DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Luns, 22 de abril de 2024 Páx. 24894

III. Outras disposicións

Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 12 de abril de 2024 pola que se declara de utilidade pública a Asociación Diversidades Acolle.

A Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, recoñece a importancia do fenómeno asociativo como instrumento de integración, participación e representación dos lexítimos intereses dos cidadáns, e con este obxecto inclúe unha serie de medidas para facilitar o desenvolvemento das asociacións. Entre estas medidas de fomento recóllese a posibilidade de que as entidades asociativas sen fins de lucro poidan ser declaradas de utilidade pública.

En concreto, o artigo 32 da citada Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, sinala que, por iniciativa das correspondentes asociacións, poderán ser declaradas de utilidade pública aquelas nas cales concorran determinados requisitos que, en esencia, consisten en que os fins estatutarios promovan o interese xeral, que a súa actividade non beneficie exclusivamente os asociados, que os membros dos órganos de representación que perciban retribucións non o fagan con cargo a fondos ou subvencións públicas, que conten con medios persoais e materiais axeitados e cunha organización adecuada para o cumprimento dos seus fins estatutarios e, finalmente, que se atopen constituídas, inscritas no Rexistro, en funcionamento e dando cumprimento efectivo aos seus fins estatutarios durante os dous anos inmediatamente anteriores á presentación da solicitude.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o Decreto 157/2008, do 10 de xullo, sobre a asunción de funcións da Administración do Estado traspasadas á Comunidade Autónoma de Galicia mediante o Real decreto 1080/2008, do 30 de xuño, en materia de declaración de utilidade pública de asociacións e aplicación dos beneficios fiscais, e sobre a súa asignación á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (actual Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes), establece que para resolver o procedemento de declaración de utilidade pública será competente a persoa titular da citada consellería, logo da instrución do procedemento polo órgano que resulte habilitado por razón do rexistro en que estea inscrita a asociación solicitante.

En aplicación desta normativa, e logo de que a entidade interesada solicitase a declaración de utilidade pública, a Secretaría Xeral Técnica instruíu o correspondente procedemento administrativo, seguindo as prescricións contidas no Real decreto 1740/2003, do 19 de decembro, sobre procedementos relativos a asociacións de utilidade pública.

Constan, no dito expediente, as contas anuais e a memoria de actividades, e os demais documentos de obrigada achega pola asociación interesada, así como os informes dos departamentos e organismos competentes e, sinaladamente, o preceptivo informe do Ministerio de Facenda.

Logo do exame da normativa aplicable e da documentación que figura no expediente, ponse de manifesto que a entidade solicitante reúne os requisitos necesarios para obter a declaración de utilidade pública.

Na súa virtude, e ao abeiro das facultades previstas no Decreto 157/2008, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Declarar de utilidade pública a Asociación Diversidades Acolle, inscrita no Rexistro Central de Asociacións co número 2013/17277-1ª.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con carácter previo, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou esta orde, no prazo dun mes, segundo establecen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024

Diego Calvo Pouso
Vicepresidente primeiro e conselleiro
de Presidencia, Xustiza e Deportes