DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 12 de abril de 2024 Páx. 23464

IV. Oposicións e concursos

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2024 pola que se declara a tramitación de urxencia no proceso selectivo unitario para a provisión, mediante contrato laboral, de postos de auxiliares de policía local (código de procedemento PR461A), convocado mediante a Orde do 12 de marzo de 2024 (Diario Oficial de Galicia número 55, do 18 de marzo).

Mediante a Orde do 12 de marzo de 2024 (DOG núm. 55, do 18 de marzo) convocouse o proceso selectivo unitario para a provisión, mediante contrato laboral temporal, de postos de auxiliares de policía local.

Este proceso atópase regulado na devandita orde e no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos de policía local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local.

O artigo 95 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, sinala que os concellos con aumento notorio de poboación en determinadas tempadas, especialmente no verán, poderán incrementar transitoriamente o seu cadro de persoal mediante a contratación de persoal con función de auxiliar de policía local.

Os auxiliares de policía local desempeñarán as súas funcións de apoio e auxilio aos membros do corpo da Policía Local.

De acordo co establecido no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, cando razóns de interese público o aconsellen, poderase acordar, de oficio, a aplicación da tramitación de urxencia, o que supón reducir á metade os prazos establecidos no procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Ademais, este artigo precisa que non caberá recurso ningún contra o acordo que declare a aplicación da tramitación de urxencia ao procedemento, sen prexuízo do procedente contra a resolución que poña fin ao procedemento.

De acordo coas características propias dos postos que se van contratar, descritas con anterioridade, e a súa necesidade de rematar a selección coa maior brevidade posible e poder garantir así aos concellos que delegaron a súa selección na Xunta de Galicia, tras a sinatura dos convenios preceptivos, a súa contratación para a tempada de verán, constátase que existen razóns fundadas de interese público que aconsellan reducir á metade os prazos establecidos no procedemento ordinario.

Considerando, por tanto, que concorren os requisitos da tramitación de urxencia prevista no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, esta dirección xeral

RESOLVE:

Declarar a urxencia proceso selectivo unitario para a provisión, mediante contrato laboral, de postos de auxiliares de policía local (código de procedemento PR461A), convocado mediante a Orde do 12 de marzo de 2024 (DOG núm. 55, do 18 de marzo) e, por tanto, reducir á metade os prazos establecidos no procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

A Estrada, 4 de abril de 2024

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública