DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 3 de abril de 2024 Páx. 21898

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2024 pola que se convoca, para a elección de destino provisional, a persoa aspirante que superou o proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de arquivos, convocado pola Resolución do 30 de marzo de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 65, do 4 de abril).

De conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e co obxecto de avanzar en facer efectivo o dereito da cidadanía a relacionarse electronicamente coas administracións públicas e a conseguinte obriga destas de dotarse dos medios e sistemas necesarios para que ese dereito se poida exercer, cómpre incorporar unha tramitación electrónica á fase de elección de destino das persoas aspirantes que superaron un proceso selectivo convocado pola Dirección Xeral da Función Pública.

A resolución dítase por delegación, de conformidade co establecido na Orde do 8 de xaneiro de 2020 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública, publicada no DOG número 16, do 24 de xaneiro.

Unha vez finalizado o proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de axudantes de arquivos, bibliotecas e museos, especialidade de arquivos, convocado pola Resolución do 30 de marzo de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 65, do 4 de abril), e unha vez acreditado o cumprimento dos requisitos exixidos nesta por parte das persoas aspirantes, co obxecto de adxudicar destino provisional, e segundo a base IV.5 da convocatoria, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Publicar como anexo I os datos da persoa aspirante que superou o proceso selectivo e que é convocada para a elección de destino provisional, segundo a orde que, en aplicación da base IV.5 da convocatoria, deberá seguirse para os efectos da adxudicación de destino.

Segundo. O posto ofertado e os requisitos exixidos para a súa ocupación figuran como anexo II desta resolución. A persoa aspirante elixirá a praza do subgrupo a que accede de conformidade co indicado no anexo II desta resolución.

Terceiro. Para o acceso á aplicación informática para a elección de destino, a Dirección Xeral da Función Pública remitiralle á persoa aspirantes un correo electrónico co usuario e a clave de acceso á aplicación do proceso selectivo.

No prazo máximo de dous (2) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, a persoa aspirante, no suposto de que non recibise correctamente o seu usuario e clave, deberá pórse en contacto co servizo informático da Dirección Xeral da Función Pública, no teléfono 881 99 98 83, para que se lle faciliten os datos necesarios.

Unha vez transcorrido o prazo sinalado no parágrafo anterior, abrirase un prazo de cinco (5) días hábiles para que a persoa aspirante que consta no anexo I desta resolución seleccione telematicamente, a través do sistema electrónico, os destinos ofertados por orde de prelación.

A elección de destinos deberá realizarse a través do sistema electrónico, ao cal se poderá acceder a través da páxina web da Dirección Xeral da Función Pública funcionpublica.xunta.gal, seguindo a ruta «Función pública»–«Procesos selectivos».

Cuarto. Para a selección do destino a persoa aspirante deberán acceder ao sistema electrónico e proceder da seguinte forma:

Unha vez que acceda ao seu expediente electrónico, a persoa aspirante deberá, en primeiro lugar, elixir entre as opcións «Renuncia», «Solicitude de excedencia» ou «Escoller posto».

1º) De elixir a opción «Renuncia», deberaa presentar por escrito no Rexistro da Xunta de Galicia no mesmo prazo previsto na disposición terceira. A persoa aspirante que exerza esta opción quedará excluída do proceso e decaerá no seu dereito a ser nomeada persoal funcionario de carreira do subgrupo ao que accede.

2º) De elixir a opción «Solicitude de excedencia», deberaa presentar por escrito no Rexistro da Xunta de Galicia no mesmo prazo previsto na disposición terceira, sempre que cumpra os requisitos exixidos no artigo 174 (excedencia por prestación de servizos no sector público) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia. Neste sentido, a persoa que a solicite por prestaren servizos noutra Administración deberá presentar a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos no mesmo prazo previsto na disposición terceira.

3º) De elixir a opción «Escoller posto», a persoa aspirante seleccionará, por orde de preferencia, os destinos que se ofertan. No suposto de que escolla un número de prazas inferior ao da posición que ocupa no proceso, a persoa aspirante que cumpra os requisitos exixidos no artigo 174 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, poderá solicitar ser declarada en excedencia por prestación de servizos no sector público, o que deberá manifestar mediante a presentación dunha solicitude por escrito e no mesmo prazo previsto na disposición terceira, coa cal deberá achegar tanto a copia da última orde de prelación dos postos ofertados e seleccionados no sistema electrónico debidamente asinada como, no caso de solicitala por prestaren servizos noutra Administración, a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos.

Quinto. Se a persoa aspirante non presenta a súa solicitude de elección no prazo sinalado, selecciona un número de prazas inferior ao da posición que ocupa no proceso e non se lle adxudica ningún destino e non cumpre os requisitos para ser declarada en excedencia, ou non presenta a súa solicitude do xeito previsto nesta resolución, seralle adxudicado en destino o posto que lle corresponda atendendo á orde de publicación destes e ao número obtido no proceso selectivo, unha vez concluído o proceso de adxudicación dos postos ás persoas aspirantes presentes ou representadas, entre os que queden sen adxudicar.

Sexto. Todas as comunicacións que formule a persoa aspirante irán dirixidas á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral da Función Pública, Servizo de Selección (Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela). Para isto, deberá empregar o modelo co código PR004A, previsto na Orde do 4 de maio de 2017, que aproba a posta en funcionamento do servizo para a presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado, habilitado na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal, ou ben presentará a documentación nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia e nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétimo. Finalizado o prazo para a elección de destinos, a aplicación efectuará a adxudicación automática de destinos, en función do subgrupo a que se accede e a orde de prelación acadada por cada persoa aspirante no proceso, e atendendo á orde de preferencia na selección de destinos efectuada por esta.

A adxudicación provisional de postos resolverase mediante resolución da consellería competente en materia de función pública e publicarase no DOG.

As persoas aspirantes que obteñan un destino provisional deberán optar ás prazas que se oferten na elección de destino definitivo.

Oitavo. Estará á disposición da persoas aspirante información complementaria para a utilización da aplicación informática e a presentación das solicitudes de elección de destino na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública funcionpublica.xunta.gal

Noveno. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase presentar recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde esa mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2024

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO I

Nº orde

DNI

Apelidos e nome

1

***9055**

Pérez Martínez, María

ANEXO II

Praza ofertada

Código

Denominación

Cons.

Centro de destino

Centro directivo

Concello

Subgrupo

Nivel

1

PRC991000136001200

Técnico/a medio de arquivo

PR

Edificios xudiciais (Pontevedra)

Servizos periféricos

Pontevedra

A2

18