DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 22 de marzo de 2024 Páx. 20464

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, relativa á publicación das puntuacións definitivas e finalización da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso nas categorías de persoal de servizos xerais e técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría.

Mediante a Resolución do 22 de xaneiro de 2024 (Diario Oficial de Galicia núm. 18, do 25 de xaneiro) publicouse o modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios, así como as puntuacións provisionais da fase de oposición dos procesos selectivos para o ingreso nas categorías de persoal de servizos xerais e de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, convocadas polas resolucións do 15 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro).

A base oitava da Resolución de convocatoria do proceso selectivo dispón que tras a publicación das puntuacións provisionais dos exercicios os/as aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de cinco días hábiles seguintes ao da devandita publicación, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.

A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas dos distintos exercicios, que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Se no mesmo período o tribunal, de oficio, apreciase algún erro na confección aritmética da puntuación obtida na fase de oposición por algún/algunha aspirante poderá proceder á súa corrección.

Finalizado este prazo, e de conformidade coa antedita base, este centro directivo

RESOLVE:

Primeiro. Dar publicidade, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), ás puntuacións definitivas obtidas polos/as aspirantes presentados/as en cada un dos exercicios que integran a fase de oposición dos procesos selectivos para o ingreso nas categorías de persoal de servizos xerais e de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría nas quendas de acceso libre, discapacidade xeral, discapacidade intelectual e promoción interna.

Segundo. Declarar finalizada a fase de oposición do referido proceso selectivo.

Terceiro. Esta resolución poderá ser impugnada polos/as interesados/as nos termos previstos nas bases 7) e 11) da resolución de convocatoria do proceso.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2024

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos