DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 14 de marzo de 2024 Páx. 19001

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 4 de marzo de 2024 pola que se convocan para o ano 2024 distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación (código de procedemento VI406A).

BDNS (Identif.): 748177.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

a) Contar con menos de 10.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data de publicación desta convocatoria.

b) Ter cumprido co deber de remisión ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano desta convocatoria, no cal o seu prazo de presentación estivese vencido.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se encontren nalgún dos supostos previstos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Segundo. Obxecto

Estas subvencións están dirixidas a prestarlles apoio aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes para que poidan axudar con carácter urxente as unidades de convivencia que residan, en condicións de propietarias, nunha infravivenda e non dispoñan de recursos económicos para acometer obras que permitan ter as mínimas condicións de habitabilidade.

2. Así mesmo, estas subvencións terán por obxecto permitirlles aos concellos de Galicia de menos de 10.000 habitantes rehabilitar infravivendas do seu patrimonio municipal para destinalas a solucionar os problemas de residencia de unidades de convivencia que cumpran os requisitos fixados nas bases reguladoras.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras das subvencións obxecto desta convocatoria están recollidas na Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións do Programa de infravivenda (DOG núm. 8, do 14 de xaneiro de 2020).

Cuarto. Crédito orzamentario e contía das axudas

As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 06.81.451A.760.0, por importe de 370.000 euros, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para a anualidade 2024.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución de convocatoria no DOG e rematará o día 3 de xuño de 2024 e, en todo caso, no momento de esgotamento da partida orzamentaria contida nesta convocatoria, que será publicada no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2024

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo