DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 12 de abril de 2024 Páx. 23191

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

EXTRACTO da Resolución do 5 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2024, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais (códigos de procedemento MR502B, MR502D, MR502F e MR502G).

BDNS (Identif.): 753804.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:

– Para as liñas 1.1 (código de procedemento MR502B) e 2.1 (código de procedemento MR502F): as comunidades de montes veciñais en man común (en diante, CMVMC) e as pequenas e medianas empresas, incluídas as persoas autónomas, que conten con domicilio social ou cun centro de traballo radicado en Galicia, e as cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan a súa actividade en Galicia.

Para os efectos das axudas de minimis conforme a normativa aplicable, enténdese por empresa calquera entidade que exerza unha actividade económica, con independencia da súa natureza xurídica e da súa forma de financiamento.

Tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño de 2014 (inclúe persoas autónomas que cumpran a condición de empresa); segundo esta definición, son pemes aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros. A Axencia Galega da Industria Forestal fará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme.

As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poder acceder a estas subvencións, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.

– Para as liñas 1.2 (código de procedemento MR502D) e 2.2 (código de procedemento MR502G): as persoas físicas, sexa de xeito individual ou unha pluralidade delas, que residan en Galicia.

No caso de solicitudes presentadas por unha agrupación de persoas físicas, todas as persoas solicitantes quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Ademais, no caso de agrupacións de persoas físicas, deberán facer constar os compromisos de execución asumidos por cada unha das persoas solicitantes, que determinará proporcionalmente o importe da subvención que se aplicará a cada unha delas, que terán, igualmente, a consideración de persoas beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante da agrupación, con poder suficiente para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, corresponden á agrupación, e coa que a Administración efectuará as actuacións no marco do procedemento administrativo.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias:

• Aquelas persoas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

• Aquelas persoas que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de subvencións pola Axencia Galega da Industria Forestal nos últimos 2 anos.

• Aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, punto 18, do Regulamento (UE) núm. 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

As empresas solicitantes deberán declarar na súa solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria. A Axencia Galega da Industria Forestal utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requiriralle ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos para a verificación do requisito.

• As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000,00 euros, e cando as persoas solicitantes sexan suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán achegar na súa solicitude a acreditación do nivel de cumprimento mediante os medios de proba establecidos no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003 e de acordo co anexo XVII-Acreditación do cumprimento dos prazos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

3. Os requisitos para ser beneficiarias deberán cumprirse antes da presentación da solicitude de axudas.

Segundo. Obxecto

1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto contribuír a fomentar o uso da madeira como elemento estrutural mediante as seguintes liñas de apoio:

– Liña 1.1 (código de procedemento MR502B): axudas á redacción de proxectos de construción nova, rehabilitación ou reforma de vivendas en altura, naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

– Liña 1.2 (código de procedemento MR502D): axudas á redacción de proxectos de construción nova, rehabilitación ou reforma de vivendas unifamiliares que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

– Liña 2.1 (código de procedemento MR502F): axudas á utilización de produtos de madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de vivendas en altura, naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

– Liña 2.2 (código de procedemento MR502G): axudas á utilización de produtos de madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de vivendas unifamiliares que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Requisitos das actuacións subvencionables

1. O obxectivo das actuacións deberá estar encadrado nunha das liñas de apoio definidas no artigo anterior.

2. Para que as actuacións teñan a consideración de subvencionables, deberán executarse dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e estar realizadas e efectivamente pagadas durante o período de execución que se establece no punto 4 da convocatoria.

3. En ningún caso o custo dos investimentos elixibles poderá superar o valor de mercado. Para verificar este dato, poderanse realizar comprobacións adicionais sobre o valor de mercado dos bens ou servizos imputados ao proxecto por calquera dos medios previstos no artigo 30.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

4. Configúranse como requisitos específicos de cada unha das liñas de apoio recollidas no artigo 1 os seguintes:

a) Liña 1.1 (código de procedemento MR502B):

– A edificación proxectada deberá estar destinada a un uso residencial colectivo, industrial (incluídos os vinculados á transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais), comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario-asistencial, educativo, cultural ou deportivo, segundo as definicións recollidas no anexo XVI.

– O proxecto deberá incluír unha nova edificación ou a intervención nunha preexistente mediante a súa rehabilitación ou reforma, segundo as definicións recollidas no anexo XVI.

– No caso de uso residencial colectivo, o proxecto deberá incluír unha edificación en altura con madeira, segundo a definición recollida no anexo XVI.

– O proxecto deberá incluír a realización total ou parcial da estrutura empregando produtos de madeira ou derivados da madeira.

– O proxecto deberá estar asinado por un técnico competente e visado polo correspondente colexio profesional, en función da súa natureza.

– O sumatorio dos custos previstos no proxecto e correspondentes aos produtos de madeira ou derivados da madeira e a súa colocación con finalidade estrutural, dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabamentos, excluíndo os das carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores, suporá, cando menos, o 20 % do orzamento de execución material do proxecto.

b) Liña 1.2 (código de procedemento MR502D):

– A edificación proxectada deberá estar destinada a uso residencial unifamiliar, segundo as definicións recollidas no anexo XVI.

– O proxecto deberá incluír unha nova edificación ou a intervención nunha preexistente mediante a súa rehabilitación ou reforma, segundo as definicións recollidas no anexo XVI.

– O proxecto deberá incluír a realización total ou parcial da estrutura empregando produtos de madeira ou derivados da madeira.

– O proxecto deberá estar asinado por un técnico competente e visado polo correspondente colexio profesional, en función da súa natureza.

– O sumatorio dos custos previstos no proxecto e correspondentes aos produtos de madeira ou derivados da madeira e a súa colocación con finalidade estrutural, dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabamentos, excluíndo os das carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores, suporá, cando menos, o 20 % do orzamento de execución material do proxecto.

c) Liña 2.1 (código de procedemento MR502F):

– A obra terá por obxecto a edificación de obra nova, rehabilitación ou reforma de naves e establecementos de negocio para uso residencial colectivo, industrial, comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario-asistencial, educativo, cultural ou deportivo, segundo as definicións recollidas no anexo XVI.

– No caso de uso residencial colectivo, a obra terá por obxecto unha edificación en altura con madeira, segundo a definición recollida no anexo XVI.

– A estrutura da edificación será realizada total ou parcialmente empregando produtos de madeira ou derivados da madeira.

– O sumatorio dos custos correspondentes aos produtos de madeira ou derivados da madeira e a súa colocación con finalidade estrutural dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabamentos, excluíndo os das carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores, suporá, cando menos, o 20 % dos custos de execución material da obra finalizada.

d) Liña 2.2 (código de procedemento MR502G):

– A obra terá por obxecto a edificación de obra nova, rehabilitación ou reforma de vivendas, segundo as definicións recollidas no anexo XVI.

– A estrutura da edificación será realizada total ou parcialmente empregando produtos de madeira ou derivados da madeira.

– O sumatorio dos custos correspondentes aos produtos de madeira ou derivados da madeira e a súa colocación con finalidade estrutural, dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabamentos, excluíndo os das carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores, suporá, cando menos, o 20 % dos custos de execución material da obra finalizada.

Gastos subvencionables.

1. Considéranse subvencionables os gastos que cumpran os requisitos sinalados a seguir:

a) Aqueles que respondan de maneira indubidable á natureza da actividade subvencionada en cada liña, e que resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento da acción para a cal foron concedidos. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Para verificar este dato, poderanse realizar comprobacións adicionais sobre o valor de mercado dos bens ou servizos imputados ao proxecto por calquera dos medios previstos no artigo 30.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

b) Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados dentro do prazo de execución dos proxectos establecido no punto 4 da convocatoria. No caso dos bens e servizos subvencionados adquiridos a terceiros, os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos órganos directivos ou xestores, entendendo esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Salvo que o gasto se iniciase con anterioridade á data de publicación da convocatoria, cando o importe (IVE excluído) dos investimentos para os que se solicita axuda iguale ou supere a contía de 15.000,00 euros para as liñas 1.1 e 1.2, e de 40.000,00 euros para as liñas 2.1 e 2.2, a persoa beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou fornezan, ou salvo que o investimento se iniciase con anterioridade á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse no momento da solicitude, deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa.

d) As ofertas presentadas para cada gasto deberán estar asinadas electronicamente e cumprir os seguintes requisitos:

– Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a realización das actividades incluídas na oferta.

– Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

– Deberán incluír como mínimo o NIF, o nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados.

– Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.

e) A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia, de economía e ambientais, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria esta elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa. En caso contrario, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

No caso de entidades beneficiarias que teñan a condición de poder adxudicador suxeito á normativa de contratación pública, deberán respectar a Lei 9/2017, de contratos do sector público, nos termos que procedan.

2. Configúranse como conceptos de gastos subvencionables para cada unha das liñas de apoio os seguintes:

– Liñas 1.1 e 1.2:

• Custos dos honorarios técnicos de redacción dos proxectos técnicos e proxectos de edificación correspondentes ás actuacións subvencionables. Os proxectos de obras de edificación poderanse redactar nunha única fase ou dividirse en proxecto básico e proxecto de execución.

– Liñas 2.1 e 2.2:

• Custos correspondentes aos produtos de madeira ou derivados da madeira e a súa colocación con finalidade estrutural, dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabamentos, excluíndo os das carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores.

3. Os investimentos tanxibles e/ou intanxibles deberán ser bens novos. No caso de investimentos en activos intanxibles, para seren considerados subvencionables deberán cumprir estas condicións:

1ª. Empregaranse exclusivamente na persoa beneficiaria da axuda.

2ª. Adquiriranse a terceiros en condicións de mercado sen que o adquirente estea en posición de exercer control sobre o vendedor, ou viceversa.

4. Non se considerarán subvencionables en ningunha das liñas:

a) O imposto sobre o valor engadido que sexa recuperable conforme a normativa nacional, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables conforme a normativa nacional, sen prexuízo do establecido para os instrumentos financeiros.

b) Taxas de permisos ou licenzas.

c) Custo do visado colexial.

d) Custos dos honorarios técnicos correspondentes á redacción do anteproxecto, á dirección de execución, á dirección de obra ou á coordinación da seguridade e saúde en fase de execución.

e) Os demais que se recollen no artigo 29.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarto. Importe das axudas

1. As axudas que se outorguen ao abeiro destas bases concederanse en forma de subvención, como unha porcentaxe do custo subvencionable, dentro dos límites de intensidade previstos para cada liña que se indican a seguir:

a) Liñas 1.1 e 1.2:

A intensidade máxima de axuda será do 50 % do gasto subvencionable; porén, esta porcentaxe poderá verse incrementada:

• Nun 10 % se o solicitante asume o compromiso de que o proxecto inclúa a utilización de, cando menos, un produto de madeira ou derivado da madeira procedente de montes galegos xestionados de forma sustentable (PEFC ou FSC) e de que, igualmente, na execución da obra se empregue, cando menos, un produto que reúna estas características; para demostrar a dita orixe e calidade deberá garantir a súa rastrexabilidade mediante o uso da plataforma pública e gratuíta da Xunta de Galicia, denominada Fortra.

• Nun 10 % se o solicitante asume o compromiso de que o proxecto inclúa a utilización de, cando menos, un produto de madeira ou derivado da madeira que dispoña da marca de garantía Pino de Galicia e de que, igualmente, na execución da obra se empregue, cando menos, un produto que reúna estas características.

Estas porcentaxes poderán ser acumulativas ata un 70 % do gasto subvencionable.

O importe máximo da subvención non superará en ningún caso os 35.000,00 euros para a liña 1.1 e os 15.000,00 euros para a liña 1.2.

b) Liña 2.1:

A intensidade máxima de axuda será do 50 %; porén, esta porcentaxe poderá verse incrementada:

• Nun 10 % se se emprega, cando menos, un produto de madeira ou derivado da madeira que proceda de montes galegos xestionados de forma sustentable (PEFC ou FSC); para demostrar a dita orixe e calidade deberá garantir a súa rastrexabilidade mediante o uso da plataforma pública e gratuíta da Xunta de Galicia, denominada Fortra.

• Nun 10 % se se emprega, cando menos, un produto de madeira ou derivado da madeira que dispoña da marca de garantía Pino de Galicia.

Estas porcentaxes poderán ser acumulativas ata un 70 % do gasto subvencionable.

O importe máximo da subvención non superará, de modo xeral, os 20.000,00 euros e a súa contía poderase incrementar ata:

• 30.000,00 euros, cando o solicitante declare responsablemente que os custos correspondentes aos produtos de madeira e a súa colocación con finalidade estrutural e dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabamentos (excluíndo as carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores) suporán, cando menos, o 30 % dos custos de execución da obra finalizada.

• 40.000,00 euros, cando o solicitante declare responsablemente que os custos correspondentes aos produtos de madeira e a súa colocación con finalidade estrutural e dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabamentos (excluíndo as carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores) suporán, cando menos, o 40 % dos custos de execución da obra finalizada.

Adicionalmente, no caso de que a obra realizada teña a consideración de edificación en altura, segundo a definición recollida no anexo XVI, a contía da subvención incrementará a súa contía en 20.000,00 euros por cada planta piso ou alta.

b) Liña 2.2:

A intensidade máxima de axuda será do 50 %; porén, esta porcentaxe poderá verse incrementada:

• Nun 10 % se se emprega, cando menos, un produto de madeira ou derivado da madeira que proceda de montes galegos xestionados de forma sustentable (PEFC ou FSC); para demostrar a dita orixe e calidade deberá garantir a súa rastrexabilidade mediante o uso da plataforma pública e gratuíta da Xunta de Galicia, denominada Fortra.

• Nun 10 % se se emprega, cando menos, un produto de madeira ou derivado da madeira que dispoña da marca de garantía Pino de Galicia.

Estas porcentaxes poderán ser acumulativas ata un 70 % do gasto subvencionable.

O importe máximo da subvención non superará, de modo xeral, os 20.000,00 euros e a súa contía poderase incrementar ata:

• 30.000,00 euros, cando o solicitante declare responsablemente que os custos correspondentes aos produtos de madeira e a súa colocación con finalidade estrutural e dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabamentos (excluíndo as carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores) suporán, cando menos, o 30 % dos custos de execución da obra finalizada.

• 40.000,00 euros, cando o solicitante declare responsablemente que os custos correspondentes aos produtos de madeira e a súa colocación con finalidade estrutural e dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabamentos (excluíndo as carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores) suporán, cando menos, o 40 % dos custos de execución da obra finalizada.

2. En calquera caso, o importe máximo de subvención total acumulada por beneficiario será de 70.000,00 euros para aquelas persoas beneficiarias das liñas 1.1 e 2.1, podendo chegar ata os 120.000,00 euros no caso de edificación en altura con madeira, e de 45.000,00 euros para aquelas persoas beneficiarias das liñas 1.2 e 2.2.

Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución ata o 2 de maio de 2024 ou ata o esgotamento dos fondos asignados, no caso de que se produza con anterioridade a esa data.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2024

Jacobo José Aboal Viñas
Director da Axencia Galega da Industria Forestal