano parcelario e a relación de bens para reflectir que as obras previstas non chegan a afectar a parcela de referencia catastral 3605A4300333.

• Para garantir o acceso á parcela de referencia catastral 36054A000325 (polígono 40, parcela 325) incluiranse no proxecto dous camiños de servizo de titularidade pública:

– Camiño de servizo na marxe dereita. Eixe 79, pp.qq. 4+880 5+240.

– Camiño de servizo na marxe esquerda. Eixe 85, pp.qq. 4+820 5+300.

• Axustarase o treito final da conexión do camiño de servizo coa rede local de titularidade municipal co obxecto de minimizar a afección á parcela núm. 669, próxima ao enlace do Seixo.

• Durante a fase construtiva adoitaranse todas as medidas necesarias para protexer a integridade do edificio coñecido como Aurora del Porvenir.

• Axustes no diámetro da glorieta norte do enlace da Ponte-Carregal, que se aumenta lixeiramente para acoller unha estrada local paralela ao trazado.

• Axuste no eixo 75, que se transforma nunha estrada de carácter local vencellada ao enlace da Ponte-Carregal, que conecta cun novo paso superior no p.q. 7+435.

• Glorieta e novo paso superior no p.q. 7+435 (retómase o existente no proxecto aprobado en 2011).

• Execución de muros de contención no tronco entre os pp.qq. 7+850 e o estribo de viaduto do Rego Hospital.

• Enlace do Seixo: prolóngase cara ao sur ata chegar a estrada municipal existente, vertebrando a zona de dotacións deportivas e docentes do concello. Deséñase unha nova glorieta na estrada municipal.

• Deseño dun novo paso superior no p.q. 10+035. Axústanse as lonxitudes dos camiños de servizo nesta zona.

• Supresión do semienlace na PO-344, co conseguinte axuste da posición do paso superior previsto, que pasa a estar situado no p.q. 10+900. Este cambio implica tamén leves axustes nos camiños de servizo previstos nesta zona do trazado.

• Novo paso inferior peonil no p.q. 11+700.

• Cumpriranse no proxecto construtivo as prescricións recollidas na declaración de impacto ambiental de setembro de 2023.

2º. Aprobar definitivamente o estudo de impacto ambiental e o proxecto de trazado da reformulación do treito PO-350-Goián da vía de alta capacidade (VAC) Tui-A Guarda. Treito II: PO-350 (3+790)-PO-552 (12+000), de clave PO/17/161.01.2.

3º. Deixar sen efecto a Resolución do 22 de decembro de 2010, da directora xeral de Infraestruturas, que aprobaba o expediente de información pública e, definitivamente, o estudo comparativo das alternativas da vía de alta capacidade Tui-A Guarda, treito II: enlace PO-350-enlace de Goián, de clave PO/10/003.00, que mantiña como alternativa seleccionada para o seu desenvolvemento en fases posteriores do proxecto, a denominada alternativa sur (DOG núm. 10, do 17 de xaneiro de 2011).

Consonte establece o artigo 23.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Tomiño, no cal se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, en que se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo dun ano e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, de ser o caso, se poidan aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño».