DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Luns, 15 de abril de 2024 Páx. 23701

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 22 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se arquiva o expediente do parque eólico Acevedo e se cancela a garantía económica depositada por Instalaciones Eléctricas de Sanxenxo, S.L.U. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de distribución (expediente IN408A 2018/029).

De conformidade co previsto no artigo 42.4, alíneas a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 22 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se arquiva o expediente do parque eólico Acevedo e se cancela a garantía económica depositada por Instalaciones Eléctricas de Sanxenxo, S.L.U. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de distribución.

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan

A dita Resolución do 22 de marzo de 2024 dispón o seguinte:

1. Aceptar a desistencia da solicitude de autorización administrativa previa e de construción das instalacións do parque eólico Acevedo, sito no concello de Ribadeo (Lugo) e promovido por Instalaciones Eléctricas de Sanxenxo, S.L.U., por mor do informe negativo emitido o 12.2.2024 polo Instituto de Estudos do Territorio, que sería determinante para unha declaración de impacto ambiental desfavorable.

2. Arquivar o expediente do parque eólico Acevedo (expediente IN408A/2018/029).

3. Cancelar a garantía depositada o 2.7.2018, por importe de 80.000 € e número de rexistro 688/2018 para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico Acevedo.

Segundo. Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución

1. O 2 de xullo de 2018, Instalaciones Eléctricas de Sanxenxo, S.L.U. depositou unha garantía económica por importe de 80.000 € e número de rexistro 688/2018, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de distribución do parque eólico Acevedo.

2. O 2 de xullo de 2018, Instalaciones Eléctricas de Sanxenxo, S.L.U. presentou telematicamente, ao abeiro do procedemento IN408A, a solicitude de autorización administrativa de instalacións de produción de enerxía eléctrica para o proxecto denominado parque eólico Acevedo, sito no concello de Ribadeo (Lugo), ao abeiro da Lei 8/2009, a cal foi admitida a trámite pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o 17 de xaneiro de 2019.

3. O 11 de novembro de 2022, Instalaciones Eléctricas de Sanxenxo, S.L.U. presentou nova documentación con cambios na configuración do parque eólico que supuxo unha solicitude de modificación substancial para a autorización de instalacións de produción de enerxía eléctrica e as súas infraestruturas de evacuación para o proxecto denominado parque eólico Acevedo, a cal foi admitida a trámite pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o 3 de maio de 2023.

4. O 19 de xuño de 2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009), en que se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias mínimas de 500 m e 900 m a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial de Galicia respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

5. Por Acordo do 22 de decembro de 2023, a Xefatura Territorial de Lugo someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción e o estudo de impacto ambiental do parque eólico Acevedo, situado no concello de Ribadeo, na provincia de Lugo (expediente IN408A 2018/029). O dito acordo foi publicado no Diario Oficial de Galicia o 3 de xaneiro de 2024 (DOG nº 2).

6. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos: Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Deputación Provincial de Lugo, Barras Eléctricas Galaico Asturianas, S.A. (Begasa), Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Retevisión-Cellnex Telecom, S.A., así como ao Concello de Ribadeo.

7. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio e Sociedade Galega de Historia Natural.

Entre os informes recibidos, o emitido polo Instituto de Estudos do Territorio, do 12.2.2024, conclúe que «O principal impacto paisaxístico deste proxecto será a incidencia visual producida pola introdución, nun ámbito costeiro de gran valor panorámico e paisaxístico, de aeroxeradores que, polo seu tamaño, deseño e cor contrastan de xeito frontal coa paisaxe de acollida, adquirindo un evidente e predominante protagonismo nas vistas panorámicas que quedarían, en consecuencia, transformadas de forma irreversible durante o período de tempo que estean instalados, sen que tales efectos poidan mitigarse con ningún tipo de medida correctora, polo que para os efectos do disposto no artigo 33.1.d) do Regulamento da Lei de protección da paisaxe de Galicia, pode resultar crítico». O 12.2.2024 remitiuse este informe ao promotor.

8. O 19.3.2024, Instalaciones Eléctricas de Sanxenxo, S.L.U. presentou ante esta dirección xeral a desistencia do expediente administrativo IN408A/2018/029 asociado ao proxecto do parque eólico Acevedo, ante a imposibilidade de continuar coa súa tramitación e construción como consecuencia do informe do Instituto de Estudos do Territorio mencionado no antecedente de feito sétimo, e solicitou, así mesmo, a cancelación e devolución da garantía co número de rexistro 688/2018, por valor de 80.000 euros, mencionada no antecedente de feito primeiro.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais