DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Luns, 29 de abril de 2024 Páx. 26368

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ORDE do 22 de abril de 2024 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 15 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o desenvolvemento do proxecto PIMA cambio climático para a realización de accións de mitigación e adaptación ao cambio climático, e se procede á súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2023 (código de procedemento MT975O).

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou, no Diario Oficial de Galicia número 104, do 2 de xuño de 2023, a Orde do 15 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o desenvolvemento do proxecto PIMA cambio climático para a realización de accións de mitigación e adaptación ao cambio climático, e se procede á súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2023 (código de procedemento MT975O).

Mediante a Resolución da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático do 3 de novembro de 2023 resolveuse o procedemento de concesión destas subvencións.

De acordo co disposto no artigo 19.4.b) das bases reguladoras das axudas, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de xuño de 2024 para os gastos que se imputen ao orzamento correspondente á anualidade de 2024.

Cómpre indicar, non obstante, que o artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Pola súa banda, o procedemento para a concesión da ampliación réxese polo establecido no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no cal se indica que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

En consecuencia, tendo en conta a data de resolución das devanditas axudas, así como as solicitudes de ampliación do prazo de xustificación formuladas por parte dalgunhas das entidades beneficiarias, por mor das dificultades que están atopando para executar e xustificar os investimentos subvencionados na referida data límite, debido tanto a cuestións orzamentarias como de procedemento de contratación das obras e/ou demora nas entregas de materiais por parte dos provedores, sen que con iso se ocasionen prexuízos a terceiros e sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada, acórdase a ampliación que a seguir se sinala.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e as demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícase, en relación cos gastos que se imputan á anualidade 2024, a data límite do artigo 19, punto 4, letra b), da Orde do 15 de maio de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o desenvolvemento do proxecto PIMA cambio climático para a realización de accións de mitigación e adaptación ao cambio climático, e se procede á súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2023 (código de procedemento MT975O), ao se ampliar o período de execución das actuacións que se subvencionan e o período para presentar a documentación xustificativa dos investimentos ata o 13 de setembro de 2024.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2024

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático