DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Mércores, 17 de abril de 2024 Páx. 24047

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

RESOLUCIÓN do 8 de abril de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Conecta con Galicia, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR930A).

O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñécelles ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, define a galeguidade como o dereito das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia a colaboraren e a compartiren a vida social e cultural do pobo galego, tal e como sinala o artigo 7.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En aplicación desta, procede establecer o marco normativo ao cal deberá axustarse o procedemento de concesión de subvencións que posibiliten ás entidades e persoas galegas establecidas noutras comunidades autónomas ou no exterior a realización de programas de actividades que lles sexan propios e, sinaladamente, nas áreas formativas, culturais e de mocidade.

Segundo o establecido no artigo 27 do Decreto 108/2022, do 16 de xuño, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia (DOG núm. 117, do 20 de xuño), a Secretaría Xeral da Emigración é o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, as relacións coas comunidades galegas no exterior, as políticas de emigración e retorno en Galicia e a representación e participación nos órganos e foros relacionados con elas que lle encomende a persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia. E a súa disposición adicional primeira desconcentra na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases, a convocatoria e as resolucións en materia de axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Secretaría Xeral da Emigración ten como un dos seus obxectivos promover a promoción e o desenvolvemento de actividades culturais e de tempo libre dirixidas á xuventude galega do exterior para reforzar os seus vínculos con Galicia, así como o fomento da participación deste nos programas e servizos que ao seu favor organice a Xunta de Galicia e, para acadar esta finalidade, cóntase coa colaboración da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Para realizar todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración dispón de distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas correspondentes ao programa Conecta con Galicia para o ano 2024, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares (código de procedemento PR930A).

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócase este programa para o ano 2024.

3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Número de prazas convocadas e características do programa

1. Convócanse 50 prazas para mozos e mozas residentes no estranxeiro, con idades comprendidas entre os 16 e os 17 anos, para participar nun campamento xuvenil, do 15 ao 29 de xullo, no albergue Gandarío en Bergondo (A Coruña), dependente da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social e Xuventude.

No anexo I detállase a distribución de prazas, prevista en función das áreas de residencia das persoas solicitantes e das modalidades de financiamento.

2. O programa comprende actividades deportivas e socioculturais e subdivídese en dúas fases diferenciadas, «O mar de Galicia» e «Cultura e Camiño», que se desenvolven consecutivamente. O aloxamento será no mesmo albergue xuvenil.

1ª. «O mar de Galicia»: desenvólvese do día 15 ao 24 de xullo, durante os cales se realizarán actividades recreativas e deportivas relacionadas co mar, a náutica e coñecemento do medio mariño, xunto con mozos e mozas residentes en Galicia.

2ª. «Cultura e Camiño»: desenvólvese os últimos días. Esta parte do programa está destinada unicamente aos participantes da Galicia exterior e as actividades que se realicen están orientadas a facilitarlles o contacto coa realidade da Galicia territorial actual e o encontro cos seus familiares: coñecerán o patrimonio cultural da zona da contorna, percorrerán algunha etapa do Camiño de Santiago e visitarán empresas punteiras de Galicia, ademais de dispor dun tempo para que as familias dos participantes que o desexen poidan estar con eles e para reunirse con persoal da Secretaría Xeral da Emigración.

Unha vez finalizado o programa, as persoas participantes que así o manifesten na solicitude poderán prorrogar a súa estancia en Galicia durante un período aproximado de 15 días máis contados desde o día 29 de xullo.

Con carácter previo á realización da viaxe a Galicia, os mozos e mozas seleccionados/as asistirán ás sesións informativas que se realicen nos seus países de residencia, especificamente encamiñadas ao coñecemento da realidade galega en xeral e das actividades que se van desenvolver no programa en particular. Tamén serán informados/as das súas obrigas respecto do cumprimento do réxime interno das residencias ou albergues en que que serán aloxados/as.

3. Co fin de lograr a efectiva difusión deste programa para vindeiras convocatorias e co obxectivo de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade (artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno), recolleranse experiencias e mesmo imaxes das instalacións e das persoas participantes que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais, publicacións e tamén divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como na páxina web https://emigracion.xunta.gal/

Para estes efectos, a presentación da solicitude de participación implica a autorización para a publicación destas imaxes, que serán incorporadas ao ficheiro «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co tratamento previsto na normativa de aplicación.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán optar a este programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter unha idade comprendida entre os 16 e os 17 anos durante todo o programa, isto é, deberán ter feitos 16 anos ao inicio do campamento e non poderán cumprir 18 antes do 29 de xullo.

b) Non ter participado en edicións anteriores deste programa.

c) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega.

d) Ter a nacionalidade española.

e) Ter a súa residencia habitual no estranxeiro.

f) Atoparse vinculadas con calquera concello galego no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE), cunha antigüidade mínima de 12 meses contados desde o día de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

g) Saber nadar.

h) Non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.

i) Carecer de discapacidades que lle impidan realizar a viaxe e participar con normalidade nas actividades do programa.

2. Ademais, no caso de optar ás prazas con financiamento do 100 %, o importe total dos ingresos e rendas que perciban todos os membros da unidade familiar do solicitante, non poderá superar o límite da cantidade que resulte do dobre da base de cálculo da prestación por razón de necesidade aprobada no ano 2024 para o país de residencia ou, no caso de residir en Europa, do salario mínimo interprofesional no país de residencia para o ano desta convocatoria, multiplicado polo número de persoas que convivan menos unha.

As persoas interesadas que entendan que os ingresos da unidade familiar do solicitante supere ese tope deberán optar por unha das prazas ofertadas na modalidade de copagamento conforme o especificado no anexo I desta convocatoria, e aboar, no prazo dos dez (10) días seguintes a publicación da resolución de adxudicación das axudas, a cantidade de 800 €, se residen en América, ou de 250 € se residen en Europa, en concepto de custos de viaxe.

Para eses efectos, terán a consideración de rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria e/ou a súa unidade económica familiar, derivadas tanto do traballo como do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles. E considerarase como unidade familiar aquela que estea integrada pola persoa solicitante, o seu pai ou a súa nai ou, se é o caso, o cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade de aquel/a, e demais parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao que convivan con ela.

Artigo 4. Financiamento, gastos subvencionables e compatibilidade

1. Financiamento:

As axudas do programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización de gasto. Os servizos que se prestan ás persoas participantes nesta convocatoria serán obxecto de licitación, de acordo coa normativa de contratos do sector público.

2. Gastos subvencionables:

– A Secretaría Xeral da Emigración fase cargo da organización da viaxe, dos traslados en avión das persoas participantes mediante o financiamento do custo dos billetes de ida e volta segundo o establecido no anexo I, do desenvolvemento das actividades correspondentes á segunda parte do programa, «Cultura e Camiño», e do transporte daquelas beneficiarias que realicen un retorno inmediato, desde o albergue ata o aeroporto de saída. Todos os gastos das persoas que opten por regresar quince (15) días despois do remate das actividades do programa correrán pola súa conta.

As viaxes en avión desde o país de residencia e de volta a este serán, en todo caso, con destino e orixe nun aeroporto de Galicia.

– A Consellería de Política Social e Xuventude colabora na execución deste programa poñendo á disposición das persoas beneficiarias os servizos de aloxamento e manutención en réxime de pensión completa, no albergue xuvenil asignado, os servizos aparellados ás actividades da primeira parte do programa e o material necesario para o seu desenvolvemento.

3. Compatibilidade:

As axudas outorgadas ao abeiro desta resolución son compatibles con calquera outra axuda que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vaia levar a cabo a persoa beneficiaria.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Cada persoa que pretenda participar só poderá presentar unha solicitude e nela fará constar os seus datos. A solicitude debe estar asinada por unha persoa na súa representación, que será a súa nai, pai ou titor/a.

A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 18 da Lei reguladora do procedemento administrativo común (LPACAP), entre os que se contan os rexistros das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e das oficinas consulares de España no estranxeiro.

As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto, para a presentación electrónica das súas solicitudes:

• No Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

– Asociación Cultural Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago en Salvador de Bahía.

• En Venezuela:

– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá que a persoa participante autorice a persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude por vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

De acordo co artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación da persoa solicitante:

a) Documentación acreditativa do seu nacemento en Galicia ou da ascendencia galega que inclúa a documentación acreditativa do parentesco, cando proceda.

b) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade: documento de identidade do país de residencia e pasaporte español ou outro documento en que consten os datos persoais e a nacionalidade, ademais do libro de familia ou documentación equivalente.

c) Certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento oficial xustificativo que acredite a residencia continuada no exterior, en que conste a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular.

d) Unha fotografía recente tamaño carné.

e) Un informe médico, conforme o modelo oficial que figura como anexo III, de non padecer enfermidade infecto-contaxiosa nin ter discapacidades que lles impidan participar con normalidade en actividades recreativas e deportivas.

f) Para as persoas participantes que opten polas prazas financiadas ao 100 %: xustificantes acreditativo das tres últimas nóminas ou certificación de ingresos realizada por contador público e validada pola entidade profesional correspondente, e acreditación do resto de ingresos brutos, así como das rendas ou pensións de calquera natureza que perciban as persoas integrantes da unidade económica familiar. No caso de que no perciban ingresos, unha declaración responsable que o faga constar.

g) A autorización expresa asinada polos pais ou titores legais para viaxar soas, asistir á actividade, así como, de ser o caso, para quedarse coa súa familia en Galicia ao remataren a actividade, indicando os datos da persoa responsable que se fará cargo da participante, conforme o modelo que figura como anexo IV.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada, o cotexo das copias pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante

b) Datos do padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE), para acreditar que a persoa participante se atopa vinculada cun concello galego no último día do prazo de presentación das solicitudes.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Comisión Avaliadora

1. Os expedientes de solicitude serán avaliados por un órgano colexiado integrado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración, o cal emitirá o informe en que concrete o resultado da avaliación, que elevará ao órgano instrutor para que formule a correspondente proposta de resolución.

A devandita Comisión Avaliadora poderá contar coa asistencia doutros órganos colexiados que se constitúan, por petición da Secretaría Xeral da Emigración, nas delegacións da Xunta de Galicia en Arxentina e Uruguai para avaliar as solicitudes presentadas neses países. De ser o caso, esas comisións serán presididas polas persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo, respectivamente, que nomearán o resto dos seus compoñentes entre o persoal que traballe nelas.

2. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o considera, poderá encargar informes que comproben a veracidade dos datos achegados nas solicitudes e que deberán realizar profesionais titulados. Os resultados obtidos serán tidos en conta na avaliación das solicitudes e, se é o caso, darán lugar ao rexeitamento da solicitude.

3. O funcionamento da Comisión de Valoración rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I, título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 11. Criterios de valoración

1. Para a selección dos solicitantes atenderase aos seguintes criterios de prelación:

– En primeiro lugar, serán seleccionadas aquelas persoas que nacesen en Galicia; despois, as que sexan fillos ou fillas de emigrantes galegas; e, de quedaren prazas vacantes, serán seleccionados os netos e netas destas persoas e así, sucesivamente, ata o terceiro grao de descendentes de persoas emigrantes galegas.

– E dentro de cada grao de parentesco, terán preferencia as persoas solicitantes de maior idade. De ter a mesma idade, o empate resolverase pola orde alfabética do primeiro apelido a partir da letra «H», que é a resultante do sorteo que tivo lugar o día 31 de xaneiro deste ano, en cumprimento do disposto no artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e da Resolución do 18 de xaneiro da Consellería de Facenda e Administración Pública (DOG núm. 19, do 26 de xaneiro).

2. As prazas que queden vacantes á vista da relación do punto anterior poderán ser distribuídas pola Secretaría Xeral da Emigración entre as solicitudes doutros países, comezando por aqueles que teñan un maior número de solicitudes admitidas. O número de prazas obxecto de redistribución non poderá superar o 25 % do total.

Artigo 12. Ordenación e instrución

1. A ordenación e instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais, sendo o órgano instrutor a persoa titular desta.

2. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e comprobado que estas reúnen os requisitos establecidos nesta resolución, elaboraranse listas provisionais de solicitudes admitidas e excluídas por países indicando, de ser o caso, a documentación para requirir ou a causa de exclusión. Estas listas serán publicadas no prazo máximo de cincuenta (50) días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal), e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 5.2.

3. As persoas interesadas disporán dun prazo de dez (10) días, contados desde o día seguinte ao da publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración das listas provisionais (https://emigracion.xunta.gal), para formular as alegacións ou achegar os documentos para emendar a solicitude. Transcorrido ese prazo sen que se emenden, considerarase desistida da súa petición e procederase ao arquivamento do seu expediente nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

4. Transcorrido este prazo, vistas as solicitudes presentadas e a documentación posteriormente incorporada aos expedientes, e de conformidade co disposto nesta resolución, a Comisión Avaliadora prevista no artigo 10 emitirá o seu informe, tras o cal elaboraranse as listas definitivas de solicitudes admitidas e excluídas, por países e modalidade de pagamento, segundo a orde de selección, que se publicarán na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal) e tamén estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 5.2.

Esas listas estarán expostas durante un período de sete (7) días, durante o cal as persoas solicitantes admitidas podan presentar as alegacións que consideren oportunas, modificar a data de preferencia para o regreso ou desistir da súa solicitude, de ser o caso.

5. Con posterioridade, unha vez examinadas as alegacións, de ser o caso, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución, debidamente motivada, que elevará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 13. Resolución

1. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, vista a proposta de resolución do órgano instrutor, ditará a resolución deste procedemento.

A seguir, publicarase o texto íntegro desta, coa relación das persoas excluídas e beneficiarias, por países, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal), que tamén será remitida para a súa publicación nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 5.2. Esta publicación poderá producir os efectos da notificación de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As persoas participantes admitidas e que non sexan seleccionadas pasarán a unha lista de reservas na orde resultante da aplicación dos criterios de selección anteriormente expostos.

A partir desa data, non será admisible ningún outro cambio, agás causas de forza maior ou debidamente xustificadas e autorizadas exclusivamente pola Secretaría Xeral da Emigración.

2. No caso de que con posterioridade á resolución, por renuncias ou outras circunstancias que imposibiliten a viaxe, quedasen prazas sen cubrir, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá resolver, nas condicións que considere oportunas, para non prexudicar o desenvolvemento normal do programa, a adxudicación das prazas vacantes ás persoas solicitantes seguintes que figuren nas listas de reserva, ás cales lles serán notificadas segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Este programa de axudas queda condicionado á programación que para este tipo de actividades elabore a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social e Xuventude.

3. O prazo máximo para resolver será de tres (3) meses contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se diten as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias, seguimento e control

1. A presentación da solicitude para participar neste programa supón o compromiso de aceptar que a Secretaría Xeral da Emigración efectúe as actuacións que crea necesarias para comprobar os requisitos exixidos nesta convocatoria e demais normas vixentes que resulten de aplicación, asegurar o cumprimento do contido e das condicións do programa, no caso de concesión. Para ese fin, as persoas beneficiarias das axudas comprométense a prestar toda a colaboración que lles sexa requirida.

Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

2. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, e a Secretaría Xeral da Emigración poderá adoptar a resolución de modificación ou revogación da concesión que corresponda.

3. No suposto de que as persoas beneficiarias presenten a baixa ou renuncia ao programa, deberán comunicalo por escrito á Secretaría Xeral da Emigración, cunha antelación de quince (15) días antes da viaxe, a causa da renuncia. De non ser así, poderán ser penalizadas con non ser beneficiarias de edicións futuras do programa e, no caso de ter aboada a cantidade correspondente, non poderán recuperala.

4. Por outra parte, os/as mozos/as adxudicatarios/as das prazas quedan obrigadas a:

a) Incorporarse á actividade e regresar polos medios e os prazos establecidos.

b) Non abandonar a actividade sen o permiso da persoa responsable. En todo caso, o abandono da actividade antes da súa finalización requirirá a autorización expresa por escrito das persoas proxenitoras ou titoras ou aquelas en quen deleguen, e será responsabilidade delas o traslado para o regreso ao seu domicilio e os gastos que por tal causa ocasionen.

c) Respectar as normas de réxime interno dos lugares de aloxamento, así como todas aquelas que se lles dean no transcurso das actividades, nas cales, en todo caso, terán a obriga de participar, e en xeral as establecidas pola lexislación vixente na materia. Non cumprir estas normas poderá ter como consecuencia, logo de trámite de audiencia, a expulsión do programa e o regreso ao seu país de orixe no primeiro voo dispoñible.

5. Nos supostos en que se declare a procedencia do reintegro, considerarase como cantidade recibida, que haberá que reintegrar, o importe dos billetes pagados pola Secretaría Xeral da Emigración xunto cos correspondentes xuros de demora de acordo co establecido no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 17. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional única. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2024

Pola Secretaría Xeral da Emigración
P.S. (Decreto 108/2022, do 16 de xuño)
María Lorena Antelo Romero
Subdirectora xeral de Coordinación Administrativa,
Económica e de Programas Sociais

ANEXO I

Programa Conecta con Galicia 2024

País de residencia

Número de prazas

Financiamento

Axuda 100 %

Pagamento solicitantes:

- 800 € América

- 250 € Europa

Arxentina

16

8

8

Brasil

6

3

3

Uruguai

8

4

4

Resto de América

6

3

3

Resto de Europa

14

7

7

Total

50

25

25

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file