DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 4 de marzo de 2024 Páx. 16744

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 21 de febreiro de 2024 pola que se convocan axudas para financiar actividades das confederacións e federacións de nais e pais do alumnado e das asociacións de nais e pais do alumnado de centros de educación especial para o ano 2024 (código de procedemento ED507A).

O artigo 5.5 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, establece que as administracións educativas favorecerán o exercicio do dereito de asociación das nais e pais, así como a formación de federacións e confederacións para contribuíren á mellor consecución dos obxectivos educativos.

O Estatuto de autonomía de Galicia declara, no seu artigo 31, a competencia plena da Comunidade Autónoma galega para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das limitacións impostas polos artigos 27 e 149 da Constitución española.

Coa finalidade de apoiar e potenciar a realización de actividades por parte das federacións e confederacións de nais e pais do alumnado e das asociacións de nais e pais do alumnado de centros de educación especial, mediante a subvención dos gastos ocasionados polas citadas actividades, así como os derivados da xestión administrativa, adquisición de material non inventariable e mantemento ordinario das instalacións, realízase esta convocatoria de axudas.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Faise pública a convocatoria, co código de procedemento ED507A, de axudas destinadas a subvencionar a realización de actividades por parte das federacións e confederacións de nais e pais do alumnado legalmente constituídas, e das asociacións de nais e pais do alumnado de centros de educación especial, desde o 1 de xaneiro de 2024 ata o prazo límite de xustificación de gastos.

Artigo 2. Requisitos

Poderán solicitar estas axudas as federacións e confederacións de nais e pais do alumnado, así como as asociacións de nais e pais do alumnado de centros de educación especial que, con anterioridade á data de remate do prazo de presentación de solicitudes, estean inscritas no censo da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Artigo 3. Financiamento das axudas

O importe que se distribuirá nesta convocatoria de axudas será de sesenta e seis mil douscentos noventa e oito euros (66.298,00 €), cantidade que procede de fondos propios da Comunidade Autónoma. Non obstante, o importe destas axudas poderase incrementar se, antes da publicación da resolución de concesión no Diario Oficial de Galicia, se recibe unha transferencia do Ministerio de Educación e Formación Profesional para esta mesma finalidade, e así se publica no Diario Oficial de Galicia.

O pagamento das axudas efectuarase con cargo á partida 10.08.423A.481.0 dos orzamentos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para o ano 2024.

Artigo 4. Destino das axudas

As axudas van destinadas tanto para a realización de actividades como para sufragar gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento ordinario das instalacións que se orixinen no período subvencionado.

Artigo 5. Compatibilidades

Esta subvención é compatible con outras subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais. A suma das subvencións obtidas non poderá superar o importe do gasto realizado.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 7. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Presentada a solicitude, examinarase para ver se reúne os requisitos exixidos e se vai acompañada da preceptiva documentación; en caso contrario, de acordo co previsto no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas, requirirase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fai así, se terá por desistida da súa petición, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 desta lei.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (modelo normalizado anexo I) a seguinte documentación:

a) Copia certificada do acordo do órgano competente polo cal se decide solicitar a axuda.

b) Orzamento desagregado de cada unha das actividades, dos gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento das instalacións que se orixinen no período subvencionado.

c) Plan de actividades para as cales se solicita a axuda, achegando unha breve memoria por cada unha das actividades.

d) Relación das federacións e asociacións de nais e pais de alumnado que integran a confederación.

e) Relación das asociacións de nais e pais de alumnado que integran a federación.

2. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.

b) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e no de declaración complementaria (anexo II) e achegar os documentos.

Por exixilo así a normativa aplicable será necesario o consentimento expreso da persoa interesada para consultar:

a) NIF da entidade solicitante.

b) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Publicación dos actos

Publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución de concesión das axudas.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 13.bis. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, comunicarase á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola base.

Artigo 14. Instrución do procedemento

1. O órgano instrutor do procedemento será a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos.

2. Baixo a presidencia da persoa titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou persoa en quen delegue constituirase unha comisión, que será a encargada de comprobar as solicitudes e propoñer a distribución das axudas, integrada polos seguintes membros:

A persoa titular da Subdirección Xeral de Centros.

O/a funcionario/a que ocupe a xefatura do Servizo de Centros.

O/a funcionario/a que ocupe a xefatura do Servizo de Apoio Económico e Axudas ao Estudo.

O/a funcionario/a que ocupe a xefatura da Sección I.

O/a funcionario/a da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

Artigo 15. Distribución das axudas

A distribución das axudas farase do seguinte xeito:

a) As confederacións recibirán unha contía fixa que será igual para todas e que non excederá para cada unha o 10 % do importe total da convocatoria, coa finalidade de garantir unha axuda mínima para cada unha das solicitudes.

b) As federacións de ámbito provincial recibirán unha contía fixa que será igual para todas e que non excederá para cada unha o 3 % do importe total da convocatoria, coa finalidade de garantir unha axuda mínima para cada unha das solicitudes.

c) As federacións de ámbito inferior ao provincial recibirán unha contía fixa que será igual para todas e que non excederá para cada unha o 2 % do importe total da convocatoria, coa finalidade de garantir unha axuda mínima para cada unha das solicitudes.

d) As confederacións recibirán, ademais, un importe variable que estará en función do número de federacións e asociacións de nais e pais do alumnado que as integran. O importe por cada federación confederada non excederá o 1,5 % do importe total da convocatoria. O importe por cada ANPA confederada non excederá o 0,5 % do importe total da convocatoria.

e) Todas as federacións recibirán, ademais, un importe variable que estará en función do número de asociacións de nais e pais do alumnado que as integran. O importe por ANPA federada non excederá o 0,5 % do importe total da convocatoria.

f) As asociacións de nais e pais do alumnado de centros de educación especial recibirán unha contía que será igual para todas as asociacións e que non excederá para cada unha o 2 % do importe total da convocatoria, coa finalidade de garantir unha axuda mínima para cada unha das solicitudes.

Non obstante, poderanse superar as porcentaxes anteriores se, de acordo co número de solicitudes presentadas e as porcentaxes máximas indicadas non é posible a distribución total do importe da convocatoria. O incremento será proporcional ás porcentaxes máximas establecidas para as contías fixas e variables fixadas nas letras anteriores.

Artigo 16. Resolución de concesión

A comisión prevista no artigo 14 elaborará un informe coas solicitudes que cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas, e os importes que lles corresponden de acordo cos criterios de distribución previstos no artigo 15.

Con base no dito informe, o órgano instrutor elevará a proposta de adxudicación das subvencións á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, para que emita a resolución que proceda.

A resolución de concesión das axudas, ditada pola persoa titular da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de cinco meses contados desde a publicación desta convocatoria.

No suposto de que non se ditase resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, as entidades solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes para os efectos de interpoñeren o recurso administrativo ou contencioso-administrativo que proceda.

A resolución, que esgota a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso contencioso- administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Así mesmo, contra ela poderase recorrer potestativamente en reposición no prazo dun mes, ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, de acordo cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 17. Xustificación e pagamento

1. O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para poder dar curso aos libramentos, as entidades beneficiarias presentarán, con data límite do 31 de outubro de 2024, a xustificación dos gastos realizados, mediante copias das facturas e/ou nóminas e acreditación documental de que se efectuou o seu aboamento.

Ademais, deberán presentar o anexo II (declaración complementaria cos datos actualizados) para acreditar estar ao día no pagamento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non teren pendente ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. A xustificación indicada no punto anterior presentarase electronicamente na forma indicada nos artigos 8.2 e 12 desta orde.

Artigo 18. Control e comprobacións das axudas

A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos poderá requirir da entidade solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polas entidades peticionarias.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na solicitude ou na documentación que se achega será comunicada pola entidade solicitante á citada dirección xeral.

Artigo 19. Obrigas das entidades beneficiarias

A entidade beneficiaria está obrigada a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

A obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras Administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión para respectar o límite indicado no artigo 5 desta orde.

Artigo 20. Publicidade da convocatoria

Nas convocatorias públicas, publicidade e propaganda das actividades que realicen as confederacións, federacións e asociacións ao abeiro desta orde, deberá figurar que están subvencionadas pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, co seu respectivo anagrama ou logotipo.

Artigo 21. Causas de reintegro

Procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda percibida, xunto cos xuros de demora, nos casos indicados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional única. Dereito supletorio

En todo o non previsto pola presente orde serán de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición derradeira primeira. Recurso

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas) ou o recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde a mesma data (artigos 8, 10 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa).

Disposición derradeira segunda. Autorizacións

Facúltase o titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar todos os actos e medidas necesarios para a execución e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira. Vixencia

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file