DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 15 de marzo de 2024 Páx. 19275

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 2024, do tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola modalidade específica de promoción do persoal laboral fixo, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, convocado mediante a Resolución do 6 de novembro de 2023 (Diario Oficial de Galicia número 216, do 11 de novembro), pola que se dá publicidade a diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o 6 de marzo de 2024, o tribunal nomeado pola Resolución do 15 de decembro de 2023 (DOG núm. 246, do 29 de decembro) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola modalidade específica de promoción do persoal laboral fixo, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1, convocado mediante a Resolución do 6 de novembro de 2023 (Diario Oficial de Galicia número 216, do 11 de novembro),

ACORDOU:

Primeiro. De conformidade co disposto na base II.1.1 da resolución de convocatoria, superaron a proba tipo test as persoas aspirantes que obtiveron a cualificación de apto. Para estes efectos, nos criterios de superación da proba aprobados polo tribunal no Acordo do 9 de febreiro de 2024 en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do exercicio e publicados no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, estableceuse que terían a cualificación de apto as persoas aspirantes que acadasen trinta e dúas (32) respostas correctas. Tendo en conta que as respostas incorrectas descontan un cuarto de pregunta correcta e que as preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación.

Segundo. Feita a corrección en sesión do 6 de marzo de 2024, publicar as cualificacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas á proba tipo test do proceso selectivo que se cita, no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal ás cales se pode acceder a través do seguinte enderezo: https://www.xunta.gal/funcion-publica/promocion-especifica/convocatorias-exames

Terceiro. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás cualificacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. De conformidade co disposto na base III.12 da convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2024

Rubén Plaza Martínez
Presidente do tribunal