DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 4 de marzo de 2024 Páx. 16912

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

ACORDO do 1 de febreiro de 2024 polo que se inicia o procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Cabreira, no concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra).

Procedemento: aprobación de polígonos agroforestais de iniciativa pública.

Expediente: PA-23-03.

Antecedentes.

1. O concello de Salvaterra de Miño carece de zonas de concentración parcelaria (en execución ou rematadas), o que ocasiona que o parcelario non se axuste ás necesidades actuais, pois está composto de parcelas con extensións moi reducidas e accesos limitados, das cales a maior parte conta con servidumes de paso desde outros predios. Esta situación orixina unha tendencia ao abandono ou infrautilización da propiedade, o que, a maiores da perda de terra agraria, comporta a proliferación de incendios forestais.

2. Con data do 24 de abril de 2007 publicouse no DOG (DOG núm. 79) a Orde do 18 de abril de 2001 pola que se divide o territorio con base no risco espacial de incendios forestais, que se recolle anualmente no Pladiga. Nesta orde establécense zonas de alto risco (ZAR) de incendios forestais con base na sucesión de incendios, vulnerabilidade da poboación e ameazas aos ecosistemas forestais. Mediante esta orde clasifícase o concello de Salvaterra de Miño como ZAR, de maneira que é obxecto de actuacións que permitan reducir o risco de incendios.

3. Entre as medidas que se desenvolven tras a aprobación da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, está a posta en marcha de polígonos agroforestais en zonas pertencentes a denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas, para incrementar a superficie aproveitable dedicada a fomentar a produción primaria de calidade certificada. O termo municipal de Salvaterra de Miño atópase dentro de áreas afectadas por indicacións xeográficas protexidas, pois forma parte da Denominación de Orixe Rías Baixas.

4. O 31 de xaneiro de 2024 emitiuse informe con proposta de acordo favorable ao inicio do procedemento de aprobación para o desenvolvemento do citado polígono agroforestal.

Consideracións legais e técnicas.

1. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, con CIF Q1500273F, creouse pola disposición adicional sexta da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo (DOG núm. 251, do 29 de decembro).

O artigo 6 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, dispón que é a axencia pública autonómica, de conformidade coa Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, coa consideración de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, quen actúa como instrumento básico na promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e de evitar o seu despoboamento a través, entre outras, das medidas de recuperación da terra agroforestal de Galicia reguladas na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

De conformidade co artigo 8 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, adscrita á consellería competente en materia de medio rural, ten personalidade xurídica e patrimonio propios, goza de autonomía administrativa e económica e posúe plena capacidade de obrar, tanto no campo do dereito público como no do dereito privado, para o cumprimento dos seus fins e con suxeición á normativa correspondente. O réxime xurídico interno da Axencia regúlase polo dereito administrativo e o seu réxime xurídico externo rexerase polo dereito privado, agás cando se exerzan potestades administrativas, caso en que se rexerá polo dereito público. Gozará do tratamento fiscal aplicable á Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O artigo 7.1.c) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, establece que é competencia da Axencia «deseñar, programar e executar as medidas de recuperación e, en xeral, da xestión da terra agroforestal de Galicia a través dos instrumentos previstos nesta lei para tal fin», entre os que se atopan os polígonos agroforestais de iniciativa pública, que se rexen polo disposto nos artigos 4.k), 67 a 72 e 83 a 101 do dito corpo normativo.

3. Este procedemento réxese polo disposto pola Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia; o Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, publicado pola Resolución do 1 de febreiro de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias (DOG núm. 36, do 22 de febreiro); a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais disposicións normativas de aplicación.

4. Obxecto e finalidades do polígono agroforestal (artigos 67 e 68.5 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

O polígono agroforestal de Cabreira (Salvaterra de Miño) ten por obxecto prioritario pór en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización e recuperar, deste xeito, unha acaída actividade de explotación agrícola ou forestal.

A mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas, así como o desenvolvemento de áreas que, independentemente da súa capacidade produtiva, contan con especiais valores ambientais, patrimoniais ou paisaxísticos en que os procesos de abandono están a deteriorar eses valores. Neste último caso, a finalidade da iniciativa será a de facer compatible o aproveitamento produtivo coa salvagarda dos seus valores, aínda que primando sempre estes últimos.

5. Causas que xustifican o desenvolvemento do polígono agroforestal (artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

As causas polas que procede desenvolver o polígono agroforestal son:

– Existe unha situación produtiva que permite presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50 % da superficie de terras do polígono agroforestal (artigo 68 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación de terra agraria de Galicia), de conformidade co informe emitido o 17.1.2024 pola subdirectora de Mobilidade de Terras.

– A zona delimitada está na área de actuación da Denominación de Orixe Rías Baixas.

– A existencia de gran demanda de terreos na zona de actuación para a mellora da estrutura territorial de explotacións xa existentes ou a posta en marcha de novas iniciativas produtivas vinculados á produción vitivinícola, gandaría extensiva e aproveitamento forestal.

6. Caracteres xerais e requisitos de desenvolvemento do polígono (artigo 68 e 92.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

O desenvolvemento do polígono agroforestal efectuarase mediante iniciativa pública a través da Axencia, para o que debe dispor do acordo das persoas titulares da superficie que represente, como mínimo, o 70 % do total da superficie das parcelas do perímetro do polígono, de conformidade co artigo 92.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. De non se acadar esa porcentaxe mínima, resolverase o arquivamento do procedemento de aprobación do proxecto por incumprimento dos seus requisitos básicos.

O perímetro proposto é o que consta no informe emitido o 17.1.2024 pola subdirectora de Mobilidade de Terras.

No polígono agroforestal existe unha situación produtiva que permite presumir un estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50 % da superficie de terras do polígono agroforestal, de conformidade co informe emitido o 17.1.2024 pola subdirectora de Mobilidade de Terras. Non procede a excepción deste requisito por non darse os casos previstos no artigo 68.2.a) ou b).

De conformidade co previsto no artigo 68.6 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, participa o monte veciñal en man común Montes de Cabreira: Pena Barreiro, Buraca Grande, Alto do Viso, Monte Río e Coto de María Isabel no polígono agrofestal. Estes deberán aterse ao disposto no artigo 18.1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común. No desenvolvemento do proceso de constitución do polígono agroforestal, en caso de participación dun monte veciñal en man común, este terá dereito de veto sobre a resolución definitiva do citado polígono. Quedarán excluídos, agás acordo favorable, coas maiorías establecidas no artigo 18.1 da citada lei, os montes veciñais en man común que estean xestionados cautelosamente pola Administración ou mediante contratos de xestión pública.

7. O desenvolvemento dos polígonos agroforestais de iniciativa pública realízase mediante procedementos de concorrencia competitiva, nos termos previstos no artigo 69 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

8. Zonas preferentes para os polígonos de iniciativa pública (artigo 70 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

No presente caso, ao non se dar ningún dos requisitos para ser considerada zona prioritaria para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública previsto no artigo 70.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, concorre a circunstancia para lle dar carácter preferente prevista no artigo 70.2.b) e c) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

9. Prazo da elaboración do estudo de viabilidade (artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia).

O prazo para elaborar o estudo de viabilidade, que debe determinarse neste acordo de inicio ao abeiro do artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, será de 12 meses, prorrogables.

Unha vez completado o estudo de viabilidade, de ser favorable, remitirase á persoa titular da dirección xeral da Axencia para a súa aprobación, consonte o previsto no artigo 84.4 da citada lei.

10. Declaración de utilidade pública e interese social (artigo 83.3 e 83.4 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia):

Nos supostos de zonas preferentes para os polígonos de iniciativa pública regulados no artigo 70, logo da súa proposta, a persoa titular da consellería competente en materia de medio rural elevará ao Consello da Xunta de Galicia a declaración de utilidade pública e interese social do polígono agroforestal inmediatamente despois da aprobación do acordo de inicio. Esta declaración formalizarase mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia. Na declaración de utilidade pública e interese social incluiranse os contidos previstos nas letras a), d) e e) do artigo 85.2.

Deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia e implicará o recoñecemento da existencia de razóns de interese público, para os efectos da aplicación da tramitación de urxencia ao procedemento e aos informes ambientais e sectoriais polos órganos autonómicos e da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia.

11. Para os efectos do establecido no artigo 21.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por tratarse dun procedemento iniciado de oficio pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, o prazo máximo para a resolución do procedemento e para a notificación dos actos que lle poñan termo é de dous anos, contados desde o día seguinte ao do acordo de inicio, de conformidade coa disposición adicional segunda da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia. Se transcorre o prazo sinalado sen que se ditase e notificase a resolución correspondente, o procedemento caducará e acordarase o arquivamento das actuacións, de conformidade co artigo 25.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

12. Competencia.

O artigo 8.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, dispón que «Se algunha disposición atribúe a competencia a unha Administración, sen especificar o órgano que debe exercela, entenderase que a facultade de instruír e resolver os expedientes corresponde aos órganos inferiores competentes por razón da materia e do territorio. Se existise máis dun órgano inferior competente por razón de materia e territorio, a facultade para instruír e resolver os expedientes corresponderá ao superior xerárquico común destes».

Similares termos establécense no artigo 5.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O órgano competente para a declaración de utilidade pública e interese social do polígono agroforestal é o Consello da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 85.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

O órgano competente para a aprobación do proxecto básico do polígono agroforestal é a persoa que exerza a Presidencia da Axencia, de conformidade co artigo 94.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Finalmente, o órgano competente para a aprobación do polígono agroforestal é a persoa que exerza a Presidencia da Axencia, de conformidade co artigo 96.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, e polo tanto, tamén para acordar o seu inicio.

Por todo o exposto,

ACORDO:

Primeiro. O inicio do procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Cabreira, no concello de Salvaterra de Miño (Pontevedra).

Segundo. O prazo para elaborar o estudo de viabilidade será de 12 meses prorrogables.

Terceiro. Publicar o acordo no Diario Oficial de Galicia, en cumprimento do disposto no artigo 83.2 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Este acordo constitúe un acto de trámite, contra o que non cabe recurso ningún. Poderase unicamente, segundo o artigo 112 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, alegar a súa oposición para a súa consideración na resolución que poña fin ao procedemento. Igualmente, se se considera que o dito acto decide directa ou indirectamente o fondo do asunto, determina a imposibilidade de continuar o procedemento, produce indefensión ou prexuízo irreparable a dereitos e intereses lexítimos, poderase interpoñer potestativamente recurso de reposición, ante a Presidencia da Axencia, no prazo dun mes, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, de conformidade cos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e 6 e seguintes e 46 Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; en ambos os dous casos o prazo contarase desde o día seguinte ao da súa notificación. Non obstante, poderase interpoñer calquera outro recurso que se considere procedente.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2024

José González Vázquez
Presidente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural