DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 11 de abril de 2024 Páx. 22850

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2024, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se establece o modelo normalizado de solicitude de subscrición do convenio especial de prestación de asistencia sanitaria (código de procedemento SA470A).

O artigo 3.3 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde, modificada polo Real decreto lei 7/2018, do 27 de xullo, sobre o acceso universal ao Sistema nacional de saúde, estableceu a posibilidade de que «aquelas persoas que, de acordo co punto 2, non teñan dereito á asistencia sanitaria con cargo a fondos públicos, poderán obter a dita prestación mediante o pagamento da correspondente contraprestación ou cota derivada da subscrición dun convenio especial».

O Real decreto 576/2013, do 26 de xullo, estableceu os requisitos básicos do convenio especial de prestación de asistencia sanitaria a persoas que non teñan a condición de aseguradas nin de beneficiarias do Sistema Nacional de Saúde, e modificou o Real decreto 1192/2012, do 3 de agosto, polo que se regula a condición de asegurado e de beneficiario para efectos da asistencia sanitaria en España, con cargo a fondos públicos, a través do Sistema Nacional de Saúde, establecendo no seu artigo 4 o procedemento para a subscrición do convenio especial de prestación de asistencia sanitaria.

De acordo co disposto no Decreto 136/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, a Secretaría Xeral Técnica é o órgano a que lle corresponde a coordinación das actuacións relacionadas coa planificación, ordenación e aseguramento sanitario. Para tal efecto, a Subdirección Xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento, como unidade tramitadora, levará a cabo, a través do Servizo de Aseguramento Sanitario, a elaboración e a coordinación dos convenios especiais de aseguramento.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer e dar publicidade ao modelo normalizado de solicitude de subscrición do convenio especial de prestación de asistencia sanitaria, previsto no Real decreto 576/2013, do 26 de xullo, polo que se establecen os requisitos básicos do convenio especial de prestación de asistencia sanitaria a persoas que non teñan a condición de aseguradas nin de beneficiarias do Sistema Nacional de Saúde, e se modifica o Real decreto 1192/2012, do 3 de agosto, polo que se regula a condición de asegurado e de beneficiario para efectos da asistencia sanitaria en España, con cargo a fondos públicos, a través do Sistema Nacional de Saúde, que se recolle no anexo I (código de procedemento SA470A).

Artigo 2. Persoas destinatarias

Poderán subscribir o convenio especial de prestación de asistencia sanitaria as persoas físicas que residan en Galicia e que, non tendo a condición de aseguradas nin de beneficiarias do Sistema Nacional de Saúde conforme o disposto nos artigos 3.1 e 3.2 da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde, modificada polo Real decreto lei 7/2018, do 27 de xullo, sobre o acceso universal ao Sistema Nacional de Saúde, reúnan os seguintes requisitos:

a) Acreditar a residencia efectiva en España durante un período continuado mínimo dun ano inmediatamente anterior á data da solicitude do convenio especial de prestación de asistencia sanitaria.

O requisito de residencia efectiva durante un ano en España entenderase cumprido cando se acrediten períodos de residencia no territorio dos demais Estados membros da Unión Europea, do Espazo Económico Europeo, de Suíza ou do Reino Unido.

b) Estar empadroadas, no momento de presentar a solicitude, nalgún municipio da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Non ter acceso a un sistema de protección sanitaria pública por calquera outro título, xa sexa por aplicación da normativa nacional, dos regulamentos comunitarios en materia de seguridade social ou dos convenios bilaterais que na dita materia consten subscritos por España con outros países.

Artigo 3. Prazo de presentación

1. O procedemento SA470A é un procedemento administrativo de prazo aberto e pódese instar o seu inicio desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

2. O procedemento iniciarase sempre por solicitude da persoa interesada ou persoa que a represente, mediante solicitude dirixida á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade.

Artigo 4. Forma de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, si así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 5. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Pasaporte válido e en vigor. No caso dos/das cidadáns/ás comunitarios/as, pódese substituír por outro documento acreditativo da identidade expedido pola Administración do seu país de orixe.

b) Documentación acreditativa do período mínimo de residencia establecido no artigo 2.a).

c) No caso de que a persoa interesada sexa nacional de países en que se aplican os regulamentos comunitarios en materia de seguridade social ou de países cos que España mantén convenios bilaterais de seguridade social, que comprenda as prestacións de asistencia sanitaria, certificado emitido pola institución competente en materia de seguridade social ou de asistencia sanitaria do país de procedencia, acreditativo de que non procede a exportación do dereito á prestación de asistencia sanitaria en España.

d) No caso de que a solicitude non a realice a propia persoa interesada, achegarase a documentación identificadora dos proxenitores (libro de familia ou certificación da filiación expedida por unha autoridade competente), representantes legais, titores ou gardadores, así como o título xurídico habilitante da representación, tutela ou garda.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente no que conste a documentación, se se dispón del.

Artigo 6. Tramitación

A tramitación das solicitudes, de acordo coa normativa vixente, correspóndelle á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, a través da Subdirección Xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento, que revisará a documentación achegada para verificar que se cumpren os requisitos de acordo co estipulado no artigo 3 do Real decreto 576/2013, do 26 de xullo.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á consulta:

a) NIE do solicitante.

b) Certificado de residencia con data de última variación no padrón da persoa solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para facer a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Resolución e sinatura do convenio

1. De acordo coa normativa vixente, a resolución das solicitudes correspóndelle á persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade.

2. O prazo para ditar e notificar a resolución é de 30 días, contados desde o seguinte a aquel en que se reciba a solicitude na Administración pública competente, de conformidade co artigo 4.2 do Real decreto 576/2013, do 26 de xullo. Transcorrido este prazo sen que se ditase e se notificase a correspondente resolución, a solicitude de subscrición do convenio especial entenderase estimada, de conformidade co mesmo artigo.

3. Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada na forma prevista no capítulo II do título V da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. A persoa interesada disporá dun prazo máximo de tres meses para formalizar o convenio, contados a partir do día seguinte a aquel en que teña lugar a notificación da resolución. Transcorrido o devandito prazo sen que se formalizase o convenio especial por causa imputable á persoa interesada, entenderase caducado o procedemento, de conformidade co establecido no artigo 4.3 do Real decreto 576/2013, do 26 de xullo.

5. O convenio especial comezará a ter efectos o mesmo día da súa formalización.

6. Unha vez formalizado o convenio, procederase ao rexistro e alta no Sistema de información poboacional de Galicia, asignándolle o código CIP do Sistema Nacional de Saúde (SNS), e achegaráselle o documento acreditativo de asistencia sanitaria. Mentres non se dispoña deste documento acreditativo, o convenio formalizado servirá para acceder aos servizos sanitarios do Servizo Galego de Saúde nas condicións establecidas.

7. A Subdirección Xeral de Orzamentos xestionará o procedemento de facturación e, con carácter mensual, informará a Subdirección Xeral de Planificación Sanitaria e Aseguramento das extincións do convenio por falta de aboamento das cotas, conforme o previsto no artigo 7 do Real decreto 576/2013, do 26 de xullo.

Artigo 9. Contraprestación económica

1. De acordo co artigo 6 do Real decreto 576/2013, do 26 de xullo, a subscrición do convenio especial de prestación de asistencia sanitaria determinará a obriga de aboar a seguinte contraprestación económica:

a) Se a persoa subscritora ten menos de 65 anos: cota mensual de 60 euros.

b) Se a persoa subscritora ten 65 ou máis anos: cota mensual de 157 euros.

2. As contías da contraprestación económica establecidas no punto anterior revisaranse en función da evolución do custo das prestacións da carteira común básica de servizos asistenciais do Sistema Nacional de Saúde.

3. A liquidación correspondente aos meses en que se inicie ou se extinga o convenio especial de prestación de asistencia sanitaria efectuarase por días.

No caso de que a persoa subscritora cumprise 65 anos de idade durante a vixencia do convenio, a cota quedaría automaticamente actualizada segundo o importe previsto para o novo tramo de idade. A actualización terá efectos dende o primeiro día do mes seguinte a aquel en que se fixesen os 65 anos de idade.

Artigo 10. Ámbito do aseguramento

1. De conformidade co previsto no artigo 2.2 do Real decreto 576/2013, do 26 de xullo, a persoa subscritora do convenio especial terá acceso ás prestacións da carteira común básica de servizos asistenciais do Sistema Nacional de Saúde (SNS), regulada no artigo 8 bis da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema nacional de saúde, coas mesmas garantías de extensión, continuidade asistencial e cobertura de que gozan as persoas que teñen a condición de aseguradas ou de beneficiarias do Sistema nacional de saúde.

2. A carteira común básica do Sistema Nacional de Saúde engloba todas as actividades asistenciais de prevención, diagnóstico, tratamento e rehabilitación que se realicen en centros sanitarios ou socio-sanitarios, así como o transporte sanitario urxente, cubertos de forma completa por financiamento público (artigo 8.bis da Lei 16/2003, do 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde).

3. Quedan excluídas as prestacións da carteira común suplementaria do Sistema Nacional de Saúde (artigo 8.ter da Lei 16/2003, do 28 de maio) e a prestación da carteira común de servizos accesorios (artigo 8.quáter da Lei 16/2003, do 28 de maio).

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na norma reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional única. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderá ser actualizado co fin de mantelo adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación do modelo actualizado na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Efectos

O indicado nesta resolución substitúe e deixa sen efecto as instrucións que contradigan esta resolución, contidas na Instrución 8/2015, do 15 de setembro, sobre o mesmo tema.

Disposición derradeira segunda. Eficacia

Esta resolución producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2024

Natalia Lobato Mosquera
Secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file