DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 2 de abril de 2024 Páx. 21521

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 18 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento VI420A).

BDNS (Identif.): 750997.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ter a condición de entidades beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as ou agrupacións de comunidades dos edificios de vivendas que estean recollidos no ámbito de aplicación, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria correspondente e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a entidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.

b) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.

c) Que sexan seleccionadas conforme a prelación realizada en aplicación do baremo de criterios de valoración previstos nesta resolución e conforme a disposición orzamentaria existente.

2. As persoas integrantes da entidade beneficiaria que participen no custo das obras subvencionables terán consideración de perceptoras desta axuda na mesma proporción que a cota de participación establecida para o custo.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán o procedemento de concesión das subvencións para a reparación, a rehabilitación e/ou adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), as cales se tramitarán co código de procedemento VI420A.

2. Así mesmo, por medio desta resolución procédese á convocatoria destas subvencións, con financiamento plurianual, para o exercicio económico de 2024.

3. A tramitación destas axudas tramítase polo procedemento de concorrencia competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto en cada convocatoria.

Terceiro. Bases reguladoras

Estas axudas rexeranse polo disposto na Resolución do 18 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento VI420A).

Cuarto. Importe

O importe máximo das subvencións reguladas nesta resolución instrumentarase financeiramente con cargo ao proxecto 2002 06712 e á aplicación 2024 06 81 451A 781.0 dos orzamentos do IGVS. A contía será de 1.000.000 de euros, repartidos en 30.000 euros na anualidade 2024 e 970.000 euros na anualidade 2025.

A intensidade da axuda desta convocatoria será dun importe correspondente ao 60 % do orzamento subvencionable e ata un importe máximo que resulte de multiplicar o número de vivendas existentes no edificio por 6.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria será de tres meses, contados desde o día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día é inhábil, entenderase prorrogado o prazo ao primeiro día hábil seguinte.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2024

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo