DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Venres, 26 de abril de 2024 Páx. 26182

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2024 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas Grandes Empresas en Foexga 2024, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG423A).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa reunión do día 10 de abril de 2024, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas Grandes Empresas en Foexga 2024 e facultou a persoa titular da Dirección Xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras das axudas Grandes Empresas en Foexga 2024 e convocar para o exercicio 2024 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG423A).

Esta convocatoria está financiada con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. As entidades colaboradoras seleccionadas ao abeiro das bases reguladoras do programa Foexga (fomento das exportacións galegas) (código de procedemento IG422A) son as encargadas de tramitar a solicitude de axuda (facer a reserva do crédito, presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación), tal e como figura no anexo V das bases reguladoras.

Terceiro. Prazo de presentación de solicitudes, de resolución e de execución do proxecto:

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase ás 8.00 horas do día seguinte hábil ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará ás 14.00 horas do 31 de outubro de 2024, agás que antes desa data se produza o suposto de esgotamento do crédito. Neste caso, informarase do peche adiantado do prazo de solicitude a través da páxina web do Igape e no Diario Oficial de Galicia.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, contados desde a data de presentación da solicitude de axuda, e en ningún caso poderá exceder o exercicio 2024; transcorrido este prazo, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución de cada actuación iniciarase na data de solicitude e rematará no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da finalización de cada actuación, prazo en que se deberá presentar a solicitude de cobramento.

Este prazo non poderá exceder o 30 de novembro de 2024, para as solicitudes con accións que se realizarán ata esta data, e do 31 de marzo de 2025, para solicitudes con accións que se realizarán ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pagamento. As accións realizadas entre o 1 de decembro de 2024 e o 31 de decembro de 2024 poderán ser imputadas a 2025. Non obstante, de acordo co artigo 45.5 do Decreto 11/2009, as subvencións que abranguen gasto subvencionable executado en 2024 deberán presentar a xustificación nese exercicio con independencia de que o remate das accións subvencionables sexa en 2025.

Cuarto. Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes:

Código de proxecto

Partida orzamentaria

Ano 2024

Ano 2025

Total

2019 00009

09 A1 741A 7708

200.000 €

50.000 €

250.000 €

A persoa titular da Dirección Xeral do Igape poderá ampliar o crédito no caso de que o crédito actual sexa insuficiente para atender todas as solicitudes presentadas, logo de declaración da súa dispoñibilidade, nos termos referidos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, mediante resolución publicada para o efecto.

Así mesmo, non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que se debe efectuar á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento da persoa beneficiaria.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2024

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas Grandes Empresas en Foexga 2024

A internacionalización achega ás empresas a posibilidade de aumentar o seu tamaño e acadar maiores economías de escala, acceder a recursos inaccesibles ou caros no seu mercado de orixe –conseguindo economías de localización–, mellorar a notoriedade e a diferenciación dos seus produtos e marcas, entrar en contacto con consumidores máis esixentes e competidores máis eficientes que estimulan a súa innovación e desenvolvemento tecnolóxico e, en definitiva, mellorar a súa eficiencia económica e capacidade competitiva en liña coa Estratexia galega de especialización intelixente (RIS3).

O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período, así como o Plan galego de investigación e innovación 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e a sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres (3) prioridades temáticas transversais, e, pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco (5) obxectivos estratéxicos arredor dos cales articula os instrumentos e actuacións que se van desenvolver integrados nos correspondentes programas.

Os instrumentos, apoios e actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. O obxectivo estratéxico 5 busca impulsar unha maior presenza no contorno nacional, europeo e internacional, priorizando as empresas innovadoras (obxectivo estratéxico 5).

En consecuencia, esta convocatoria enmárcase na RIS3 de Galicia 2021-2027 e responde polo seu carácter transversal, aos tres retos e ás tres prioridades. Ten como obxectivo estratéxico impulsar unha maior presenza no contorno nacional, europeo e internacional, priorizando as empresas innovadoras (obxectivo estratéxico 5) e intégrase no programa Posiciona.

A internacionalización do tecido empresarial galego ten sido e seguirá sendo un dos eixes prioritarios de actuación dentro da política económica da Xunta de Galicia de cara a mellorar a súa competitividade e acadar o crecemento económico. Mediante un modelo facilitador de información, servizos directos nos principais mercados internacionais, financiamento ás empresas para a súa entrada neles, formación e especialización de recursos humanos, o Goberno galego aposta pola internacionalización das empresas galegas.

Unha aposta que se plasma na Estratexia da Xunta de Galicia de internacionalización da empresa galega 2021-2025, que inclúe entre os seus obxectivos o de lograr un significativo aumento na cantidade, na calidade e no impacto efectivo das exportacións da empresa galega, aumento do número de empresas da base exportadora, procura e apertura de novos mercados, apoio na ampliación de cota de mercados con menor presenza e maior potencial de crecemento futuro, e, consolidación de cota nos mercados maduros. En definitiva, esta estratexia persegue unha fase de consolidación dos distintos esforzos e accións emprendidas ao longo dos últimos anos para estimular, fortalecer, expandir e consolidar a internacionalización das pemes galegas e os seus produtos e servizos.

En concreto, estas bases encaixan nos obxectivos dos seguintes eixes da Estratexia de internacionalización da empresa galega 2021-2025:

Eixe 3. Acompañamento e dotación de medios. Obxectivo: maior presenza internacional; diversificación de mercados pero, sobre todo, zonas xeográficas.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, establece no seu artigo 4 como funcións do Igape, entre outras, proporcionar información sobre os mercados e favorecer o desenvolvemento das exportacións e acordos con empresas estranxeiras.

O obxecto destas bases é posibilitar o apoio á participación das grandes empresas nas misións comerciais e participación en feiras internacionais incluídas na programación de actividades internacionais que se desenvolvan dentro do Plan do fomento das exportacións galegas 2024 (Foexga). Considérase moi interesante a inclusión das grandes empresas, xa que a participación destas empresas de maior tamaño, experiencia e volume pode actuar como efecto tractor doutras empresas e, polo tanto, contribuír ao obxectivo principal de incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización das nosas empresas.

As convocatorias desta liña de axudas serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Igape. As ditas convocatorias incluirán o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Polo seu obxecto e finalidade e por non corresponder ningunha avaliación das solicitudes, senón a mera comprobación dos requisitos das persoas beneficiarias, as axudas reguladas nestas bases outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A preparación e presentación de solicitudes por parte da entidade colaboradora será necesariamente telemática, en beneficio de ambas as partes, e dado que as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios técnicos adecuados.

Artigo 1. Obxecto

1. Estas bases teñen por obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas por parte do Igape para favorecer o incremento da internacionalización das grandes empresas, coa finalidade de incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización.

2. O obxectivo principal destas bases é conseguir a internacionalización real de empresas galegas e propiciar a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores.

3. As actuacións que engloban están dirixidas a:

a) Aumentar a base de empresas exportadoras.

b) Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.

c) Conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial coma xeográfica, das exportacións, incorporando novos mercados e produtos aos procesos de internacionalización das empresas galegas.

d) Difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co establecido na Lei 9/2007, que no seu artigo 19.2 establece que as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 desta lei.

2. No caso de esgotamento do crédito, a Administración deberá publicar no Diario Oficial de Galicia e tamén na páxina web do Igape a dita circunstancia, o que suporá a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

a) Unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) A existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

3. As axudas recollidas nestas bases incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro); no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño), e no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro), e no Regulamento (UE) 2023/2391 da Comisión, do 4 de outubro de 2023, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 717/2014, (UE) nº 1407/2013, (UE) nº 1408/2013 e (UE) nº 360/2012, no que incumbe ás axudas de minimis para a transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura, e o Regulamento (UE) nº 717/2014, no que respecta ao importe total das axudas de minimis concedidas a unha única empresa, o seu período de aplicación e outros asuntos.

4. As subvencións previstas nestas bases estarán financiadas con fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Actuacións e gasto subvencionable

1. Será subvencionable a participación das grandes empresas galegas nas actuacións organizadas e executadas por unha entidade colaboradora no marco do programa Foexga 2024 nos países recollidos no anexo VII.

2. Gasto subvencionable: establécese como gasto subvencionable o gasto subvencionable máximo admitido para as pemes nunha acción Foexga; isto é:

Participación en misión comercial: 8.000 €.

Participación en feira internacional: 32.000 €.

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o día da presentación da solicitude de axuda e a data de fin de execución, segundo o establecido na convocatoria destas bases e na resolución de concesión. Tamén serán subvencionables os gastos efectuados con anterioridade á presentación da solicitude de axuda, correspondentes á reserva das empresas de participacións nas accións.

4. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado e non se admitirán os pagamentos en efectivo.

Artigo 4. Contía da axuda

A contía da axuda será do 30 % sobre o importe a que se refire o artigo 3.2; isto é:

Participación en misión comercial: 2.400 €.

Participación en feira internacional: 9.600 €.

Artigo 5. Financiamento e concorrencia

1. A concesión destas axudas, que terán a modalidade de subvención, outorgarase con cargo aos orzamentos do Igape segundo a distribución establecida na convocatoria da axuda.

2. En todo caso, a concesión de axudas queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas para os mesmos fins.

4. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que, de recibir a persoa beneficiaria outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 300.000 euros nos tres anos previos ao da concesión da axuda. Para as empresas do sector da pesca e da acuicultura, o límite redúcese a 40.000 euros, e para as empresas do sector agrícola, o límite redúcese a 20.000 euros.

5. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan pronto como se coñeza e, en todo caso, no momento en que a entidade colaboradora presente documentación xustificativa das accións realizadas. En todo caso, antes de conceder a axuda solicitarase do solicitante unha declaración escrita ou en soporte electrónico sobre calquera axuda de minimis recibida durante os tres anos previos ao da concesión da axuda. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 6. Entidades colaboradoras

1. Para os efectos destas axudas, considéranse entidades colaboradoras as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación galegas que fosen declaradas entidades colaboradoras no marco das axudas para o Plan Foexga 2024, que son corporacións de dereito público que se configuran como órganos consultivos e de colaboración coas administracións públicas, especialmente coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

As entidades colaboradoras serán as encargadas de programar, organizar e executar as actuacións e actuar de enlace entre as empresas solicitantes das actuacións sinaladas no punto 3.1 destas bases, asumindo as funcións e os compromisos do número 6 deste artigo, e nos países recollidos no anexo VII.

2. Para acreditaren a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e o Igape.

3. De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar o convenio entre elas e o Igape, no cal se regularán as condicións e as obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo V destas bases. O dito convenio posuirá o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei de subvencións.

4. As entidades colaboradoras estarán exentas da constitución de garantía prevista no artigo 13.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de autorización polo Consello da Xunta nos termos previstos no artigo 72.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

5. Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Estar ao día no pagamento das obrigas á Facenda pública do Estado, da Administración autonómica, así como á Seguridade Social.

b) Someterse ás actuacións de inspección e control que o Igape poida efectuar respecto á xestión destas axudas e que permitan a xustificación financeira ante a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

c) Conservar as solicitudes das empresas para participar na acción e os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda outorgada, durante un prazo de catro anos desde a súa presentación. Deberán restituír as cantidades percibidas nos casos en que concorra causa de reintegro.

d) Subministrar, por requirimento do Igape, durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro de 2025, informe de resultados concretos obtidos grazas ao proxecto financiado, para os efectos de realizar as avaliacións oportunas sobre o resultado das actuacións financiadas.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas con gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados e comunicar ás empresas esta obriga.

f) Remitirlle copia dixitalizada da dita documentación ao Igape.

g) Difundir a convocatoria destas axudas nas súas páxinas web, dar publicidade do carácter público do financiamento do proxecto polo Igape e a Xunta de Galicia segundo o establecido no anexo IV destas bases e comunicarlles ás empresas esta obriga.

h) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a valoración do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros mecanismos de seguimento.

6. As entidades colaboradoras adheridas asumirán os seguintes compromisos:

a) Programar, organizar e realizar as accións nos termos previstos nestas bases, xestionando a súa realización e os custos e pagamentos que lles correspondan no seu desenvolvemento, asumindo a xestión económica e a dirección técnica e realizando a asignación dos medios humanos e materiais que sexan necesarios para este fin.

b) Realizar ante o Igape os trámites para solicitar a axuda, a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.

c) Enviarlle ao Igape a convocatoria das accións subvencionadas polo Igape –co seu orzamento orientativo non limitativo– (segundo o modelo do anexo III) para a súa revisión, co fin de garantir o establecido nestas bases e a adecuación dos criterios de selección das empresas interesadas aos obxectivos destas bases e aos principios de publicidade, transparencia, obxectividade, libre concorrencia, igualdade e non discriminación, así como para a súa difusión.

d) Realizar o proceso de selección das empresas que soliciten participar nas accións obxecto de apoio, conforme os procedementos que garantan os principios de publicidade, transparencia, obxectividade, libre concorrencia e igualdade e non discriminación, de acordo co artigo 5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e comprobar que as empresas seleccionadas compren os requisitos establecidos no artigo 7 destas bases para seren beneficiarias das axudas.

e) Comunicarlle ao Igape o peche da convocatoria e a relación de empresas seleccionadas para cada acción, e emitir unha acta de selección de empresas.

f) Enviarlle ao Igape a información/documentación que se lles vaia facilitar ás empresas participantes na acción. Entre outros, o informe país/sectorial onde consten as oportunidades de negocio para as empresas galegas e as relacións bilaterais do país con Galicia.

g) Prestarlles ás empresas o servizo de acompañamento na acción en calidade de apoio técnico en destino. A prestación deste servizo por parte da entidade colaboradora será obrigatorio en calquera actuación cunha participación igual ou superior a catro (4) empresas (pemes e grandes empresas). A entidade colaboradora poderá solicitar a excepción desta obriga, que se poderá acordar extraordinariamente cando, polas características da actuación, se desprenda que non achega valor engadido.

h) Notificarlles ás empresas participantes a axuda concedida. Esta comunicación faráselles ás empresas no prazo de dez (10) días desde o remate do proceso de selección das empresas participantes na acción e conforme a resolución correspondente á actuación en que participa a empresa. De se produciren modificacións a esta resolución, a entidade colaboradora deberá confeccionar e enviarlle unha nova comunicación á empresa que conteña os datos das citadas resolucións de modificación no prazo dun mes desde a notificación da dita modificación.

i) Xustificar a axuda ante o Igape atendendo ao procedemento descrito nestas bases para a xestión destas axudas.

j) As cámaras deberán ingresarlles ás empresas os importes íntegros –sen compensación doutros gastos non elixibles– correspondentes ás subvencións recibidas do Igape, nun prazo máximo de dez (10) días tras recibir a transferencia do Igape. Unha vez feitas as transferencias das subvencións ás empresas, as cámaras deberán remitirlle ao Igape un escrito en que informen disto, con copia simple das transferencias efectuadas.

k) Pór todos os medios para recadar das empresas a documentación necesaria para a debida xustificación da axuda.

l) Facilitar canta información e documentación precise para verificar a correcta aplicación das subvencións.

m) Promover e difundir este programa, así como informar o Igape do resto de actividades e programas de apoio á internacionalización empresarial que leven a cabo.

n) Reintegrar, nos casos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a totalidade ou parte das cantidades percibidas máis os correspondentes xuros de demora. Esta obriga será independente das sancións que, se é o caso, resulten exixibles.

Artigo 7. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que superen os límites establecidos para a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE do 26.6.2014, L 187).

b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de fin de execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.

d) As persoas beneficiarias deberán contar con presenza nos medios dixitais internacionais; contarán, como mínimo, cunha páxina web con versión en inglés.

e) As persoas beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser persoa beneficiaria da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

f) As persoas beneficiarias sométense ao réxime de minimis segundo o recollido no artigo 2.3 destas bases.

g) Que estean ao día nos pagamentos debidos ás cámaras.

h) As empresas participantes nunha mesma acción non deberán ter vinculación entre si de ningún tipo (nin coas empresas pemes participantes na acción de correspondencia do Foexga) para poderen optar á subvención; no caso de que participen nunha acción dúas empresas vinculadas, só unha delas poderá optar á subvención. Enténdese por vinculación calquera participación dunha empresa, tanto directa como indirecta, na xestión, control ou capital social doutra. A vinculación faise extensiva á relación de membros de órgano de goberno, directivos ou xestores.

2. Mediante a presentación da solicitude de participación na acción, as persoas beneficiarias aceptan a tramitación a través da entidade colaboradora, que será, así mesmo, a encargada de informar puntualmente a persoa interesada sobre o estado da súa petición, os seus dereitos e obrigas, e as notificacións recibidas de acordo co establecido no artigo 6.2. O Igape porá á disposición deste programa unha aplicación no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual para os efectos de cubrir o cuestionario de solicitude de participación electronicamente.

Artigo 8. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias, sen prexuízo do disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as seguintes:

a) As descritas no artigo 5.5, letras a), b), c), d), e) e g), obrigas comúns ás entidades colaboradoras.

b) Cubrir o cuestionario de participación no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual e presentalo asinado ante a entidade colaboradora convocante da acción.

c) Confirmar a inscrición na actuación realizando o pagamento das facturas emitidas pola entidade colaboradora na data correspondente a cada convocatoria.

d) Proporcionarlle á entidade colaboradora todos os documentos necesarios para poder tramitar as axudas establecidas nestas bases e como acreditar os requisitos ou as condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na resolución de convocatoria, como son:

– DNI/NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– NIF da entidade representante.

– Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE). 

– Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

– Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento á Consellería de Facenda e Administración Pública.

– Declaración de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Declaración de concesións de subvencións e axudas.

– Declaración de concesións pola regra de minimis.

e) Participar nas actuacións que fundamenten a concesión da subvención, así como colaborar e achegarlle a documentación á entidade colaboradora. A axuda aboarase a través da entidade colaboradora unha vez finalizada a acción e cumpridas todas as obrigas.

f) Comunicarlle á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación de fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, durante un prazo de catro (4) anos desde a súa presentación.

h) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se concede a axuda.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Consentirlle ao Igape a comprobación de datos necesaria para a determinación da concesión da axuda.

Artigo 9. Forma e lugar de presentación das solicitudes de axuda

1. Dentro do prazo establecido na convocatoria para presentar a solicitude de axuda, as entidades colaboradoras deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do proxecto para o cal solicita a subvención e o orzamento de gastos, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberase xuntar como documento a este formulario electrónico a convocatoria para a selección das empresas segundo o modelo do anexo III.

As persoas solicitantes unicamente poderán ser as entidades colaboradoras adheridas ao programa Foexga.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No dito formulario electrónico, a entidade colaboradora realizará as seguintes declaracións:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicarlle ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular a normativa en materia de subvencións.

c) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

d) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados.

e) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, durante un período de catro (4) anos desde a súa presentación.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas e concederáselles aos solicitantes un prazo de dez (10) días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se considerará que desisten da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades colaboradoras presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación, o Rexistro expedirá, empregando as características da aplicación electrónica, un recibo no cal quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Artigo 11. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. Emenda.

De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude ou o formulario non reúne algunha da documentación ou informacións exixidas, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución.

Os requirimentos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Enviaráselle á entidade colaboradora, ao enderezo de correo electrónico que facilitase na adhesión, un aviso que informará da posta á disposición do requirimento.

A documentación requirida deberase presentar, así mesmo, por medios electrónicos a través da aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

2. Concesión.

A concesión das subvencións efectuarase respectando a rigorosa orde da data de presentación da solicitude, e ata o esgotamento do crédito dispoñible, sempre que cumpran os requisitos establecidos nestas bases.

As reservas que están na lista de espera serán atendidas co crédito que quede libre se se produce algunha cancelación ou modificación das actuacións reservadas. Para este efecto, se un/unha solicitante renuncia ao crédito reservado para a súa solicitude, a entidade colaboradora deberá enviar un escrito asinado por esta e polo/a solicitante en que comunique este feito, para o efecto da cancelación desa reserva e para liberar os créditos correspondentes.

Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Existencia de crédito.

No caso de esgotamento do crédito, a Administración deberá publicar no DOG e tamén na páxina web do Igape a dita circunstancia, o que suporá a non admisión das solicitudes posteriores, sen prexuízo de que a Administración poida optar por incrementar o crédito orzamentario nos seguintes supostos:

a) Xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa.

Artigo 12. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Internacionalización do Igape.

A persoa titular da Dirección da Área de Internacionalización do Igape é o órgano competente para resolver o arquivamento, as desistencias e a renuncia de dereitos nos expedientes tramitados na súa área, nos casos previstos na lexislación vixente, por delegación do Consello de Dirección.

A competencia para ditar a resolución que poña fin ao procedemento na vía administrativa correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 13. Audiencia

Instruído o procedemento e inmediatamente antes da resolución, poráselles de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, poidan formular alegacións e presentar os documentos e as xustificacións que consideren pertinentes.

Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o parágrafo anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada.

Artigo 14. Prazo máximo de resolución

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 15. Resolución e notificación das resolucións

1. A Dirección da Área de Internacionalización do Igape elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral do Instituto, que resolverá a concesión ou denegación de cada axuda, por delegación do Consello de Dirección do Igape. O procedemento e o contido da resolución axustaranse ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da entidade colaboradora, a contía da subvención e as obrigas que lle corresponden á entidade colaboradora.

3. As notificacións das resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As persoas solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón notificación telemática (https://www.igape.gal/gl/notificacion-telematica) para recibir as notificacións. O sistema solicitará da persoa interesada o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático).

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, o Igape efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. As notificacións realizaranse ás entidades colaboradoras e estas terán a obriga de notificarllas ás persoas beneficiarias das axudas emitindo a correspondente comunicación. Esta comunicación faráselles ás empresas no prazo de dez (10) días desde o remate do proceso de selección das empresas participantes na acción e conforme a resolución de concesión correspondente a esta; de se producir modificacións a esta resolución, a cámara deberá confeccionar e enviarlle unha nova comunicación á empresa que conteña os datos das citadas resolucións de modificación.

Artigo 16. Réxime de recursos

A resolución dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nestas bases esgotará a vía administrativa.

a) A persoa interesada, de conformidade co previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, poderá interpor contra ela recurso contencioso-administrativo, ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución se for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante a persoa titular da Dirección da Área de Internacionalización, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de arquivamento, por delegación do Consello de Dirección do Igape, e ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, no caso de recursos de reposición contra as resolucións de concesión ou denegación das axudas, por delegación do Consello de Dirección do Igape. En ambos os casos, o prazo para interpor o recurso será dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou por calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Poderase acordar a modificación da resolución de concesión, por instancia da entidade colaboradora, sempre que esta presente a solicitude de modificación con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación obxecto da subvención e se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da subvención.

d) Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, teñan lugar con posterioridade a ela.

3. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia á persoa interesada.

Artigo 18. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 19. Xustificación da actuación

1. O prazo para solicitar o cobramento será o indicado na resolución de convocatoria destas axudas.

2. Para presentar a solicitude de cobramento, a entidade colaboradora deberá cubrir previamente o formulario de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Neste formulario deberá identificar as empresas beneficiarias da axuda e declarar ante o Igape que as ditas empresas compren os requisitos para obteren a condición de persoa beneficiaria segundo o artigo 7 destas bases reguladoras e que foron seleccionadas segundo o modelo de convocatoria remitido ao Igape.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento.

3. A solicitude de cobramento presentarase mediante o modelo normalizado que a título informativo figura como anexo II a estas bases, na cal será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas cales este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

4. Unha vez xerada a solicitude de cobramento, deberá presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do modelo de solicitude de cobramento normalizada co IDEL (anexo II), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

5. No caso de que a solicitude de cobramento non se presente en prazo ou a xustificación sexa incorrecta, requirirase a entidade colaboradora para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de dez (10) días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá a persoa interesada das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. A documentación xustificativa da actuación subvencionable que a entidade colaboradora ten que remitir ao Igape é a seguinte:

a) Acta de empresas seleccionadas participantes na acción subvencionada e a ficha de inscrición correspondente a cada unha delas, así como as comunicacións emitidas a favor das empresas participantes.

b) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condiciones impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, así como acreditar, de ser o caso, o disposto no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia (segundo o modelo do anexo VI-Informe de execución Grandes Empresas en Foexga 2024).

c) Un arquivo Excel co detalle de facturas e pagamentos, no cal se cubran, ademais, os seguintes datos relativos á contabilidade nos cales se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida de contabilidade separada: número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable da entidade colaboradora de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

d) Facturas das entidades colaboradoras ás empresas polas cotas de participación na actuación, que deben reflectir os seguintes datos:

• Data de emisión.

• NIF da empresa beneficiaria.

• Base impoñible, IVE, total da base impoñible máis IVE.

• Identificación da convocatoria que inclúa o tipo de actuación, país e datas correspondentes á cota facturada.

A factura debe estar asinada pola entidade colaboradora. Non se admitirán as facturas que non cumpran co indicado ou que se manipulen manualmente.

e) Documentación acreditativa do pagamento realizado pola persoa beneficiaria, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que se deberá manifestar sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supor unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto subvencionado, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas no proxecto e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos do organismo beneficiario selada polo banco ou recibo asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ao proxecto.

A entidade colaboradora deberá presentar a documentación xustificativa obrigatoriamente por vía electrónica. A entidade colaboradora responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade colaboradora, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

7. En todos os casos, as persoas beneficiarias e as entidades colaboradoras deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda e Administración pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que a persoa beneficiaria se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso, deberá achegar as certificacións xunto co resto da documentación xustificativa.

8. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou deixar sen efecto a concesión e o reintegro, de ser o caso, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 20. Pagamento ás entidades colaboradoras

1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, o Igape, antes de proceder ao seu pagamento, poderá realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento das actuacións subvencionadas.

2. O Igape aboaralle as subvencións á entidade colaboradora para que esta lles ingrese ás empresas os importes íntegros –sen compensación doutros gastos non elixibles– correspondentes ás subvencións recibidas do Igape, nun prazo máximo de dez (10) días hábiles tras recibir a transferencia do Igape. Unha vez feitas as transferencias das subvencións ás empresas, as entidades colaboradoras deberán remitirlle ao Igape copia simple das transferencias efectuadas.

3. As entidades colaboradoras deberán informar as persoas beneficiarias da axuda recibida polo Igape en réxime de minimis.

Artigo 21. Incumprimento, reintegro e sancións

1. Serán causas de revogación e reintegro da subvención as establecidas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O procedemento para declarar o incumprimento e o reintegro de cantidades axustarase ao disposto nos capítulos I e II do título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e título V do regulamento, e é competente para a súa resolución o director xeral do Igape. Contra a súa resolución caberá recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, nos dous meses seguintes á súa notificación e, potestativamente, recurso de reposición, ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, no mes seguinte á súa notificación.

2. As cantidades que se van reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará aplicable para o seu cobramento o previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Sen prexuízo do establecido nos puntos anteriores, as persoas beneficiarias e as entidades colaboradoras sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título VI do seu regulamento.

4. Se no procedemento de reintegro queda acreditada a infracción grave destas bases pola entidade colaboradora, o Igape poderá resolver a revogación da súa colaboración e o reintegro das cantidades aboadas polo Igape por conta das persoas beneficiarias. A exixencia de reintegro ás persoas beneficiarias procederá nos supostos en que concorra algunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. O Igape reserva para si o dereito de realizar cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control se consideren oportunas para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e as entidades colaboradoras e as persoas beneficiarias someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Se no transcurso destas verificacións se detecta que as persoas beneficiarias da subvención ou as entidades colaboradoras adheridas incumpriron algunha das condicións establecidas, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios e, de ser o caso, a obriga de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e das sancións que correspondan.

6. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Cando non se xustifique ante o Igape o cumprimento dos requisitos e das condicións da subvención, así como a realización da actuación e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

c) Cando non se faciliten os datos requiridos sobre a actividade exportadora ou non permitan someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas.

d) Cando non dispoñan dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable en cada caso.

e) Cando non acrediten que están ao día nas súas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Non lle comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

g) Non lle comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

h) Non lle dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 6.5.g) destas bases.

i) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados.

7. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou as condicións esenciais tidas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se e o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

No caso de condicións referentes á contía ou aos conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de efectuar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e deberán, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto para cada persoa beneficiaria, entenderase que o dito incumprimento é total, e deberán reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

8. Efectuado o pagamento das subvencións polo Igape, o incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

Artigo 22. Fiscalización e control

As persoas beneficiarias e as entidades colaboradoras destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Galego de Promoción Económica para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 24. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases, aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro); Regulamento (UE) nº 717/2014, da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura; Regulamento (UE) nº 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola, modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro, e Regulamento (UE) nº 2023/2391 da Comisión, do 4 de outubro, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 717/2014, (UE) nº 1407/2013, (UE) nº 1408/2013 e (UE) nº 360/2012 no que incumbe ás axudas de minimis para a transformación e comercialización de produtos da pesca e da acuicultura, e o Regulamento (UE) nº 717/2014 no que respecta ao importe total das axudas de minimis concedidas a unha única empresa, o seu período de aplicación e outros asuntos, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V

Convenio entre o Igape e a entidade colaboradora

_________________________________________ para a xestión de axudas Grandes Empresas en Foexga 2024

Dunha parte, Don/dona ________________, director/a xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), con CIF Q6550010J, domiciliado no Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15707 Santiago de Compostela, está facultado/a para este acto en virtude da delegación de facultades ________________ do/da presidente/a do Igape, feita pública mediante a Resolución do _________________.

Doutra parte, _____________________________________, con NIF____________, actuando en nome e representación da entidade ________________________________________________, con NIF _______________, debidamente facultado/a para subscribir este convenio,

EXPOÑEN:

I. Que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a ____________ colaboran no desenvolvemento do programa Foexga para o cal asinaron o convenio para a xestión de axudas para o programa Foexga con data do _____________.

II. Que ambas as partes consideran que é de interese para o impulso da internacionalización das empresas galegas completar o programa Foexga cun programa que permita a participación das grandes empresas nas accións do programa Foexga nos países sinalados no anexo VII, polo que acordan subscribir este convenio de conformidade coas seguintes

CLÁUSULAS

Primeira. Obxecto da colaboración

Este convenio ten por obxecto definir os termos de colaboración entre a entidade ____________________________ e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), de acordo coa Resolución do xxxxxx pola que se establecen as bases reguladoras das axudas Grandes Empresas en Foexga 2024.

Segunda. Condicións das actuacións, axuda do Igape e procedemento de tramitación

As condicións das actuacións e gastos subvencionables, os requisitos das persoas beneficiarias e das entidades colaboradoras, a axuda do Igape e o procedemento de tramitación das solicitudes, a dotación orzamentaria, a xustificación e o aboamento da subvención, modificacións, incumprimentos e reintegros establécense nas mencionadas bases reguladoras da axuda e neste convenio.

Terceira. Entidade colaboradora

A entidade _______________________ é unha entidade colaboradora das axudas para o programa Foexga segundo a Resolución xxxxxxxxx que a habilita para ser entidade colaboradora das axudas Grandes Empresas en Foexga 2024.

Cuarta. Compromisos e obrigas da entidade colaboradora

A entidade colaboradora comprométese a:

a) Coñecer o contido das bases reguladoras das axudas Grandes Empresas en Foexga 2024 e deste convenio, e cumprir cos requisitos establecidos neles.

b) Ter o domicilio social ou un centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Consente expresamente a utilización de medios electrónicos na comunicación entre as entidades colaboradoras e o Igape segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

d) Non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora, recollidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Comunicarlle ao Igape calquera variación que se poida producir nos datos recollidos nos documentos presentados.

f) Autorizar o órgano xestor para que solicite a información necesaria en relación co seu NIF e IAE da entidade colaboradora, ou ben anexar copia do seu NIF e IAE a este convenio.

g) Autorizar o órgano xestor para que solicite a información necesaria para coñecer se está ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría da Seguridade Social e coa Consellería de Facenda e Administración Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, ou ben anexar copia da certificación xustificativa de estar ao día nas súas obrigas cos organismos sinalados anteriormente.

h) A entidade colaboradora será a encargada de programar, organizar e executar as actuacións e actuar de enlace entre as empresas solicitantes das actuacións -asumindo a xestión económica e a dirección técnica.

i) Todas as obrigas recollidas no artigo 6 das bases reguladoras e sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinta. Obrigas do Igape

O Igape obrígase a aboar por cada actuación aprobada e debidamente xustificada ao abeiro deste convenio e das bases reguladoras da axuda, a prol da empresa beneficiaria e a través da entidade colaboradora adherida, o importe da axuda que corresponda segundo as bases reguladoras deste programa.

Sexta. Control

Tanto as entidades colaboradoras como as empresas beneficiarias quedan obrigadas a someterse ás actuacións de control que efectúen o Igape ou os órganos internos ou externos de control da Comunidade Autónoma de Galicia, para verificar o cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións acollidas a este convenio, e sométense ao réxime de infraccións e sancións establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sétima. Publicidade dos datos

De conformidade co previsto no artigo 15 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no Decreto 126/2006, do 20 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia, o Igape e a Consellería de Economía e Industria incluirán as axudas concedidas ao abeiro das bases reguladoras e as sancións que, como consecuencia delas, poidan impoñerse, nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos persoais das persoas beneficiarias e a súa remisión ás entidades colaboradoras para os efectos da aprobación da operación e a referida publicidade.

Oitava. Procedementos internos para a tramitación de operacións

As partes adheridas ao convenio comprométense a seguir as normas de procedemento interno que se establezan, de ser o caso, necesarias para asegurar a maior axilidade na tramitación dos expedientes, dentro do respecto á legalidade e á súa normativa propia.

En particular, o Igape reserva para si a potestade de introducir modificacións no funcionamento e na recollida de datos da Oficina Virtual, co obxecto de mellorar a efectividade das interaccións entre entidades ou as actuacións de control que son propias do seu papel no convenio.

Novena. Denuncia do convenio

Será causa suficiente para a resolución deste convenio o incumprimento por unha das partes de calquera das súas cláusulas, logo de denuncia da outra cun mínimo de 30 días de aviso previo. A resolución suporá, en todo caso, deixar atendidas fronte ás persoas beneficiarias as obrigas xa legalmente contraídas polas dúas partes.

Décima. Natureza

Este convenio ten natureza administrativa e considérase incluído no artigo 6 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, polo que queda fóra do ámbito da súa aplicación, sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios desta lei para resolver as dúbidas e as lagoas que se poidan presentar. Rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo. As dúbidas que poidan xurdir en relación coa interpretación e co cumprimento do convenio resolveraas a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativa.

Décimo primeira. Vixencia

O convenio entrará en vigor o día da súa sinatura polo/a director/a xeral do Igape e estenderá a súa vixencia ata o 30 de decembro de 2025, sen prexuízo das prórrogas que, se é o caso, así se pacten por acordo expreso das partes, unha vez tramitadas as habilitacións oportunas.

Décimo segunda. Remisión normativa

Para todo o non previsto neste convenio aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento; no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares (DOG núm. 82, do 30 de abril); na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no resto da normativa que resulte de aplicación.

En canto ao cómputo de prazos, observarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Data, sinatura e selo:

Data, sinatura e selo:

_____________________

_________________________

O/a director/a xeral do Igape:

O/a representante legal da entidade colaboradora

______________________

_____________________________________

ANEXO VI

Informe de execución acción Grandes Empresas en Foexga 2024

1. Para todo tipo de actuacións: informe da entidade colaboradora sobre a organización e o acompañamento da acción, que deben incluír:

– Identificación da acción. Tipo, título, datas e país.

– Relación de empresas participantes.

– Detalle dos traballos realizados para a organización da acción.

– Identificación da persoa ou persoas mediante as cales se prestou o servizo de acompañamento técnico na acción.

– Copia da documentación técnica ofrecida ás pemes participantes.

– Valoración da acción, cun informe detallado que inclúa datos concretos dos resultados e beneficios obtidos coa acción subvencionada.

2. Por cada empresa solicitante, informe de evidencias da participación na acción, que debe incluír segundo o tipo de actuación en que participe:

a) Misións empresariais directas ao estranxeiro (incluíndo encontros empresariais, misións institucionais ou visitas a feiras que teñan lugar en calquera país estranxeiro), só en formatos presenciais e sempre que comporten o desenvolvemento dunha axenda empresarial. Exceptúanse deste requisito as visitas a feiras e a participación nas misións institucionais.

– Data inicio:

– Data fin:

– País realización:

– Cidade realización:

– Nome/s persoa/s que viaxa/n:

• Entrada á feira no caso de visitas a feiras, ou proba de participación no evento, encontro empresarial (invitacións, programas, etc.).

• Copia da axenda facilitada pola asistencia externa no caso de misións con axenda.

Polo que respecta á asistencia externa para a realización de axendas en destino que presten este tipo de servizos, deberán estar dadas de alta na base de datos de axentes comerciais mediadores no exterior do Igape. Esta é unha base de expertos en comercio exterior con experiencia contrastada en servizos de apoio á internacionalización e con amplos coñecementos do mercado do país de situación. Este requisito non se requirirá cando o servizo sexa prestado por oficinas comerciais de España no estranxeiro, cámaras de comercio españolas no exterior ou por cámaras de comercio estranxeiras. En definitiva, unicamente se requirirá no caso de que este servizo sexa prestado por empresas privadas para os efectos de avaliar a súa capacidade e para enriquecer a base de datos de axentes comerciais mediadores de utilidade para todas as empresas galegas nos seus procesos de internacionalización.

• Informe asinado pola persoa representante legal da empresa que recolla opinión sobre o resultado obtido coa acción e valoración da axuda na estratexia de internacionalización da empresa. Este informe deberá incluír expresamente, no caso de visitas a feiras ou participación en encontros empresariais, a motivación do interese da asistencia para a empresa.

b) Participación en feiras ou noutros eventos expositivos que teñan lugar no estranxeiro, así como aqueloutros eventos promocionais do tipo congresos, conferencias ou simposios que aínda que, non teñan un compoñente expositivo como tal, permitan indubidablemente a promoción da empresa a nivel internacional e teñan lugar no estranxeiro.

– Data inicio:

– Data fin:

– País realización:

– Cidade realización:

– Nome/s persoa/s que viaxa/n:

– Fotografía/s stand da empresa solicitante na feira comercial: deberá identificarse claramente o nome da empresa e/ou da marca comercial ou dos produtos ou servizos expostos pola empresa solicitante.

– Fotografía/s ou ligazóns do catálogo expositor: (parte que mostre o ano e o título da feira comercial e o nome da empresa solicitante da axuda como expositora).

– Outras evidencias de participación (no caso de dispor dalgunha destas evidencias, xúntese aquí a imaxe):

• Acreditación (credencial/badge) de participación da empresa como expositor (identificando o nome da empresa).

• Acreditacións (credencial/badge) persoais do/s participante/s na feira por parte da empresa solicitante.

• Certificado expedido polo organizador de que a empresa participou como expositor na feira comercial internacional.

– Informe asinado pola persoa representante legal da empresa que recolla opinión sobre o resultado obtido coa acción e valoración da axuda na estratexia de internacionalización da empresa.

ANEXO VII

Países accións axudas Grandes Empresas en Foexga 2024

Alemaña, Angola, Arabia Saudita, Austria, Bélxica, Bosnia e Hercegovina, o Brasil, Bulgaria, Cabo Verde, Canadá, Chile, a China, Colombia, Corea, Costa Rica, Croacia, Dinamarca, os Emiratos Árabes Unidos, os Estados Unidos de América, Eslovenia, Estonia, Filipinas, Finlandia, Francia, Gabón, Grecia, Guatemala, Honduras, Hungría, a India, Indonesia, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Marrocos, México, a República Moldova, Mozambique, Nicaragua, Noruega, os Países Baixos, Perú, Polonia, Porto Rico, Qatar, o Reino Unido, a República Checa, a República Dominicana, Romanía, O Salvador, Senegal, Serbia e Montenegro, Singapur, Suráfrica, Suecia, Tailandia, Tunisia, Turquía, o Uruguai, Vietnam, o Xapón.