DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 27 de marzo de 2024 Páx. 21238

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

ACORDO do 14 de marzo de 2024 polo que se anuncia a apertura dunha convocatoria pública para a presentación de solicitudes de autorización temporal de uso de posto de atracada para embarcacións náutico-deportivas, en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, no porto de Escarabote (procedemento IF501A).

Ao encontrarse as instalacións de atracada para embarcacións náutico-deportivas de Escarabote (termo municipal de Boiro) en proceso de reordenación, é preciso que os titulares de embarcacións que desexen obter unha praza de amarre, utilicen ou non na actualidade unha atracada, soliciten a correspondente autorización.

No porto de Escarabote habilitáronse unha serie de postos de atracada para embarcacións menores náutico-deportivas de 6ª e 7ª lista, e coa finalidade de regular os mencionados postos de atracada anúnciase a apertura dunha convocatoria pública para a presentación de solicitudes para obter a correspondente autorización e queda aberto o prazo.

As autorizacións de postos de atracada solicitaranse e adxudicaranse de conformidade co procedemento IF501A publicado na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Establécese un prazo preferente para a presentación de solicitudes para usuarios que dispoñan dunha autorización previa ou solicitude de atracada formalizada ante Portos de Galicia con anterioridade á publicación deste anuncio, que estivesen rexistrados en listas de espera ou que acrediten a ocupación efectiva cunha antigüidade anterior ao 1 de febreiro de 2021, para o cal se debe de achegar documentación xustificativa. Este prazo preferente será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

O resto de interesados poderá presentar as solicitudes a partir da data de apertura desta convocatoria, pero non serán tidas en conta ata que se resolvan as indicadas no parágrafo anterior.

As instalacións que se poñen á disposición son as indicadas na web de Portos de Galicia www.portosdegalicia.com, a ligazón seguinte:

http://www.portosdegalicia.gal/solicitudes_atraques_deportivos

Neste sitio poderán consultarse as prazas de atracada postas á disposición, así como a súa localización. Non obstante, a distribución, o tamaño ou calquera outra característica das prazas poderá modificarse durante a convocatoria por motivos de explotación portuaria debidamente xustificada.

De existir máis demanda que oferta de prazas, os criterios de selección serán os indicados na condición décimo primeira da Resolución do 14 de outubro de 2020 pola que se aproba o procedemento de autorización temporal de uso de posto de atracada, en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia, outorgada para barcos con base no porto (código de procedemento IF501A), modificada pola Resolución do 2 de novembro de 2020.

Transcorrido o prazo de presentación, analizaranse as solicitudes achegadas nese período, segundo os criterios xerais e específicos da convocatoria, e realizarase unha proposta de asignación de atracadas entre todas as presentadas.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2024

Roi Fernández Añón
Director de Portos de Galicia