DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 5 de abril de 2024 Páx. 22112

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 25 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 8 de febreiro de 2024, polo que se aproba o acordo acadado o 17 de xaneiro, entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, STAJ, AXG-CUT, UGT, CSIF e CC.OO., para a implantación do réxime extraordinario de acceso aos graos I e II do sistema transitorio extraordinario de recoñecemento da progresión na traxectoria profesional para o persoal ao servizo da Administración de xustiza.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 8 de febreiro de 2024, aprobou o acordo acadado o 17 de xaneiro de 2024, entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, STAJ, AXG-CUT, UGT, CSIF e CC.OO., para a implantación do réxime extraordinario de acceso aos graos I e II do sistema transitorio extraordinario de recoñecemento da progresión na traxectoria profesional do persoal ao servizo da Administración de xustiza e para a súa convocatoria.

Para xeral coñecemento publícase o referido acordo, polo que,

RESOLVO:

Dar publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 8 de febreiro de 2024, que a continuación se transcribe.

Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, STAJ, AXG-CUT, UGT, CSIF e CC.OO. para a implantación do réxime extraordinario de acceso aos graos I e II do sistema transitorio extraordinario de recoñecemento da progresión na traxectoria profesional para o persoal ao servizo da Administración de xustiza,

REUNIDOS:

Pola Xunta de Galicia:

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni Albert.

Polas organizacións sindicais:

SPJ-USO: Julio Bouza Bouza.

STAJ: Enrique Araújo Martínez.

AXG-CUT: Pablo Valeiras Ríos.

UGT: Sergio Riveiros Rico.

CSIF: Áurea Fernández Basanta.

CC.OO.: Jorge Juan Suárez Fernández.

EXPOÑEN:

Este acordo ten por finalidade a convocatoria, con carácter extraordinario, dos graos I e II da traxectoria profesional, e a conseguinte percepción dun complemento adicional aos conceptos retributivos actualmente existentes, para aquel persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza en Galicia non incluído nos anteriores acordos e convocatorias referidas ao ano 2022 por non cumprir os requisitos.

Así, trátase de que o persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia que ingresou en anos pasados e no día de hoxe ten máis de 5 anos de servizo poida acceder tamén á traxectoria profesional. Porén, tamén se lles dá a posibilidade a aquelas persoas que tiñan esa antigüidade pero non cumprían outros requisitos, como a formación, posibilitando que nesta convocatoria lles conten os cursos realizados nos últimos anos.

Tamén se lle dá acceso a aquel persoal con máis de 11 anos de servizo que, polo mesmo motivo, ou por non ter realizado a correspondente solicitude, non tivo oportunidade de acadar o grao II na anterior convocatoria.

Este acordo divídese en dúas seccións e consta de sete artigos, tres cláusulas adicionais e unha disposición derradeira.

A sección primeira, baixo a rúbrica Disposicións xerais, consta de cinco artigos. O artigo 1 regula o obxecto e o artigo 2 o ámbito de aplicación. Os artigos 3 ao 5 regulan os requisitos de acceso, os criterios xerais de avaliación e a súa acreditación.

Na sección segunda regúlase o procedemento, que se realizará a través da Oficina virtual do persoal da Administración de xustiza (OPAX), a que ten acceso todo o persoal que presta servizos na dita Administración nesta comunidade autónoma.

Finalmente, o artigo 7 regula a resolución que, dado o carácter persoal dos datos que contén, se realizará mediante anuncio indicativo no Diario Oficial de Galicia. Lémbrase tamén que as solicitudes estimadas terán efectos económicos do 1 de abril de 2024.

A cláusula adicional primeira establece a comisión de seguimento do acordo.

A cláusula adicional segunda recolle unha disposición en materia de protección de datos.

A disposición derradeira regula a entrada en vigor do presente acordo.

Por todo iso, en virtude do disposto no artigo 38 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e do disposto no artigo 154 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, as partes,

ACORDAN:

Sección primeira. Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Este acordo ten por obxecto regular o procedemento para o acceso extraordinario aos graos I e II do sistema transitorio de traxectoria profesional para o persoal funcionario que non cumpría os requisitos nas convocatorias de 2020 e 2022, e a conseguinte percepción da retribución adicional ao complemento de determinación autonómica (CAT/CE), establecida como retribución complementaria de carácter fixo segundo o correspondente corpo ou escala. Este complemento será adicional aos conceptos retributivos actualmente existentes na estrutura salarial do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza e quedará subsumido na cantidade que estableza o real decreto para a carreira profesional que para este persoal se determine, unha vez aprobada a regulación estatal básica, segundo dispón o artigo 519 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial.

Non obstante, no caso de que o complemento de carreira regulado no real decreto resulte inferior ao establecido neste acordo, o persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia seguirá percibindo as diferenzas retributivas que lle correspondan conforme este último, sen que en ningún caso poida producirse mingua económica ningunha por esta causa.

2. Os graos extraordinarios I e II, en calquera dos corpos, adquiriranse no corpo en que se teña a condición de persoal funcionario (de carreira ou interino) o día 31 de marzo de 2024.

Polo tanto, o tempo de servizos prestados con anterioridade a esa data, sexa cal sexa o vínculo xurídico do/da empregado/a, computarase para os efectos de adquirir o grao no corpo a que efectivamente se pertenza o día 31 de marzo de 2024.

Deste xeito, se se está a desempeñar unha substitución vertical entre titulares, o/a empregado/a público/a adquirirá o grao extraordinario no seu corpo ou escala de pertenza, non no que se desempeñe mediante acordo de substitución entre titulares.

3. En función das dispoñibilidades orzamentarias, o pagamento deste complemento adicional ao complemento de determinación autonómica correspondente aos graos I e II recoñecido producirase de maneira progresiva en 3 anualidades, con efectos económicos do 1 de abril de 2024 e do 1 de xaneiro dos restantes anos, coa distribución que se indica a seguir para todos os corpos:

– En 2024, o 33 %.

– En 2025, o 66 %.

– En 2026, o 100 %.

O persoal interino percibirá o complemento da traxectoria profesional ata o momento do cesamento. De ser nomeado de novo persoal interino nesta Administración, seguirá a cobrar o grao ou graos que tivese recoñecidos.

Artigo 2. Ámbito de aplicación subxectivo

1. Este sistema extraordinario de recoñecemento da traxectoria profesional será aplicable ao persoal funcionario de carreira ou interino ao servizo da Administración de xustiza en Galicia dos seguintes corpos:

– Corpo de medicina forense.

– Corpo de xestión procesual e administrativa (en diante, corpo de xestión).

– Corpo de tramitación procesual e administrativa (en diante, corpo de tramitación).

– Corpo de auxilio xudicial (en diante, corpo de auxilio).

2. Poderá acceder tamén a este réxime extraordinario:

– Persoal funcionario do corpo de xestión que se atope en servizo activo no corpo de letrados/as da Administración de xustiza.

Neste suposto, o recoñecemento soamente terá efectos administrativos, e unha vez que o/a funcionario/a se reincorpore ao seu corpo de orixe, producirá efectos económicos desde a data da devandita reincorporación.

3. Queda excluído do acceso a este réxime extraordinario o persoal que xa tivese recoñecido algún grao da traxectoria profesional na convocatoria de 2022.

Artigo 3. Requisitos de acceso

1. Poderá acceder a este réxime extraordinario o persoal incluído no artigo 2 que cumpra os seguintes requisitos:

I. Grao extraordinario I:

a) Estar en situación de servizo activo na Administración de xustiza en Galicia (ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza).

b) Ter a condición de funcionario/a dalgún dos corpos recollidos no artigo 2.1 deste acordo e contar cunha antigüidade mínima de 5 anos o 31.3.2024.

c) Cumprir un dos criterios xerais de avaliación establecidos no artigo 4 deste acordo o 31.3.2024.

II. Grao extraordinario II:

a) Estar en situación de servizo activo na Administración de xustiza en Galicia (ou en calquera outra situación administrativa que supoña reserva de praza).

b) Posuír, na data de publicación desta convocatoria, o recoñecemento do grao I no mesmo corpo en que corresponda adquirir o grao extraordinario II. Queda excluído o persoal que accedese ao grao I na convocatoria extraordinaria de 2022.

c) Ter a condición de funcionario/a dalgún dos corpos recollidos no artigo 2.1 deste acordo e contar cunha antigüidade mínima de 11 anos o 31.3.2024.

d) Cumprir un dos criterios xerais de avaliación establecidos no artigo 4 deste acordo o 31.3.2024.

2. Os efectos económicos da adquisición dos graos I e II para o persoal funcionario que, cumprindo os requisitos do punto anterior, tomase posesión ou se reincorporase desde unha situación que supoña reserva de praza na comunidade autónoma serán os da data da devandita toma de posesión ou reincorporación.

Artigo 4. Criterios xerais de avaliación

Para acceder a este réxime extraordinario de acceso aos graos I e II do sistema transitorio de traxectoria profesional establécense os seguintes criterios de avaliación, dos que soamente será necesario acreditar un deles para este recoñecemento:

Grao I:

a) Formación continuada:

– Recibida: asistencia e, de ser o caso, superación de cursos organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, a Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), a Academia Galega de Seguridade Pública ou as escolas oficiais de formación do Estado e das restantes comunidades autónomas, así como cursos impartidos polo Servizo Público de Emprego Estatal e cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (AFEDAP) e cursos impartidos por algunha consellería da Xunta de Galicia, ou por algún ministerio da Administración xeral do Estado, universidades ou entes locais (concellos, deputacións provinciais). A suma de todos os cursos debe consistir nun mínimo de 4 créditos/40 horas.

Para estes efectos, tamén serán considerados os cursos da lingua galega (iniciación e perfeccionamento –Celga 4–, medio ou superior de linguaxe administrativa e xurídica galega ou o ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas) homologados polo órgano competente en materia de política lingüística. Os cursos impartidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística considéranse como impartidos por unha consellería da Xunta de Galicia.

Non se valorará a asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares nin as materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica. Tampouco se valoran módulos separados dun determinado curso nin cursos impartidos por entidades distintas ás indicadas no primeiro parágrafo deste punto.

– Impartida: para os/as empregados/as públicos/as que impartisen os devanditos cursos: 10 horas.

b) Realización de todos os cursos de doutoramento (sistema anterior ao Real decreto 185/1985) ou do programa de doutoramento ata o nivel de suficiencia investigadora segundo os reais decretos 185/1985 e 778/1998, ou obtención do diploma de estudos avanzados (DEA)/título de doutor/máster universitario oficial, máster universitario-título propio, experto/a universitario/a, especialista universitario/a.

c) Publicación de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública e, especificamente, no eido da Administración de xustiza.

d) Dous anos de funcións de dirección, subdirección, xefatura de servizo, xefatura de sección ou outros postos singularizados de nivel equivalente das relacións de postos de traballo.

e) Dous anos en situación de excedencia por coidado de fillos e familiares ou nunha situación en que o/a empregado/a público/a, estando exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo: programas de cooperación internacional, membro do goberno ou órganos de goberno das comunidades autónomas, membro das institucións da Unión Europea ou das organizacións internacionais, cargos electivos de representación política, postos ou cargos directivos en organismos ou entidades instrumentais do sector público, dispensas para a realización de funcións sindicais, participación nos órganos constitucionais ou órganos estatutarios das comunidades autónomas e, en xeral, calquera outra situación similar ás anteriores.

f) Nomeamento, e participación na totalidade do proceso, como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos ou de provisión de postos.

Grao II:

a) Formación continuada:

– Recibida: asistencia e, de ser o caso, superación de cursos organizados e impartidos directamente pola Escola Galega de Administración Pública, a Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), a Academia Galega de Seguridade Pública ou as escolas oficiais de formación do Estado e das restantes comunidades autónomas, así como cursos impartidos polo Servizo Público de Emprego Estatal e cursos impartidos no marco do Acordo de formación para o emprego das administracións públicas (AFEDAP) e cursos impartidos por algunha consellería da Xunta de Galicia, ou por algún ministerio da Administración xeral do Estado, universidades ou entes locais (concellos, deputacións provinciais). A suma de todos os cursos debe consistir nun mínimo de 8 créditos/80 horas (40 h a maiores das acreditadas para o recoñecemento do grao I).

Para estes efectos, tamén serán considerados os cursos de iniciación e perfeccionamento (Celga 4), medio ou superior de linguaxe administrativa e xurídica galega ou o ciclo superior dos estudos de galego das escolas oficiais de idiomas, homologados polo órgano competente en materia de política lingüística. Os cursos impartidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística considéranse como impartidos por unha consellería da Xunta de Galicia.

Non se valorará a asistencia a congresos, xornadas, seminarios, simposios e similares nin as materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica. Tampouco se valoran módulos separados dun determinado curso nin cursos impartidos por entidades distintas ás indicadas no primeiro parágrafo deste punto.

– Impartida: para os/as empregados/as públicos/as que impartisen os devanditos cursos: 20 horas (10 h a maiores das acreditadas para o recoñecemento do grao I).

b) Realización de todos os cursos de doutoramento (sistema anterior ao Real decreto 185/1985) ou do programa de doutoramento ata o nivel de suficiencia investigadora segundo os reais decretos 185/1985 e 778/1998, ou obtención do diploma de estudos avanzados (DEA)/título de doutor/máster universitario oficial, máster universitario-título propio, experto/a universitario/a, especialista universitario/a.

c) Publicación de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública e, especificamente, no eido da Administración de xustiza.

d) Dous anos de funcións de dirección, subdirección, xefatura de servizo, xefatura de sección ou outros postos singularizados de nivel equivalente das relacións de postos de traballo.

e) Dous anos en situación de excedencia por coidado de fillos e familiares ou nunha situación en que o/a empregado/a público/a, estando exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo: programas de cooperación internacional, membro do goberno ou órganos de goberno das comunidades autónomas, membro das institucións da Unión Europea ou das organizacións internacionais, cargos electivos de representación política, postos ou cargos directivos en organismos ou entidades instrumentais do sector público, dispensas para a realización de funcións sindicais, participación nos órganos constitucionais ou órganos estatutarios das comunidades autónomas e, en xeral, calquera outra situación similar ás anteriores.

f) Nomeamento, e participación na totalidade do proceso, como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos ou de provisión de postos, excluído o proceso, se for o caso, que fose acreditado para o recoñecemento do grao I.

Artigo 5. Acreditación de méritos

1. Os datos que, de ser o caso, consten no sistema informático de xestión de persoal da Administración de xustiza en Galicia aparecerán precargados no formulario electrónico de solicitude. De non aparecer precargado ningún criterio xeral de avaliación dos establecidos no artigo 4, a persoa solicitante poderá acreditalos achegando a documentación xustificativa que se establece no punto 2 deste artigo no momento da presentación da solicitude.

As persoas que, constando no sistema algún dos criterios xerais de avaliación establecidos no artigo 4, desexen completar a información que figura no seu expediente persoal deberán facelo con posterioridade a este procedemento extraordinario, polos trámites ordinarios de actualización da información do expediente persoal.

2. A forma de acreditación dos criterios de avaliación será a seguinte:

a) Formación.

– Recibida: acreditarase mediante copia auténtica do certificado de asistencia ao curso, no cal deberán constar o organismo ou entidade que o convocou e impartiu a dita actividade formativa, as datas de realización, o contido do curso e número de créditos e/ou horas asignados. Poderase requirir á persoa solicitante a achega do programa formativo. Serán válidos, ademais, aqueles diplomas asinados dixitalmente por certificado dixital emitido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT), así como aqueles que se poidan referenciar a unha web verificable ou cotexable. Noutro suposto, deberá achegarse certificación orixinal asinada polo órgano que impartiu a actividade formativa coas datas de realización, o contido do curso e número de créditos e/ou horas asignados.

Non se valorarán nesta epígrafe os cursos/módulos que sexan parte dunha titulación de formación académica. Tampouco se valoran módulos separados dun determinado curso.

– Impartida: acreditarase mediante certificación do organismo ou entidade convocante, na cal deberá constar o contido da actividade formativa, así como o número de horas de docencia impartidas. Soamente se valorará formación impartida en cursos dirixidos a persoal empregado público.

Noutro suposto non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

b) Formación universitaria de posgrao: acreditarase mediante copia auténtica do título expedido polo Ministerio de Educación e Formación Profesional ou certificación da respectiva universidade, debidamente asinada, que deixe constancia do mérito invocado pola persoa solicitante. No relativo aos cursos de doutoramento, para que o dito mérito poida ser obxecto de valoración, a certificación que se achegue deberá deixar constancia expresa de que a persoa solicitante realizou todos os cursos de doutoramento.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro achegarase, xunto coa copia auténtica do título, unha tradución xurada deste ou equivalente e credencial de recoñecemento ou homologación da titulación expedida polo Ministerio de Educación español.

c) Publicación de traballos científicos e de investigación relacionados coa Administración pública: acreditarase tal mérito mediante certificación ou copia impresa autenticada pola editorial responsable ou organismo público con competencias en xestión e arquivo de publicacións. Na certificación ou copia impresa deberá constar o nome da revista, o título do traballo, o seu autor e a data de publicación.

Libros/capítulos de libro editados en papel: deberá achegarse copia auténtica das follas en que conste o título do libro, o título do capítulo, o autor, a editorial, o seu depósito legal e/ou ISBN/NIPO, o lugar e ano de publicación e o índice da obra. Ademais, deberá quedar acreditado o número de páxinas do libro/capítulo e que tal publicación está avalada por unha institución pública ou académica ou por unha sociedade científica, ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

Libros editados en formato electrónico: acreditarase tal criterio de avaliación mediante certificación ou copia impresa autenticada pola editorial ou organismo público con competencias de xestión e arquivo de publicacións, na cal se fará constar a autoría do capítulo e demais datos bibliográficos básicos que identifiquen a obra e/ou capítulo (autores, data de publicación, edición, ano, URL e data de consulta e acceso). Tal publicación deberá estar avalada por unha institución pública ou académica ou por unha sociedade científica ou realizada por editoriais científicas de recoñecido prestixio.

Noutro suposto, non se entenderá debidamente acreditado tal mérito.

d) Dous anos de funcións de dirección, subdirección ou xefatura de servizo, xefatura de sección ou outros postos singularizados das relacións de postos de traballo: acreditarase este criterio mediante certificación dos servizos prestados en que consten a data de inicio e de fin da prestación dos servizos e as funcións realizadas. No caso de que os servizos prestados sexan en postos singularizados das relacións de postos de traballo da Administración de xustiza en Galicia, o devandito mérito comprobarao de oficio a Administración se así o indica a persoa no formulario electrónico de solicitude.

e) Dous anos en situación de excedencia por coidado de fillos e familiares: acreditarase mediante certificación en que conste a data de inicio e data final desta situación.

Dous anos nunha situación en que o/a empregado/a público/a, estando exento/a de desempeñar as funcións inherentes ao seu nomeamento, desenvolva actividades ou funcións de interese xeral ou público ou de carácter representativo (programas de cooperación internacional, membro do goberno ou órganos de goberno das comunidades autónomas, membro das institucións da Unión Europea ou das organizacións internacionais, cargos electivos de representación política, postos ou cargos directivos en organismos ou entidades instrumentais do sector público, dispensas para a realización de funcións sindicais, participación nos órganos constitucionais ou órganos estatutarios das comunidades autónomas e, en xeral, calquera outra situación similar ás anteriores): acreditarase mediante certificación expedida polo órgano, organismo ou organización en que conste o período de duración e as funcións desenvolvidas.

No caso de excedencias por coidado de fillos e familiares ou de dispensas para a realización de funcións sindicais que tivesen lugar durante a prestación de servizos na Administración de xustiza en Galicia, o devandito mérito comprobarao de oficio a Administración se así o indica a persoa no formulario electrónico de solicitude.

f) Nomeamento e participación na totalidade do proceso como membro dalgún tribunal cualificador de procesos selectivos ou de provisión de postos: acreditarase mediante certificación expedida polo órgano convocante do correspondente proceso de selección ou provisión.

3. Os méritos que se pretendan acreditar deberán ter validez igual ou anterior a:

– 31 de marzo de 2024.

Sección segunda. Procedemento

Artigo 6. Procedemento

1. O persoal solicitante deberá cubrir a súa solicitude a través do formulario electrónico dispoñible na OPAX (Oficina virtual do persoal da Administración de xustiza), no enderezo web http://opax.xunta.es

O acceso á OPAX poderá realizarse cunha das seguintes modalidades de identificación:

a) Se se dispón dun certificado dixital recoñecido (DNI electrónico, tarxeta de identificación de persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia ou outro), poderase acceder con este e a súa correspondente clave.

b) De non disporen dun certificado dixital recoñecido, as persoas solicitantes accederán á OPAX mediante o seu usuario e contrasinal. Para o caso de que o sistema non recoñeza o usuario como válido ou de que este non lembre o seu contrasinal, farase uso da opción habilitada na OPAX para estes efectos.

2. Unha vez realizada a identificación na OPAX, o/a solicitante deberá seleccionar a opción correspondente á «Traxectoria profesional». O sistema informático informará a persoa solicitante se cumpre ou non os requisitos de acceso segundo os datos que figuran neste.

No caso de que o sistema informe de que non se reúnen os requisitos de acceso, a persoa solicitante poderá acreditar que os cumpre, se é o caso, anexando a oportuna documentación acreditativa á propia solicitude.

A persoa solicitante, despois de comprobar que todos os datos son correctos, deberá asinar electronicamente e presentar a solicitude.

Para poder asinar e presentar a solicitude, deberase dispor dun certificado dixital válido ou da tarxeta de identificación do persoal ao servizo da Administración de xustiza en Galicia, regulada mediante a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 12 de setembro de 2011 (DOG núm. 182, do 22 de setembro). Así mesmo, e segundo o establecido no punto 4 do artigo 10 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Oficina virtual do persoal da Administración de xustiza (OPAX) admitiranse as credenciais de acceso dos usuarios como sistema de sinatura para a realización dos trámites indicados, garantindo a acreditación da autenticidade da expresión da vontade e consentimento das persoas interesadas.

En ningún caso, ningunha persoa poderá ter recoñecidos máis de dous graos de traxectoria profesional.

3. O prazo de presentación de solicitudes será:

• Graos I e II:

Todos os corpos: 30 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación deste acordo.

Artigo 7. Resolución

1. Mediante resolución da Dirección Xeral de Xustiza anunciarase no Diario Oficial de Galicia a exposición das resolucións estimatorias e desestimatorias de recoñecemento extraordinario dos graos I e II da traxectoria profesional, segundo corresponda.

Dado que nestas resolucións figuran datos de carácter identificativo, de características persoais, económicos ou de saúde protexidos pola Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, cuxa publicación pode lesionar o dereito constitucional á intimidade dos/das solicitantes, cómpre realizar a publicación coas limitacións e reservas establecidas no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para o coñecemento íntegro do acto, cada persoa solicitante deberá acceder ao seu expediente a través da OPAX (http://opax.xunta.es).

O prazo máximo para a resolución das solicitudes de recoñecemento extraordinario dos graos I e II da traxectoria profesional será de 3 meses, contado desde a presentación da solicitude. De non se ditar resolución no dito prazo, a solicitude entenderase desestimada.

2. Contra a resolución estimatoria ou desestimatoria do recoñecemento extraordinario do grao I ou do grao II da traxectoria profesional, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de reposición ante o director xeral de Xustiza no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente no prazo de dous meses, ambos os dous prazos contados desde o día seguinte ao da data de publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co previsto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Cláusula adicional primeira

Constitúese unha comisión de seguimento coas funcións de vixilancia, interpretación e control do presente acordo, que estará composta por un membro de cada unha das organizacións sindicais asinantes ou adheridas a este e un número igual de persoas por parte da Administración. Presidirá a persoa titular da Dirección Xeral de Xustiza ou persoa en que esta delegue e será secretario/a un/unha funcionario/a público/a con rango de subdirector/a xeral ou xefe/a de servizo, que actuará con voz pero sen voto.

Esta comisión reunirase, cando menos, con periodicidade anual.

Cláusula adicional segunda

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información contida no expediente persoal.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de lle dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados, conforme o descrito na presente norma reguladora, a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/protección-datos-persoais

Cláusula adicional terceira

Aquelas persoas que ao inicio do prazo de presentación de solicitudes non teñan recoñecido ningún grao de traxectoria profesional realizarán a solicitude de recoñecemento do grao I. Se con posterioridade a ese prazo obteñen sentenza xudicial firme de recoñecemento do grao I, poderán solicitar o recoñecemento do grao II no prazo dun mes desde a firmeza da sentenza, sempre que cumpran o resto dos requisitos exixidos. O prazo iniciarase desde a notificación do decreto de declaración da firmeza da sentenza.

En ningún caso, ningunha persoa poderá ter recoñecidos máis de dous graos de traxectoria profesional.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

O presente acordo entrará en vigor o día ao seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2024

José Tronchoni Albert
Director xeral de Xustiza