DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 2 de abril de 2024 Páx. 21405

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

EXTRACTO da Orde do 11 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia no curso 2023/24 (código de procedemento ED322A).

BDNS (Identif.): 748878.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (https://www.pap.hacienda.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

O alumnado que cursa ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia e que obtivese unha bolsa de mobilidade Erasmus+ no curso 2023/24.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas de mobilidade complementarias ás achegadas pola Unión Europea no marco do programa comunitario Erasmus+, destinadas ao alumnado de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia que participan no citado programa de mobilidade na educación superior durante o curso 2023/24.

Terceiro. Requisitos

1. Poderá solicitar estas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar matriculado/a en estudos conducentes a unha titulación de grao en ensinanzas artísticas superiores (nivel MECES 2) no curso 2023/24 en calquera dos centros públicos de ensinanzas artísticas superiores da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter obtido unha bolsa Erasmus+ de mobilidade no curso 2023/24.

c) Non ter desfrutado desta axuda complementaria en convocatorias anteriores.

2. Queda excluído desta convocatoria o alumnado que, con nacionalidade distinta á española ou con dobre nacionalidade, realice a mobilidade nos seus países de orixe ou nalgún país do que é nacional.

3. Así mesmo, queda excluído da convocatoria o alumnado que non se desprace ao país de destino.

Cuarto. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Quinto. Duración e contía das axudas

As axudas concederanse para estadías dun máximo de nove meses e dun mínimo de dous meses.

O importe global previsto na orde é de 40.000 €.

As axudas terán a seguinte contía, en función dos grupos de países determinados no programa Erasmus+:

a) De 195 €/mes para un país de destino do grupo 1.

b) De 165 €/mes para un país de destino do grupo 2.

c) De 125 €/mes para un país de destino do grupo 3.

As persoas solicitantes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e teñan a documentación completa no prazo sinalado recibirán a axuda económica establecida, comezando desde os expedientes con maior nota media e ata esgotar o crédito orzamentario.

Unha vez distribuída pola Comisión Avaliadora a contía uniforme citada anteriormente, o orzamento restante dispoñible, se o houber, adxudicarase entre as persoas solicitantes que posúan unha maior nota media no seu expediente académico, e asignaráselles unha contía de 500 € por solicitante ata esgotar o orzamento. No caso de que o crédito resultante for inferior a 500 €, adxudicaráselle a cantidade resultante á seguinte persoa solicitante coa maior nota media no expediente académico.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2024

O conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades