DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 12 de abril de 2024 Páx. 23217

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

EXTRACTO da Resolución do 4 de abril de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2024 (código de procedemento PR775A).

BDNS (Identif.): 753930.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da Resolución do 4 de abril de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2024, cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeira. Obxecto, participantes e réxime xurídico

1. O concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2024 ten por obxecto incentivar a creatividade literaria a través do uso da lingua galega.

2. Está dirixido a nenas galegas e nenos galegos que teñan a súa veciñanza administrativa en calquera dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia e teñan idades comprendidas, en función das dúas categorías previstas, entre os 9 e os 11 anos e os 12 aos 14 anos. A idade estará referida á data de finalización do prazo de presentación dos traballos.

Non poderán acceder a estes premios as persoas participantes cuxos representantes legais se atopen afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Tampouco poderán acceder os fillos e as fillas das persoas integrantes do xurado.

3. A concesión dos premios rexerase por estas bases, pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións.

Segundo. Bases reguladoras

As bases que rexerán serán as contidas na Resolución do 4 de abril de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2024. As bases publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Contía

Existirán en cada categoría tres premios en metálico, cada un deles coa seguinte dotación económica:

Categorías

De 9 a 11 anos

De 12 a 14 anos

1º premio

250 euros

250 euros

2º premio

200 euros

200 euros

3º premio

150 euros

150 euros

Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Outros datos

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderán empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As persoas interesadas que opten pola presentación electrónica deberán utilizar o anexo I e achegar dous arquivos independentes en formato pdf do xeito seguinte:

a) Un arquivo que conteña o texto do conto coas características da base 3ª. Este arquivo nomearase do seguinte modo: CONTO_Título do conto.

b) Un arquivo que conteña copia do libro de familia onde consten os datos de nome/s, apelidos e idade da persoa menor que se presenta ao concurso, así como os datos das respectivas persoas proxenitoras. Este arquivo nomearase do seguinte modo: DATOS PERSOAIS_Título do conto.

No caso de que se opte pola presentación presencial, deberán presentar o anexo I de solicitude e achegar a seguinte documentación:

– Un sobre tamaño folio, pechado, coa seguinte inscrición na parte exterior: Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2024, título do conto e pseudónimo. Dentro do sobre debe incluírse unicamente o conto coas características da base 3ª.

– Copia do libro de familia onde consten os datos de nome/s, apelidos e idade do/da menor que se presenta ao concurso, así como os datos das respectivas persoas proxenitoras.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar a súa achega novamente á persoa interesada.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2024

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública