DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Venres, 19 de abril de 2024 Páx. 24668

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

DECRETO 46/2024, do 4 de abril, polo que se declara de utilidade pública e interese social o polígono agroforestal de iniciativa pública de Carballedo–A Peroxa, nos concellos de Carballedo (Lugo) e A Peroxa (Ourense).

Mediante o Acordo do 21 de marzo de 2024, da Presidencia da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, iniciouse o procedemento de aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa pública de Carballedo-A Peroxa, nos concellos de Carballedo (Lugo) e A Peroxa (Ourense). O polígono agroforestal de Carballedo-A Peroxa está nos supostos de zonas preferentes para os polígonos de iniciativa pública regulados no artigo 70, que de acordo co artigo 83.3 habilita a persoa titular da consellería competente en materia de medio rural para elevar ao Consello da Xunta de Galicia a declaración de utilidade pública e interese social do polígono agroforestal inmediatamente despois da aprobación do acordo de inicio.

A persoa titular da Dirección Xeral da Axencia formulou a proposta prevista nos artigos 83.3 e 85.1 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Na súa virtude, elévase por proposta da persoa titular da Consellería do Medio Rural, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de abril de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Declaración de utilidade pública e interese social

Declarar de utilidade pública e interese social o polígono agroforestal de iniciativa pública de Carballedo-A Peroxa, nos concellos de Carballedo (Lugo) e A Peroxa (Ourense).

Artigo 2. Delimitación do perímetro do polígono agroforestal

O perímetro do polígono agroforestal é o que figura no documento emitido e asinado o 13.3.2024 pola subdirectora de Mobilidade de Terras, sen prexuízo da súa posible modificación segundo o disposto no artigo 85.2.a) da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Artigo 3. Autorizacións

Autorizar a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a redacción do proxecto básico do polígono agroforestal co contido previsto no artigo 86 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Autorizar a consellería con competencias en medio rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, para a execución dos procedementos de investigación da titularidade na forma prevista nos artigos 90 e 19 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Autorizar o órgano territorial competente en materia de medio rural onde radiquen os predios e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a execución dos procedementos de declaración de abandono da forma establecida no título IV, capítulo I, da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Autorizar a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para a execución dos procedementos de reestruturación da propiedade na forma prevista no artigo 93 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Artigo 4. Interese público

A declaración de utilidade pública e interese social implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para os efectos da aplicación da tramitación de urxencia ao procedemento e aos informes ambientais e sectoriais polos órganos autonómicos e da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o establecido polos artigos 83.4 e 85.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Artigo 5. Permutas de especial interese agrario

A declaración de utilidade pública e interese social implica darlles o carácter de especial interese agrario ás permutas de predios que se leven a cabo no polígono agroforestal, conforme o establecido polo artigo 62.3 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.

Disposición derradeira única. Eficacia

Este decreto producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de abril de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural