DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 7 de marzo de 2024 Páx. 17508

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2024 pola que se modifica a Resolución do 5 de xuño de 2023 pola que se aproba a convocatoria para o ano 2023 do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en edificios non residenciais, establecementos e infraestruturas do sector público, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento IN422O).

O 16 de xuño de 2023, a Axencia Instituto Enerxético de Galicia publicou a Resolución do 5 de xuño de 2023 (DOG núm. 114, do 16 de xuño) pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao programa de incentivos 2 para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en edificios non residenciais, establecementos e infraestruturas do sector público aprobado polo Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro, polo que se aproba a concesión directa ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla de axudas para a execución dos programas de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en diferentes sectores da economía, no marco do Plan de recuperación, transformación y resiliencia.

A citada Resolución do 5 de xuño de 2023 foi modificada pola Resolución do 28 de decembro de 2023 (DOG núm. 246, do 29 de decembro).

O 28 de decembro de 2023 publícase no Boletín Oficial del Estado (BOE) o Real decreto 1178/2023, do 27 de decembro, polo que se modifica a normativa reguladora e se adaptan ao marco europeo de axudas de Estado determinados programas de axudas de rehabilitación enerxética e enerxías renovables do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, entre eles, o Real decreto 1124/2021, do 21 de decembro.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 28 do Estatuto de autonomía, das facultades conferidas pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co sinalado no Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia.

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a Resolución do 5 de xuño de 2023 pola que se aproba a convocatoria para o ano 2023 do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos para a implantación de instalacións de enerxías renovables térmicas en edificios non residenciais, establecementos e infraestruturas do sector público, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento IN422O), nos seguintes termos:

Un. O punto 3) da letra b) do número 1 do artigo 6 queda redactado como segue:

«3) Declaración responsable do cumprimento do principio de non causar dano significativo a ningún dos obxectivos ambientais establecidos no Regulamento (UE) nº 2020/852 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xuño de 2020 (principio Do not significant harm-DNSH), anexo VII-Declaración do cumprimento do principio de non causar dano significativo que se xunta a título informativo».

Dous. O punto 4) da letra b) do número 1 do artigo 6 queda redactado como segue:

«4) Para instalacións de máis de 100 kW achegarase:

• Opcionalmente, un Plan estratéxico en que indique a orixe e o lugar de fabricación (nacional, europeo ou internacional) dos compoñentes da instalación e o seu impacto ambiental, incluíndo o almacenamento, os criterios de calidade ou durabilidade utilizados para seleccionar os distintos compoñentes, a interoperabilidade da instalación ou o seu potencial para ofrecer servizos ao sistema, así como o efecto tractor sobre pemes e autónomos que se espera que teña o proxecto. Poderá incluír, ademais, estimacións do seu impacto sobre o emprego local e sobre a cadea de valor industrial local, rexional e nacional.

• A acreditación correcta do cumprimento de valorización do 70 % dos residuos de construción e demolición xerados nas obras civís realizadas, no caso de que houbera, mediante a presentación dunha memoria resumo onde se recolla a cantidade total de residuo xerado, clasificados por códigos LER, e os certificados dos xestores de destino, onde se indique a porcentaxe de valorización acadado. Os residuos perigosos non valorizables non se terán en conta para a consecución deste obxectivo».

Tres. O Artigo 16. Prazos de execución e xustificación, queda redactado como segue:

«O prazo máximo de execución e xustificación das actuacións será de 18 meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión. Este prazo poderase ampliar de conformidade co previsto no artigo 70 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

A solicitude de ampliación para a execución e xustificación do proxecto deberase presentar cunha antelación mínima de 30 días naturais ao do vencemento do prazo».

Catro. A letra k) do número 3 do artigo 18 queda redactado como segue:

«k) Declaración que confirme que non houbo modificación con respecto ao declarado na fase de solicitude sobre o principio de «non causar dano significativo» e, se é o caso, sobre a valorización de residuos».

Cinco. Os anexos I, V e VII quedan redactados como se recollen nos anexos desta resolución.

Segundo. As modificacións introducidas por esta resolución serán de aplicación a todas as solicitudes ata o fin do prazo de presentación de solicitudes.

Terceiro. Esta resolución entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file