DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 5 de marzo de 2024 Páx. 16960

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 1 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural o conxunto de pinturas murais do antigo Restaurante Fornos ou Murais do Fornos, sito na cidade da Coruña.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e, segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG).

O artigo 1.2 da devandita LPCG establece: «[...] o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo».

Ademais o artigo 8.2 establece: «[...] terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei». Máis adiante, este artigo establece que os bens poden ser inmobles, mobles ou inmateriais.

O artigo 10.1.a) da LPCG define a categoría de monumento como «[...] a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico».

O artigo 16.1 da LPCG expón: «[...] A solicitude de iniciación por parte dunha persoa, física ou xurídica, pública ou privada, deberá estar razoada e documentada [...]».

Segundo o artigo 83.1 da LPCG: «[...] integran o patrimonio artístico de Galicia as manifestacións pictóricas, escultóricas, cinematográficas, fotográficas, musicais e das restantes artes plásticas, de especial relevancia, de interese para Galicia».

Con data do 11.12.2022 entra no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia unha solicitude, asinada por unha cidadá, de declaración de ben de interese cultural dos murais que Urbano Lugrís pintou no baixo e entresollado situado no número 25-27 da rúa Olmos da Coruña. A solicitude recolle datos sobre o pintor e outras das súas obras, mais non avala nin acredita o carácter sobranceiro dos murais para os que se pretende a declaración na máxima categoría de protección, tal e como establece o artigo 16.1 da LPCG.

Unha preliminar análise da solicitude efectuada por persoal técnico da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural considerou que, malia que Urbano Lugrís sexa un dos artistas mais senlleiros do panorama cultural galego, deberían achegarse ao expediente administrativo os informes técnicos correspondentes que xustifiquen o valor cultural sobranceiro dos murais; máxime tendo en conta que cando se tramitou o expediente de declaración de interese cultural da obra de Urbano Lugrís González Vista da Coruña 1669, os informes emitidos redundan no sentido singular do caso concreto do dito mural e na súa significación excepcional desde o punto de vista técnico.

Ao mesmo tempo, o Concello da Coruña, no marco dun expediente aberto para ordenar a debida conservación dos inmobles correspondentes aos números 25 e 27 da rúa Olmos e dos murais pintados por Urbano Lugrís, na planta baixa e no entresollado destes inmobles, todos eles, inmobles e murais bens catalogados polo PEPRI da Cidade Vella e Pescadería da Coruña, encargou cadanseu informe: un sobre o estado de conservación e a proposta de intervención urxente, de marzo de 2023, e un informe histórico e artístico para a elaboración do expediente de BIC dos ditos murais, redactado a principios do ano 2024.

Asemade, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades encárgalle a persoal técnico adscrito á consellería un informe sobre o valoración artística do conxunto de pinturas murais do antigo Restaurante Fornos da Coruña. Este informe, emitido con data do 28.11.2023, recoñécelles aos murais un especial valor artístico e conclúe que as obras pictóricas posúen un valor cultural sobranceiro dentro do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Como consecuencia do anterior, a directora xeral de Patrimonio Cultural, exercendo as competencias establecidas no artigo 19 do Decreto 119/2022, do 20 de xuño, polo que se dispón a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, en virtude do disposto no título I e, en especial, o artigo 16 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e no Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia,

RESOLVE:

Primeiro. Incoar o procedemento para declarar ben de interese cultural inmoble, na categoría de monumento, co nivel de protección integral, o conxunto de pinturas murais do antigo Restaurante Fornos ou Murais do Fornos, sitos na rúa Olmos núm. 25 e 27 da cidade da Coruña, conforme a descrición recollida no anexo I desta resolución e proceder cos trámites para a súa declaración.

Segundo. Ordenar que se anote esta incoación de forma preventiva no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se lle comunique á Administración Xeral do Estado para os efectos da súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Terceiro. Aplicar de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural. O expediente deberá resolverse no prazo máximo de vinte e catro (24) meses desde a data desta resolución, ou producirase a súa caducidade e o remate do réxime provisional establecido.

Cuarto. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Quinto. Notificarlles esta resolución ás persoas interesadas, ás persoas propietarias e ao Concello da Coruña, que deberá suspender a tramitación das correspondentes licenzas municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas (as solicitudes deben ser notificadas á consellería competente en materia do patrimonio cultural), así como dos efectos das xa outorgadas, a excepción das de mantemento e conservación. Ben que e de acordo co artigo 17.5 da LPCG, esta suspensión de licenzas non afectará as de mantemento e conservación, entendendo dentro destas últimas as intervencións de: investigación, valorización, mantemento, conservación, consolidación e restauración definidas no artigo 40 da LPCG.

Sexto. Abrir un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, co fin de que as persoas que poidan ter interese examinen o expediente e aleguen o que consideren conveniente. A consulta realizaríase nas dependencias administrativas da Subdirección Xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, situada no Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 3, piso 2, en Santiago de Compostela, despois da correspondente petición da cita.

Sétimo. Ordenar que se solicite o ditame dos órganos asesores e consultivos relativos á concorrencia dun valor cultural sobranceiro no ben obxecto desta resolución.

Oitavo. A aprobación da presente resolución de incoación non afecta aos dereitos de propiedade intelectual dos que poidan ser titulares os herdeiros e herdeiras de Urbano Lugrís González.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2024

María Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación.

Conxunto de pinturas murais do antigo Restaurante Fornos ou Murais do Fornos.

2. Localización.

Enderezo: rúa Olmos números 25 e 27, CP 15003, concello da Coruña.

Referencias catastrais: edificio da rúa Olmos nº 25 8522403NJ4082S0001RY e edificio da rúa Olmos nº 27 8522402NJ4082S0001KY.

Coordenadas xeográficas UTM (ETRS 89 e fuso 29) do inmoble: 8522403NJ4082S0001RY e 8522402NJ4082S0001KY.

Os murais están situados na zona de acceso do antigo Restaurante Olmos, formado por dous edificios unidos por outras tantas portas interiores rematadas en arcos policromados cada unha delas. O primeiro deles, preto da rúa, unía os dous portais, daba acceso desde a entrada polo número 25; o outro, situado na metade do local, une as dúas estancias principais do que foi o restaurante e dá acceso ao principal mural de todo o conxunto, desde o número 27 da rúa Olmos, única entrada actualmente.

O antigo Restaurante Fornos figuraba nunha guía de finais do século XIX como o único restaurante á carta da Coruña. Hoxe é un edificio abandonado no centro histórico da cidade que atesoura un conxunto de pinturas dun enorme valor artístico. Posteriormente, o local sufriu dúas remodelacións, unha en 1995 e outra en 2015, e pasou a chamarse primeiro A Bottega e finalmente Restaurante Brasa e Viño, e como tal pechou definitivamente durante a pandemia da Covid-19.

O edificio do antigo Restaurante Fornos, do que o pintor dos seus murais, Lugrís, era cliente habitual, atópase formando parte do que podiamos chamar a milla de ouro lugrisiana, lugar onde vivía e pintou varios murais distribuídos por bares, cafeterías e establecementos de diversa natureza.

3. Descrición xeral.

• Natureza: inmoble.

• Categoría: monumento.

• Interese cultural: histórico, artístico e etnolóxico.

4. Descrición do ben.

4.1. O pintor.

O pintor dos murais do Restaurante Fornos, Urbano Lugrís González, naceu na Coruña en 1908 nun ambiente familiar pequeno burgués culto e galeguista, e aínda que xa desde neno demostrou unha gran habilidade e capacidade creativa no debuxo, non recibiu unha formación artística. Resulta imposible clasificar a pintura de Lugrís nunha corrente artística debido a que é produto dunha traxectoria completamente autodidacta e única, que construíu a partir de experiencias de moi distinta natureza, mesmo alleas á arte, dun gran potencial imaxinativo e creativo, e ata lúdico, do neno que levaba dentro.

O dominio prodixioso do debuxo e a sensibilidade cromática excepcional caracterizan a Lugrís e convérteo nun unicum. Con el nace, resplandece e morre o lugrisianismo.

4.2. A técnica pictórica.

A técnica pictórica do artista, muralista autodidacta, sen unha técnica estudada en profundidade, nunha cidade sen tradición pictórica, Lugrís non emprega a técnica ao fresco habitual na pintura mural, senón que emprega unha técnica pictórica ao seco con preparación previa do soporte a base de dúas capas de morteiro, unha imprimación e capa de pintura preparatoria. Sobre a preparación aplicou a capa pictórica con pintura ao óleo mediante brochas e pinceis con superposición de capas de cor densas e cubrintes.

A paleta está composta de tonalidades terrosas, azuis, vermellos, verdes, sombras e siena. Con cores brillantes, con moita forza, escurecidos pola acumulación de sucidade.

Nestes murais a secco prepárase todo o muro con morteiro de cal e area e aplícase en toda a superficie do muro. Unha vez seco, aplícase a pintura ao aceite nas capas que sexan necesarias.

No mesmo conxunto podemos diferenciar dúas técnicas dentro do conxunto, que demostran a adaptación do pintor ao presuposto e ás condicións concretas:

• Nos murais da zona de entrada principal (mural nº 1, nº 4, nº 5, nº 6 e nº 7) pinta directamente sobre o soporte tradicional de xeso xa existente.

• Nos arcos da zona abovedada (mural nº 9 e nº 10) aplica unha preparación con morteiro de cal e area sobre o soporte de madeira.

O resultado é espectacular, converténdose na capela sixtina dos murais de Lugrís, de extraordinaria riqueza cromática e luminosidade. Esta técnica permite aplicar a película pictórica en varias capas e permite de realizar detalles minuciosos, aínda sendo obra de gran formato, que tanto caracterizan ao autor.

4.3. Os murais.

Os murais do Restaurante Fornos conforman por un conxunto de 12 pinturas murais que compoñen un estudado e ben articulado proxecto decorativo onde pintura, estruturas arquitectónicas e elementos decorativos intégranse formando unha obra de arte única e espacialmente unitaria.

Desde a entrada accédese directamente ao comedor principal onde se atopan a gran Mariña coa Torre de Hércules (pintura 1) e catro tondos con fondos mariños (pinturas 2 ,3, 4 e 5). Neste espazo as pinturas articúlanse con catro espellos enmarcados con voluminosas molduras de escaiola inspiradas no estilo barroco.

No mesmo espazo ábrense dous arcos que dan acceso a espazos contiguos (pinturas 6, 7 e 8) e un motivo pintado sobre o lintel do van de acceso á cociña (pintura 8).

Un dos arcos (pintura 9) dá paso ao comedor interior cunha das súas paredes ocupada integramente por un gran arcosolio decorado que enmarca unha impoñente vista da Coruña (10). Completa a decoración deste espazo, na parede ao lado esquerdo, unha pintura independente do conxunto, con perfís recortados sobre a parede, onde se representa unha esfera celeste, unha copa, un catalexo e dúas bandeiras cun fondo mariño (pintura 11).

Catro vieiras de escaiola cun relevo no centro da Torre de Hércules, realizadas todas co mesmo molde e pintadas imitando a cor da madeira, completan a decoración da contorna dos dous arcos transitables e do arcosolio.

No comedor da primeira planta consérvase unha pintura mural de pequenas dimensións con marco de madeira (pintura 12), na que se representa unha embarcación semellante a unha nao.

Mariña coa Torre de Hércules (mural nº 1).

Desde a porta de entrada ao local accédese directamente ao comedor principal e na parede da dereita atópase o mural da Mariña coa Torre de Hércules. Nun dos seus extremos queda integrado un espello cunha gran moldura de inspiración barroca.

Estamos ante unha interpretación realista que se encamiña cara a unha nova etapa máis sintética na pintura de Lugrís, na cal abandona a acumulación de elementos para deixar espazo á evocación, a melancolía e a soidade.

Este gran mural concibiuse para integrarse nun conxunto decorativo preexistente no que empregou o recurso arriscado de incorporar na composición pictórica un elemento real e tridimensional: o espello coa moldura barroca. Este elemento real atopa o seu contrapunto nun elemento irreal pintado no extremo contrario: un pano recollido que descobre a pintura e sitúa ao espectador fronte a un escenario. Estes dous recursos, perfectamente resoltos, remítennos á artificiosidade das escenografías teatrais e ao efecto enganoso dos trampantoxos barrocos.

As tonalidades ocres que se poden apreciar na actualidade como dominantes son produto da deterioración provocada pola exposición á luz natural, ao fume das cociñas e do tabaco propios do ambiente dun establecemento hostaleiro, así como á humidade do ambiente actual.

Sinatura: Lugrís.

Dimensións: alto: 173 cm. Ancho 462 cm.

• Catro tondos con fondos submarinos (Pinturas: 2, 3, 4 e 5).

Forman un conxunto de catro tondos de forma circular que decoran o comedor principal, integrados nun proxecto decorativo co mural de Mariña coa Torre de Hércules e os cinco espellos barroquizantes estancia principal. Os ditos tondos simulan ollos de boi dun barco e representan fondos submarinos. Repartidos dous no muro dereito e dous no muro esquerdo, á mesma altura pero en distinta profundidade na sala (non enfrontados) a pesar de formar un conxunto.

Os catro tondos están asinados coa súa habitual áncora, nalgúns con dúas áncoras e as siglas entrecomilladas: KROMO, palabra en que latín e grego antigo significa cor.

Diámetro: entre 1 m e 98 cm.

Na parede da dereita:

° Cabaliño de mar e algas (pintura núm. 2).

° Peixe grande e algas (pintura núm. 3).

Na parede da esquerda, detrás da barra e á beira dos aseos:

° Peixe grande e medusa (pintura núm. 4).

° Medusa (pintura núm. 5).

• Golfiño (pintura núm. 6) parcialmente oculto coa modificación do espazo para a incorporación dos baños.

• Arcos (2 unidades similares).

° Arco policromado coa lenda: «QUE BEN CHE PRESTE» (pintura núm. 7). Localizado a entrada, no muro da esquerda, tras a porta dun baño de nova construción, cuxo tabique de pladur tapou parte da filacteria que enmarca o arco en ambas as caras e deixa practicamente oculta unha figura de balea ou golfiño.

O intradós decórase todo ao longo cunha filacteria, un medallón central e a lenda: «QUE BEN CHE PRESTE», rematada en cada extremo do arranque do arco cunha gran vieira. Nas caras exteriores do arco as filacterias decóranse con motivos mariños e obxectos de antigüidades náuticas.

Dimensións: distancia entre os arranques do arco: 199 cm. Ancho do intradós: 81 cm.

° Arco co intradós decorado cun medallón central e unha ampla filacteria que o percorre todo ao longo coa lenda: «FUNDOSE ESTA CASA O ANO DE 1870» (pintura núm. 8) Localizado no mesmo muro da esquerda, alén da barra do bar, desde o que se accede ao comedor interior onde se atopa a obra mestra deste conxunto.

Os extradoses decóranse tamén con filacterias nas que se representan motivos mariños e antigüidades náuticas. Nun extremo da filacteria que decora a cara exterior do arco, do lado do comedor interior, podemos ver a lenda: «FORNOS/A CORUÑA», inserida dentro dun dos motivos que representa un salvavidas.

Dimensións: distancia entre os arranques do arco: 198 cm. Ancho do intradós 81 cm.

• Decoración no lintel do van de acceso á cociña (pintura núm. 9).

Motivo decorativo con perfís recortados sobre o fondo da parede que representa as ondas do mar e nun extremo un navío. Dúas baleas flanquean un oco central que podería reservarse para colocar un letreiro. É un debuxo moi estilizado que segue o estilo das ilustracións dos inicios da imprenta e das pinturas tardo medievais.

Sen firma.

Vista histórica da Coruña (pintura núm. 10).

No comedor preséntase un conxunto mural composto no seu plano vertical principal por unha vista panorámica que cobre o fondo do arcosolio e se estende sen solución de continuidade polo intradós para rematar no exterior do arco cunha filacteria cos versos de Alberte García Ferreiro: «SE ME DERAN A ESCOLLER EU NON SEI QUE ESCOLLERÍA SE ENTRAR NA CORUÑA DE NOITE OU ENTRAR NON CEO DE DÍA».

No mural principal represéntase unha panorámica da cidade da Coruña que se data entre 1684 e 1788 co castelo de San Antón, a cidade amurallada e, por suposto, a Torre de Hércules co remate que presentaba nesa época.

Destaca o exquisito dominio do debuxo, elegante, preciso e moi detallista, e a gama cromática rica e moi luminosa, así como o desexo de recrear o estilo pictórico tardo medieval e cuatrocentista do norte de Europa desde unha perspectiva contemporánea. O efecto resultante e unha obra completamente novidosa e de extraordinaria delicadeza, na que o dominio da técnica, a creatividade e a finalidade decorativa conxúganse a perfección.

O ceo estrelado, con grandes nubes que teñen a consistencia do algodón, unha lúa e un sol animados con expresións de sorna, e o mar habitado por figuras fantásticas e naves, asumen un maior protagonismo que a propia vista da cidade.

Dimensións: alto 134 cm, ancho 523 cm.

Rosa dos ventos coa coñecida lenda que apareceu nunha taberna da antiga Pompeia: «HIC HABITAT FELICITAS», situada no centro do intradós do arcosolio. Polos extremos da parte baixa do intradós do arco esténdese sen solución de continuidade a panorámica celeste e marítima. Nun recadro situado no extremo inferior dereito, á beira dunha sirena, no arranque do arco e incorporado á composición mural, a lenda: «URBANO LUGRÍS. PINTOR DA CORUÑA FINÓ AQUESTA OBRA NO DÍA VINTE E CATRO DE FEBREIRO DE MCMLI. LAUS DEO LAU».

Na zona inferior, a ambos os dous lados do arco, no encontro coa cara frontal do conxunto pictórico, o artista consegue o efecto óptico dunha liña do horizonte continua paralela ao espectador, distorsionado actualmente polo estado de conservación que non permite unha lectura correcta da imaxe.

Dimensións: distancia entre os arranques do arco 523 cm. Alto: 134 cm. Ancho do intradós: 40 cm.

Esfera celeste, anteollos e copa (pintura núm. 11).

No mesmo espazo do comedor interior, no pano de parede lateral dereito, pinta unha especie de natureza morta con perfís recortado e un fondo mariño que crean a ilusión de estar ante unha colaxe: unha esfera celeste, un catalexo e unha copa coas bandeiras de España e da antiga Comandancia de Mariña da Coruña. Ao fondo, sobre as ondas do mar, un barco e unha montaña coas formas estilizadas que nos remiten á iconografía dos mapas ou ás ilustracións e pinturas tardo medievais.

Dimensións aprox. Alto: 100 cm. x ancho: 70 cm.

Nao (pintura núm. 12).

No comedor do primeiro andar, un único mural en formato cadrado representa o mar de xeito moi estilizado seguindo o estilo tardo medieval que vemos nas outras representacións mariñas do conxunto mural. Tamén, utiliza o recurso do recorte sobre o fondo da parede, aínda que neste caso se trata dun fondo con cor e efecto descolorido.

Atopámonos aquí ante outro exemplo dos habituais divertimentos lugrisianos que consiste en poñernos ante imaxes equivocas e desconcertantes do que parece e non é. Neste caso, máis que coa evocación dunha colaxe, xoga, por unha banda, coa ilusión de situarnos ante o que parecen ser os restos dunha pintura mural antiga recuperada, como as que podemos ver nas paredes de igrexas e palacios, e á vez, ao enmarcala e convertela aparentemente nun cadro, provoca unha sensación dobremente contraditoria.

Firma: Lugrís e unha áncora.

Dimensións: 110 X 102 cm.

5. Estado de conservación.

A técnica pictórica empregada por Lugrís adoita presentar a patoloxía de falta de adhesión entre o morteiro de preparación e o soporte portante dos murais, coa inevitable perda de policromía. Como contrapunto a este problema para a conservación dos murais, a película pictórica de aceite de rícino deshidratado é resistente a métodos de limpeza acuosos, achega moi boa resistencia ao transcorrer do tempo.

O uso histórico do local destinado a hostalería condiciona moitas das patoloxías principais que presentan actualmente os murais: os vapores, a graxa e o fume do tabaco producen a aparición dunha capa que escurece a película pictórica, outorgándolle rixidez e favorecendo que sexa quebradiza, aspecto este último visible nos craquelados que levan a formación de escamas.

Por outra banda, ao tratarse dun local de uso público, con acceso directo á rúa, de portas abertas e con moita actividade e movemento de entrada e saída constante de xente, favorecéronse os constantes cambios de temperatura e humidade. Actualmente, co peche do local prodúcese a baixada da temperatura interior, concentración de humidade e a fata de ventilación.

Así mesmo, ao estar preto do mar, o vapor de auga e vento traslada sal aos muros e, por tanto, ás pinturas murais.

Nas condicións actuais do inmoble, os axentes que están a agravar e acelerando os procesos de deterioración que se poden considerar de maior gravidade son a nivel estrutural, en paredes e teito: humidades, filtracións, pingueiras, deformacións dos muros, gretas, risco de incendios, provocado polo estado ruinoso do edificio e que representa un perigo permanente para o local onde se sitúan os murais. As malas condicións nas que se atopan os espazos do local e a negativa influencia ambiental e física que rodea as obras.

O estado de conservación crítico, con alteracións moi graves que poñen en risco a conservación das pinturas Mariña coa Torre de Hércules e Vista histórica da Coruña.

6. Valoración cultural.

Tendo en conta a calidade e o contexto artístico, este conxunto de 12 pinturas murais integradas nun espazo arquitectónico, merece entrar a formar parte do noso patrimonio cultural máis significativo e gozar do maior grao de protección para garantir a súa conservación e a súa proxección cara ás futuras xeracións.

A alta calidade artística das obras realizadas por unha das personalidades máis destacas da arte galega que, a diferenza doutros autores e autoras contemporáneas, pasou a formar parte do imaxinario colectivo. Esta conexión explícase porque logrou como ninguén crear un vínculo entre experiencia estética e experiencia emocional a través dunha pintura moi atraente, sedutora e inquietante, para chegar a fixar a imaxe dunha Galicia marítima e máxica.

Trátase dunha obra de arte complexa, xa que estamos ante un proxecto decorativo vinculado a un espazo arquitectónico. A diferenza doutros proxectos decorativos do mesmo autor, neste caso estamos ante unha composición na que pintura e arquitectura forman parte dun todo único e só como tal pode comprenderse na súa auténtica dimensión artística: panos de parede, arcos, linteis, integración de elementos decorativos como os espellos e as vieiras coa torre de Hércules. En especial, cabe destacar a estrutura do arcosolio e o espazo para o que foi concibida a Vista histórica da Coruña.

Este proxecto ten dentro de toda a produción artística de Urbano Lugrís González un carácter excepcional. Non conservamos ningún conxunto desta natureza que de testemuño do nivel que chegou a adquirir no ámbito da composición e da creatividade na decoración de interiores.

O conxunto constitúese como o testemuño máis evidente das experiencias persoais e culturais que marcaron a definición dun estilo propio e único. Aquí están todos os seus mundos en que podemos rastrexar a xénese do universo lugrisiano autodidacta, anteriores a outras influencias aprendidas: o teatro de monicreques, os seus anos de inmersión nas coleccións e biblioteca Massó, a atracción polo fondo mariño e as panorámicas costeiras galegas.

O edificio sitúase nunha contorna urbana no cal o autor foi deixando, máis que en ningún outro, anacos da súa vida nas paredes de distintos edificios moi próximos. Concretamente nun establecemento hostaleiro emblemático para a cidade da Coruña, fundado no ano 1870 e referenciado nunha guía de finais do século XIX como o único restaurante á carta da cidade.

De feito, o grao de popularidade e recoñecemento que a nivel cidadán alcanzou a obra mural de Lugrís resulta completamente insólita. Precisamente por atopase en lugares públicos de cidades como Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, en establecementos que forman parte da vida social de varias xeracións de galegas e galegos, chegaron a converterse nun fenómeno cultural que, como tal, desemboca na creación de colectivos e asociacións cidadás como O Mural e In Nave Civitas. A súa obra non só é recoñecida a nivel académico e pola crítica da arte, se non que alcanza un recoñecemento a nivel popular desde o que se reivindica a súa obra mural como parte da nosa cultura urbana, chegando a acuñarse o termo lugrisián.

7. Réxime de protección.

O nivel de protección dos bens inmobles declarados Bens de Interese Cultural debe ser conducente a garantir a súa integridade e a salvagarda dos seus valores culturais, mantendo o seu estado orixinal para que o ben perdure e poida transmitirse ás xeracións futuras.

As pinturas murais como elemento singular do patrimonio artístico protexido rexeranse polos ditados do réxime de nivel de protección integral que implican a conservación íntegra dos bens e de todos os seus elementos e compoñentes nun estado o máis próximo posible ao orixinal desde a perspectiva de todos os valores culturais que conforman o interese do ben, respectando a súa evolución, transformacións e contribucións ao longo do tempo. Ademais, é de aplicación á obra o réxime de protección e conservación que definen os títulos II e III da Lei 5/2016, do 5 de maio, do patrimonio cultural de Galicia; en concreto, pode resumirse en:

• Autorización: a protección do ben implica que as intervencións que se pretenda terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural e que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a permitirlle o acceso aos ditos bens ao persoal habilitado para a función inspectora nos termos previstos no capítulo I do título X; ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.

• Deber de comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens catalogados están obrigadas a comunicarlle á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou prexuízo que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural. Este deber corresponderalles tamén aos concellos no territorio dos cales se encontren os bens no momento en que teñan constancia de tal estado.

• Calquera pretensión de transmisión onerosa da propiedade ou de calquera dereito real de desfrute dos bens de interese cultural deberalle ser notificada, de forma que faga fe, á consellería competente en materia de patrimonio cultural, con indicación do prezo e das condicións en que se propoña realizar aquela, incluíndo a identidade da persoa adquirinte, coa finalidade de que a Xunta de Galicia poida exercer o dereito de tenteo, para si ou para outras institucións públicas ou entidades privadas sen ánimo de lucro.

• Proxectos de intervención e habilitación técnica: as intervencións que se realicen sobre bens integrantes do patrimonio artístico catalogados, autorizadas pola consellería competente, deberán ser dirixidas e, de ser o caso, executadas por persoas coa oportuna capacitación ou habilitación técnica ou profesional, segundo proxectos de intervención.

7.1. Delimitación do contorno de protección.

A característica fundamental da pintura mural é a relación que se establece entre a pintura e o espazo no cal se atopa, estreitamente ligada á arquitectura na que se representa e a forma dos seus espazos.

O conxunto de pinturas murais do antigo Restaurante Fornos ou Murais do Fornos están localizadas nos edificios situados na rúa Olmos números 25 e 27 da cidade da Coruña e preséntanse como un conxunto escenográfico formado por 12 pinturas murais de diferente tamaño.

Por tanto, o contorno de protección das anteditas pinturas murais tituladas é a propia parede que soporta cada unha das pinturas e a estancia en que se atopan.