DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 25 de marzo de 2024 Páx. 20689

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 19 de marzo de 2024 pola que se convoca o Curso superior de capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais.

Unha vez aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) para o ano 2024, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, e de acordo co convenio de colaboración subscrito entre a EGAP e a Consellería de Política Social e Xuventude para a organización do Curso superior de capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais,

RESOLVO:

Convocar o Curso superior de capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais, que se desenvolverá consonte as seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

Este curso superior pretende capacitar o persoal que opta ou desempeña postos de inspección de servizos sociais cos coñecementos específicos dos diferentes ámbitos de actuación, así como coas habilidades necesarias para o correcto desenvolvemento destas funcións.

Segunda. Contidos

Este curso superior abordará os seguintes temas:

1. Os servizos sociais. Antecedentes e evolución. Regulación. A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia. Sistema de garantías do Sistema galego de servizos sociais.

2. Rexistro e autorizacións. Normativa técnica relacionada.

3. A inspección. Funcións e procedementos de actuación. Ámbitos de actuación.

4. As actas de inspección. Protección de dereitos. Procedemento sancionador.

5. Servizos comunitarios e inclusión.

6. Igualdade.

7. Menores.

8. Infancia e familia.

9. Maiores e discapacidade.

10. O Sistema de atención á dependencia e promoción da autonomía.

11. Calidade. A acreditación. Xestión de centros e programas de servizos sociais.

12. Outras habilidades do persoal inspector.

Terceira. Número de prazas

Vinte e cinco (25).

Cuarta. Persoas destinatarias

Persoal funcionario dos subgrupos A1, A2 e C1 da Administración autonómica galega, dos seus entes públicos instrumentais e da Administración institucional que se encontre en situación de servizo activo ou asimilada.

Terán preferencia na selección as persoas con titulación universitaria (licenciatura ou grao correspondente) en Dereito, Psicoloxía, Pedagoxía, Psicopedagoxía, Educación Social, Relacións Laborais, Traballo Social, Ciencias Políticas e Socioloxía.

Quedarán excluídas da selección as solicitudes das persoas que xa completasen en anteriores convocatorias da EGAP o Curso superior para capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais.

Quinta. Desenvolvemento

1. Modalidade de desenvolvemento: mixta.

2. Duración: 120 horas lectivas: (45 horas lectivas presenciais e 75 horas en liña).

3. Datas: do 11 de abril ao 10 de maio de 2024.

4. As clases presenciais desenvolveranse nos días e nos horarios seguintes:

• Xoves 11 de abril: das 16.00 ás 19.00 horas.

• Venres 12 de abril: das 8.30 ás 14.30 horas.

• Xoves 18 de abril: das 16.00 ás 19.00 horas.

• Venres 19 de abril: das 8.30 ás 14.30 horas.

• Xoves 25 de abril: das 16.00 ás 19.00 horas.

• Venres 26 de abril: das 8.30 ás 14.30 horas.

• Xoves 2 de maio: das 16.00 ás 19.00 horas.

• Venres 3 de maio: das 8.30 ás 14.30 horas.

• Mércores 8 de maio: das 16.00 ás 19.00 horas.

• Venres 10 de maio: das 8.30 ás 14.30 horas.

5. A proba ou exame final do curso será presencial, na EGAP, o día 23 de maio ás 17.00 horas.

6. O desenvolvemento da parte presencial do curso será na EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

7. A parte de teleformación (en liña) desenvolverase a través da aula virtual da EGAP: https://egap.xunta.gal/aulavirtual/

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e criterios de selección establecidos nas bases cuarta e oitava, respectivamente, desta convocatoria.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar primeiro a área en que está integrada esta actividade (Réxime xurídico e actividade financeira das administracións públicas) e despois seleccionar en «nome do curso» o seguinte: Curso superior de capacitación para o desempeño da función de inspección de servizos sociais.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 3 de abril de 2024.

6. Antes de que finalice o prazo de inscrición as persoas solicitantes deberán enviar ao correo electrónico novas.egap@xunta.gal unha copia das súas titulacións.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou, desde as 9.00 ata as 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para tramitar o procedemento de selección consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

2. No caso de que a persoa interesada se opoña a esta consulta, deberá indicalo expresamente e incluír os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos para cuxa consulta se opón que indiquen a súa situación administrativa, o tipo de persoal e a antigüidade na Administración, a través do seguinte correo: <novas.egap@xunta.gal>.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de admisión

A orde de admisión, unha vez excluídas as solicitudes das persoas que xa completaron este curso en exercicios anteriores, realizarase de acordo cos seguintes criterios de prelación:

1º. Persoal funcionario coas titulacións establecidas como preferentes na base cuarta desta resolución.

2º. Resto de persoal funcionario.

Dentro de cada un dos grupos anteriores en que se dividen os criterios de prelación, a orde de selección virá determinada pola data e a hora de inscrición.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as listaxes das persoas seleccionadas, en reserva, no caso de que o número de solicitudes sexa superior ao número de prazas e, de ser o caso, das persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE número 236, do 2 de outubro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección; renuncia, asistencia e seguimento

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia deberá ser comunicada por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal o máis axiña posible e, en todo caso e como máximo o día 8 de abril de 2024, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

– Por razóns de conciliación familiar.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións presenciais da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da falta de asistencia. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

4. Seguimento das actividades de teleformación:

Cómpre ter feitas e superadas todas as actividades e tarefas propostas pola titoría na modalidade de teleformación, a través da aula virtual da EGAP, para ter dereito a realizar o exame final presencial.

As persoas que non completen o 50 % das actividades de teleformación pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

Décimo primeira. Certificado electrónico de aproveitamento

Ao final do curso emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/) a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente, sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas presenciais, completasen e superasen todas as actividades propostas na modalidade de teleformación nos prazos establecidos na programación didáctica do curso e obtivesen a cualificación de apto/a na proba presencial final. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a modalidade de impartición, as datas e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP e da Consellería de Política Social e Xuventude

1. A EGAP e a Consellería de Política Social e Xuventude reservan para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización; nese caso empregaranse os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A EGAP e a Consellería de Política Social e Xuventude garantirán na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2024

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública