DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 5 de abril de 2024 Páx. 22215

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2024, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fai público o procedemento para a acreditacion dos méritos de determinados procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, na agrupación profesional de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e en categorías do grupo V de persoal laboral da Xunta de Galicia.

Mediante a Resolución do 22 de decembro de 2022, convócase o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso na agrupación profesional de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e en categorías do grupo V de persoal laboral da Xunta de Galicia (DOG núm. 245, do 27 de decembro). Esta resolución foi modificada pola Resolución do 20 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro) e pola Resolución do 6 de febreiro de 2023 (DOG núm. 26, do 7 de febreiro) (corrección de erros no DOG núm. 64, do 31 de narzo e no DOG núm. 203, do 25 de outubro).

A base IV.3 da Resolución do 22 de decembro de 2022 dispón que os méritos enumerados nas súas bases IV.1 e IV.2, correspondentes á fase de concurso, deberán referirse á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Estes méritos deberán acreditarse de conformidade co procedemento que estableza a Dirección Xeral da Función Pública e que será publicado no Diario Oficial de Galicia.

Por outra parte, mediante a Resolución do 5 de decembro de 2023, da Dirección Xeral da Función Pública, dítanse as instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais (DOG núm. 237, do 15 de decembro).

Esta resolución ten por obxecto a regulación do contido, uso, acceso e efectos dos datos almacenados de forma electrónica no expediente persoal electrónico ao cal se accede a través da plataforma da canle de emprego público de Galicia (Fides).

Na Instrución cuarta da Resolución do 5 de decembro de 2023 establécese que os datos do expediente electrónico se empregarán na tramitación dos procesos de selección de persoal, polo que cómpre que as persoas que participaron nos procesos selectivos extraordinarios de estabilización mencionados nesta resolución e que superaron a fase de oposición acheguen a documentación acreditativa dos seus méritos do xeito previsto na Resolución do 5 de decembro de 2023 a través da canle de emprego público de Galicia (Fides).

En cumprimento do disposto anteriormente,e co obxecto de que as persoas aspirantes que superaron a fase de oposición poidan acreditar os méritos con que conten nestes procesos selectivos, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto

Publicar o procedemento que deberán seguir para acreditar os méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, na agrupación profesional de persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, na especialidade que se relaciona no anexo desta resolución, as persoas aspirantes que superaron a fase de oposición do dito proceso, convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022, modificada polas resolucións do 20 de xaneiro de 2023 e do 6 de febreiro de 2023.

De acordo co establecido na base IV.3 da convocatoria, os méritos que se bareman na fase de concurso, enumerados nas súas bases IV.1 e IV.2, deberán referirse á data de publicación da convocatoria no DOG, que foi o 27 de decembro de 2022.

Segundo. Procedemento

1. As persoas aspirantes que teñan que presentar documentación acreditativa dos méritos baremables na fase de concurso a que se refire esta resolución achegarana ao seu expediente persoal electrónico, ao cal accederán a través da canle de emprego público de Galicia (Fides) no enderezo https://fides.xunta.gal, seguindo o procedemento establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023 pola que se ditan instrucións para regular o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico do persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais.

Unha vez que accedan á canle do emprego público de Galicia (Fides), comprobarán os datos que figuran no seu expediente persoal electrónico:

a) No suposto de que as persoas aspirantes estean conformes cos datos consultados, porque os méritos baremables neste proceso nas epígrafes de formación continuada, coñecemento da lingua galega e experiencia profesional externa figuran no estado de «validados» ou estean incluídos correctamente na epígrafe de experiencia profesional interna, non precisarán realizar ningunha actuación.

b) No suposto de que a persoa aspirante non estea conforme cos datos consultados, por non constaren ou seren incompletos, deberá incorporar a información non rexistrada presentando a solicitude de actualización dos méritos xunto coa documentación acreditativa deles, ao abeiro do establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, para que os ditos méritos se poidan valorar neste proceso.

c) As persoas aspirantes que encontren no seu expediente electrónico persoal erros nos seus méritos nos estados de «en trámite», «validado», «duplicado» ou «descartado» ou que non teñan recollido no seu expediente algún período da súa experiencia profesional interna ou figuren erros nela deberán presentar alegacións a través de Fides na epígrafe «Inscrición en procesos selectivos», accedendo ao proceso de estabilización a que se refire esta resolución no cal superou a fase de oposición, na epígrafe «Que podo facer?», «Presentación de alegacións».

2. As persoas aspirantes que non teñan méritos para acreditar non precisarán realizar ningún trámite.

Terceiro. Documentación incompleta

Os méritos que na data de publicación desta resolución se encontren incorporados no expediente electrónico no estado de «acreditación documental incompleta» deberán ser acreditados. Para acreditalos, as persoas aspirantes presentarán toda a documentación que figure incompleta e xustifique a totalidade do mérito rexistrado, do xeito establecido nos puntos 3 e 4 da Instrución oitava da Resolución do 5 de decembro de 2023, isto é, achegando as copias electrónicas auténticas a través de Fides ou, cando non se dispoña de copias electrónicas auténticas, presentando a documentación de maneira presencial, xunto coa solicitude de actualización, en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Cuarto. Prazo

O prazo para presentar a solicitude de actualización de méritos e a documentación acreditativa deles, para formular alegacións ou para emendar o estado de «acreditación documental incompleta», rematará aos dez días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Estado dos méritos para seren baremados

Os méritos reflectidos no expediente electrónico persoal na epígrafe de experiencia profesional interna e os restantes méritos reflectidos neste expediente no estado de «validados» serán os que teña en conta o tribunal na baremación da fase de concurso e sempre referidos á data que se establece no punto primeiro desta resolución.

Os méritos incluídos no expediente electrónico persoal na data de publicación desta resolución no estado de «validados» non se poderán presentar de novo.

Sexto. Presentación e admisión da documentación acreditativa dos méritos

Aquelas persoas que, desde a entrada en vigor da Resolución do 5 de decembro de 2023 e con anterioridade á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, solicitasen, do xeito establecido na Resolución do 5 de decembro de 2023, mediante a achega da documentación correspondente, a validación dalgún mérito previamente rexistrado no expediente persoal electrónico e que se encontre nos estados de «pendente de presentar ou tramitar» ou «en trámite», non terán que presentar novamente a documentación acreditativa de tal/es mérito/s, agás a complementaria que resulte necesaria para a súa actualización.

Non se terán en conta neste proceso outros méritos presentados polas persoas aspirantes distintos dos que figuren no seu expediente persoal electrónico ou que se soliciten no expediente ou acrediten documentalmente con posterioridade ao prazo de dez días establecido no punto cuarto desta resolución.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, non se admitirá, unha vez rematado o prazo de acreditación de méritos establecido nesta resolución e para os efectos da súa valoración neste proceso, ningunha nova documentación acreditativa de méritos, aínda que consten rexistrados na solicitude de actualización ou modificación do expediente persoal. Exceptúase aquela documentación que, xustificándoa documentalmente neste mesmo prazo, fose solicitada pola persoa interesada ao organismo ou entidade competente e non fose recibida no indicado prazo. Neste suposto, admitirase a súa presentación ata o momento da finalización do prazo para a presentación de reclamacións á baremación provisional.

Sétimo. Priorización das solicitudes de actualización

De conformidade co previsto na Instrución décimo segunda da Resolución do 5 de decembro de 2023, dáse prioridade á tramitación das solicitudes de actualización do expediente persoal electrónico que se presenten ao abeiro dos procesos selectivos extraordinarios de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, a que se refire esta resolución, coa finalidade de axilizar a súa resolución.

Oitavo. Recursos

Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso de alzada, ante a persoa titular da consellería competente en materia de función púplica, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións publicas.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2024

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO

Procesos en que se inicia a fase de concurso e se abre o prazo para a
acreditación de méritos dos aspirantes que superaron a fase de oposición

Procesos de persoal funcionario-agrupación profesional (AP):

– Escala de persoal de limpeza e recursos naturais e forestais, especialidade de persoal de limpieza e cociña.