DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Martes, 16 de abril de 2024 Páx. 23932

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2024 pola que se notifican as resolucións de denegación da subvención do Programa de bono alugueiro mocidade por esgotamento do crédito orzamentario dispoñible na Resolución do 27 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de bono alugueiro mocidade e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2022 (código de procedemento VI482E).

No Boletín Oficial del Estado núm. 16, do 19 de xaneiro de 2022, publicouse o Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regulan o bono alugueiro á mocidade e o Plan estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 (en diante, PEAV 2022-2025). No capítulo III do título II deste real decreto regúlase un programa de axuda ao alugueiro de vivendas, o cal ten por obxecto facilitar o desfrute dunha vivenda en réxime de alugueiro a sectores de poboación con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas arrendatarias.

En relación coa xestión das axudas deste plan, o artigo 21 do citado Real decreto 42/2022 establece que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e as comunidades autónomas e cidades de Ceuta e Melilla subscribirán convenios para a execución do plan. Así mesmo, asigna aos órganos competentes das comunidades autónomas e cidades de Ceuta e Melilla a competencia para a tramitación e resolución dos procedementos de concesión e pagamento das axudas do plan, así como a xestión do aboamento das subvencións unha vez que as ditas administracións recoñecesen o dereito das persoas beneficiarias a obtelas dentro das condicións e límites establecidos neste título para cada programa, e segundo o que se acorde nos correspondentes convenios.

De acordo con este marco normativo, no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 124, do 30 de xuño de 2022, publicouse a Resolución do 27 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de bono alugueiro mocidade e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2022 (código de procedemento VI482E).

A Resolución do 27 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de bono alugueiro mocidade, no ordinal primeiro, punto 3, dispón que a concesión das axudas recollidas nesta resolución se tramitará polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O ordinal terceiro da citada resolución establece que en todo o non recollido nesta resolución se aplicará o disposto no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regulan o bono alugueiro mocidade e o PEAV 2022-2025; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O ordinal cuarto da devandita resolución habilita a persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión destas axudas.

O ordinal décimo quinto da Resolución do 27 de xuño de 2022 establece que a instrución do procedemento é competencia da Dirección Técnica de Fomento do IGVS e que corresponde á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver as solicitudes das axudas.

No ordinal décimo sexto, punto 4, da citada resolución establécese que, unha vez completado o expediente e feitas as comprobacións oportunas, a persoa titular da Dirección Técnica de Fomento do IGVS elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS quen, á vista delas e tendo en conta o límite orzamentario establecido para cada convocatoria, resolverá o que en dereito proceda.

O ordinal décimo noveno, punto 2, das citadas bases reguladoras establece que serán denegadas aquelas solicitudes que non dispoñan de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución. Para estes efectos, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes no rexistro electrónico da Xunta de Galicia. Para tal fin, considerarase data de presentación aquela en que a solicitude estea validamente cuberta e acompañada da totalidade dos documentos exixidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.

O 3 de xaneiro de 2024 a directora técnica de Fomento do IGVS certifica a data e hora en que se esgotou o crédito da convocatoria para 2022 das subvencións do Programa de bono alugueiro mocidade (código de procedemento VI482E).

O 15 de marzo de 2024 o director xeral do IGVS, por proposta da directora técnica de Fomento do IGVS, ditou as resolucións polas que se denega a subvención do Programa de bono alugueiro mocidade, con financiamento plurianual, para o ano 2022, código de procedemento VI482E, a todas aquelas solicitudes presentadas ou emendadas con posterioridade ao esgotamento do crédito orzado para esta convocatoria e non dispoñer, polo tanto, de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución.

Polo exposto, de conformidade co establecido nos ordinais cuarto, décimo quinto, décimo sexto e décimo noveno da Resolución do 27 de xuño de 2022, e ao abeiro do establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, considerando o elevado volume de solicitudes presentadas nesta convocatoria de subvencións e atendendo ás razóns de interese público apreciadas,

RESOLVO:

Publicar as listaxes das persoas ás cales se lles denega a subvención do Programa de bono alugueiro mocidade, con financiamento plurianual, para o ano 2022, código de procedemento VI482E, por estaren as súas solicitudes presentadas ou emendadas con posterioridade ao esgotamento do crédito orzado para esta convocatoria e non dispoñer de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución.

As citadas listaxes poderán consultarse na páxina web https://igvs.xunta.gal/consultas_axudas

De acordo co previsto no artigo 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no punto 4 do ordinal décimo sétimo da Resolución do 27 de xuño de 2022, as persoas interesadas poderán interpoñer contra esta resolución de denegación da subvención solicitada, que non pon fin á vía administrativa, recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2024

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo