DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Martes, 9 de abril de 2024 Páx. 22549

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2024 pola que se convoca a II xornada DFIR Galicia de cibercriminalidade.

Como continuación á realización da I xornada DFIR Galicia do pasado ano, e vendo a importancia de darlle continuidade, este mes de abril convócase a II xornada DFIR organizada pola Academia Galega de Seguridade Pública, orientada aos profesionais que forman parte do proceso penal en calquera das súas partes.

A ninguén se lle escapa a necesidade de formarse nun ámbito tan cambiante como a ciberseguridade, nun ano en que a estrela sen ningunha dúbida está a ser a intelixencia artificial en todas as súas facetas, incluíndo a súa capacidade de emprego no mundo do cibercrime. Igualmente, a visión dos actores económicos neste mundo, ás veces tan complexo, é un elemento fundamental para entender moitas das actividades ilícitas que levan a cabo na internet e en redes de comunicacións.

Tamén se deseñou para a tarde desta II xornada unha serie de obradoiros especializados, en que os alumnos guiados por profesores provenientes do mundo académico e profesionais de seguridade, achegarán o coñecemento necesario para profundar en técnicas forenses relacionadas con sistemas operativos, malware ou aplicacións contenerizadas.

Coa realización desta II xornada buscouse a combinación do punto de vista de profesionais de referencia das áreas de intelixencia artificial, métodos de pagamento e criptomoedas, así como o guiado práctico ante determinados problemas na análise forense e as periciais con sistemas informáticos.

Por iso, e dentro das actividades programadas para o ano 2024, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria da II xornada DFIR Galicia de cibercriminalidade, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: II xornada DFIR Galicia de cibercriminalidade.

Tipo: xornada.

Horas lectivas: 8 horas.

Modalidade: presencial.

Data: 25 de abril de 2024.

2. Desenvolvemento.

Persoal destinatario: persoal das forzas e corpos de seguridade, Xudicatura, Ministerio Fiscal e profesionais dedicados á resposta ante incidentes, investigación e/ou análise forense de equipos informáticos e demais persoal interesado.

Prazas ofertadas: sen límite.

Contidos:

1. Intelixencia artificial aplicada ao mundo da ciberseguridade.

2. Intelixencia artificial, regulación.

3. Medios de pagamento.

4. «Bitcoin, blockchain e outros termos».

5. Bases forenses para aplicacións contenerizadas.

6. Análise forense de redes.

7. Análise forense de malware.

8. Introdución á análise forense de sistemas Linux.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.gal

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) É obrigatorio consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil e un correo electrónico co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) Prazo para a presentación de solicitudes.

O prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 22 de abril de 2024.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://agasp.xunta.gal

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, ou do enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

A Agasp publicará diariamente a listaxe de persoas admitidas desde o día 18 de abril de 2024 no sitio web: agasp.xunta.gal

– Obrigas das persoas admitidas.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.agasp@xunta.gal

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen para as cales reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

5. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: sede da Academia Galega de Seguridade Pública.

Datas: 25 de abril de 2024.

Horario: das 9.30 ás 19.30 horas.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado mediante a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 1 de abril de 2024

Santiago Villanueva Álvarez
Director da Academia Galega de Seguridade Pública